Feliz 2022: «Live forever»

A pesar de que nesta fin de ano a pandemia teima, nós tamén o facemos e continuamos a tradición de celebrar o serán de San Silvestre coa música do grupo dos manchesterianos irmáns Gallagher. Buscando un tema que posuíse un celme optimista tiven que renderme a «Live forever», na súa emocionante versión do Festival de Glastonbury de 2004, unha canción concibida como unha pregaria de guitarra sobre a renovación da amizade e os anceios da mocidade: «Quero vivir», «nós viviremos por sempre».

Os meus mellores votos para un 2022 mellor no que o músculo dos afectos nos permita compartir e enxergar con azos o horizonte máis alá da ría.

Saúde, amor e boas lecturas galegas.

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Xoguetes con talento

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a dúas campañas institucionais de sensibilización sobre a importancia do xogo e do xoguete e o impacto da publicidade sexista nalgúns xoguetes:

Gustoume a campaña «Xogar non ten xénero» promovida polo Ministerio de Consumo coa intención de sensibilizar ás familias sobre a importancia do xogo no desenvolvemento da infancia e o impacto da publicidade sexista dalgúns xoguetes. Baseada na orixinalidade dun vídeo de animación de pouco máis de minuto e medio concibido como un vídeocomunicado  –protagonizado por personaxes de ficción, unha moneca, imitación do personaxe de Daenerys Targaryen de Xogo de Tronos e por un superheroe con anteface, que reclaman desde o atril con enerxía o seu dereito como xoguetes a xogar co cento por cento dos nenos e das nenas e non só co 50–, a campaña convoca ás familias a participar nunha folga simbólica de xoguetes e solicita que o domingo 12 de decembro se deixe de xogar durante unha hora. Unha provocadora e inusual iniciativa de publicidade institucional, completada coa pegada de carteis en Madrid, Sevilla e Barcelona e coa publicación de fotografías en redes acompañadas da etiqueta #HuelgaDeJuguetes, mágoa que non se utilicen as outras linguas cooficiais!, coa que o ministerio pretende que os nenos e as nenas amosen a súa desconformidade con estereotipos sexistas e roles de xénero presentes no xogo e nos xoguetes e reclamen igualdade.

Semellante intención ten a campaña «Búscase a Talento», promovida pola Deputación de Pontevedra coa intención de educar dende as idades temperás no respecto á igualdade e a erradicar os comportamentos e roles sexistas. Baseada neste caso nun concurso igualitario e creativo, dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria dos centros escolares da provincia, as persoas participantes deberán recrear a súa careta de Talento, un personaxe divertido, creativo, libre e intelixente, presentado como pezas soltas dun recortable que se pode descargar na páxina da campaña dentro da web da deputación. Un concurso creativo para nenos e nenas no que a única norma é que non hai normas, rompendo así coa sexualización e os roles de xénero e valorando a innovación, a creatividade e a composición destas caretas alternativas. Outra provocadora e orixinal iniciativa de publicidade institucional de fomento da adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexista nin violentos, na que durante estas festas de Nadal se utilizarán os vitrasas como soporte publicitario, tanto externa como nas pantallas interiores para promocionar o valor do talento como trabe das políticas feministas de igualdade.

Ambas as dúas campañas asumen que o xogo é a principal actividade das crianzas, esencial para a configuración da súa personalidade e para o desenvolvemento das súas capacidades e habilidades. Ambas as dúas iniciativas consideran os xoguetes como instrumentos auxiliares do xogo capaces de entreter, divertir e ensinar, sendo imprescindibles para expresar as súas emocións, desenvolver as súas habilidades comunicativas e sociais, exercitar a súa psicomotricidade e control corporal e potenciar a súa capacidade intelectual e creatividade. Mais tamén denuncian o carácter sexista de moitos xoguetes, que aínda teñen unha versión diferente para cada sexo, asentando roles de xénero que repercuten na autopercepción dos menores. Velaí os datos concluíntes do estudo do Instituto das Mulleres (2020) sobre a publicidade dos xoguetes que identifican nun 40 % dos dirixidos ás nenas arquetipos relacionados coa beleza e os coidados, mentres que o 50 % dos orientados cara os nenos se relacionan con profesións como as de piloto, condutor, policía ou militar. E aínda que a esta altura semellaría innecesario hai que insistir en que igual que non hai cores de nenos e de nenas, só etiquetas sociais sexistas, tampouco hai xoguetes para uns e para outras.

A campaña do Ministerio de Consumo como a da Deputación de Pontevedra promoven os xoguetes con talento, eses xoguetes sen etiquetas nin cores, nos que encaixan todas as pezas; xoguetes inclusivos que contribúan a asumir dende as idades primeiras que todas as persoas somos iguais e todas somos diferentes, que todas somos capaces de compartir e colaborar logros e emocións; xoguetes diversos que fomenten o xogo cooperativo e pacífico tanto nos espazos públicos da escola e do parque como dos privados e familiares, substituíndo os comportamentos machistas e violentos, como os prexuízos racistas e homófobos, polos valores da paz, da igualdade e da diversidade. Dúas campañas que alertan, ademais, sobre a necesidade dun consumo responsable, no que cómpre ademais comparar prezos, revisar criterios de seguridade e adecuación (ollo cos produtos dixitais!), sobre un negocio estacional, no que segundo estimacións da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) cada menor gasta nun ano arredor de 184 €, unha cantidade nada desprezable.

 

Luces de longo alcance

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a instalación en Vigo da decoración e dun mercado de Nadal:

Pertenzo a esa parte da veciñanza viguesa que non comparte o entusiasmo da alcaldía pola celebración do Nadal convertendo o espazo público do centro nun parque temático. Unha desmesura de non sei cantos millóns de leds e da instalación de non se sabe cantas atraccións de feira que, máis alá das brincadeiras do primeiro edil nos estudios abusando do emprego de adxectivos en grao superlativo, afonda nunha coidada estratexia política de xentrificación do modelo urbano até facer case irrecoñecible Vigo á súa propia veciñanza.

Para relucir Vigo non precisa iluminar con milleiros de luces a Araucaria excelsa da Alameda, o indiscutible teito centenario do noso primeiro xardín urbano, chantada alí dende antes de 1880, e dende entón tinguida pola luz atlántica que acoitela a brétema sobre a ría. Como tampouco semella moi razoable instalar luces noutras árbores case centenarias da Praza de Compostela cargándoas co cableado e estresándoas coas tarefas de colocación e retirado.

Non é a mellor solución instalar un mercadiño de Nadal na Alameda coas súas estruturas, cables, pérgolas, altofalantes e case un cento de casetas de restauración, artesanía e vestiario sobre un espazo tan sensible como o deste xardín no que dende hai décadas medran até 45 especies arbóreas, algunhas delas protexidas, incluídas no catálogo de árbores singulares viguesas, como magnolias, castiñeiras de indias, teixos, nogueiras americanas, estripeiros, casuarinas, pradairos, entre outras. Como é tamén desafortunado que se modifique a atmosfera deste noso xardín botánico utilizando 27 canóns de neve artificial tres veces o día.

Tras a remodelación de 1925, na que foi derrubado o enreixado e o palco da música, concibiuse a Alameda como un filtro urbano natural que illase o rebumbio da cidade e o do porto. Artellouse así como asociación vexetal ornamental con cadansúa franxa de luz e sombra, coa súa cadencia de árbores en ringleira, estanques e parterres florais. Un deseño que amosa o claro interese botánico que hai máis dun século existía naquel Vigo portuario e cosmopolita capaz de transformar a alameda do ensanche de García Olloqui nun espazo interxeracional de calma, paseo demorado, encontro e conversa sosegada, onde ademais se podían escoitar os trilos de andoriñas e outras aves urbanas.

Aquel espírito xenuíno de xardín da Alameda quedou forxado nunha placa histórica de ferro, instalada no paseo central, na que aínda se pode ler: «Sendo estes xardíns propiedade de todos os cidadáns a todos eles interesa a súa conservación. Por isto os pon baixo o seu coidado e vixilancia. O Alcalde». Chamamento ao exercicio dun civismo que non perdeu vixencia ningunha e que debería ser asumido tamén polos responsables deste mercadiño para o que con certeza atoparíase unha localización máis idónea nas instalacións portuarias.

Xaora, como sinala Marcos Calveiro nas recomendabilísimas páxinas de Todos fomos (Xerais 2021), novela de intriga cen por cen viguesa, ambientada no esquecido barrio de Teis, a pesar de tantos millóns de luces e adornos de Nadal, Vigo continúa sendo «a xigantesca aldea caótica e desordenada que fóra sempre». Esa fronteira do alén (Ferrín dixo) «á que amamos polo seu caos e, por enriba de todo, pola súa luz; unha luz –nas palabras luminosas de Calveiro– que fai rexurdir a calquera das súas propias cinzas e reconstruírse día a día; unha luz fulcral que non se detecta en ningunha outra cidade».

Abofé que a escenografía efémera deste enorme decorado de Nadal, ademais do seu custe eléctrico e contaminación luminosa, non pode ocultar os problemas que Vigo arrastra dende hai décadas. Abonda ler as magníficas páxinas económicas de Faro de Vigo para saber que os sectores aínda básicos da economía viguesa, a automoción, as actividades portuarias e as de construción naval están ameazados; que o AVE non chegará na vindeira década nin por Cerdedo nin por Mondariz; que sacar adiante a Saída Sur ferroviaria requirirá moito esforzo colectivo ou que Peinador contará apenas coas liñas subvencionadas polo propio concello.

Neste contexto de dificultades, agravado polas incertezas dunha pandemia que non ten trazas de abandonarnos decontado, Vigo precisa con urxencia  prender outras luces, estas de longo alcance: as da memoria, as da protección do noso patrimonio natural, arquitectónico e cultural, as da planificación estratéxica e innovación, as do emprendemento, as da participación cidadá… Luces que permitirán deseñar o proxecto do que será o Vigo futuro, que aventuro como sucedeu até agora capaz, a pesar de todo, de volver a reconstruírse. E se queremos gozar de luces fermosas e de longo alcance todo o ano podemos gozar do espectáculo diario do solpor sobre as Cíes dende o Paseo de Afonso e outros miradoiros nosos.