Onte 1249: Resistir pola lingua

antipodas_lalin_27-02-2015Na presentación de Antípodas, onte no Museo Ramón María Aller de Lalín, Xosé Vázquez Pintor reclamou a necesidade de «resistir pola lingua, non renunciar nunca ao noso primeiro patrimonio». Xosé Crespo, o alcalde de Lalïn, na súa intervención para pechar o acto, colleulle a luva a Pintor e fixo un longo discurso sobre a situación actual da lingua galega, sobre a que confesou era por primeira vez moi pesimista. Recoñeceu que cada vez son menos os mozos de instituto en Lalín que falan galego e atribuíu a responsabilidade do caso ás familias, mesmo ás que se declaran galeguistas, que non se ocupan de transmitir o galego dende o berce. «As familias poden facer moito máis polo galego cas escolas», afirmou Crespo, para expresar despois a súa decepción de non poder facer máis dende o concello pola causa do galego. Quedoume claro que o discurso de Xosé Crespo será a partir de agora o que escoitaremos decote nos beizos dos responsables do Partido Popular de Galicia. Quedará algún espazo para a autocrítica e a corresponsabilidade sobre os efectos que o decreto de plurilingüismo provocou nos prexuízos e valoración social do galego?

Onte 1248: «Amor en alpargatas»

Manuel_Portas_26-02-2015

Máis dun cento de persoas xuntáronse no café Airas Nunes de Compostela para arroupar a Manuel Portas na presentación de Amor en alpargatas, a súa cuarta novela. Foron o escritor Bieito Iglesias e a crítica Dolores Vilavedra os que se ocuparon de comentar unha novela considerada como a máis lograda e maura das publicadas até agora polo autor.

Comezou Bieito Iglesias definindo Amor en alpargatas como «unha novela de amor, protagonizada por un triángulo de tres persoas (Senén, Lucía e Sara), construída cunha estrutura cinematográfica semellante á da Condesa descalza, xa que comeza e remata nun cemiterio, utilizando a écnica do flash-back». Detívose Iglesias en comentar a educación sentimental do protagonista nos anos 60 en Teis, considerando que esas páxinas poderían ser consideradas propias dunha novela de formación. «Senén é un personaxe singular, non é un arquetipo, non é un retrato notarial da pequena burguesía galeguista.» «A presenza do corvo no derradeiro capítulo representa un certo desencanto«, afirmou Bieito para acabar prognosticando que «a novela terá máis éxito entre o público feminino.»

XG00156801Dolores Vilavedra sinalou o que entende son características do proxecto literario de Manuel Portas desque en 2010 publicou Denso recendo a salgado. «A primeira é a reivindicación da capacidade da narrativa para entreter, sen renunciar á experiencia estilística, Portas é capaz de verlles os tons pálidos a un tempo de silencio.» «Ademais de utilizar unha das mellores linguas literarias do noso tempo, Portas escribe narrativa de mulleres. En todas as súas obras as mulleres teñen grande protagonismo. Nesta tanto Lucía como Sara son personaxes que teñen arestas, un lado escuro, continuando a xínea de Concha e Encarna de Faneca brava ou Cristina, Clara ou Chus, protagonistas das historia de Un dedo manchado de tinta.» «A de Portas é unha narrativa da memoria leve, que nos intriga, que nos provoca a necesidade de saber máis. No entanto, teño medo dos efectos dunha memoria narcotizante ou a un exceso de saudade paralizante. Portas sabe equilibrar.»

Vilavedra considerou Amor en alpargatas como unha «novela máis centrada, menos dispersa cas anteriores do autor. Nótase a madurez, o autor pousa, renuncia ás historias paralelas, vai á cerna da súa historia, utilizando unha estratexia de espiral, de bucle. O seu é un narrador omnisciente, mais non é invasivo. Deixa falar aos seus personaxes, sitúase con eles, revelándose só cando é imprescindible.» «Amor en alpargatas deixa dúas importantes historias sen contar, as de Amalia e Xián, a dos fillos de Senén, o que supón unha apertura da novela sobre os debates do presente, quizais porque todas as novelas falan do tempo histórico no que se escriben, non sobre o que escriben.» Antes de rematar cunha emocionante referencia persoal á memoria do barrio proletario de Teis, Vilavedra salientou o carácter de Amor en alpargatas como »novela santiaguesa que se abre a outros espazos da Galicia real.»

Rematou as intervencións Manolo Portas que definiu a novela como «unha historia de amor co nacionalismo ao fondo». «Non pretendín escribir unha novela xeracional. O nacionalismo é o contexto sobre o que se desenvolven as historias de amor. Un amor ao país no que encadran os amores poliédricos que se moven na novela. Non me interesaba tanto recolelr o dato concreto como reconstruír ese contexto.» Despois de sinalar que deixou a mantenta varias historias abertas, confesou que se daría por ben pagado «se a novela consegue diversos niveis de lectura, xa que estou convencido que a literatura ten que dar que pensar.»

 

Onte 1247: Xurados de lectores e lectoras nos premios Xerais

premios_xeraisOnte en Xerais publicamos a convocatoria para escoller tres persoas que desexen participar como membros dos xurados de cada un dos nosos premios, o Xerais de novela, o Merlín de literatura infantil e o Jules Verne de literatura xuvenil. Despois de tres décadas de protagonismo nos xurados de lectores e lectoras non profesionais, en definitiva lectores e lectoras vocacionais, amantes da novela ou da literatura infantil e xuvenil, moitas veces vinculadas con actividades profesionais afastadas do sector editorial, nesta edición 2015 pretendemos profundizar nun modelo que representa a súa importancia e forza no noso proxecto editorial. Non hai dúbida que é unha incógnita para nós a acollida que pode ter este chamamento, cuxa intencionalidade é facilitar a lectores e lectoras que se presenten voluntarias poidan gozar durante dous meses unha moi intensa e complexa experiencia literaria. Cremos que este novo vieiro que onte iniciamos pode contribuír a facer máis interesante e singular os nosos certames. Agardamos respostas.

Onte 1246: Sempre Rosalía

doodle_24-02-2015

O doodle de Rosalía de onte supuxo un importante incremento da visibilidade na rede en todas as comunidades autónomas da celebración do 178 aniversario do nacemento da nosa escritora fundadora. A mobilización nas redes sociais baixo a etiqueta #EuSonRosalia, as numerosas actividades nos centros educativos e nas súas bibliotecas, a pesar de non formar parte aínda do calendario escolar, como as promovidas por colectivos culturais e feministas, constituíron a cerna dunha efeméride que devagariño vai acadando maior centralidade no calendario galego do libro e da lectura. O fenómeno Rosalía, a simpatía que supón como icona primeira do país, como personaxe predilecto dos galegos e mesmo como marca máis universalizada da literatura galega explica o éxito dunha efeméride literaria con vontade de converterse en efeméride nacional. Sempre Rosalía!

Despois da rotonda

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito da rotonda de Coia.

2015021904052467807As fotografías do Bernardo Alfageme escoltado pola policía cando era trasladado dende as gradas de Beiramar á rotonda de Coia formarán parte das historias tristes de Vigo. Esta pintoresca travesía nocturna por terra é un caso insólito en Vigo, onde os barcos nunca precisaron de ser protexidos por dotacións policiais, onde son benqueridos pola cidadanía fondeados no anfiteatro natural da ría, atracados nos peiraos ou colocados sobre as gradas dos estaleiros. Os vigueses fomos educados, e continuamos educando ás novas xeracións, no respecto polos barcos e polas persoas que neles traballan. Vigo é unha cidadebarco, unha cidade portuaria capaz como abella da ribeira de construír dende hai máis dun século as embarcacións máis diversas que, como lembrou Valentín Paz Andrade, abriron as rotas do mar de Galicia.

Vigo ten o seu ADN na ría. Os guindastres e os barcos en movemento, as buguinas das factorías da Beiramar, por ventura, aínda marcan o latexar da cidade. A cidadanía viguesa ama os barcos, sabe do seu valor, transmitido na memoria familiar de milleiros de obreiros das factorías e dos mariñeiros que participaron en longas e perigosas mareas dos mares do alén. Xaora, en Vigo chantar un pesqueiro de 24 metros de eslora nunha rotonda non semella unha boa idea. Non serve para convertela en icona da cidade nin tampouco para poñer en valor unha peza do patrimonio da nosa industrial naval e cultura marítima, que hai unha década foi incorporada ao patrimonio municipal por unanimidade de todos os grupos políticos para ser conservada como “buque-museo” e utilizada con finalidades educativas e culturais. Quen tivo a ocorrencia (non sei chamala doutra forma) de chantalo para adornar a rotonda de Coia, ademais, non comprendeu que isto era un disparate nunha cidade onde a arquitectura móbil dos transatlánticos e ferries, que se cruzan decote entre os edificios e as torres da Colexiata, si forma parte da súa identidade.

Alleo a este tipo de ideas e aos argumentos do movemento veciñal e de entidades sociais de Coia, que consideraban innecesaria esta actuación ornamental e faraónica nun barrio con importantes carencias sociais e un elevado nivel de desemprego, Abel Caballero impuxo contra vento e marea o seu criterio de chantar o barco na rotonda, mesmo en contra do criterio da maioría da cidadanía viguesa, representada na corporación polo Partido Popular e o BNG, e expresada en dúas votacións plenarias. Transformouse así o conflito da rotonda de Coia en expresión dunha forma que criamos superada hai décadas da xestión dos problemas veciñais, onde os responsables do concello non deixaron espazos ningúns para a participación das entidades do barrio nin para un debate cidadán sereno nos medios onde se confrontasen argumentos nin sequera para a negociación sobre o caso por parte das forzas políticas. O despregue de numerosos efectivos da policía local e algúns excesos verbais dos responsables do equipo de goberno queceron aínda máis un conflito que se foi convertendo en expresión do malestar cidadán polos déficits das políticas sociais do concello e polas formas da alcaldía de entender a xestión do espazo público. Sorprende que o equipo de goberno socialista non identificase que este conflito é apenas o síntoma, se queremos chamalo “a anécdota”, das doenzas sociais provocadas pola crise nun barrio/cidade coma Coia que, ademais, tras case cinco décadas da súa apertura precisa de actuacións urxentes sobre as súas infraestruturas e servizos básicos.

Sei que moitas veces os datos estatísticos son tan antipáticos coma clarificadores. Segundo o ránking publicado polo Ministerio de Facenda, os 66,8 euros de gasto en protección social por habitante sitúan a Vigo no posto 2.945 (por detrás da Coruña) entre arredor de cinco mil localidades. Unha posición que explica as carencias neste eido denunciadas de forma reiterada pola asemblea de movementos sociais de Vigo, como non abonda coa actual política de axudas municipais de emerxencia social que non sempre chegan ás persoas que as precisan.

Xaora, o máis decepcionante do conflito da rotonda foi a incapacidade dos responsables municipais, sobre todo do alcalde Abel Caballero, de tender unha man de diálogo co veterano movemento veciñal de Coia, cuxa traxectoria ética, compromiso cos problemas do barrio e coas persoas máis desfavorecidas é incuestionable. Os problemas políticos abórdanse nas mesas de negociación. Non hai outro camiño. Nun marco democrático o exercicio do goberno require sempre dun esforzo continuo de interlocución interinstitucional e da existencia de canles de diálogo coa cidadanía. Sen esquecer que non hai maior icona para unha cidade que a calidade de vida de toda a súa veciñanza. Algo a considerar tras o conflito da rotonda.

Onte 1245: «Cuarto minguante»

casal_de-arman_21_02-2015Non pode quedar atrás recoller as palabras que Pilar García Negro pronunciou no serán do pasado sábado en Casal de Armán na presentación de Cuarto minguante, a primeira novela de Bautista Álvarez. Comezou a profesora da UDC sinalando que «a vocación de Bautista sempre fora dupla, política e literaria», para engadir despois que o autor adquirira ao longo da súa vida «unha grande cultura literaria, especialmente clásica». Lembrou o acto de presentación no verán de 2013 de Retallos daquela infancia, o libro de relatos que o adscribía «á filiación de Fole e Castelao pola utilización dun humor moi elaborado con aparencia de sobriedade. Considerou que «con Cuarto minguante expresaba o seu auténtico oficio de escritor.»

XG00233901A presentadora debullou o título da novela, que fai referencia tanto a un declive como unha semellanza dun elemento físico, indispensable para resolver a intriga que se propón desvelar ao lectorado. Sinalou o carácter de notario do narrador, xa que o personaxe de Ismael terá que construír a súa identidade na emigración, sendo a súa vida o río principal dunha narración na que hai outros afluentes moi interesantes. Reflexionou Pilar sobre o fenómeno da emigración galega e os prexuízos a ela asociados, até considerala como «unha fatalidade, até interiorizala como un destino natural, ao que non foi alleo a ignorancia do mapa, sendo como sinalou a poeta Pilar Pallarés “a xeografía unha facilitadora da emigración”.» E como tal lembrou unha frase do texto: «desprezo por desprezo, é preferible o de Buenos Aires.» «Na novela de Bautista non hai, polo tanto, un gramo de idealización. A emigración non resolve senón que agrava os problemas dos seus protagonistas.»

Antes de rematar, destacou como os maiores acertos da novela, ademais dos retratos desta epopea emigrante e da igrexa católica, a participación do autor na narración, «que sabe facer con moita sabedoría», así como o humor e ironía presente en moitas páxinas. Entre as coxeiras da novela, sinalou «o errado tratamento das personaxes femininas, apenas proxección das masculinas, que debeu ser evitado.»

Onte 1244: «A teoría do todo»

Theory_of_EverythingChamoume a atención o feito de que o biopic sobre Stephen Hawking, un dos científicos máis destacados do noso tempo, quedase resumido nunha historia de amor de mocidade. The Theory of Everything non é outra cousa que unha película romántica de inequívoco arrecendo british, ambientada nos corredores da Universidade de Cambridge dos anos sesenta e alicerzada sobre os valores da familia tradicional burguesa. Percíbese decontado que a película é unha adaptación das memorias de Jane Hawking, a admirable protagonista, muller de aparencia fráxil, mais capaz de soportar a erosión que sobre a parella e durante vinte e cinco anos provocaba a doenza brutal do cada vez máis famoso científico, que a medida que foi perdendo o seu control psicomotor intensificou a procura dunha explicación sobre a orixe do tempo, formulando a teoría do todo. As interpretacións dramáticas moi logradas de ambos os dous protagonistas (a Eddie Redmayne valeulle onte un Óscar) salientan nunha película discreta, aínda que menos doutrinal do que era previsible.

Onte 1243: Somos Nós

somos_nos_21-02-2015O éxito da presentación de Somos Nós onte en Compostela expresa que unha parte da sociedade galega nin se resigna nin está disposta a que Galicia desapareza como suxeito político. Baixo a forma dunha asociación, este movemento cidadán proponse como o seu primeiro obxectivo acadar que Galicia recupere a súa centralidade na axenda pública, asumindo no transversalismo, na independencia dos partidos polítcos e na pluralidade ideolóxica e diversidade xeográfica dos seus membros unha nova forma e entender a intervención política no noso país. Nesa idea insistiu Anxo Quintana que ao comezo da súa intervención aclarou que «Somos Nós non é un movemento para unir ou refundar o nacionalismo, xa que a súa misión é moito máis ambiciosa: unir a todos os galegos e galegas ás que lles importa Galicia.« Recuperar a autoestima, a esperanza e a dignidade, confiar nas posibilidades propias, acadar que o compromiso co país sexa unha idea hexemónica na nosa sociedade, marcar unha liña entre a vella e a nova política foron ideas presentes nas intervencións dos promotores da nova iniciativa que pretende continuar a tradición das Irmandades da Fala e de Nunca Máis. Aí estaremos, contribuíndo dentro das nosas posibilidades a darlle pulo.

Onte 1242: Encontro de irmandade

4f8548b5d4d54-derbi3Que #onosoderbi non fose declarado «partido de alto risco» é unha excelente noticia para o fútbol galego, mais tamén un recoñecemento da madurez das afeccións deportivista e celtista para abordalo. As declaracións de onte do adestrador e presidente do Celta e de Víctor Fernández aventuran os mellores indicios dun encontro intenso na lameira, competido tacticamente, mais tamén unha auténtica festa do «fair play» e do »xogo bonito» de dous equipos que chegan nun bo momento, que agardo se transforrme nas bancadas en auténtica irmandade galega. Xaora, semella fenómeno doutro tempo, felizmente superado, que o derbi galego sexa un enfrontamento cainita e perigoso para xogadores e seareiros. No entanto, como nesta rivalidade galega cadaquén ten que termar das súas cores, agardo o mellor resultado posible para o Celta e unha boa viaxe para os mil cincocentos celtistas dispostos a agarimar aos seus no sempre difícil estadio de Riazor.davila_onosoderbi_2015

Onte 1241: «Antípodas» de Xosé Vázquez Pintor

XG00211201Na libraría Maraxe de Cangas do noso admirado Lito acompañamos onte a Xosé Vazquez Pintor na presentación de Antípodas, a súa novela máis poética de derrotas e resistencias. Confesou Pintor que a novela escribiuna mentres estaba baixo mínimos, cando padecía as secuelas dun infarto severo. «Nese medo agarreime ao que podía esquecer, a todas aquelas baiuras que me podían salvar a vida». Definiu Antípodas como «unha resonancia magnética en tempo de acordar», consciente de que «a casa non é para os contramedos senón para a rosa, un lugar onde soñar.» «Esta foi a miña terapia, fuxindo da despedida». Xustificou despois a brevidade dos capítulos, «para que a lucería fose amiga onde nos ver, eu precisaba desabafar, botar fóra con urxencia.» Insistiu na «importancia de deixarnos bicar pola lingua, quizais porque teña tendencia ao feminino», así como de enriquecernos coas palabras da tribo, «co seu significado e a súa expresión artística». Antes de ler tres dos capítulos, fixo un chamamento ás novas xeracións para que bebesen na fonte da lingua popular e a transmitisen aos seus fillos.