Un plan do galego para Rueda
Cando Alfonso Rueda encargou ao dezao José López a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude sabía moi ben o que quería. Desactivar o conflito do galego e diluílo nun preparado desaborido para Feijoo e Tellado nos seus faladoiros madrileños. Con todo, Rueda, participante nas mobilizacións de imposición do galego de febreiro de 2009, pretendía que o seu goberno mantivese liña por liña o decreto 79/2010 de Plurilingüismo e ofrecese ao mesmo tempo «un pacto pola lingua», a semellanza do consenso histórico que se conseguira en 2004 no derradeiro dos gobernos de Fraga. En definitiva, unha cuadratura do círculo de cuxo inevitable fracaso se culpabilizaría á oposición, sobre todo ao BNG, e as organizacións galeguistas, como a Mesa pola Normalización Lingüística, ás que chama extremistas e promotoras da imposición do galego e das políticas de inmersión lingüística.
E dito e feito. José López con disciplina castrense e a colaboración do seu grupo de expertos conseguiu presentar un amplo documento de 388 páxinas e 700 medidas, nun acto multitudinario na Cidade da Cultura de formato electoral, na que sen a presenza de Rueda nin de Román Rodríguez, o estradense ofreceu a oposición e as institucións –Consello da Cultura Galega e academias– o «pacto pola lingua» que Rueda lle solicitara. Presentado como proposta de actualización do PXNLG de 2004, o documento recolle unha proposta de política lingüística embarullada e inoperativa, mais ben unha relación de boas intencións e propostas que se veñen xa ensaiando, mais sen calquera tipo de compromiso, sexa de calendario, de orzamento ou da súa valoración económica, así como das modificacións legais posibles, coa excepción da aprobación dunha Lei da lingua de contidos imprecisos. En definitiva, as cousas quedarían coma están e nalgúns casos aínda quedarían peor, mais sen esas molestas «arestas identitarias» que puidesen comprometer ao temesiño Feijoo. Todo un éxito do conselleiro José López, chegado a San Caetano con fama de bo xestor e negociador, mais de quen descoñecemos acordo relevante ningún no seu departamento.
O máis útil do documento son as vinte páxinas nas que se diagnostica o estado da lingua actualizado a 2023, como as mudanzas das dúas últimas décadas, incluídas as provocadas pola hibridación dixital, o impacto das redes sociais e da propia Intelixencia Artificial. Entre os datos novidosos chama a atención que en 2003 o 18 % dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos tiñan dificultade para expresarse en galego, mentres en 2023 son o 40 %. Como é de salientar que en 2003 fosen falantes habituais neste treito de idade o 40,3 %, mentres que en 2023 apenas sexan 16,2 %. Como contundente é nesta idade que o incremento de castelán falantes habituais chegase ao 83,8 %, cifra dramática no proceso de substitución lingüística.
O máis atrevido do texto é que apenas se cite dúas veces o decreto 79/2010 do Plurilingüismo, a cerna de calquera acordo transversal entre partidos e organizacións sindicais e socioeducativas. Como é significativo que o tema educativo sexa considerado como un sector máis, quizais por resultar incómodo para os expertos chamados, incapaces en todo o documento de abordar o debate sobre un modelo de educación lingüística garante da dobre competencia ao remate da escolarización obrigatoria; cuestión chave, desaparecida do documento, unha ausencia gravísima e de moi dubidosa legalidade. Como tamén o é a redacción do primeiro obxectivo educativo: «Harmonizar, na medida do posible (a negriña é nosa), o marco normativo sobre o uso escolar das linguas ás indicacións do CELRM e aos principios do plurilingüismo inclusivo que a inspiran». Ou desoutra referida á Educación Infantil na que se pecha a posibilidade da inmersión lingüística e de seguir o prescrito pola Carta das Linguas (CELRM): «garantir un contacto temperán equilibrado e positivo co galego e o castelán na educación infantil, favorecendo a valoración e o uso de ambas as dúas linguas». Unha volta de porca para volver pola porta de atrás a vella doutrina do «bilingüismo harmónico».
Entre o novidoso do texto, atopamos o concepto de PLE (Planificación Lingüística Escolar), que engadiría autonomía aos centros, como positivo sería a recuperación do nome dos «Equipos de Normalización Lingüística». Outrosí sucede coas apelacións ao aproveitamento do neofalantismo xuvenil e a utilización como vehicular das actividades extraescolares. Por desgraza, no documento non se utiliza o moderno concepto de lectura, como práctica social de acceso á información e de gozo da creación literaria.
Pobre balance do apartado educativo dun plan nacido mais como unha estratexia de enredo político en período preelectoral que como ferramenta para acadar un novo acordo social sobre o modelo de educación lingüística. Calquera debate sobre este documento, pasa pola derrogación do Decreto 79/2010 e o recoñecemento do dano causado pola súa implantación e ausencia de avaliación anual.
Publicado en Nós diario 28-07-2026



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir