Onte 1970: «Un home estraño» de Antonio Tizón, presentación na Coruña

Case un cento de persoas participaron onte no salón de actos da ONCE da Coruña na presentación d’Un home estraño, segunda novela de Antonio Tizón, obra gañadora do Premio de novela curta «Cidade centenaria de Riveira». Quedarei sempre coas palabras tan agarimosas coas que o alcalde Xulio Ferreiro lembrou a Domingos Merino, o alcalde que retomou despois de corenta anos a lexitimidade democrática de Alfredo Suárez Ferrín. Como tampouco será doado esquecer a emoción que se foi creando no salón durante a interpretación que o cantor Miro Casabella, o bo amigo do tempo barcelonés de Agustín Fernández Paz, fixo d’ «O meu país», canción coa que pechou un serán literaria e musical inesquecible.

Xaora, centrou o interese do público a intervención de Antonio Tizón que tras palabras de gratitude se referiu primeiro ao contexto histórico do período da Transición na Coruña, para despois reflexionar sobre a presenza da doenza dunha novela que confesou comezara a escribir hai corenta anos, como ao carácter do protagonista, o chamado como «un home estraño», un cantor rebelde, libre e salvaxe. Antonio insistiu en que a chamada Transición non foi nin moito menos unha etapa pacífica, pola contra «foi violenta e convulsa». Como tamén o fixo en que pretendeu desmitificar a visión romántica e prexuizosa da loucura: «eu pretendo en todas as miñas novelas normalizar a visión da doenza mental, que debe ser diagnósticada e tratada». Xustificou, ademais, que escollera o verán do ano 80 para desenvolver a obra porque foi entón cando se comezou a falar de trastorno bipolar e cando se negociou o Estatuto de Autonomía de Galicia, «unha época ilusionante, aínda que a sociedade logo acabara desencantada».

Onte 1969: «As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas»

Gañei onte o día cando como membro do xurado dos Premios de relato e poesía da Universidade de Vigo me agasallaron un exemplar d’ As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas, un libro arca editado con motivo da exposición en Vigo do Pergamiño Vindel. Máis alá do feito de que con esta edición as sete  cantigas do primeiro poeta vigués se convertan no título literario galego traducido ao maior número de linguas, desde o chinés ao bengalí, desde o finés ao maorí, pasando polo persa, árabe, quichua ou romanés, o que constitúe unha proeza editorial, a obra coordinada polo catedrático Xosé Henrique Costas González expresa como ningunha outra a proxección inclusiva do texto codaxiano e, sobre todo, esa «forza que vén de lonxe» dos tradutores e tradutoras, embaixadores da lingua galega das máis diversas nacionalidades espalllados polo mundo, que se namoraron de Galicia e da nosa lingua, que traducen, falan e escriben con primor.

Xaora, este é un libro testemuña da diversidade lingüística como patrimonio da humanidade que se ofrece, ademais, como unha excepcional ferramenta didáctica para ser empregada nas nosas aulas. Parabéns ao coordinador, á Universidade de Vigo como editora e aos 55 tradutores e tradutoras deste libro histórico.

Onte 1968: O «Diario Cultural» é máis que un programa de radio

Soubemos onte á noite da intención da dirección da CRTVG de suprimir o Diario Cultural da grella da programación da vindeira tempada da Radio Galega. Unha pésima noticia para o fráxil ecosistema da lingua e cultura galega que podería perder unha das súas trabes de ouro, un engrenaxe moi potente capaz de alentar cada tarde toneladas de biodiversidade e esperanza. Unha intención que agardo sexa modificada tras a mobilización extraordinaria que se ven producindo desde que se coñeceu.

Xaora, non sexamos inocentes, esta non é a primeira vez que a actual dirección da CRTVG intenta suprimir espazos de galeguización e pluralismo da grella da programación da Radio Galega. E mesmo a pesar de constituír a difusión da cultura e a lingua galegas un dos eixos do estatuto (e da razón de ser) da CRTVG, que non esquezamos recibe unha achega institucional anual (da Xunta de Galicia) de case cen millóns de euros. A tempada pasada, sen ir máis lonxe, fomos despedidas das tertulias de informativos un bo fato de colaboradoras (a maior parte de posicións galeguistas e de esquerda) sen sequera unha palabra de gratitude ou calquera explicación.

No entanto, no caso do Diario Cultural hai aínda marxe para retificar. O programa do equipo que dirixe Ana Romaní é un patrimonio colectivo da cultura galega de entre séculos que debe ser respectado e merece ser potenciado. Sabemos canto supón anualmente o custe do DC dentro deses cen millóns de euros que recibe a CRTVG das arcas públicas? Cuantificaron os responsables desta decisión o valor da desfeita que sobre a nosa industria cultural (do libro, da música, do teatro, das artes plásticas, do audiovisual….)  podería ocasionar a desaparición do DC? Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, debería explicar canto antes cales vai ser o futuro do Diario Cultural, que é moito máis que un programa de radio.

Treixadura. «Inda canto!»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Treixadura, ao fío da publicación de Inda canto!, o seu sétimo disco:

No país dos mil viños que é Galicia, a treixadura é a variedade branca raíña do viñedo do Ribeiro, aínda que tamén está presente nos brancos das denominacións Rías Baixas (Condado) e Monterrei. Presentada en acios grandes e moi pechos, de bagos alongados, duros e moi doces, a treixadura é unha variedade autóctona de Galicia e do norte de Portugal que adoita mesturarse con outras castes como albariño, loureira, caíño branco, godello, entre outras. As notas de cata dos viños con treixadura subliñan decote o seu carácter aromático e o seu sabor ácido e agradable, sendo en nariz froiteiros e florais e en boca de acidez equilibrada, «resultando frescos, untuosos e sabedeiros».

Quizais para salientar este carácter autóctono e a súa capacidade para recrearse mesturada con outras variedades de noso, Treixadura foi tamén o nome que escolleron en xullo de 1990 en Redondela, catro gaiteiros (Antón e Xan López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez) para comezar unha andaina musical arredor da gaita e do canto como alicerces da identidade da música tradicional. Proxecto ao que sumou decontado Ramón Vázquez «O Chirlo» perfilándose dende entón Treixadura como un quinteto de gaiteiros de estilo propio no que se fundían voces, gaitas e percusións coa intención de manter vivas as melodías coas que os nosos cuartetos animaron sempre festas e romarías. Transcorridas case tres décadas e publicados sete discos, a formación do quinteto sufriu diversas mudanzas coa incorporación en 1995 de Paulo Nogueira, que substituí na gaita a Xabier Martínez, en 1998 do acordeonista César Longa, coincidindo co abandono de Ramón Vázquez para dedicarse profesionalmente á construción de gaitas e instrumentos de percusión galega, e coa entrada de Magoia Bodega en 2008, ocupándose de gaitas e bombo, tras o abandono de Xan López.

Dende aquel primeiro concerto do 30 de xullo de 1992, tamén no vello muíño de Redondela, ao pé do río Alvedosa, como do primeiro disco «Obrigado» (1995) e da tetraloxía posterior iniciada con «Unha noite no muíño» (1999), Treixadura, que asumiu con fachenda a enxebreza do traxe tradicional, soubo reinventarse en cada un dos seus concertos compartindo co público «o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo» nun repertorio no que popularizaron tonadas e coplas tradicionais. Espírito de recuperación do canto colectivo que levou, a partir do terceiro disco, «Unha noite non é nada» (2001), a xermolar o proxecto do Orfeón Treixadura, agrupación de dez voces masculinas, creada en 2003, que recrea o son dos antigos orfeóns que a comezos do século XX e co espírito das Irmandades da Fala interpretaban música galega. Idea de recuperación da música popular cantada que deu orixe a terceira entrega da copla popular co disco «Unha semaniña enteira» (2006) na que o Orfeón Treixadura participou xa de cheo, encadrándose definitivamente no grupo en 2011, coincidindo co disco que puxo cabo ao proxecto de tan singular tetraloxía, «Esa si que é muiñada», que presentarán nunha xira memorable de concertos cos coros Cantigas e Agarimos e Coral de Ruada.

Tras as colaboracións con Rodrigo Romaní no disco «Albaida» (2000) e con Kepa Junquera en «Galiza» (2013), así como tras a publicación de «Vendima tarda», un disco co que Treixadura resumiu a súa traxectoria de vinte e cinco anos, aparece estes días «Inda canto!», outro disco marabilla dunha ducia de pezas nas que se exalta o latexo do popular coma orixe da nosa tribo. Un disco extraordinario, con indubidable vontade de clásico, expresión da madurez musical dunha agrupación virtuosa transformada xa na voz dun pobo que fachendoso expresa a súa vontade de ser e continuar sendo. Cancións anovadas nas que se recupera o texto tradicional como en «Inda canto», que dá título o disco, «Pasodobre do gaiteiro» ou «Do corazón, un cariño», na que se recuperan até tres melodías tradicionais tomadas do Arquivo de Casto Sampedro. Temas recuperados como a «Muiñeira de Baiona», emocionantísima peza do repertorio dos Morenos de Lavadores, onde se aprecian todos os matices da gaita ao estilo Rías Baixas, «Maruxa», unha melodía saudosa na que a gaita e o acordeón choran de forma sublime, ou  «O carro», a canción de Mero sobre texto de Manuel María, hoxe un himno co se identifican e reconfortan varias xeracións.

Treixadura é a mellor expresión da alma do pobo galego que mentres canta fachendoso a súa foliada marmuradora, rescatada do seu esquezo e anovada con orgullo, non chora nin fala mal de ninguén. Treixadura é un xeito de facer e entender unha tradición popular anovada de xeito que continúe viva e non se esgace a cadea de xeración a xeración. A miña máis fonda admiración e gratitude polo seu afán. Gozen de «Inda canto!» e de toda a discografía desta agrupación imprescindible.

Onte 1967: «Lou Andreas-Salomé»

Lou Andreas-Salomé, a escritora rusa que fascinou a Nietzsche, Rilke e Freud, é a protagonista do biopic dirixido por Cordula Kablitz-Post, que nestes días se proxecta en Galicia. Un relato bastante convencional, tanto na estrutura memorialística como na composición visual, que reconstrúe a peripecia biográfica desta pioneira da psicánalise, unha muller de entre séculos adiantada ao seu tempo que quixo vivir en plena liberdade a súa vida intelectual e afectiva, como filósofa, ensaista e novelista, renunciando á maternidade e ao matrimonio convencional. No contexto actual de empoderamento das mulleres e cunha intención explicitamente didáctica, a película da directora alemá recoñece o papel protagónico e moderno de Salomé, situándoa moi por riba das figuras masculinas coas que se relacionou. Unha proposta moi distinta á que hai catro décadas fixo Liliana Cavani cando en Más allá del bien y del mal retratou a relación de Salomé con Nietzsche e Paul Rée. Interesante.

Onte 1966: «O lobo con botas»

Unha das sorpresas recentes da nosa lix é a irrupción dos álbums de El Hematocrítico e do ilustrador Alberto Vázquez subvertindo coa ferramenta da retranca os contos tradicionais do gato con botas e o lobo feroz. Tras o extraordinario debut de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (2016), ao que seguiu Axente Riciños (2016), os coruñeses regresan este mes ás librarías coa súa versión d’ O lobo con botas, un conto precioso sobre os perigos do consumismo. Os plans tan bos do Lobo Feroz levarano a facer magníficos negocios entre os pequenos de cinco a doce anos. O gato con botas, o rei do bosque, axiña quere participación pola utilización da súa imaxe, o que provoca importantes problemas. Xaora, coa axuda do seu sobriño, o lobiño riquiño, Feroz vaille dar unha boa volta a este bosque onde habitan xigantes, dragóns, bruxas e outros mangantes. Utilizando o recurso da deconstrución do conto popular e achegándose a un humor nonsense de orixe carrolliana El Hematocrítico e Alberto Vázquez ofrecen un relato engaiolante que vai dar moito que contar, rir e pensar.

Campo do Fragoso CCXII

DERBI SEN ALMA

Despois de temporadiña tan ruín para o fútbol galego como esta pouco se podía agardar dun derbi no que o Deportivo chegaba descendido e o Celta eivado, con Aspas lesionado no palco e co adestrador desmotivado, cando sabe que non será renovado un segundo ano. E foi o de onte un derbi sen alma, onde o empate conseguido polos visitantes no comezo do tempo de desconto fixo xustiza ao sucedido ao longo de noventa minutos onde a pobreza (mellor sería dicir “a ausencia”) do xogo de ambos os dous equipos non os fixo merecentes da vitoria. Un derbi con pouco xogo e patadas de máis na lameira, pero con autocompracencia abonda nas bancadas de Balaídos, onde o escarnio da desgraza allea non puido ocultar o fracaso dunha tempada decepcionante na que os celestes non acadaron os obxectivos. En definitiva, foi o de onte un derbi descafeinado e triste cuxo resultado non terá outra transcendencia que engordar a serie estatística que dende 1928 ven conformando a historia do que bautizamos con orgullo de sentimento galego como «o noso derbi».

Comezou o Celta con vento nas velas, xa que no minuto 12’ Maxi Gómez marcou un gol de cocorote e de costas á portaría, outra auténtica xenialidade goleira do charrúa que coa colaboración do porteiro deportivista aproveitou un centro de Pione dende a esquerda, tras unha xogada iniciada por unha excelente recuperación de Hugo Mallo na banda contraria. Tras o gol, durante apenas vinte minutos, o Celta moi ben dirixido por Lobotka movía con rapidez a bóla polas bandas, sobre todo pola de Hugo Mallo, o máis motivado dos nosos, procurando que os centros diagonais atopasen a testa máxica do noso ariete uruguaio. No 28’ Maxi encarou a Rubén, mais desta volta o porteiro coruñés soubo aguantar e desfixo o que xa viamos como dous a cero. E con esa clara oportunidade acabou o mellor do xogo celeste nun partido que dende entón esvarou nos territorios da rotina e do aborrecemento centrocampista, que algunha parte da bancada tratou de evitar facendo unha onda de escarnio aos visitantes, a todas luces tan desafortunada como fóra de lugar.

Xaora, os de Seedorf, que só se xogaban o orgullo de non saír derrotados do municipal do Fragoso, deron noticias de moito perigo no minuto 36’, cun xute importante de Guillerme dende a frontal, que desviou cunha boa estirada Sergio. Acción que pouco antes do descanso movilizou os azos e esperanzas dos centos de sofridos seareiros deportivista desprazados que moito protestaron unhas supostas mans de Cabral na área viguesa. Co segundo acto, o partido gañou en brusquidade, patadas e algún que outro cobadazo, que provocaron continuas faltas, interrupcións e teatralizacións esaxeradas por ambas as dúas partes. Porén, o fútbol (ou algo que semellase a ese xogo de pelota) non aparecía por ningures, coa excepción dun gol (ben) anulado a Wass por fóra de xogo, tras outra xogada estelar de Pione Sisto, onte, por fin, o mellor dos celestes.

No entanto, cando o partido parecía gañado para o Celta, Unzué errou de forma garrafal nos trocos, retirando da lameira a Brais Méndez e mantendo, pola contra, a Jozabed que apenas chegaba a cada unha das pelotas. Seedorf percibiu que os vigueses aspiraban só a conservar o resultado e nos dez minutos finais ordenou atacar de forma heroica con todos os seus efectivos. E aí os de Unzúe recuaron de moi mala maneira. No primeiro asedio do minuto 80’ o Deportivo xa puido marcar, o que faría con contundencia Lucas Pérez dez minutos despois, cando Cabral non foi quen de suxeitar a Borges, que serviu para que a figuriña deportivista xutase a pracer ao primeiro pao. Un gol recibido polos coruñeses como auga de maio, que aliviaba algunhas dores e que evidenciaba, ademais, a pésima xestión do resultado feita por Unzué, incapaz de entender a importancia anímica que un partido como este ten para os seareiros celtistas.

Con semellante decepción, os celestes foron despedidos de forma moi fría polos seus propios seareiros, o que demostra que un dos peores efectos da triste tempada de Unzué foi afondar na desconexión do equipo coa bancada, que celebrou cada un dos resultados con moita austeridade. Unha doenza de anemia emocional agravada por este derbi que con seguridade nin pasará a historia nin lembraremos como o anterior celebrado en Balaídos onde o Celta de Eduardo Berizzo marcou catro goles de Aspas, Mallo e Orellana e desenvolveu un xogo electrizante. Agardemos polo ben do fútbol galego que aquel espectáculo extraordinario, lembrado hoxe con saudades, se repita en primeira canto antes. Celtistas e deportivistas merecémolo.

Onte 1964: Referentes xeracionais

Como sucedera a pasada semana na libraría Moito Conto da Coruña, a conversa que mantiveron onte en Librouro Ledicia Costas, Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano expresou a madurez e plenitude creativa acadada polos membros da Xeración da Esperanza que por ventura está anovando dende a raíz a nosa literatura infantil e xuvenil.

Reunidos co propósito de presentar as edicións comerciais recentes en Sopa de libros de dous títulos publicados con carácter non venal polo Salón do Libro de Pontevedra, As peripecias de Extravaganzza Pérez de Ledicia Costas, ilustrado por Óscar Villán, e Escaquis e Romeu de Antonio Manuel Fraga, ilustrado por Jacobo Fernández Serrano, afondaron nesta conversa interesantísima nas intencións creativas de dúas obras protagonizadas –en palabras de Ledicia– por «xente máis ben rara, que se afasta do normal», cuxa intención en todo caso foi facer visible que «a diversidade é a maior riqueza para construír o mundo que queremos». Unha conversa na que se lembrou con respecto e emoción ao mestre Agustín Fernández Paz, un referente para a nova xeración, ao fío da homenaxe que Antonio e Jacobo lle fixeron co personaxe de Romeu, o barbeiro que «simboliza –en palabras de Toni Fraga– a inocencia e a bondade», representando como Agustín os mellores valores da humanidade.

Devoción agustinista que levou aos tres participantes a ir debullando outros referentes e iconas creativas que compartían todos tres, dende o Xabarín Club e Songoku, pasando por toda a obra de Roald Dahl, autor que lembraba que «en cada páxina dun libro infantil había que incluír sempre unha referencia humorística», e a serie Stranger Things, até o cinema do Hayao Miyazaki e a súa obra emblemática O meu veciño Totoro, definida onte por Jacobo Fernández Serrano como «o mellor filme de animación da historia». Conversa que rematou coas referencias gastronómicas presentes nuns libros «gorentosos» e que «sempre arrecenden».

Un serán que tivo o seu cabo cunha grande asinatura na que se incorporou á mesa Andrés Meixide, o ilustrador d’ A señorita Bubble, membro tamén destacado da nova xeración. Había razóns abondas para saír de Librouro felices e moi orgullosos, a nova xeración emproa a deriva a toda máquina.

Onte 1963: «A noite das bicicletas» de Teresa González Costa

Acompañamos onte no Grove á nosa admirada Teresa González Costa na presentación d´ A noite das bicicletas. Transcorridos oitos anos da publicación d’ A filla do ladrón de bicicletas, este sétimo libro de Teresa no catálogo de Xerais constitúe unha precuela daquel extraordinario premio Merlín, un dos mellores libros infantís desta década, no que como aqueloutro afonda na cultura do circo e do espectáculo escénico protagonizado por unha familia extraordinaria de saltimbanquis, acróbatas, actores e músicos. Homenaxe explícita á Commedia dell’ Arte, mais tamén ao teatro clásico, á opera, ao cinema clásico (Buster Keaton e Vittorio de Sica), mais tamén ao deporte (especialmente ao ciclismo), ás costureiras de vestiarios imposibles, ás adiviñadoras e contadoras como ás persoas que esculcan no coñecemento (marabilloso o personaxe de Elías Bricamán).

A noite das bicicletas constitúe un canto á liberdade, unha loubanza da vida como conquista individual («nós somos vento, déixate levar»), na que os animais falan e as bicicletas teñen nome (Celerífera, Vancouver…). A noite das bicicletas homenaxea tamén aos contos clásicos de Hansel e Grettel e ao frautista de Hamellin, unha marca hipertextual presente en todas as obras de Teresa; como aparecen tamén aquí referencias intertextuais, como ao seu personaxe Leopolda Diéguez, a narradora de Fred Quincalla, o nómade do mar, presentada como ilusionista. Xaora, A noite das bicicletas é, sobre todo, unha historia de amor e de exaltación dos valores da amizade na que o espírito de superación constante e o esforzo nos ensaios e adestramentos constitúe o eixo de calquera actividade deportiva ou artística. Outra excelente entrega dunha das autoras con maior proxección internacional da literatura infantil e xuvenil galega actual.

Redeiros da Gran Vía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica arredor da modificación do bulevar e do arborado da Gran Via de Vigo:

Inaugurada por Franco o 24 de agosto de 1945, sendo alcalde Luis Suárez-Llanos Menacho, a Gran Vía foi a arteria principal de circunvalación do Vigo do século XX. Proxectada en 1910 no Plan de Ordenación Urbana do enxeñeiro Ramiro Pascual, que prevía o ensanche do barrio de Casabranca e a chegada da cidade a Travesas, o primeiro treito, o ascendente, entre a rúa Lepanto e a Praza de España, comezou a executarse en 1939, e o segundo, o descendente, dende o Couto até a praza de América, entre as veigas e campos do barrio do Regueiro, en 1942. Transcorridas sete décadas, esta rúa formidable de trinta metros de ancho, disposta en dúas calzadas laterais para a circulación de vehículos e un bulevar central arborado para o paseo e o lecer dos peóns, serviu para artellar o crecemento urbano de ambas as dúas abas do Castro (non sempre con resultado afortunado). Xaora, a nivel simbólico, a Gran Vía constituíu, até a apertura nos anos setenta da súa continuación até acadar a praia de Samil, o que é hoxe a avenida Castelao, o único exemplo existente en Vigo de vías bulevar, ou vías parque para a cidadanía, ao xeito das existentes en Cataluña coas súas ramblas ou noutras cidades europeas tan emblemáticas como París e San Petersburgo.

Neste contexto histórico, é difícil entender cales son as razóns obxectivas polas que o concello de Vigo pretende modificar, ao fío das actuacións previstas no proxecto de Vigo vertical, o aspecto dunha rúa tan emblemática como a Gran Vía, na que ademais, se atopan construcións pétreas protexidas, como o edificio Albo do número 2, unha das alfaias da nosa arquitectura racionalista debida a Francisco Castro Represas, ou a construída nos números 4 e 6 polo arquitecto Antonio Cominges. Como tampouco é comprensible que a instalación de ramplas mecánicas, que faciliten o ascenso até a praza de España a persoas con mobilidade reducida, o que non xustificaría o alcance da actuación, supoña a desaparición do bulevar arborado de laranxeiras e camelios, tal como foi concibido, substituído por outro acristalado e axardinado apenas con macetas de especies de baixo porte. Como tampouco parece xustificado trasladar do bulevar o Monumento ao traballo, os famosos redeiros ou forzudos, un dos espazos da cidade máis fotografados polos visitantes e queridos polos vigueses, concibidos expresamente polo escultor Ramón Conde para o arrinque da costa e moito menos que sexan substituídos no cruzamento da rúa Nicaragua por unha Peixesebe, vendida xa como se do Puppy de Jeff Koons se tratase, continuando a tan desafortunada liña rechamangueira da dinosebe da Porta do Sol e doutras actuacións polémicas que xa non veñen nin ao caso citar.

Outro tanto podemos expresar sobre as noticias preocupantes da posible actuación da motoserra  sobre as vellas castiñeiras de indias e os tilos das beirarrúas laterais da Gran Vía, frondosas resistentes nunha das zonas máis contaminadas da cidade, ameazadas dunha tala, xustificada neste caso polos técnicos do proxecto pola súa mala saúde provocada por podas erradas e pola súa proximidade a algúns edificios, que se anuncian serán substituídas pola plantación de «árbores singulares» e pola presenza de «vexetación colgante» nalgunha das zonas do bulevar acristalado. Razóns nas que xa chove sobre mollado nunha cidade onde as bautizadas como humanizacións supuxeron case sempre a desaparición das raíces das árbores e a súa substitución por maceteiros decorativos, o que dificilmente podería ser considerar nalgún outro lugar como unha política medioambiental sostible. Como tampouco parece que o sexa o elevado custe enerxético que suporán o funcionamento das ramplas mecánicas, unha actuación do Vigo vertical de utilidade moi diferente a dos elevadores da rúa Segunda República ou dos elevadores previstos no parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi e Margall.

O feito de que o goberno municipal conte cunha folgada maioría absoluta non debería ser óbice para que en actuacións tan emblemáticas e custosas (máis de oito millóns de euros) como a prevista na Gran Vía se procurase acadar o maior consenso dentro da corporación como a participación da veciñanza e dos comerciantes da zona. Mudar de forma irreversible o aspecto dun espazo urbano, como se pretende despois de setenta anos coa Gran Vía viguesa, debe estar moi xustificado, tanto dende o punto de vista técnico xurídico –sexa polo seu impacto sobre o patrimonio, a mobilidade, a seguridade como sobre o propio medio ambiente– como inserido nun proxecto da cidade futura que cada xeración pretende ceder ás posteriores. Cremos que aínda hai tempo para que a alcaldía reconsidere con xenerosidade este proxecto desafortunado do arranxo da Gran Vía que afecta a memoria e a identidade do conxunto da cidade.