Poema de hoxe 17: «Abismo Vigo» de Fran Alonso
dinosauro diminuto con corpo de sireno
(…)
cosmos para unha cidade oceánica
(…)
vigotízome coa luzada; almorzo no abismo
Fran Alonso, Transición (Franouren, 2011)
Poema de hoxe 17: «Abismo Vigo» de Fran Alonso/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Vigo/por bretemas
dinosauro diminuto con corpo de sireno
(…)
cosmos para unha cidade oceánica
(…)
vigotízome coa luzada; almorzo no abismo
Fran Alonso, Transición (Franouren, 2011)
Poema de hoxe 16: «Orballa en tempo lento» de Pura Vázquez/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
nos segredos da lingua
na chave da palabra.
Pura Vázquez, Orballa en tempo lento (Espiral Maior, 1995)
Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.
No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.
Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano, Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.
Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.
Poema de hoxe 15: «A chuvia humana» de Ramón Caride/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Despois dunha semana a ritmo de vertixe, demoreime onte nas páxinas de Alabanza de la lentitud, o recentísimo ensaio de Lameberto Maffei publicado por Alianza Editorial. O neurocientífico italiano reivindica nun cento de páxinas gorentosas outra forma de vida que recupere o valor do tempo e un ritmo máis acougado onde as artes e a sletras teñan un espazo de seu. Maffei reflexiona sobre os mecanismos cerebrais que guían o «pensamento rápido» ou dixital e analiza as vantaxes e desavantaxes da civilización actual na que predomina a rapidez das relacións e das decisións, prevalencendo o facer sobre o pensar. Maffei convida a recuperar o «pensamento lento», baseado na linguaxe e na escritura, sobre todo no eido educativo, propoñendo unha educación humanista, promotora da curiosidade e da paixón por coñecer. Fronte á bulimia consumista e a anorexia de valores actual é posible vivir baixo o principio de festina lente (bule devagariño), Eis unha gabanza da lentitude.
Poema de hoxe 14: «haikai dobre en xaneiro» de Marilar Aleixandre/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
a garza en Brandomil
un de xaneiro
en gris e branco
interroga na ponte
días de porvir
Marilar Aleixandre, Ovella descarreirada (Xerais, 2014)
Pareceume un xesto acertado o de Carolina Bescansa levando o seu picariño ao hemiciclo no día da constitución do Congreso. Bescansa denuncia así o que as nais e os pais de hoxe sofren e do que moi pouco se fala, a imposibilidade de conciliar por outro procedemento que non sexa contando coa axuda das avoas e dos avós ou pagando a outra persoa. O xesto da deputada compostelá visibiliza nun espazo emblemático a vontade desas nais que non queren renunciar ao seu traballo nin o aleitamento, ademais de expresar que a incorporación das mulleres á política institucional abrirá, por fin, ese debate até agora agochado sobre os espazos do público e do privado. Unha denuncia que foi útil, xa que onte nas redes e nos medios non se debatiu doutra cousa, mesmo a pesar de que se produciu o cuarto asasinato machista do ano. Agora cómpre que os membros da cámara confronten os seus programas sobre a conciliación e a educación infantil. Ben por Bescansa por facer visible unha contradicción.
Poema de hoxe 13: «Hordas de escritura» de Chus Pato/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Non, paraíso non é a infancia, o paraíso é a animalidade; é o paraíso que perdemos
Chus Pato, Hordas de escritura (Xerais, 2008)
Grazas á xenerosidade de Xabier Pérez Igrexas (o veterano blogueiro de Contra discurso) e de Pedro Silva (Goretxo, o responsable do blog en galego máis antigo, »de mares, portos e portas», a mais de creador de Blogaliza) xa contamos cun primeiro padrón do Blogomillo actual formando por 72 cabeceiras. Seguindo a iniciativa de Xabier publico este primeiro listado de blogs en galego e apoio a creación dunha lista de correo ou grupo de telegram para debater alí outras iniciativas de colaboración desta reactivada rede de blogs en galego.
Primeiro padrón de habitantes do Blogomillo
- Axenda cultural AELG http://axendaaelg.blogaliza.org
- A profa http://aprofa.blogspot.com
- A Biblioteca de Fillos de Galiciahttp://abibliotecadefillos.blogaliza.org
- A canción do náufrago http://franciscocastro.blogaliza.org
- A dous kilometros http://adouskilometros.blogaliza.org
- A noite branca http://fernandeznaval.blogaliza.org
- A.N.P.A. Brigantium http://anpabrigantium.blogaliza.org
- Aí vai Nebra!!! http://nebra.blogaliza.org
- As crebas http://crebas.blogaliza.org
- As escollas electivas http://asescollaselectivas.blogaliza.org
- Aula de Carmela http://carmelagarcia.blogaliza.org
- Aula de Lingua http://auladelingua.blogaliza.org
- Aula de Literatura http://auladeliteratura.blogaliza.org
- Blog da biblioteca http://etikeles.blogaliza.org
- Brétemas https://bretemas.gal
- Caderno da crítica https://cadernodacritica.wordpress.com
- Caderno da crítica http://cadernodacritica.blogaliza.org
- Canto Ghalpón http://cantoghalpon.gal
- Capítulo 0 http://www.manuelgago.org/blog
- Carta Xeométrica http://cartaxeometrica.blogspot.com
- Chove en ningures http://ningures.blogaliza.org
- Ciber Andainas http://ciberandainas.blogaliza.org
- Cineclube de Compostelahttp://cineclubedecompostela.blogaliza.org
- Contradiscurso http://contradiscurso.blogaliza.org
- Criticalia http://armandorequeixo.blogaliza.org
- Cultura e Ocio http://culturaeocio.blogaliza.org
- Curdistam http://curdistam.blogaliza.org
- De baleas http://debaleas.blogaliza.org
- Dedoscomovermes http://dedoscomovermes.blogaliza.org
- Eira da Xoana (Adega) http://eiradaxoana.blogaliza.org
- Escola de Randufe http://ceiprandufe.blogaliza.org
- Ferradura en tránsito http://xmeyre.blogaliza.org
- GCiencia http://www.gciencia.com
- Hooligans fendetestas http://hooligansfendetestas.blogaliza.org
- Lapsus distribuidora http://lapsusdistribuidora.blogaliza.org
- Lingua e Literaturahttp://linguaeliteraturabacharelato.blogaliza.org
- Mallando no Android http://mallandonoandroid.gal
- Meis http://meis.blogaliza.org
- Mercedes Queixas http://mercedesqueixas.blogaliza.org
- Metrópoles Delirantes – Cómichttp://www.metropolesdelirantes.com
- Mirando polo noso http://xoanantonperezlema.blogaliza.org
- Monte do Cachelan http://montedocachelan.blogaliza.org
- Nigra Mors http://nigramors.blogaliza.org
- Novenoites http://novenoites.blogaliza.org
- O blogue de Manuel Mera http://manuelmera.blogaliza.org
- O blogue do Carlos Callón http://www.carloscallon.com
- O burato do Tesouro http://oburatodotesouro.blogaliza.org
- O Espiño Dixital http://oespinhodixital.blogaliza.org
- O fervedoiro http://ofervedoiro.blogaliza.org
- O traveseiro http://otraveseiro.blogaliza.org
- O viticologo dos bagos http://viticulturista.blogaliza.org
- Olimpiadas Populares Galegashttp://olimpiadaspopularesgalegas.blogaliza.org
- Organización Galega de Comunidades de Monteshttp://orgaccmm.blogaliza.org
- Os Irmandiños de Vincios http://osirmandinhos.blogaliza.org
- Pensamento Livre http://pakolas.blogaliza.org
- Planetatreszetas http://planetatreszetas.blogaliza.org
- Portal Galego da Língua http://pgl.gal
- Premio Pérez Parallé http://premioperezparalle.blogaliza.org
- Primeiro andar http://primeiroandar.blogaliza.org
- Proxecto Buserana http://proxectobuserana.blogaliza.org
- Qadriños http://qadrinhos.prazapublica.com
- Sala do perello http://saladoperello.blogaliza.org
- Surf Galicia http://www.surfgz.com
- Suso de Toro http://susodetoro.blogaliza.org
- Tempos Galegos http://temposgalegos.com
- Tirar do fío http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org
- Toponimia de Vigo http://toponimiavigo.blogaliza.org
- Trabalingua http://trabalingua.blogaliza.org
- Un ollo de vidro http://unollodevidro.blogspot.com
- Vigo a 80 revolucións por minuto http://vigo80rpm.blogaliza.org
- Xavier Alcalá http://xavieralcala.blogaliza.org
- Xunto á xunqueira http://pontevedranorte.blogaliza.org
- Tecnoloxía http://tecnoloxia.org
iiNo artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono arredor do termo «feminicidio».
“Feminicidio”, xunto a “refuxiado” e “xihadismo”, foron escollidas polo magnífico Portal das palabras, que a Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen como espazo didáctico en Internet, como as “Palabras do ano” 2015. Sen dúbida que as persoas que as escolleron nunha votación na rede, entre outras tres finalistas, tamén de actualidade como “indignación”, “plebiscitario” ou “rechouchío”, expresaron a súa sensibilidade sobre os conflitos que cada unha delas tres denota: o dos milleiros de persoas que foxen das guerras de Siria, Iraq e Afganistán ou das dos países subsaharianos procurando refuxio nas sociedades da Unión Europea; o dos masacres do terrorismo xihadista de París, como o de xaneiro na redacción da revista “Charlie Hebdo” ou o de novembro na discoteca Bataclan, realizados en nome dunha suposta xihad; o desa vaga de asasinatos de mulleres que se veñen producindo de xeito teimoso, diante dos nosos ollos, mais tamén da inacción conformista dunha parte significativa da nosa sociedade. Co maior respecto para cada unha destas escollas, para min é “feminicidio”, unha palabra aínda non incorporada aos dicionarios galegos normativos, a triste protagonista do pasado ano.
En 2015, como na década, as cifras deste feminicidio foron estremecedoras. 56 mulleres foron asasinadas en España (arredor de oitocentas nos últimos dez anos); sete delas en Galicia (corenta dende o ano 2006), comunidade que se sitúa entre as tres primeiras en número de vítimas; cinco delas na área metropolitana viguesa, sen dúbida, un punto negro no mapa da violencia machista. Cifras de asasinatos tremendas, auténticas marcas macabras que constitúen apenas a punta do iceberg do fenómeno das violencias que sofren milleiros de mulleres baixo moi distintas fórmulas e intensidades. Así o revelan de forma unánime distintos informes recentes como o do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, o da Secretaría de Mulleres da CIG, o da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas ou o elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Datos contundentes que non ofrecen moitas dúbidas sobre a gravidade do fenómeno. En novembro de 2015 estaban en vixencia en Galicia 7.759 ordes de protección a vítimas de violencia machista. No 2014 solicitáronse 1327 ordes de protección, acordándose o 65 % delas, producíndose 5.209 denuncias, 14 por día.
O Portal das palabras define o feminicidio como o “asasinato dunha muller polo feito de selo”, na liña do que se recolle xa nalgúns códigos penais de diferentes países como México, Chile ou Arxentina que, coincidindo co expresado pola Corte Interamericana de Dereitos Humanos, o inclúen como figura xurídica. O feminicidio trataríase dun asasinato da muller por razón do seu xénero, por odio cara ás mulleres, por rexeitamento da súa autonomía e o seu valor como persoa ou por razóns de demostración de poder machista ou sexista. Xaora, nun sentido máis amplo, seguindo a proposta da deputada feminista mexicana Marcela Lagarde, que conseguiu que a Real Academia Española incluíse a acepción “feminicidio” na última edición do seu dicionario, o termo comprende o conxunto de violacións dos dereitos humanos fundamentais das mulleres. Seguindo a liña de Lagarde, Carme Adán, deputada do BNG, defendeu o pasado mes de novembro no Parlamento Galego unha proposición non de lei (que non foi aprobada pola oposición do Partido Popular) destinada a iniciar un debate para modificar a Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, na que se incluíse o termo “feminicidio” e na que se elaborase un estatuto de vítima para as mulleres que sofren violencia de xénero.
O feminicidio non pode ser abordado de forma rotineira nas páxinas ou seccións de sucesos dos medios impresos e audiovisuais como un “crime pasional” froito dos ciumes ou das desavinzas de parella, á altura dos delitos económicos de contrabando ou narcotráfico. O feminicidio debe pasar a formar parte central da axenda pública, a utilizada polos medios e institucións públicas, mais tamén das organizacións políticas (non só durante os debates de campaña) e das entidades sociais e cívicas (non só dos grupos feministas), considerando a erradicación deste terrorismo machista como unha prioridade, unha “cuestión de estado”, na que cómpre contar con recursos socioeducativos e coas medidas xudiciais e policiais suficientes para combatelo. Razóns polas que cómpre comezar a chamar as cousas polo seu nome: “feminicidio”, “violencia machista”, “asasinato”, “lacra”, “noxo”, “nunca máis”… Verbalizar esta traxedia feminicida coas palabras axeitadas, fuxindo de eufemismos e termos ambiguos, é o primeiro requisito para poder intentar erradicala.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).