Deuse a coñecer onte a Panorámica de la edición española de libros 2016, o informe elaborado a partir dos datos xestionados pola Axencia Española do ISBN. Publicado dende 1988, nos dous últimos anos introduciu importantes mudanzas, como a non contabilización das reimpresións na cifra de libros, o que dificulta a posibilidade de facer comparacións da serie estatística. Con todo, mesmo a pesar de que neste informe de 2016, identificamos a ausencia dos datos dalgún importante editor educativo, a Panorámica ofrece a posibilidade de fixar tendencias sobre o volume de edición en galego, complementando os estudos anuais de Comercio interior do libro, elaborado pola Federación de Gremios de Editores. Adianto que o primeiro que chamou a nosa atención foi que mentres o sector editorial español incrementou en 2016 o número de títulos publicados nun 8,30 % (86.000 títulos) e en Galicia a cifra reduciuse até o 5,40 % 2.388 títulos), a edición en galego, pola contra, reduciuse un 13,10 % (1.211 títulos).
A edición en galego realizada en Galicia (1.117 títulos), que supón o 91,58 % da publicada en galego, supón o 46,77 % da realizada en Galicia (2.388 títulos), o que supuxo por vez primeira unha cifra inferior ao do 50,00 %. No que respecta a edición en galego realizada por institucións públicas supuxo o 7,10 % (86 títulos), mentres a asumida por editores privados o 92,89 % (1.125 títulos), porcentaxes semellantes ao do sector en Galicia, onde a edición pública supuxo o 8,00 %. Chama moito a atención comparar o número de títulos publicados en galego no ano 2010, 2.544, quedase reducido en 2016 a 1.211, o que supón unha merma do 52,39 %.
A edición en galego retrocede, mentres se incrementa o número de títulos publicados en castelán nun 7,5 % (67.212 títulos), en catalán nun 7,2 % (7.873 títulos) e en éuscaro nun espectacular 34,5 % (1.644). Unha oferta editorial cada vez máis hibridada, tanto no conxunto do sector, onde o 70,66 % foron libros impresos (60.763 títulos) e o 29,34 % dixitais (25.237), como na edición en galego, onde o 68,46 % foron libros impresos (829 títulos) e o 31,54 % dixitais (382). Chama a atención que a diminución interanual do libro impreso en galego sexa do 14,44 %, o que supón unha certa aceleración do proceso de hibridación.
Unha oferta editorial en galego na que en 2016 a obra traducida supuxo apenas o 11,0 % (133 títulos), mentres que no conxunto do sector español está cifra foi do 16,1 % (13.867). No entanto, mentres no caso galego o 36,8 % da obra traducida foino do castelán e o 23,3 % do inglés, no conxunto do sector español o 50,7 % traduciuse do inglés. Na tradución para o galego, as obras infantís supuxeron o 35,3% das traducidas e o 33,8 % as de creación literaria.
No que atinxe a edición en galego por ámbitos temáticos, os Libros de texto co 34,68 % (420 títulos) continuaron sendo os que encabezan esta táboa, seguidos polos de Creación literaria, que supuxeron o 28,98 % (351 títulos), os de Literatura Infantil e Xuvenil, 16,68 % (202 títulos), os de Ciencias Sociais e Humanidades, 14,2 % (172 títulos), mentres que os libros Científicos e Técnicos foron o 2,06 % (25 títulos). O que supuxo que a edición destinada de forma explícita a canle parescolar fose do 51,36 % (626 títulos).
Por último, apenas como curiosidade, a táboa dos cinco primeiros editores en galego en 2016 por número de rexistros inscritos de ISBN estivo encabezado por Ediciones Obradoiro (269 títulos), seguida por Edicións Xerais de Galicia (153), Editorial Galaxia (146), Rodeira (51) e Ediciones Bolanda (41). No que atinxe a editores públicos, a táboa foi encabezada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC (36 títulos), seguido do Consello da Cultura Galega (9), Editorial Deputación de Pontevedra (9), Parlamento de Galicia (8) e Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo (8). Chama poderosamente a atención que non apareza entre os vinte e cinco primeiros editores en galego a Xunta de Galicia.