SEN COMPÁS
Do entusiasmo do gran partido fronte ao Atlético de Madrid pasou o Celta a decepción do empate no tempo engadido fronte a un Valladolid que foi superior durante a última hora de xogo. Un Celta que saíu arrasando durante os primeiros vinte minutos nos que marcou dous goles mais que perdeu o compás cando cedeu o control da pelota ao seu rival.
Un equipo afouto e paciente sempre este de Pucela, un dos visitantes que máis acompañantes traen a Balaídos, que non marcara nos catro partidos anteriores de liga mais que aquí soubo atopar o camiño dos seus tres goles na fraqueza da banda esquerda celeste, onte unha auténtica viña en tempo de vendima. É por moito que lle doa a Antonio Mohamed, correspóndelle a el boa parte da responsabilidade da nefasta actuación defensiva dos laterais, tanto de Juncá como de Roncaglia, que amosaron unha febleza tremenda, moi evidente xa na primeira parte, á que o adestrador non soubo poñerlle remedio ningún. E cando o intentou coa entrada de Junior Alonso, acumulando un liña de catro centrais e un medio centro (tamén) defensivo, o equipo xa perdera o compás e a capacidade de darlle acougo ao seu xogo en ambas as dúas áreas.
Comezou o Celta de marabilla forzando dous saques de recanto no minuto inicial e marcando dous tantos cando non transcorreran oito. Aventurábase un día de festa goleira. Coa luva esquerda Aspas creou o primeiro no minuto catro, aproveitando unha parede de Maxi que recibira ao pé un centro raso de Juncá. O segundo chegou, pouco despois, cando o goleiro uruguaio rematou de volea entre dous defensas un servizo de Iago dende a banda dereita. Unha táboa de marcas que debeu de incrementarse no 10’ cando Aspas cabezou un centro precioso de Brais ou no 15’ cando Boufal xutou e o porteiro Masip zafou con moita fortuna co seu corpo.
Xaora, cando máis vento nas velas levaba a nave celeste, foi cedendo no entusiasmo e chegou o fatídico parón para a auga, momento desque o que os de Mohamed afrouxaron as rendas. A dupla de mediocampistas Lobotka e Okay non carburaba e o equipo perdeu o compás. No 36’ produciuse o primeiro furado na banda de Juncá (un lateral, onte, mellor atacante ca defensor) e a primeira oportunidade clara de gol dos visitantes, un xute a base do pao de Alcaraz. Tres minutos despois, tras outra perda de Lobotka (moi soíño até a entrada de Beltrán, co partido case vencido), o Valladolid acurtaría distancias: Óscar Plano cabezou á rede un centro lateral de Nacho, tras unha desatención de Roncaglia, que viviu un día pouco afortunado. Unha xogada exitosa que os pucelanos repetirían nos seus goles posteriores.
Tras a reanudación, no 53’ a pesar do gol temperán e marabilloso de Aspas, un xute dende fóra da área de moitos quilates, tras unha caneada moi xeitosa de Boufal, o Celta non conseguiu facerse co tempo do partido, xa que os visitantes teimaron en roubarlle o balón. E sen a pelota, por moitos homes altos que acumule atrás, o Celta amosou que é un equipo vulnerable. Nacho volveu ensaiar o centro lateral desde a esquerda, que desta volta aproveitou Enes Ünal. Un segundo tanto pucelano no 68’ que axustou a táboa de marcas, abrindo unha media hora final a cara de can, con oportunidades do gol en ambas as dúas portas.
O Celta puido marcar nun gran xute de Brais á escuadra no 72’ e no 87’ cando Iago nunha contra, que semellaba gañadora, encarou a Masip en solitario. A entrada na lameira de Beltrán deulle máis fluidez e balón ao xogo celeste, mais os visitantes teimaron na procura do empate. Puideron conseguilo cando Ünal encarou ao noso Sergio ou cando no 85’ Michel bateu cun xutazo sobre o longueiro. Fixérono cando máis doía e cando o Celta xa non puido responder, no derradeiro minuto dunha prolongación de cinco, no enésimo furado da banda esquerda celeste que Leo Suárez aproveitou para marcar o gol dun tan merecido empate.
Antonio Mohamed onte non soubo ler un partido complexo de fútbol europeo, que no seu inicio semellaba un aparente trámite para consolidar ao Celta en posicións de privilexio. Faltoulle onte aos celestes compás e dirección, doses maiores de humildade e concentración, un chisco de acougo e pausa no xogo co balón.