Poema de hoxe 204: “Pillou a lúa ao lombo” de Manuel Luís Acuña

O sol estraño e fero! Bola de pan manela,
aperta da parenta e bicos dos miniños.

Manuel Luís Acuña, Fírgoas (1933)

Onte 1735; “Jérôme Lindon. Mi editor” de Jean Echenoz

TM06_Jerome_Lindon-700x700Entre as lecturas pendentes que fixen nestes oito días de acougo estivo a do libro que o meu admirado Jean Echenoz escribu días despois do pasamento de Jérôme Lindon, o seu editor, o responsable de Les Editions de Minuit, unha das figuras máis relevantes da edición francesa da segunda metade do século XX. Un retrato sen tintes haxiográficos nin mexericadas que afonda nas relacións profesionais e humanas entre un editor veterano e un narrador a quen lle foi publicando toda a súa obra. Unha historia compartida de fracasos comerciais e éxitos literarios, de conversas amicais e algunhas outras máis ásperas.

Dende a admiración e o respecto, Echenoz desvela algunhas intimidades desta relación tan singular, como que sabía que a Lindon lle gustaba un texto cando pretendía mudarlle o título ou a súa inevitable inquedanza agardando a chamada do editor, tras a entrega de cada novo manuscrito. A maior gabanza que o autor de 14 fai de Lindon é que ste era un editor que se comprometía cos seus autores e con cada un dos dos libros que publicaba e intentaba vender. Recoñece que nunca chegaron a ser verdadeiramente íntimos, aínda que tiña a confianza suficiente para saber diferenciar os seus dous sorrisos: o da amabalidade e a cortesía de todos os editores e a gargallada calorosa, que aparecía só cando un libro lle gustaba, “cando un libro funciona”, o verdadeiro sorriso do editor.

Poema de hoxe 203: «Falarás a nossa língua» de Séchu Sende

Falarás a nossa língua
e as tuas palavras abrirão
os caminhos da vida.

Séchu Sende,  A República das palavras (A través, 2015)

Onte 1734: «Tudo que aprendemos juntos», a esperanza da música

Tudo_que_aprendemos_juntosTudo que aprendemos juntos, a película de Sérgio Machado estreada esta semana como El profesor de violín, é outra achega valiosa a ese cinema que propón un diálogo sobre o papel da educación no desenvolvemento dos mozos e mozas que viven en situacións de exclusión social. Coma sucedía n’ A clase, onde Begaudeau escolleu un centro da banlieu parisina para escenificar os conflitos da exclusión, Machado faino cun centro da favela paulistana de Heliópolis para ofrecer un relato –baseado nalgunha medida nunha historia real, a da creación do Instituto Baccarelli– sobre as cicatrices dun grupo de adolescentes que non teñen outro futuro que abrazar a violencia. Porén, o director baiano non amosa só as feridas desa desigualdade, como noutras pezas do cinema brasileiro (Cidade de Deus ou Era uma vez), senón que tamén procura visibilizar o compromiso das persoas, como Laertes, violinista da Orquestra Sinfónica de São Paulo, que pretenden facerlle fronte dende as artes e a educación.

Película de BSO moi fermosa, lembrounos, inevitablemente, a atmosfera paulistana da Periferia de Iolanda Zúñiga e o conflito d’ As palabras poden matar de Marcos Calveiro, dúas obras que dende a nosa literatura recente abordan a complexidade do mundo da favela. A pesar de que o desenvolvemento do relato é previsible e a resolución un chisco forzada, Tudo que aprendemos juntos consigue emocionar e enguedellar ao espectador prendido entre a forza das interpretacións naturalistas dos mozos da orquestra e a serenidade dunha música marabillosa que reivindica o valor das belas artes para construír outro mundo diferente.

Onte 1733: Presentación de «Exhumación» de Marcos Abalde en Fornelos de Montes

Fornelos_07-08-2016

Coincidindo coas festas patronais de San Lourenzo Vello presentamos onte en Fornelos de Montes Exhumación, o libro de Marcos Abalde Covelo, gañador da IVª edición do Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Un acto que constituíu outra lembranza emocionante do autor da Derradeira escolma ferida, no ano do seu centenario, ademais da expresión da máis innovadora poesía galega. Un acto conducido por Carme Carreiro Montero, a auténtica alma mater deste certame e da causa Lueiro en Fornelos, no que participou tamén Emiliano Lage, o alcalde da vila, sempre agarimoso e receptivo coa memoria literaria do seu concello.

XG00260301Na súa intervención, en representación do xurado que outorgou o premio, Armando Requeixo xustificou o ditame unánime por contar Exhumación con tres trabes mestras, a estilística, a arquitectónica e a referida á mensaxe, o seu contido. Estilística na medida en que o poemario de Abalde contribúe a que poesía galega avance no camiño da renovación, por medio da utilización dun ritmo especial, unha adxectivación precisa e a utilización de luzadas teatrais, un traballo escénico con cada un dos textos. Arquitectónica por tratarse de 27 textos, incluído un poema de Adro, e dous grandes bloques de trece poemas cada un, «Non dominar» e «Non deixarse dominar». «Un libro, pois, balanceado, onde cada parte equilibra a outra, unha clara vontade autoral para que o libro teña equilibrio e unha idea reitora». Mensaxe, «na medida que se trata dun libro político e social, procurando a implicación comunal, amosando que a poesía serve para facer un mundo mellor».

A seguir, Requeixo debullou algunhas das temáticas abordadas no libro «que constitúe unha aposta polos desaparecidos, que viven nas marxes, dende aqueles que sufriron ao longo da historia, como os Irmandiños ou os resistentens do Medulio, até  «a problemática actual dos obreiros de Ferrolterra contaminados polo amianto». «Poemas que compoñen un fresco de implicación, que enlazan con outras voces actuais da poesía galega, como as de Daniel Salgado, Mairo Requeira, Xabier Cordal e, sobre todo, de Chus Pato, a quen Abalde homenaxea ao comezo da obra». Rematou o seu discurso Armando Requeixo recomendando a lectura dun libro que definiu como precioso.

No seu discurso, Marcos Abalde Covelo confesou ser discípulo de Lueiro, «unha persoa que puxo ao servizo dos mais oprimidos a súa intelixencia e afectividade». «Preocúpame o tema da dominación, o que é preciso exhumar». «Hoxe o ser humano está danado, o seu vínculo está roto, sexa cos seus irmáns, coa lingua e coa terra. Como podemos reconciliar ese vinculo? Nesa pregunta está a razón deste libro.»

»E moi importante exhumar un pasado sepultado da tradición dos oprimidos, recuperando o seu potencial emancipador. Temos o dereito garantido a saber que aconteceu e o deber de recordar esa longuísima tradición de oprimidos e resistentes nesta inmensa historia de catástrofe, onde, porén, hai espazo para a esperanza.»

«Mais tamén é preciso exhumar un presente sepultado, onde as tres cuartas partes da humanidade está excluída, sexa entre os países do norte e do sur, o que chamamos apartheid global, mais tamén na propia Galicia, onde este apartheid, o da subhumanidade moderna, tamén funciona. 20.000 rapaces son expulsados cada ano a vivir fóra de Galicia. O reino de España e, tras Romanía, o que ten maior número de nenos vivindo na pobreza, un de cada catro. Na miña xeración, a dos traballadores empobrecidos, ese apartheid é moi claro.»

Rematou Marcos Abalde reclamando a recuperación das vellas palabras: proletariado, emancipación, xustiza, empobrecemento. «A exhumación como redención da nosa dignidade sen esquecer que a principal responsabilidade que temos son as xeracións futuras». «Preocúpame moito a cultura da paz, se non hai inclusión, non hai posibilidade nin de paz nin de fraternidade.»

Poema de hoxe 202: «A Caeira» de Marcos Abalde Covelo

Dáme de respirar,
arquitecto da caricia.

Marcos Abalde Covelo, Exhumación (Xerais, 2016)

Onte 1732: Viva o pobo brasileiro!

Marcaná_2016

A pesar dos agoiros da prensa europea, aledeime que onte gañase o pobo brasileiro inaugurando con ledicia e dignidade os Xogos Olímpicos 2016. A cerimonia ideada por Fernando Meirelles presentou ao mundo a historia e a diversidade natural e cultural como o maior patrimonio do Brasil. Sen alardes tecnolóxicos de convocatorias anteriores a música e a danza protagonizaron un relato visual, onde non faltaron momentos moi emocionantes como a interpretación do himno na voz do mestre Paulinho da Viola, outros sorprendentes como o desfile da Giselle Bünchen ao ritmo de «Garota de Ipanema» ou a escena simulada de parkour, e outros espectaculares como o baile caótico da ducia de escolas de samba, que en todos os casos expresaron que na bossa nova e na MPB está o ADN do Brasil contemporáneo. A inauguración non puido agochar o malestar dunha cidadanía capaz de apupar de forma escandalosa ao presidente en funcións, tras a destitución da presidente electa. Unha noite que supuxo a vitoria tamén dunha cidade moi fermosa onde vive tanta e tanta xente feliz con lágrimas. Viva o pobo brasileiro que nunca perdeu a esperanza e non desiste. Agardo uns xogos olímpicos vibrantes.

Arquitecto Jenaro de la Fuente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á monografía que sobre o arquitecto Jenaro de la Fuente publico Jaime Garrido no Instituto de Estudios Viigueses:

Portada libro Jenaro de la FuenteJaime Garrido Rodríguez acaba de publicar unha extraordinaria monografía sobre Jenaro de la Fuente Domínguez, o gran artífice do ensanche vigués, o arquitecto máis prolífico en Vigo entre as dúas últimas décadas do século XIX e as dúas primeiras do XX. Editado polo Instituto de Estudios Vigueses en grande formato, o libro recolle en catrocentas páxinas tanto o percorrido biográfico do arquitecto vigués como a catalogación dos seus edificios construídos ou dos que quedaron como arquitectura só debuxada.

Libro definitivo de afán divulgativo asombra pola minuciosidade das descricións arquitectónicas, o rigor na análise do contexto urbanístico da época e pola exhaustividade da investigación histórica, na que destaca a achega de abundante material gráfico, sexan fotos como alzados e planos rescatados do arquivo municipal e refeitos e dixitalizados con enorme paciencia polo autor. Libro esencial para comprender o bulir urbano do Vigo de hai un século, cando comezou o seu espertar metropolitano, cubre o oco que faltaba na bibliografía sobre a tríade de mestres da arquitectura viguesa daquel tempo, xunto a Michel Pacewicz e Manuel Gómez Román cos que o propio Jenaro de la Fuente compartiu traballos e mesmo chegou a asinarlles algún ca outro para a súa legalización.

Chegado a Vigo en 1874, cando a cidade contaba apenas doce mil habitantes, Jenaro de la Fuente Domínguez foi destinado á Comandancia de Enxeñeiros de Vigo. Anos despois sería un dos primeiros profesores (de debuxo) da Escola de Artes e Oficios, institución educativa á que se sentiu moi vinculado, fose cando estaba ubicada nun chalet da rúa do Circo (1886) como cando se mudou ao edificio actual deseñado por Pacewicz na rúa Pontevedra (1904). Casado en Vigo en 1886 con Isolina Álvarez, pai de catro fillos (o maior, Jenaro, tamén arquitecto), este autodidacta de cativa estatura simultaneou a súa actividade como enxeñeiro militar e docente co seu emprego, dende 1894 até os días do seu pasamento en 1922, como director facultativo de obras municipais, o que (cousas dunha época onde non existían as incompatibilidades actuais para os funcionarios públicos) non lle impediu a realización de moi numerosas edificacións civís para particulares, algunhas moi destacadas.

Transcorrido máis dun século, consérvanse boa parte das obras (nalgúns casos só as fachadas) de Jenaro de la Fuente Domínguez e a súa pegada é recoñecible no Vigo de hoxe, sobre todo no que foi o primeiro ensanche, o deseñado a comezos da década de 1880 polo arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero, coincidindo co pulo urbanístico, industrial, comercial, demográfico, social e cultural, que levou a cidade a superar os 50.000 habitantes a comezos de 1920, conformando o ADN da cidade central actual. As construcións pétreas de Jenaro de la Fuente son hoxe doadamente identificables tanto por tratarse de vivendas burguesas ás que se lle deu moita importancia aos miradores á rúa (ventanais abalconados ou galerías de madeira) como pola profusión ornamental das súas fachadas, nas que se presta atención especial ás partes altas onde adoitan aparecer varias bufardas entre dinteis, medallas e modillóns.

Son edificios conservados de Jenaro de la Fuente o de Príncipe 37, a súa primeira obra (1878), onde estivo instalada a Papelería Española e as sete casas encargadas polo conde de Torre Cedeira, entre Velázquez Moreno e Policarpo Sanz, que conformaron a edificación máis luxosa do seu tempo (1879-1884), hoxe transformada no Centro Social de Afundación. Son tamén, entre outras, obras súas o Hotel Universal (1888), nas Avenidas; o edificio Ferro (1889), hoxe Biblioteca Central; o edificio Arbones (1892), en Elduayen 4; o Ledo (1893), na Porta do Sol ou o Lorenzo Rodríguez (1893), en Elduayen 2, recentemente rehabilitado de forma moi lograda. Xaora, a súa obra principal foi o edificio “Bonín” da rúa Areal 40 e 42 (1909) onde sintetizou a grandiosidade ornamental da súa arquitectura.

Garrido non esquece neste catálogo os edificios desaparecidos de Jenaro de la Fuente, como o precioso “Rubira”, entre Colón e García Barbón, construído en 1905 e derrubado en 1967, unha das maiores aberracións do portanetismo. Lista de caídos pola piqueta á que habería que engadir o mercado do Progreso (1906) e a fábrica de conservas de Antonio Alonso (1902). Como tampouco deixa fóra as obras construídas fóra de Vigo como o concello de Gondomar (1906), o Gran Hotel de Mondariz (1898), o Balneario Acuña de Caldas de Reis ou o extraordinario Palacio “Lourizán” (1909), residencia de Montero Ríos.

Un libro, pois, completísimo e necesario, indispensable para todos os que pretendan coñecer mellor e lembrar como emerxeu o Vigo pétreo que aínda conservamos. Parabéns por estoutra marabilla a Jaime Garrido, o primeiro estudoso e defensor do noso patrimonio.

Poema de hoxe 201: «Límites» de Marcos Abalde Covelo

A terra tiña un límite.
A barbarie non.

Marcos Abalde Covelo, Exhumación (Xerais 2016)

Onte 1731: Luís Villares

Pareceume excelente a presentación que Luís Villares Naveira fixo onte da súa candidatura para ser o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta. Máis alá da miña simpatía polo xurista lucense, a quen coñezo pola súa defensa rigorosa e intelixente do estatuto xurídico da lingua galega, as súas primeiras palabras parecéronme esperanzadoras, sobre todo pola firmeza, claridade e inclusividade que expresaban. Un discurso e unhas formas que, por ventura, o sitúan xa moi por riba dun proceso un pouco chafalleiriño, xestado tras a compoñenda entre as direccións dos partidos de AGE, Podemos e as mareas municipalistas de Xulio Ferreiro. Admiro, ademais, a determinación do candidato para abandonar as comodidades da súa condición de maxistrado galeguista e enzoufarse na lameira da política da esquerda galega sometida ás penalidades da precariedade das organizacións e do seu seitarismo.

Xaora, a candidatura de Luís Villares, que non dubido será apoiada de forma abrumadora nas primarias de En Marea, como tamén pola dirección nacional de Podemos de Pablo Iglesias, abre aínda un pouco máis a fenda entre as diversas opcións de nacionalistas e galeguistas. Unha división inxustificable en catro candidaturas que confunde ao electorado progresista e que moito celebra Feijoo dándose xa por gañador «por incomparecencia» da oposición. Un disparate da actual esquerda galega que agardamos comece a ter arranxo a partir da mesma noite da celebración do 25S.

Sei que non é doado construír un espazo común, sei que é un proceso de experimentación, onde hai moitos ires e vires, que, con certeza, precisa de novas protagonistas e de estratexias aínda nunca ensaiadas. Sei que é difícil atopar a saída para abandonar o confomismo cainita da esquerda galega, razón pola que quen se compromete a intentalo con honestidade e afouteza merece todo o meu respecto e consideración.