Feliz 2023

Neste 2022 de ballóns continuamos a tradición de celebrar o serán de San Silvestre coa música do grupo dos manchesterianos irmáns Gallagher. Desta volta facémolo con «Stop Crying Your Heart Out», tema que corresponde co nivel de suave melancolía das rúas viguesas arestora.

Os meus mellores votos para un 2023 no que as luces dos afectos nos permitan compartir a esperanza do porvir.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Carlos Núñez e a marca celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Nadal de Cartlos Núñez e a súa reivindicación da marca celta:

O marabilloso concerto de Nadal de Carlos Núñez nun García Barbón a rebentar amosa que Galicia, e Vigo moi en particular, pertence a ese universo mítico celta que comparten as sete nacións das fisterras atlánticas. Acompañado do seu irmán Xurxo á percusión e programacións, do seu inseparable Pancho Álvarez ás cordas e de tres virtuosas, a euskalduna Itsaso Elizagoien á trikitritxa, a catalá María Sánchez ao violín, fídula e voz e a bretoa Bleuenn le Friec á arpa, o gaiteiro vigués desenvolveu un emocionante concerto sobre as orixes da nosa música tradicional. Serán memorable, que rematou coma unha xenuína fest-noz bretoa cunha exaltación das danzas atlánticas, dende os engaiolantes xotes universitarios brasileiros até o andró bretón. Un concerto inesquecible no que Núñez estreou «Danza de espadas», tema moi novidoso no seu amplísimo catálogo musical, xa dispoñible en Spotify, onde a súa escolma das danzas mariñeiras de Marín e Redondela, catalogadas polo musicólogo Casto Sampedro, se mesturan coas bases rítmicas e percusións dixitais de trap creadas por Yung Denzo, dj produtor vigués de 18 anos, un fito para a anovación da nosa música tradicional.

Ao longo  do concerto, unha tradición que abre o nadal vigués cada 23 de decembro, custeado só coas vendas da billeteira, Carlos Núñez reivindicou a marca celta para a nosa cultura, causa na que leva comprometido desde que publicara o seu primeiro disco, «A irmandade das estrelas» (1997), e na que afondou en Entre Fisterras (Xerais 2003), o libro de conversas con Salvador Rodríguez, xornalista de Faro de Vigo, realizado en paralelo á investigación cultural que o levou á gravación do disco, «Almas de Fisterra». Unha marca celta que para Núñez constitúe unha oportunidade de conexión cos países e culturas do espazo atlántico, mais tamén unha posibilidade de abrir unha xanela para sermos recoñecidos no contexto global e homoxéneo no que Galicia está inmersa. Unha identidade celta en continúa construción, que remite tanto ao pasado como ao futuro, unha identidade viva que quere asimilar miles de anos de interacción co Atlántico que, como sinala o profesor Manuel Gago, constitúe un valor diferencial, positivo e poderoso, capaz de conectarnos e diferenciarnos a un tempo.

A marca celta supón para Galicia orientar tamén a ollada de forma prioritaria cara ao chamado eixo atlántico europeo, tanto a nivel económico como cultural, tanto a nivel do desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias, portuarias e aeroportuarias como dos mercados exteriores. Noutras palabras, dirixir os esforzos e conexións máis cara a Gallaecia portuguesa, a costa atlántica francesa, Irlanda e o Reino Unido, que cara a Madrid e o eixo mediterráneo europeo. Nese espazo económico e cultural celta (ou atlántico, se prefiren a denominación xeográfica) Galicia ten moito que dicir e compartir con esoutros países celtas, desde o futuro da industria do automóbil, o claro potencial do sector das enerxías renovables, a recuperación das súas linguas propias minorizadas, o aproveitamento sostible dos seus caladoiros de pesca, o abandono do rural e devalo demográfico, as relacións entre o patrimonio e o turismo, as migracións e diásporas americanas, a preservación dos hábitats até as dietas excesivas en graxas e sal da súa poboación. E non estamos falando aínda nin de música nin de literatura nin do de desenvolvemento do sector audiovisual no marco do mainstream onde as afinidades son máis evidentes.

Nesta estratexia celta para que Galicia aproveite as oportunidades da súa identidade cultural e localización atlántica, Vigo como primeira cidade industrial e portuaria galega, mais tamén pola súa tradición cosmopolita e modernizadora, ten unha posición inmellorable para liderala. E hai razóns abondas. Dende hai décadas, como cidade do automóbil mantivo contacto portuario permanente coas factorías bretoas do grupo PSA Citroën, conexión desta autoestrada do mar que se ampliará o ano entrante co porto de Liverpool, onde desembarcarán compoñentes fabricados en Balaídos para ser montados na factoría de Stellantis de Ellesmere-Port. Como existen afinidades culturais entre Nantes e Vigo, unidas por Jules Verne e a súa fascinación pola ría de Vigo, cidades que agardan por un irmandamento. Como non se pode esquecer que Vigo é sede dunha modélica Escola de Música Folk e Tradicional e da Escola de Construción de Instrumentos Musicais, como que aquí tiveron o seu berce musical o propio Carlos Núñez e os seus compañeiros de Matto Congrio que formaron logo Berrogüetto, abrindo os límites para a música de raíz…

Ten razón Carlos Núñez cando reivindica a marca celta, é unha oportunidade económica e cultural que unha Galicia liderada por Vigo non pode deixar escapar.

 

Trece noites, trece lúas

No espazo da semana en Faro de Vigo ofrezo a miña nadaliña cos meus mellores votos:

Trece noites, trece lúas conforman o tempo mítico de Nadal, dende a Noiteboa do 24 de decembro até a Epifanía ou Día de Reis do 6 de xaneiro. Trece días dun tempo sagrado sen que maxia nin bruxaría teña efecto, xa que na cultura popular galega todos os meigallos que se intentan neste período fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio. Trece xornadas, que dende a noite dos tempos coinciden co solsticio de inverno, para os gregos a porta dos deuses, mais tamén coas festas en honor a deuses como Osiris e Dióniso, ou cos días das Saturnalia e das celebracións na honra de Mitra e o Sol Invicto.

Trece longas noites, remate e inicio do ciclo das festas anuais, nos que tras a agonía do inverno, como sinala o escritor Antonio Reigosa, «reverdece en cada un de nós unha ilusión e unha esperanza polo que se anuncia vai comezar». Tempo de Nadal de ritos e tradicións, de banquetes e agasallos, de felicitacións e aguinaldos, de danzas e panxoliñas, que convidan a compartir a esperanza e proporcionan a benvida a un tempo novo, que agardamos ventureiro e feliz, recargándonos, da «enerxía suficiente para que a natureza, e nós con ela, revivamos outra volta».

Como salienta Reigosa no seu referencial Trece noites. Trece lúas. Libro de marabillas do Nadal (Xerais, 2011), sendo este tempo de Nadal consecuencia dun sincretismo de ideas, prácticas e crenzas desenvoltas ao longo dos séculos na maior parte de Europa e América, seguindo en maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, en cada comunidade conformouse unha tradición cultural de nadal de seu.

Emporiso, como propón o antropólogo Rafael Quintía, é posible vivir un Nadal á galega, anovando ritos e tradicións nosas, sen deixarse levar polos cantos de serea que converteron o Nadal nun tempo de consumismo desaforado de todo tipo de recursos escasos. É posible revivir os ritos de Nadal propios, contribuíndo ao reforzamento da nosa identidade, dos ritos de comensalidade amigable e recollemento familiar, partillando mesa, encontros interrompidos infelizmente durante dous anos de pandemia.

Fronte ao Nadal consumista de dispendio de agasallos efémeros e superfluos, é posible outro Nadal. Como tamén o é fronte ao Nadal espectáculo de millóns de luces, lambonada visual que serve de croma para autofotos en redes sociais; ou fronte ao Nadal alongado que transforma o centro da cidade durante case tres meses en parque temático charramangueiro ao ritmo dun Rockefeller center. Como fronte ao Nadal de concentracións motociclistas que de forma abusiva contaminan cos seus escapes en tempos de escaseza enerxética e abouxan co estrondo das súas bucinas, colapsando o tráfico en toda a cidade, é posible recuperar outro Nadal austero onde os aspectos sagrados da nosa tradición poidan ser anovados e compartidos coas persoas que teñen a curiosidade por visitarnos.

Como son estes días tamén os máis propicios para asumir os principios de consumo responsable, preferiblemente de produtos galegos, sexan de alimentación, de artesanía ou das nosas industrias culturais, contribuíndo neste tempo de emerxencia planetaria a poñer fin á guerra contra a natureza, como reclama o recente «Manifesto da Outra Xente» promovido por Manuel Rivas e Antonio Sandoval. É posible outro Nadal no que, como sinala este chamamento, «fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada» de recursos naturais e enerxéticos, «abra paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia» no benestar e coa natureza.

En Vigo tamén debería ser posible un Nadal galego, onde as rondallas metropolitanas anunciasen polas rúas cos seus chascaraschás e o debuxo no aire das súas bandeiras a ventura das luces do aninovo. Outro Nadal, onde gaiteiros e danzantes ocupasen as rúas para cantar os Manueis, Xaneiras e Reis e pedir o aguinaldo, como se veu facendo dende hai séculos. Esoutro da continuidade arredor da praza de Compostela da Gran Carreira do Pavo, o premio pedreste de Nadal organizado alí dende hai máis de medio século. Mais tamén un Nadal para as outras músicas, como os concertos desta semana no teatro de Afundación, o luns o da Orquestra Clásica de Vigo, organizado pola Universidade de Vigo, o venres o de Carlos Núñez, formando parte da extraordinaria xira de Nadal do artista vigués.

Xaora e por ventura, o Nadal principal é o dos afectos compartidos na mesa familiar para gozar de pratos de orixe humilde como Coliflor con bacallau, como a Álvaro Cunqueiro gustaba chamar a peza máis popular da nosa tradición culinaria de Noiteboa, completada co leite frito e outras sobremesas larpeiras deste tempo. En todo caso, ao xeito dos mellores votos daquelas nadaliñas asinadas durante a ditadura polos galeguistas vigueses: Que sexa a estrela dos afectos a que nos guíe!

A Coruña, cidade intelixente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a elección da Coruña como sede da AESIA:

Fomos moitos os vigueses que recibimos con admiración e un chisco de envexa a recente elección por parte do Consello de Ministros da Coruña como sede oficial da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). Unha escolla que situará á cidade herculina como un polo de referencia das tecnoloxías dixitais, ao tempo que consolidará o seu ecosistema de innovación tecnolóxica, do que forman parte tanto entidades formativas universitarias e a súa rede pioneira da museos científicos e bibliotecas públicas, como o cento de empresas do sector TIC radicadas na Coruña e na súa área metropolitana.

Unha axencia estatal que ocupará o edificio centenario da Terraza que, como xa sucedera en 2012 tamén na Coruña co Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) instalado no emblemático edificio Prisma, consolida a tendencia descentralizadora, asumida polos gobernos de Zapatero e Sánchez de levar algúns organismos do estado fóra da capital, a cidades que conten con boas infraestruturas de comunicación e proxectos de desenvolvemento local.

Ademais das iradas críticas da presidenta da Comunidade de Madrid e dos xornais conservadores da capital, previsibles dentro da estratexia intensamente centralizadora de organismos públicos e de empresas privadas, patrocinada polos gobernos de Aznar e Rajoy, o que chama a atención no caso da candidatura da axencia coruñesa é a unanimidade e o consenso coa que foi avalada por parte da totalidade dos grupos municipais da corporación presidida pola socialista Inés Rey. Unha petición colectiva á que tamén se sumaron a presidencia da Xunta de Galicia, a reitoría da Universidade da Coruña e a presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia, amosando que a colaboración transversal de diversas entidades e administracións (mesmo de cores distintas e mesmo en período preelectoral) é a mellor estratexia para unha candidatura de país capaz de derrotar a de cidades como Barcelona, Zaragoza, Xixón ou Palma de Mallorca.

Unha candidatura colexiada, ao que probablemente tampouco foi alleo o precedente que as tres universidades galegas e a Consellaría de Educación acordasen poñer en marcha este curso o grao e o mestrado interuniversitario en Intelixencia Artificial, impartidos na Facultade de Informática da Coruña, na Escola Superior de Enxeñaría de Compostela e na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, abrindo outra vía, até agora case inédita en Galicia, de colaboración interterritorial na creación de ecosistemas dixitais e de innovación, tanto formativos como de investigación.

A pesar do entusiasmo que suscita esta elección, incrementado emocionalmente polo procedemento colexiado de participación, o máis importante é que constitúe unha oportunidade para que na Coruña se consolide nas vindeiras décadas un modelo económico baseado na innovación tecnolóxica e no deseño, o dunha cidade intelixente que non renuncia a súa tradición ilustrada dende hai tres séculos. Como é certo que convén non enganarse e ter moi presente que o obxectivo desta axencia non será o de desenvolver aplicacións avanzadas de IA ou de robótica, senón controlar o seu desenvolvemento por parte de empresas tecnolóxicas de todo o estado, xa que a toma de decisións por parte de aplicacións, robots ou máquinas, en definitiva da tecnoloxía algorítmica, está suxeita ao respecto de normas xurídicas e dos propios dereitos humanos. Unha cuestión moi complexa, onde se mesturan aspectos éticos cos tecnolóxicos e económicos, hoxe sen resolver en todos os seus detalles, como se amosa na recomendable novela de Ian Mcwean Máquinas como yo (Anagrama 2019).

O éxito coruñés, inevitablemente, obriga a Vigo a verse no espello da cidade da torre, tanto por non ter artellado candidaturas semellantes como pola necesidade ineludible de actualizar no entorno da innovación tecnolóxica o seu modelo económico de cidade portuaria do automóbil. O fracaso de traer para Vigo a sede do Instituto Oceanográfico, o atraso do Campus do Mar na Etea ou da candidatura de Cíes como Patrimonio da Humanidade amosan as dificultades que en Vigo existen para abordar proxectos compartidos por todos os grupos municipais e as diversas administracións. Idénticos atrancos que sofren os principais proxectos estratéxicos vigueses, chámense Saída sur do eixo ferroviario, AVE con Ourense, Perte de Stellantis para o coche eléctrico ou rede de Moi Alta Tensión de Balaídos, que continúan uns varados, outros perigosamente paralizados, comprometendo o futuro de milleiros de empregos e o liderado de Vigo como piar da economía galega. Recuperar en Vigo unha atmosfera colaborativa que propicie os acordos estratéxicos entre administracións, empresas e forzas sociais non se pode adiar máis.

Amigos da Arte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro do historiador José Luis Mateo Álvarez sobre a Sociedade de Amigos da Arte de Vigo, 1931-1941:

O historiador José Luis Mateo Álvarez, membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses, tras o libro e a exposición sobre a Escola de Artes e Oficios (1886-1976) e sobre a historia do Teatro Keyzán, acaba de publicar A Sociedade de Amigos da Arte de Vigo. Unha década de actividade cultural 1931-1941 (IEV, 2022), outra das súas investigacións imprescindibles para entender que o activismo artístico, cultural e social de lecer constitúe outra hélice do ADN de Vigo como cidade atlántica industrial con vontade de liderar o proxecto galego de acceso á modernidade. Sociedade artística que deixou unha pegada tan indeleble como até agora esquecida na memoria da cidade, mais por ventura recuperada por esta monografía que en palabras do prologuista, o crítico vigués de Arte Carlos L. Bernárdez, «ilumina unha parte da historia cultural da cidade no período republicano e na primeira posguerra» e rescata unha nómina moi ampla de nomes significativos de escritores, xornalistas, editores, pintores, escultores e músicos, que protagonizaron un intenso labor naquel Vigo das décadas de entusiasmo de 1920 e 1930.

Como un dos mellores coñecedores da historia cultural viguesa contemporánea, Mateo identifica nas actividades das sociedades recreativas as experiencias que anticiparon a creación de Amigos da Arte en xullo de 1931. Velaí a Exposición da Arte Galega de 1924, instalada na Escola de Artes e Oficios e organizada polo Ateneo de Vigo (fundado en 1921). Velaí o Primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveis, inaugurado o 15 de maio de 1931 no Salón de Festas de Faro de Vigo e organizado pola Sociedade Recreo (fundada en 1928), na que se expuxeron 106 obras de artistas vigueses, entre as que atopaban apenas as de dúas únicas mulleres, as pintoras Elena Agra e Julia Álvarez Prado, que nas súas declaracións reclamaron a constitución en Vigo dunha Sociedade de Amigos da Arte como as xa existentes en Madrid dende 1909 ou Santiago desde 1928. Como tampouco esquece Mateo estudar as relacións de colaboración de Amigos da Arte co Centro de Hijos de Vigo, sociedade recreativa cultural nacida en maio de 1932 coa intención de fomentar o «viguismo» desde posicións apolíticas, entidade organizadora das Festas da Reconquista e do traslado dos restos de Cachamuíña Pereiro, entre outras iniciativas.

Tras sinalar que o primeiro obxectivo da Sociedade de Amigos da Arte foi apoiar ao concello na creación do Museo de Vigo, onde celebrar exposicións artísticas, Mateo salienta que as razóns de ser deste novo axente cultural foron contribuír a enaltecer a actividade de artistas e pensadores e constituír un tecido cultural forte, que transcendese o carácter festivo ou social das numerosas sociedades recreativas existentes dende o século XIX, unha condición que os seus promotores, como os poetas José Antonio Ochaíta e Enrique Romero Archidona, consideraban indispensable para que Vigo se convertese nunha gran cidade. Xaora, constitúe a cerna desta magnífica obra de Mateo a presentación das actividades de Amigos da Arte, como os seus concursos de debuxo infantil, a publicación da revista Horizonte (1932),a participación da súa sección literaria na Semana do Libro, os seus recitais poéticos, as súas conferencias, a incipiente participación das mulleres, a súa actividade teatral e, sobre todo, as súas exposicións artísticas, un dos seus obxectivos principais, proporcionándolle presenza nos salóns do Casino, do Faro ou nas Galerías de Príncipe a unha nova xeración de artistas, «os Novos» como Maside, Colmeiro, Souto, Torres, Eiroa, entre outros.

Se isto xa non abondase, Mateo dedica a parte final do libro a reconstruír as biografías dos artistas vencellados a Amigos da Arte, unha documentación excepcional para ese proxecto colectivo de recuperación da memoria cultural viguesa do século XX. Aquí aparecen os nomes do ourive Ángel Cajaraville Mareque, dos ilustradores Jesús Conde González «Xesús» e Mario González, do ilustrador de pergameos Fernando D’ Oliveira e do seu fillo, dos pintores Emilio Fernández Rodal, Demetrio Lobato, Carlos Sobrino e Luis Gil Vicario, dos escultores Manuel Longa e Camilo Nogueira, entre outros. Como remata Mateo sinalando que a desaparición dos Amigos da Arte a comezos da década de 1940, tras a adaptación dalgúns dos seus membros a nova realidade estética e cultural do réxime, deixou un grande baleiro na actividade cultural da cidade, que en boa medida sería cuberta de forma informal dos parladoiros do Derby, Savoy, Café Colón, Café Tropical ou na Taberna de Eligio, nos que participaba a bohemia artística viguesa, mais ese xa é outro relato por abordar.

Recomendo vivamente este libro sobre Amigos da Arte e parabenizo o excelente traballo de José Luis Mateo.