Onte 1224: Malestar no mundo da edición

O axente literario Guillermo Schavelzon publicou no seu blog unha anotación, baseada na lectura do libro de Michael Bhaskar La máquina de contenido, na que presenta unha panorámica do «malestar» do mundo da edición actual, identificada como unha «sensación de confusión» de editores, autores e axentes literarios que vai moito máis alá que a producida pola chegada perturbadora do libro electrónico. Neste novo contexto, o editor sofre unha auténtica crise de identidade, xa que está sometido á necesidade de estar máis enfocado cara o lector (o cliente) ca dirixido ao autor. O editor non pode definirse como un publicador, senón como alguén que engade valor, pola edición do contido e pola calidade do obxecto (o libro impreso) que ofrece na libraría. O autor sofre confusión pola dobre presión á que está sometido polos seus editores e polo saldo da súa conta bancaria. E tamén os axentes literarios, xa que hoxe a súa misión principal non é conseguir un editor aos autores, senón «facer os maiores esforzos en axudar a que non se desestabilice a relación entre o autor e o seu editor». Recomendo a lectura dos comentarios da anotación nos que se reclama a edición cultural e o papel do editor como primeiro lector.

Campo do Fragoso CLXI

berizzo_31-01-2015A AFOUTEZA DE BERIZZO

Berizzo sabía que o sábado xogaba a súa continuidade como técnico celeste. E abofé que nunha noite moi fría o adestrador arxentino actuou con intelixencia, afouteza e corazón. Interpretou o partido coma se dunha final de copa se tratase. Saíu só a gañar. Arriscou moito no cadro inicial, onde dispuxo na lameira do seu maior poder atacante, incorporando, por fin, ao canteirán Santi Mina para que abrise a banda dereita, colocando a Orellana na mediapunta, detrás de Larrivey, como enganche e deixando a Nolito que enfiase pola esquerda. Para contar con catro dianteiros, sacrificou a Radoja no centro do campo, onde dispuxo dun dobre pivote inédito formado por Krohn-Dehli e Augusto.

Con esa proposta cen por cen atacante (4-2-3-1), durante a primeira parte o Celta arrasou a un Córdoba ordenado e batallador, onde comeza a notarse a boa man de Miroslav Djukic. Porén, foron os andaluces os que abriron o perigo nas áreas. Transcorridos apenas dous minutos dispuxeron dunha oportunidade de ouro para marcar, grazas a un fermoso taconazo de Heldon que o noso Sergio despexou con apuro. Mais o Celta axiña reaccionou e gozou de ata media ducia de boas posibilidades de mover a táboa de marcas. O Celta recuperou o poder do seu xogo combinativo. Ben chantado atrás coa disciplina dos seus tres centrais, reforzado defensivamente por Augusto, que aseñoraba o centro do campo nunha actuación memorable, e dirixido por Krohn-Dehli sinalando o seu tempo máxico sobre os catro dianteiros foron sucedéndose os ataques. Mina, cada vez máis maduro, afiaba pola dereita amosando que o seu obxectivo é sempre o gol. Orellana abría espazos para Larrivey e Nolito cos seus caneos e mil e unha reviravoltas. Mais coma aconteceu noutros partidos tanto ben tecer non abondaba para conseguir meter o gol no cesto.

No medio do vendaval celeste, un xute de Bebé, rexeitado in extremis por Sergio, avisou que os de Djukic non viñeran a Vigo de excursión. Pouco despois, o claro penalti a Nolito, agoirou unha arbitraxe polémica. Como tampouco presaxiaba nada bo para os nosos que Larrivey estragase até tres remates claros, demostrando que aínda non recuperou o seu mellor punto. Cun panorama un chisco sombrizo, bo xogo, mais ausencia de gol, rematou para o Celta o primeiro acto.

Por ventura, na reanudación axiña chegou o gol. Unha peza para gardarmos na memoria. Dende o centro, Krohn-Dehli desprazou a bóla á dereita sobre Mina, o canteirán cun caneo soberbio gañoulle espazo ao seu marcador, avanzou dous pasos dende o recanto da área e enviouna en horizontal sobre Orellana, que saltou sobre ela para que Nolito, dende a esquerda, xutase coa perna dereita imprimíndolle unha traxectoria de dóce parábola sobre o pao dereito para que entrase ás redes. Un gol extraordinario propio das Belas Artes.

Coa táboa de marcas por diante, a pesar de que o medo axexou na lameira e na bancada, Berizzo xestionou os cambios con maior rapidez e intelixencia ca en xornadas anteriores. A incorporación de Álex López e Radoja mudou o debuxo a un 4-4-2, que deu maior consistencia defensiva para termar dos ataques dun Córdoba que non se dobregou. Xaora, a vitoria estivo a piques de malograrse tras o incrible barullo que se produciu faltando apenas dez minutos cando Teixeira Vitienes sinalou primeiro xogo perigoso a prol do Celta e despois penalti en contra. A reacción de Berizzo sinalando sobre o propio terreo onde se producira a xogada expresa a importancia do que alí se estaba dirimindo. Os apupos da bancada e, probablemente, a cordura do cuarto árbitro axudou por fortuna a corrixir tremendo trasacordo. Unha xogada que marcou o partido e, quizais, a carreira do afouto Berizzo.

Onte 1223: Lara, un editor

jose_manuel_lara1O que máis me interesou do que lin sobre o pasamento de José Manuel Lara foi a necrolóxica que publicou onte Juan Cruz: «Era un editor, punto. Un editor é algúen que se distingue por saber a que hora pode espertar a un autor, e a que hora, ademais, ha de apagar un incendio. O incendio, no mundo editorial, que é un mundo de cabaleiros, e no seu caso de moi cabaleiros, sempre se atenúa coa boa educación da diplomacia». José Manuel Lara conseguiu internacionalizar a editorial Planeta até convertila nun grupo editorial de referencia en Europa e Latinoamérica. Sabía do seu interese pola lectura (un hábito e unha querenza que comprobei non comparten todos os editores internacionais da súa clase) e do seu profundo respecto polos autores, o que probablemente encaixaba pouco coa súa imaxe de tabeirón conservador das finanzas e dos medios de comunicación. Porén, era un editor, exercía coma tal e sentíase orgulloso da profesión. Merece o meu maior respecto.

Onte 1222: «Still Alice»

Still_Alice_-_Movie_PosterStill Alice non é so unha exhibición interpretativa de Julianne Moore, que pode levala a obter un Óscar. É, tamén, unha peza didáctica sobre a doenza do Alzheimer e unha reflexión sobre o valor das palabras coma fonte do autorrelato que sostén a nosa identidade. Somos se lembramos, e o facemos se contamos con palabras que funcionen coma chaves, inclusores de imaxes e afectos. As palabras que se van esvaecendo até borrarse na cabeciña desa inqueda profesora de Lingüística de Columbia son as mesmas que cando faltan danan a súa capacidade de interacción co entorno profesional e familiar até deixala inane. Alice sostense apenas sobre os aloumiños da súa filla máis nova, coa que antes mantiña diferenzas, aínda que nunca rompera a comunicación. Still Alice non é unha película de temática novidosa nin sequera de narración orixinal. Porén, resulta eficaz para interrogarnos sobre a nosa fraxilidade. á que vivimos alleos, deambulando nos nosos afáns. Eis o impacto que produce a interpretación de Moore capaz de  remoer ao espectador na comodidade da súa butaca.