Onte 1232: Cruz latina

Desacougoume onte a noticia da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revocando o derribo da Cruz dos Caidos do Castro. Reducindo este símbolo fascista a súa condición de «cruz latina» e, polo tanto considerándoa apenas como un símbolo relixioso propio da tradición cristiá, o Superior evita a demolición á que obrigaba a modélica sentenza do xuíz Antonio Martínez Quintanar e a Lei de memoria histórica, mais perpetuarase na memoria dos vigueses e viguesas como icona da ditadura franquista. No entanto, o voto particular de Cristina Paz Eiroa, unha das tres maxistradas, advirte que «a pesar da retirada da simboloxía accesoria [a cruz] non pode considerarse desvirtuada da súa natureza orixinal», abondando así no feito que nunca tivo significación relixiosa, a pesar de que a igrexa católica participase na súa inauguración por Franco e noutras cerimonias políticas do réxime. Manter este vestixio franquista e de exaltación da sublevación militar, diante da casa do concello, impide transformar o monte do Castro no espazo vigués da reconciliación, da memoria e da paz.

A batalla dos aeroportos

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito aeroportuario no marco da campaña electoral.

AeropuertoSomos moitos os cidadáns da área metropolitana viguesa que utilizamos Alvedro para viaxar a Londres. A excelente combinación diaria de Vueling co aeroporto de Heathrow, apenas unha hora e media de voo á primeira hora da tarde, permite despois poñerse en apenas media hora na estación de Paddington, enlazar con calquera outro voo intercontinental, transoceánico ou coller un transporte terrestre cara outro punto do Reino Unido, dado o carácter de nodo intermodal de comunicación da terminal londiniense. O mesmo sucede cando empregamos Peinador para trasladarnos a París, grazas a conexión diaria que Air France mantén dende hai tempo co Charles de Gaulle, ou cando usamos a portuense de Sa Carneiro para ir a Frankfurt con Lufthansa ou a Ámsterdam con Portugalia, aeroportos europeos que permiten conexións con destinos de todos os continentes, o que supón unha alternativa ao modelo de comunicación radial con Madrid característica tradicional do tráfico aeroportuario galego.

Xaora, a diferenza entre estas conexións do noroeste peninsular con estes nodos aeroportuarios do norte de Europa radica no feito de que a primeira, a londiniense, está fortemente subvencionada polo concello da Coruña, como tamén os voos de Air Europa a Madrid ou o de TAP a Lisboa dende Alvedro, ao abeiro dunha voluminosa partida do goberno municipal de Carlos Negreira de “promoción turística”, o que sen dúbida desvirtúa a competencia aeroportuaria entre as catro terminais do Eixo Atlántico e mesmo entre as compañías aéreas que manteñen as conexións. Mais outro tanto sucede con boa parte das de Lavacolla convertida por mor das subvencións millonarias do concello de Santiago en terminal de auténtico luxo para compañías low cost, que a utilizan como base de operacións. Agustín Hernández, actual alcalde popular da capital, tras a nefasta xestión dos seus dous predecesores do seu partido nun mesmo mandato, unha marca dificilmente superable, negocia agora unilateralmente con diversas compañías novos destinos, esquecendo aquelas boas intencións de coordinación aeroportuaria expresadas cando era conselleiro de Infraestruturas.

Por desgraza, o alcalde Abel Caballero tamén sucumbiu a esta nefasta febre da dopaxe ás compañías aéreas, sen dúbida coa intención de contribuír a mitigar ás pobres cifras de tráfico do aeroporto de Vigo que, a pesar da ampliación das súas instalacións, continúa á cola das catro terminais do noroeste peninsular. Mais non nos enganemos. A pesar das novas conexións subvencionadas desta primavera e das comprometidas para os dous vindeiros anos, tras o concurso convocado polo concello de Vigo, é difícil que Peinador recupere de forma significativa os tráficos anteriores á crise. Nin a conexión con Luton, a máis incómoda das terminais londinienses, nin as novas rotas transversais con Sevilla, Málaga ou Gran Canaria, van solucionar as carencias aeroportuarias viguesas. Novos destinos que constituirán apenas un parche publicitario en tempada preelectoral mais incapaces de agochar un problema moito máis grave, o da alarmante diminución e deterioración horaria das conexións áereas con Madrid e Barcelona e o inevitable aumento dos prezos dos billetes, destinos claves para os viaxes de traballo das empresas da nosa área metropolitana. Unha tendencia á baixa que previsiblemente se intensificará nos vindeiros meses coa apertura do eixo atlántico ferroviario.

Chegada a carreira electoral, as alcaldías da Coruña, Santiago e Vigo recuperaron a batalla dos aeroportos e das a todas luces insostibles subvencións municipais como a máis xenuína das súas vocacións e dos seus compromisos “en defensa dos intereses da cidade”. Ninguén está disposto a dar un paso atrás nesta disparatada batalla de axudas que confronta a tres aeroportos en crise, cuxos tráficos a pesar das subvencións municipais están moi por baixo das previsións efectuadas cando foron ampliados por AENA. No baúl dos bos propósitos quedou arrombado calquera matiz do discurso da cooperación e complementariedade entre as tres terminais galegas e a necesidade de ofrecer unha oferta común capaz de competir coa portuense de Sa Carneiro, cada vez máis atractiva para os galegos que viaxan fóra da península. Xaora, particularmente patética nesta lamentable batalla é a inacción do Goberno Galego e do seu presidente que prefire os réditos do despregue emotivo dos localismos dos seus alcaldes ca apostar pola racionalidade e o rigor das políticas de concertación territorial.

No eido da política aeroportuaria, como en tantos outras, Galicia é un país á deriva, sen goberno de seu e sen proxecto estratéxico que o oriente, sometido á improvisación e ao curtopracismo dos localismos. De non mudar o rumbo, agoiro dificultades.

Onte 1231: Longsellers

Morning_star_17Onte anunciamos en Twitter a chegada da imprenta de catro reedicións de títulos veteranos no catálogo de Xerais Narrativa: a 18ª d’ O crepúsculo e as formigas de Ferrín, a 17ª de Morning star, a 9ª d’ O club da calceta de María Reimóndez e a 5ª de Peaxes de Santiago Lopo. A curiosidade de Martín Pawley levouno a preguntar cal era o top de reedicións de Xerais. Non está de máis coñecer a relación dos nosos títulos con maior número de reimpresións encabezada coas 32 edicións das Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, as 28 d’ O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, as 25 de Tristes armas de Marina Mayoral, as 21 de Erros e Tánatos de Navaza e Contos por palabras de Agustin e as 20 de Galván en Saor de Darío Xohán Cabana. Estes longsellers do noso catálogo, a maior parte deles utilizados como lecturas no sistema educativo, constitúen un fito no noso sistema literario.

Onte 1230: Queremos galego

queremos_galego_08-02-2015Lonxe de Compostela vivín con satisfacción o éxito da convocatoria da plataforma Queremos galego e a unidade dos grupos políticos da oposición e dos colectivos educativos e cívicos na defensa da lingua. Milleiros de activistas galeguistas expresaron na Quintana a súa vontade de rebelarse contra o actual proceso de substitución lingüística, unha situación que a pesar da súa gravidade, pode ser aínda reversible. O galego precisa dunha ampla maioría social que asuma o compromiso da súa transmisión interxeracional, corresponsabilizándose do seu futuro no entorno familiar e cidadán. Mais tamén é imprescindible forxar un novo consenso político para nuns casos actualizar e noutros recuperar os contidos do Plan Xeral de Normalización de 2004. Onte nas rúas de Compostela milleiros de persoas de diferentes filiacións políticas demostraron outra vez que a lingua galega é un patrimonio común, que a todos pertence e que a todos obriga. A mobilización de Queremos galego constituíu unha inxección de optimismo e unidade galeguista en tempos difíciles onde semellaba que todo se derrubaba.

Onte 1229: 302.500 euros

54928f9601764-64382_10152599675553124_363019800129471059_nBotei contas sobre os 302.500 euros que o goberno de Feijóo destinará a subvencionar un vídeo desta canción de Enrique Iglesias. Equivalen á cantidade que a Consellaría de Cultura e Educación dedica durante tres anos a apoiar o programación de tradución en galego, a dous anos de axudas á edición de materiais didácticos na nosa lingua ou a un ano de compras de novidades editoriais en galego para as bibliotecas públicas.  Ou á cantidade superior nun 70 % á que se dedica a apoiar a todos os medios en galego ou a dous anos de feiras do libro. En momentos de precariedade para a nosa industria cultural e a nosa lingua, tratar de convencer á cidadanía galega, como pretende Feijoo, de que estes 302.500 euros son un investimento de ganga na promoción turística de Galicia produce estupor e noxo.

Onte 1228: Máis sobre a Biblioteca de Vigo

aduana_de_vigoO meu amigo Javier Mosquera coméntame outras posibilidades para a nova Biblioteca Pública de Vigo. A primeira o que foi Centro de Informática de Caixanova, situado na rúa López Mora, á altura de Xerais, hoxe case baleiro tras a fusión das caixas, que Abanca puxo en venda. A segunda o grande caserón da vella Aduana, preto do Areal, propiedade do Ministerio de Facenda. Outras dúas ubicacións, como a posible da Metalúrxica, que deberían ser valoradas. Vigo precisa unha gran biblioteca pública que funcione como nodo dunha rede bibliotecaria metropolitana. Insistiremos.

Onte 1227: Centenario de don Xosé María Álvarez Blázquez

XMAB12Magooume non poder baixar onte á Casa Galega da Cultura para asistir ao acto de celebración do centenario do nacemento de Xosé María Álvarez Blázquez. Teño reiterado a miña admiración por don Xosé María fose pola súa condición de libreiro e editor de catálogo de espírito innovador, un dos máis relevantes da historia da nosa edición, pola súa actividade investigadora nos eidos da arqueoloxía e literatura galegas, pola súa actividade como poeta e xornalista coma pola súa condición de cronista da cidade de Vigo, autor desa proeza que foi A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo. Tras a homenaxe recibida en 2008 no Día das Letras Galegas, a figura deste galeguista de aceiro e pedra fina merece a nosa saudosa lembranza.

Onte 1226: «A antesala luminosa» de Antonio Tizón

a_antesala_luminosa_a_coruña_04-02-2015

Gran presentación a do serán (moi frío) de onte na cidade vella coruñesa. O magnífico salón de Portas Ártabras quedou pequeno para acoller ao máis do cento de persoas que acudiron á estrea de Antonio Tizón coa súa primeira novela, A antesala luminosa. A lexicógrafa e profesora Rosalía Cotelo García, o xornalista Cándido Barral Alvarellos e o psiquiatra Juan Carlos Diaz del Valle fixeron tres lecturas distintas r otixinais dunha novela que todos os tres definiron como apaixonante e de lectura engaiolante dun tirón.

XG00212501Comezou a profesora Rosalía Cotelo sinalando que A antesala luminosa «é unha novela que desborda xéneros e expectativas, como a luz desborda unha estancia ou o líquido desborda un vaso. Nese desbordamento non hai desmesura, senón a promesa dunha riqueza temática e literaria que invita a seguir lendo.» Referiuse despois ao seu carácter non de novela negra senón de «novela mulata», tal como a define o autor, «porque é unha mestura de novela negra (polo que ten de crime e investigación, de nocturnidade, corrupción e desexo) con outra narrativa , outros temas e outras tramas que voan lonxe e voan alto, moito máis preto da luz que da negrura. É mulata tamén porque mestura a realidade coa ficción, e a autobiografía co imaxinado. Eu engadiría que ademais a novela é mulata porque enraíza forte na realidade, e, na realidade, as cousas non son negras nin brancas.» Insistiu Cotelo na importancia do número 2 na novela: «A bifurcación, a bipolaridade, o desdobramento e, en esencia, o número dous, son columna vertebradora desta obra. Hai dúas tramas, primeiro paralelas e logo converxentes, que estruturan a novela. Co inspector Sánchez comeza o libro, e con el seguimos as pegadas de Gustavo Gallego, e a trama máis negra (que non a máis escura) da novela, a que é (ou semella) puramente detectivesca.» «Hai entón, nesta novela, dúas novelas dentro dunha, e unha delas só ten capítulos pares. Hai dous narradores, un en primeira persoa, no máis clásico estilo da novela negra, e outro, omnisciente, multiselectivo, que tende a multiplicarse. Hai tamén dous cadáveres calcinados na praia do Matadoiro a mañá despois de San Xoán, que é como comeza o libro; e hai dous Gustavos, un, Gustavo Gallego, o protagonista, e outro, o antagonista que descubrimos cara o final da novela, Gustavo Fernández-Santos, un deus que se volveu demo. O número dous articula a historia en oposición ademais ao un, é dicir, á idea de individuo e da súa soidade, nunha novela na que a loucura se define como “unha especie de soidade absoluta”.»

O xornalista Cándido Barral confesou que «esta novela cóllete dende o primeiro tirón», definíndoa despois como «xenerosa e prolixa en personaxes, distintos e antagónicos, capaces de ir encaixando nun mosaico no que todo ten sentido». «Esta novela é un gran traballo de marquetería no que se entende o perfil e a sombra de cada un dos personaxes». Antes de ler dúas páxinas da novela, insistiu no seu carácter de «novela da Transición, que axuda a entender aquel arume da  España dos setenta e moitos e oitentas e poucos, lugubre e con esperanza.»

O psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle gabou ao autor por escribir a novela en galego «nun momento no que é preciso apoiar o noso idioma» e confesou que lera a novela dunha única sentada. Sinalou que «está moi ben tratado o trastorno bipolar que padece o protagonista Gustavo Gallego». «O trastorno bipolar é unha alteración do estado de ánimo no que se alternan fases de euforia con outras de depresión e inferno. É unha doenza crónica da que non sabemos a causa. Sabemos que existe un factor xenético importante, mais que interactúa con outros ambientais». «Só “Negra sombra” de Rosalía de Castro aborda literariamente tan ben a depresión como o fai nesta novela Antonio Tizón».

Pechou a presentación Antonio Tizón que tras agradecer as intervencións referiuse ao libro Estrictamente bipolar de Darian Leader. Referiuse ao título, a antesala luminosa, que é a do amor, a da loucura e a da morte. Lembrou ao crítico cinematográfico Ángel Fernández Santos que definiu a loucura «como escura disolución da memomoria na morte». Rematou Tizón as súas palabras confesando que se daría por satisfetio se «este libro axudase a entender o trastorno bipolar e as persoas que o padecen.»

No blog de Xerais pode lerse o texto completo da intervención de Rosalía Cotelo.

Onte 1225: San Brais

FARO CHAPELAPoucas festas expresan mellor que o San Brais de Bembrive o carácter popular do Vigo en bisbarra. Entre os milleiros de romeiros, onte acudiron alí os candidatos á alcaldía para ser fotografados entre bombos, tazas, chourizos e cacheiras. Non faltou Elena Muñoz, que recoñeceu saber da importancia da festa, nin o alcalde Caballero que noutro alarde do seu fachendoso viguismo declarou que acudía a San Brais «dende hai máis de vinte anos». Veteranía. Ben sei que semellante entusiasmo polo patrón dos otorrinos, celebrado cada 3 de febreiro, dende o século XVII nesta parroquia do Fragoso, coincidindo cando medio inverno xa vai fóra, increméntase notablemente en ano electoral, cando as gorxas dos políticos están máis castigadas. Mágoa dos que quedamos a traballar en Vigo e non puidemos gozar nos furanchos da xoldra e das enchentes larpeiras de cocidos e orellas. Outro san Braís será!

Mantecón, pintor xeómetra

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura do pintor Francisco Mantecón con motivo da súa antolóxica no Marco.

Francisco Mantecón_foto MagarDespois de catorce anos do falecemento de Francisco Mantecón, a pasada semana foi inaugurada no Marco a primeira antolóxica da súa obra pictórica. Comisariada por Alberto González Alegre e Ángel Cerviño, dous grandes coñecedores da obra do pintor e deseñador gráfico vigués de espírito renacentista, a mostra ocupa toda a planta baixa do museo de Príncipe recollendo con grande fidelidade o seu espírito transgresor e racionalista. As noventa obras, correspondentes á produción das décadas dos oitenta e noventa, nas que está presente unha calculada exploración xeométrica, foron organizadas con moi bo criterio polos comisarios por secuencias e ritmos gráficos de cor, a xeito dunha peza jazzística. A pesar da súa aparente frialdade, a rotundidade e limpeza primixenia da proposta expositiva deixounos unha fonda pegada emotiva.

É ben coñecido en Vigo que Mantecón compartiu as súas actividades artísticas co seu labor docente no Instituto da Guía como profesor de debuxo. Con menos de vinte anos, participaba nas exposicións colectivas ao aire libre da Praza da Princesa, onde expoñían sen criterios previos de carácter xeracional nin estilísticos outros pintores vigueses, como Lodeiro, Xavier Pousa, Xosé Guillermo, Armando Guerra, Antón Patiño, Ánxel Huete ou Manolo Moldes, cos que “Mantecas” (así era coñecido polas súas amizades) axiña empataría. Despois de celebrar a súa primeira mostra individual na sala de exposicións da Caixa de Aforros, hoxe desaparecida, situada nas galerías Durán, marchou a Barcelona a estudar na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi, onde profundizou no coñecemento do fenómeno abstractivo e dos seus procesos históricos e no desenvolvemento da súa destreza debuxística, que serían decisivas no desenvolvemento da súa obra futura. Cando volveu a Vigo, a comezos dos oitenta, se integrou no grupo “Atlántica” creando unha obra pictórica singular, afastada de calquera espontaneísmo e expresionismo á moda daquela, constituíndo en palabras do comisario Ángel Cerviño “un verso libre da xeración Atlántica”.

A pictórica de Mantecón enlazou coa corrente do formalismo soviético, cando aquí estaba oculta até a caída do Muro. A abstracción conceptual, empregando técnicas sinxelas sobre papel, levouno a xogar coas formas e cos matices da cor, coas transformacións xeométricas, desmembrando planos, xogando coa percepción e coa espacialidade. Velaí a esencia da pictórica manteconiana presente no Marco: ofrecer unha arte meditada, lenta, silenciosa, esencial, simple, produto dunha reflexión permanente sobre o papel do creador, sobre o espazo e sobre as capacidades perceptivas do espectador. O de Mantecón é un abstraccionismo xeométrico onde “a regra corrixe a emoción”, escollendo unha frase de Georges Braque da que el se apropiou, onde todo ten forma e onde toda forma ten significado. Como sinalou o poeta Ramiro Fonte, “toda a obra de Mantecón está guiada por esa necesidade de tirar lastre, de desfacerse de contidos accesorios para propor unha poética de síntese”. Eis a esencia presente na mostra do Marco.

Esta mesma concepción levou a Mantecón a interesarse, a comezos dos anos oitenta, polo deseño gráfico, desenvolvendo un traballo continuado no eido do deseño de libros, da cartelaría, do deseño de anagramas, logotipos e da imaxe corporativa de entidades públicas e privadas. Outra actividade artística hercúlea, que os comisarios decidiron deixar fóra desta antolóxica, por merecer unha futura abordaxe monográfica. Debemos a Mantecón moitos elementos desta nosa segunda natureza urbana: as etiquetas das botellas de Terras Gaudas, empresa que convoca anualmente un concurso internacional de deseño gráfico na súa memoria; algúns packs de conservas Alfageme, as fachadas de Frinova e de Adega das Airas, ou o logotipo do Metropol do Areal. Este traballo comercial non lle impediu realizar o deseño, cunha vontade cívica e comprometida e sempre de esquerdas, da cartelaría de organizacións políticas e sindicais. A súa elegancia impregnou o deseño das coleccións de todo o sector editorial galego. Colaborou con Manuel Janeiro nos deseños de Galaxia; deseñou coleccións para Edicións do Cumio, Sotelo Blanco, Ir Indo edicións e Xerais. Realizou o deseño base de revistas como “A Trabe de Ouro”, o “Anuario de Estudios Literarios Galegos” ou do libro colectivo “Construír a paz. Cultura para a paz” (Xerais, 1996), un dos froitos máis logrados da súa concepción do deseño editorial, conseguindo un libro limpo, case diáfano, onde brilla o texto sobre a simplicidade da elección tipográfica.

Recomendo visitar esta exposición na que se lembra un dos artistas vigueses máis importantes do século XX. Sen dúbida, será unha das máis importantes do ano en Vigo.