Listado de la etiqueta: josé_lópez_campos

Un plan do galego para Rueda

Cando Alfonso Rueda encargou ao dezao José López a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude sabía moi ben o que quería. Desactivar o conflito do galego e diluílo nun preparado desaborido para Feijoo e Tellado nos seus faladoiros madrileños. Con todo, Rueda, participante nas mobilizacións de imposición do galego de febreiro de 2009, pretendía que o seu goberno mantivese liña por liña o decreto 79/2010 de Plurilingüismo e ofrecese ao mesmo tempo «un pacto pola lingua», a semellanza do consenso histórico que se conseguira en 2004 no derradeiro dos gobernos de Fraga. En definitiva, unha cuadratura do círculo de cuxo inevitable fracaso se culpabilizaría á oposición, sobre todo ao BNG, e as organizacións galeguistas, como a Mesa pola Normalización Lingüística, ás que chama extremistas e promotoras da imposición do galego e das políticas de inmersión lingüística.

E dito e feito. José López con disciplina castrense e a colaboración do seu grupo de expertos conseguiu presentar un amplo documento de 388 páxinas e 700 medidas, nun acto multitudinario na Cidade da Cultura de formato electoral, na que sen a presenza de Rueda nin de Román Rodríguez, o estradense ofreceu a oposición e as institucións –Consello da Cultura Galega e academias– o «pacto pola lingua» que Rueda lle solicitara. Presentado como proposta de actualización do PXNLG de 2004, o documento recolle unha proposta de política lingüística embarullada e inoperativa, mais ben unha relación de boas intencións e propostas que se veñen xa ensaiando, mais sen calquera tipo de compromiso, sexa de calendario, de orzamento ou da súa valoración económica, así como das modificacións legais posibles, coa excepción da aprobación dunha Lei da lingua de contidos imprecisos. En definitiva, as cousas quedarían coma están e nalgúns casos aínda quedarían peor, mais sen esas molestas «arestas identitarias» que puidesen comprometer ao temesiño Feijoo. Todo un éxito do conselleiro José López, chegado a San Caetano con fama de bo xestor e negociador, mais de quen descoñecemos acordo relevante ningún no seu departamento.

O máis útil do documento son as vinte páxinas nas que se diagnostica o estado da lingua actualizado a 2023, como as mudanzas das dúas últimas décadas, incluídas as provocadas pola hibridación dixital, o impacto das redes sociais e da propia Intelixencia Artificial. Entre os datos novidosos chama a atención que en 2003 o 18 % dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos tiñan dificultade para expresarse en galego, mentres en 2023 son o 40 %. Como é de salientar que en 2003 fosen falantes habituais neste treito de idade o 40,3 %, mentres que en 2023 apenas sexan 16,2 %. Como contundente é nesta idade que o incremento de castelán falantes habituais chegase ao 83,8 %, cifra dramática no proceso de substitución lingüística.

O máis atrevido do texto é que apenas se cite dúas veces o decreto 79/2010 do Plurilingüismo, a cerna de calquera acordo transversal entre partidos e organizacións sindicais e socioeducativas. Como é significativo que o tema educativo sexa considerado como un sector máis, quizais por resultar incómodo para os expertos chamados, incapaces en todo o documento de abordar o debate sobre un modelo de educación lingüística garante da dobre competencia ao remate da escolarización obrigatoria; cuestión chave, desaparecida do documento, unha ausencia gravísima e de moi dubidosa legalidade. Como tamén o é a redacción do primeiro obxectivo educativo: «Harmonizar, na medida do posible (a negriña é nosa), o marco normativo sobre o uso escolar das linguas ás indicacións do CELRM e aos principios do plurilingüismo inclusivo que a inspiran». Ou desoutra referida á Educación Infantil na que se pecha a posibilidade da inmersión lingüística e de seguir o prescrito pola Carta das Linguas (CELRM): «garantir un contacto temperán equilibrado e positivo co galego e o castelán na educación infantil, favorecendo a valoración e o uso de ambas as dúas linguas». Unha volta de porca para volver pola porta de atrás a vella doutrina do «bilingüismo harmónico».

Entre o novidoso do texto, atopamos o concepto de PLE (Planificación Lingüística Escolar), que engadiría autonomía aos centros, como positivo sería a recuperación do nome dos «Equipos de Normalización Lingüística». Outrosí sucede coas apelacións ao aproveitamento do neofalantismo xuvenil e a utilización como vehicular das actividades extraescolares. Por desgraza, no documento non se utiliza o moderno concepto de lectura, como práctica social de acceso á información e de gozo da creación literaria.

Pobre balance do apartado educativo dun plan nacido mais como unha estratexia de enredo político en período preelectoral que como ferramenta para acadar un novo acordo social sobre o modelo de educación lingüística. Calquera debate sobre este documento, pasa pola derrogación do Decreto 79/2010 e o recoñecemento do dano causado pola súa implantación e ausencia de avaliación anual.

Publicado en Nós diario 28-07-2026

Galego cordial

Cando lin as declaracións do Conselleiro de Cultura con motivo da entrega ao coordinador do Plan xeral de normalización (PXNLG) dos resultados dunha Enquisa sobre percepción social do galego, elaborada sobre unha mostra de 1.200 familias, polo Instituto Sondaxe, empresa que forma parte da Corporación Voz de Galicia, convencinme de que o equipo de José López Campos colleulle definitivamente os talentos aos expertos convocados para facerlle fronte á crise de uso do galego. E quen me coñece sabe que nunca foi o meu estilo comerlle a figura a ninguén, forma elegante na fala viguesa de botarlle a alguén unha filípica ou poñelo podre. Máis desta vez a audacia de López pode saírlle furada na súa teimosa determinación de non modificar nin un grao a deriva da actual educación lingüística. E como pola arandela baila a cadela, o conselleiro non agocha o seu entusiasmo á hora de anunciar os datos do estudo dunha empresa privada –poñéndoos á mesma altura dos datos do IGE e dos incumprimentos do 5º e 6º informes do comité de expertos da Carta Europea das Linguas– que conclúe que «en xeral as familias galegas están moi satisfeitas ou satisfeitas co uso do galego no sistema educativo». Para seguir con toda a cara lavada que  sobre «as preferencias de uso do idioma no ámbito escolar, un 55,2 % considera que a situación actual do uso do galego no sistema educativo debía manterse sen cambios». Falou Varela, dicimos en Vigo. A crise do galego non era para tanto e o decreto 79/2010 non se toca, que para iso as familias están moi satisfeitas e «non queren que se impartan máis materias en galego ou seguir o modelo de inmersión lingüístico». Diante desta doutrina de quen paga manda, agoiro que os expertos contarán con marxe escasa para propoñer, fora da chegada xa anunciada de Xabarín aos patios. Regresa o discurso conformista da cordialidade, segundo capítulo daquel de imposición do galego. Mágoa que o equipo de López queira enfiarnos aos mestres galeguistas polo cu dunha agulla. Madia leva!

Publicado en Nós diario: 12/02/2025

Pacto pola lingua

Tras as xuntanzas do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude cos grupos parlamentarios da oposición, coa intención declarada de recuperar o consenso parlamentario e social acadado en 2004 arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL), desvelouse a estratexia do goberno de Alfonso Rueda: actualizar o plan sen derrogar o decreto 79/2010 de plurilingüismo. A estratexia de inscribir o triángulo dentro da circunferencia que intentará desenvolver José López Campos, mesmo a pesar das fortes resistencias xeradas no seu partido a modificar nin sequera unha liña do vixente modelo de educación lingüística, cerna de calquera consenso que pretenda ser eficaz na recuperación do número de galegofalantes en idade escolar e na restauración da cadea de transmisión no entorno familiar. Por moito que lles doan os ouvidos aos responsables da actual educación lingüística, é imprescindible incrementar o uso vehicular do galego na educación obrigatoria, sen exclusións das materias STEM; como tamén é estratéxico recuperar o seu emprego na Educación Infantil e no inicio do proceso de alfabetización. Dúas medidas reclamadas no sexto informe do comité de expertos (2024) que avalían o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritaria, ratificado hai dúas décadas polo estado español. Secasí, no actual marco de polarización da política española, non vai ser doado tampouco que a dirección nacional do Partido Popular prescinda no seu discurso unificador español da doutrina de «imposición del gallego», xa utilizada con éxito por Alberto Núñez Feijoo para derrotar ao goberno de coalición de socialistas e nacionalistas e impoñer de forma unilateral o decreto 79/2010 en cuestión. Como tamén se identifica no discurso do conselleiro a estratexia de subestimar o papel da educación lingüística na actualización do PXNL, proceso que delega no traballo dunha comisión de expertos durante quince meses, período que, vaia coincidencia!, daría paso ao inicio dun novo proceso electoral.

Publicado en Nós diario:30/10/2024

STEM galega

A pesar de que non se realizou avaliación anual ningunha, prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo, que tronzou o consenso acadado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), todos os datos coinciden en que dende a súa entrada en vigor o coñecemento e uso do galego minguou no alumnado do ensino non universitario, impedindo que ao remate do período obrigatorio contase con idéntica competencia en ambas as dúas linguas cooficiais. Modelo de plurilingüismo, que prescribiu a imposibilidade de empregar, dende o inicio da Primaria, o galego como lingua vehicular das matemáticas e do resto das materias científicas e tecnolóxicas, coincidindo coa posta en marcha do modelo STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), enfoque curricular interdisciplinario orientado a resolución de problemas prácticos. Aberración educativa que as expertas do Consello de Europa acaban de reclamar fose emendada pola Xunta de Galicia de forma inmediata coa intención de que se cumpra coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Outra cotenada ao texto estrela da política lingüística de Feijoo respondida decontado por José López Campos, novo conselleiro de Cultura e Lingua, ofrecendo «un pacto pola Lingua», e por Román Rodríguez, conselleiro de Educación, abrindo a posibilidade de levantar a prohibición da STEM en galego. A pesar de que o dano feito non pode ser reparado para unha xeración de alumnado obrigada a asumir que o galego é unha lingua que non serve para as áreas importantes, o goberno Rueda ten na súa man rectificar e derrogar de vez o decreto 79/2010. Medida que expresaría unha vontade real, lonxe de retóricas do márketing político, de recuperar un consenso entre as forzas parlamentarias, tamén coas entidades sociais e educativas, localizado en regresar ao punto de encontro do último acordo de 2004. Só a partir de aí cremos posible actualizar o Plan Xeral da Lingua Galega e mesmo a propia Lei  3/1983 de Normalización.

Publicado en Nós diario: 09/10/2024

Dous discursos

Non fai falta ser sociolingüista para identificar que nos discursos do 17 de maio sobre o estado da lingua, o presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura utilizaron argumentos e linguaxe non verbal alternativos. Mentres Alfonso Rueda, moi serio e con escasa empatía, transformaba o día das letras galegas no día das linguas cooficiais, alegando que «as linguas son para comunicar, non para provocar ningún conflito ou ningunha liorta», o conselleiro José López propoñía con certa empatía un grande pacto pola lingua, sen precisar detalles, mais que tivese en conta que «perdemos falantes e non acabamos de construír un proxecto para as novas xeracións», abrindo unha fenda de autocrítica e posibilidade de recuperación do acordo roto en 2009. Futuro para o idioma que na mesma mañá reclamaron en Compostela as 15.000 persoas participantes na mobilización convocada pola plataforma Queremos galego e o propio presidente da Real Academia Galega que nunha entrevista radiofónica reclamaba con contundencia a derrogación do Decreto de Plurilingüismo (2010). E cabe preguntarse se a proposta de pacto de José López é sincera e compatible co discurso negacionista do conflito lingüístico utilizado decote por Rueda? Xaora, máis alá das interpretacións especulativas sobre estes discursos, o goberno galego ten a obriga de presentar a avaliación (anual) de resultados prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. Un imprescindible exercicio de claridade, pendente dende hai máis dunha década, cuxos resultados contribuirían a reorientar o actual modelo de educación plurilingüe cuestionado pola maioría dos claustros. Con todo, como sucede co programa Edixgal de educación dixital, tamén pendente de avaliación de resultados, temo que a Consellaría de Educación volva a desentenderse de cuestión tan decisiva para o futuro do idioma. Ben salientou Freixanes o 17, diante de Rueda, que no tema do galego «ou avanzamos ou retrocedemos». Velaí os dous discursos.

Publicado en Nós diario: 22/05/2024

O necesario

Coincide este dezasete de maio co vinte aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), un espazo de acordo sobre o fomento do emprego do galego, concretado en 445 medidas transversais, en cuxa redacción participaron un cento de profesionais e sociolingüistas, apoiado no Parlamento por todos grupos e diversas entidades socioeducativas, promovido polo secretario xeral de Política Lingüística o mestre Xesús Pablo González Moreiras. Un delampo de esperanza para o porvir da lingua nosa roto pola manifestación galegófoba do 8 de febreiro de 2008 (na que participou o actual presidente Alfonso Rueda)  e esgazado polo decreto 79/2010 para o plurilingüismo de Feijoo, que provocou efectos paralizantes inmediatos no emprego do galego na Educación Infantil e nas matemáticas e outras materias científicas, abrindo dende entón unha quebra imparable de novos falantes escolares. Recuperación do espazo de consenso de 2004 que as posicións galeguistas reclamamos a cada un dos gobernos do PPG como un exercicio de responsabilidade nun momento crítico para o futuro do idioma. Pacto que agardamos se puidese repetir na actual lexislatura, mesmo a pesar das primeiras declaracións de José López Campos, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude nas que recunca no reseso argumentario da imposición do galego, ademais de pretender quitarlle ferro ao retroceso no seu uso que non ve «sexa iso un problema». Como é un brinde ao sol que López propoña un pacto pola lingua ao tempo que afirma que considera superado «o famoso decreto do galego e o plurilingüismo» (nunca avaliado en catorce cursos), e que «na rúa non existe debate social» arredor da política lingüística. Ás portas do 17 de maio, dende a rotura do consenso do PXNLG, xornada tamén de reivindicación e defensa da lingua, ven moi o caso rescatar aqueles versos da Luisa Villalta, poeta fondamente social e comprometida: «Escoito a voz / que me silencia:/ comezo a expresar / o necesario.» Bo día das Letras.

Publicado en Nós diario: 15/05/2024