Onte 1142: Achégase Cultugal 2014

Culturgal_2013Faltan pouco máis de tres semanas para que abra as portas Culturgal 2014 no Pazo da Cultura de Pontevedra. O equipo de traballo dirixido por Xosé Aldea pecha estes días un voluminoso e moi diverso programa de actividades, que será presentado o venres 21 de novembro. A incorporación da cultura gastronómica como eixo transversal, así como unha novidosa exposición de artes plásticas e un vermú cultural no que estarán convidados a participar membros das directivas das diversas asociacións de creadores serán algunhas das novidades da programación dunha feira que se constrúe sobre a corresponsabilidade dos seus expositores e dos públicos que a visitan. Xaora, pódese votar até o 18 de novembro o premio do público entre tres magníficas candidaturas, Cineuropa, Viñetas desde o Atlántico e Diario Cultural. Convén, pois, ir reservando nas axendas as datas do Culturgal 2014: do 5 ao 7 de decembro.

Campo do Fragoso CLVIII

Celta_Granada-Caparrós-958x538EFECTO CAPARRÓS

Despois dunha semana de gloria, na que se xuntaron a proeza histórica no Camp Nou e a chamada a selección de Nolito, que supón un recoñecemento de Vicente del Bosque ao noso extremo artista, mais tamén á calidade do xogo do cadro celeste, na noite chuviosa do pasado sábado o Celta reduciu unha marcha a súa velocidade fronte a un durísimo Granada baixo os beneficios do “efecto Caparrós”.

O veterano adestrador andaluz soubo tecer outra vez con éxito o seu farrapo táctico capaz de dificultar o xogo combinativo celeste e mesmo poder levar os tres puntos como froito dalgún contragolpe. Nada que poida sorprender de quen como adestrador do Deportivo, Sevilla, Mallorca e Levante só perdeu nunha ocasión en Balaídos, naquel derbi de abril de 2007, na tempada do último descenso, sendo adestrador celeste o efémero Stoichkov, grazas a aquela bóla máxica de Gustavo López que Baiano soubo matar na área pequena.

Dende o inicio, Caparrós intentou gañar a partida no encerado táctico. Dispuxo de dúas liñas de catro moi xuntas, capaces de entremesturarse coa facilidade dos fíos dun nobelo, que impedían a Krohn-Dehli e Hernández abrir xogo sobre os seus extremos ou enviar sobre Larrivey, que libraba unha durísima batalla física cos centrais visitantes. Con ese farrapo táctico, executado con enorme disciplina e sen desbotar o contacto físico ao límite do regulamento e as condutas antideportivas no gume do “fair play”, Caparrós creou un valado moi difícil de superar. Con todo o Celta, soubo ser paciente, non perdeu a confianza, iso si, deixando a maior responsabilidade a que fosen Hugo Mallo e Orellana os que dende as bandas abrisen algunha fenda. Nas accións do internacional chileno chegaron as mellores ocasións. Roberto, o porteiro chantadino do Granada, agasallou unha pelota que Hernández, a porta baleira, non soubo aproveitar. Mágoa, tamén doutra clarísima, a gran cabezada de Sergi Gómez nun saque de recanto de Nolito ao pao longo que quedou frouxa. Caparrós renunciaba ao ataque conformándose con enviar globos por riba do seu valado sobre Sissoko e Córdoba, dúas torres adiantadas, que obrigaron a un gran Radoja a facilitar as axudas aos seus centrais.

Tras a reanudación, Caparrós continuou levando a iniciativa táctica. Fixo os tres trocos decontado procurando sorprender á defensa galega. Como xa é adoito, Berizzo tardou moito en introducir cambios. Fíxoo con escaso acerto, cando o equipo recuaba, amedrentado por dez minutos máxicos do Granada nos que Rochina, un dos recén incorporados, errou dous remates que ben puideron levar ao Celta á lona. Só nos dez minutos finais, o Celta recuperou o pulo, grazas ao paso atrás de Caparrós, para quen o empate era un bo resultado, como tamén pola entrada de Álex López, un xogador fulcral para upar ao equipo sobre a área rival, hoxe por hoxe moi por diante en forma e determinación ca Pablo Hernández. Mágoa que nin os barullos na área nos seis minutos do desconto nin o derradeiro remate de Orellana que Roberto despexou de milagre modificasen o resultado. Aí estiveron dous puntos.

A pesar do difícil que é contrarrestar en Balaídos o “efecto Caparrós”, o Celta puido e debeu gañar o partido. Desta volta, a Berizzo faltoulle a intuición necesaria para introducir antes na lameira a Álex López e a Fontás, e mesmo a Santi Mina ou Charles, que quizais puideran ter creado outras superiorades en ataque e evitado algúns disgustos defensivos froito do inevitable cansazo de enfrontarse a un rival fisicamente superior. Xaora, este empate constitúe apenas unha mudanza a unha marcha máis corta que pode axudar a introducir máis rotacións no cadro, imprescindibles para afrontar con garantías unha competición da que faltan por xogar aínda case tres cuartas partes.

Onte 1141: Tras o 9N

Se utilizamos termos deportivos a consulta popular promovida onte polo Govern sería considerada un amigable e, polo tanto, non computaría para competición oficial ningunha, mais si quedaría recollida a súa celebración e o seu resultado no historial colectivo e de cada un dos seus participantes. Do mesmo xeito, a consulta catalá do 9N, tanto pola importante mobilización que supuxo como pola súa repercusión internacional, supón un fito no proceso de autodeterminación, xa que marca unha clara perda de peso do estado en Cataluña e reafirma a vontade dunha parte significativa da súa cidadanía de decidir o seu futuro. Inevitablemente, despois do 9N abrirase a posibilidade dunha convocatoria de referendum acordada con Madrid (o que semella case imposible) ou dunhas eleccións plebiscitarias, tras as que de existir unha ampla maioría soberanista, os gañadores declararian de forma unilateral a independencia de Cataluña. Diante de semellantes escenarios, é comprensible a preocupación dalgúns integrantes do nacionalismo español, que reclaman se actúe de forma contundente para manter a unidade da España. Para ser o 9N un amigable, chégalle ben coas súas consecuencias.

Onte 1140: O caso Monago

Na conferencia de «buen gobierno» do PP, Monago prometeu devolver os cartos ao Senado, o que constitúe acudir á institución do «trasacordo», xa que o día anterior confesara que as súas viaxes privadas foran pagadas do seu peto. Até agora os seus líos coas facturas das súas viaxes pertencían á categoría de «derroche de cartos públicos», comportamento quizais amparado nos privilexios dos que gozan algúns servidores públicos. Xaora, tras semellante trasacordo, o caso Monago entra nos territorios máis complexos da mentira, esoutra clase de inmoralidade tan frecuente na clase política, capaz de negar a evidencia de fotografías, facturas e outros documentos sen que os seus protagonistas asuman responsabilidade política nin xurídica ningunha. Co doado que sería para Monago demitir e recoñecer que viaxou con cartos públicos a visitar a súa namorada. Con casos así vexo difícil que Rajoy convenza a cidadanía da sinceridade dos seus propósitos de rexeneración democrática e loita contra a corrupción.

Onte 1139: «O Gran Reino» en Librouro

O_Gran_Reino_Librouro_07-11-14

XG00188801No marco do programa «Venres nas librarías», presentamos onte en Librouro O Gran Reino, a novela de Eduardo Santiago gañadora do premio Jules Verne de literatura xuvenil. Pechabamos así o proceso de recuperación deste premio co que Xerais pretende fomentar un xénero decisivo para a formación do lectorado literario.

Nas palabras limiares sinalei a importancia da narrativa de Eduardo Santiago, autor até agora de dúas novelas de ficción científica, 2044 e A teoría do tempo imaxinario, escritas ambas as dúas dende unha perspectiva feminista, nas que destaca o papel fundamental da muller como motor do cambio político e social. Compromiso e perspectiva feminista que profundiza n’ O Gran Reino, novela na que abandona o xénero da ficción científica para ofrecer unha narración de corte realista sobre o problema tan complexo como son os trastornos da conduta alimentaria e na que o mestura un mundo paralelo de fantasía, o Gran Reino de Margonia.

Sinalei como grandes acertos desta novela cativadora e de lectura engaiolante o deseño dunha gran protagonista, Galadriel, unha homenaxe a J.J. Tolkien, que ocupa toda a novela, desenvolvendo as súas altas capacidades, o seu coñecemento como lectora compulsiva, a súa creatividade desbordada e a súa capacidade para liderar ás súas compañeiras (mesmo ás que lle dobran a idade) da unidade somática onde foi internada. Gala, ademais, será a creadora de Margonia e dos seus catro reinos (Lesiu, Nerun, Lar e Maltar), de cada un dos seus espazos e dos seus moi diversos habitantes. Unha fantasía, concibida sempre como unha creación humana, capaz de argallar un enigma matemático complexo que a súa terapeuta, a doutora Regueiro (e de paso todas as persoas que len a novela), se verá obrigada a intentar resolver.

Na súa intervención Eduardo Santiago expresou o seu compromiso de escribir a novela dende unha perspectiva feminista. Confesou que estaba baseada nun feito real moi duro e que Margonia era unha creación da súa filla Raquel, ela foi a creadora de todos os seus mundos e personaxes, mesmo dos debuxos que aparecen agora publicados. «A novela acabeina hai sete anos, mais daquela había algo que non me convencía de todo. Retomeina o pasado ano e grazas a un traballo escolar da miña filla máis nova ideei a estrutura fractal dos mundos de Margonia.» «Creei un enigma matemático complexo, que quedou sen resolver na novela, coa intención de que os lectores e lectoras poidan resolvelo a partir das pistas que se proporcionan. A verdade que estou pensando en escribir unha segunda parte na que desencriptarei o enigma.» «Gala ten todo na vida, mais fáltalle un pequeno detalle: a felicidade. Mergúllase nunha lectura compulsiva e remata por crear un mundo fantástico, que para ela é tan real como o que vivimos nós.»

Onte 1138: O «blogomilo» no «Sermos»

A_fondo_sermos_06-11-14

Lin con moito interese o «A fondo» que Sermos Galiza dedica esta semana ao blogomillo. Acerta Tati Mancebo, a coordinadora do suplemento, ao escoller as voces que valoran, case dez anos despois, o que foi a primeira rede hipertextual en galego, na que (como sinala Uxía Casal «Gradicela») compartimos afectos e ensaiamos con esta textualidade nova para a maioría de nós. Pareceume fulcral o artigo de Pedro Silva «Goretoxo, fundador de Blogaliza e do movemento de blogs na nosa lingua, no que defende o papel dos blogs como arquivo permanente, unha idea que sempre compartín como esencial. No entorno actual da saturación provocada por redes informativas como Twitter ou sociais como Facebook, onde sobra ruído e lercheo, os blogs manteñen o seu papel central na conformación da identidade dixital dos seus autores, tanto pola posibilidade de acceder ao seu arquivo como pola de etiquetar con detalle o seu contido. Utilidades que, como tamén sinala Gracia Santorum no seu artigo, converten aos blogs en utilísimos recursos didácticos. Como salienta Martín Pawley, outro dos fundadores dos blogs en galego, máis alá da vixencia do «blogomillo» como etiqueta, os blogs continúan sendo o soporte máis cómodo para compartir na rede a escrita en galego, sendo o arquivo fundamental desta textualidade.

Onte 1137: Outra Ameixeiras

XG00187801Diego Ameixeiras encabeza a renovación do xénero negro en galego. Tras oito novelas nunha década, tras diversos premios e, sobre todo, despois de ser capaz de crear unha sociedade de adictos, Ameixeiras conseguiu modernizar de forma radical o noso xénero criminal. A brevidade das historias e da escrita, a economía expresiva e a precisión dunha prosa esencial, a dosificación da información, o artellamento de tramas cruzadas, a recreación de espazos urbanos (ourensáns unha veces, composteláns outras) son algúns dos elementos utilizados polo narrador ourensán para retratar coa precisión dun ciruxián a precariedade do noso tempo. Este novembro recunca con Condude rápido, novela na que afonda nas posibilidades do seu modelo da man de dous irmáns que agardan por un golpe de fortuna que os saque da merda de vida que arrastran por Compostela. Outra entrega cen por cen Ameixeiras que aventuro entusiasmará aos seus seareiros e seareiras e deslumbrará a aqueloutros que visiten por vez primeira este universo.

Onte 1136: Premio Nacional para o «Ulises» de Galaxia

Cando regresei de traballar no Porto souben da noticia do Premio Nacional de Tradución para a versión galega do Ulises de Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. A calidade do traballo literario do texto galego editado por Galaxia é incuestionable, como xa foi recoñecida polos premios outorgados por editores, libreiros e escritores; como tamén é de gabar o risco asumido pola editora viguesa publicando un dos cumes da literatura universal nun dos momentos máis adversos para o mercado do libro literario en lingua galega.

Na cada vez máis ampla nómina de premios nacionais da edición galega, penso que está é a quinta vez vez que se outorga un nacional a unha tradución galega. Xaora, convén lembrar que en 1985 Teresa Barro e Fernando Perez Barreiro recibiron o premio pola súa versión de Alicia, en 1988  Antón Santamarina pola súa versión de Pinocchio e en 1989 Valentín Arias e Raquel Villanueva por Mondo e outras historias de Le Clézio, todas as tres editadas por Xerais na colección Xabarín e baixo o descritor de «Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís», sendo a da Biblia de Sept en 1990 e esta do Ulises de Galaxia as dúas que até o momento foron premiadas na modalidade de «Premio Nacional á mellor tradución» en calquera das linguas oficiais españolas.

Desexo que este recoñecemento axude a recuperación da autoestima do sector profesional da nosa edición comprometido dende hai máis de tres décadas coa normalización do noso sistema de tradución, mesmo a pesar de contar coas cativas axudas existentes. O Ulises de Galaxia demostra que hai editores galegos que continúan asumindo proxectos difíciles, conscientes que son necesarios para enriquecer o patrimonio da nosa lingua e as posibilidades de elección do seu lectorado. Parabéns ao equipo de tradución (non debe ser doado traballar a oito mans) e ao cadro de profesionais de Galaxia por un premio tan merecido que como editores galegos nos enche de fachenda.

Onte 1135: «Ovella descarreirada»

XG00226801Imos pechando as novidades editoriais do ano. Tras a nova novela de Ameixeiras e o segundo volume da Historia da Literatura Galega de Pena, chegou onte Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Un libro que contén trinta e tres poemas, que carecen de puntos e comas, definidos pola súa autora como «coágulos de fala». Incluído na colección Milmanda, un caixón de xastre onde incluímos títulos que cremos contribúen á formación do lector literario, a maioría destes poemas de Marilar naceron coa vontade de ser cantados, outros de ser representados na escena ou xogados na aula, e todos eles para ser lidos, pronunciados gorentosamente para celebrar a festa da fala nosa. Polbos, fanecas, baleas, abellas, ovellas, curuxas, ourizos e outra animalia protagonizan este libro que arrecende a maruxía e chorimas esfragándose en primavera. Óscar Villán realizou outro dos seus grandes traballos. Aventuro que algunhas das súas planas formarán parte de antoloxías futuras da ilustración galega.

Oscar_Villán_Ovella_descarreirada

Onte 1134: Ética do público

A9Ree0-8501dAs enquisas publicadas onte sitúan a Podemos á cabeza da intención de voto nas próximas Xerais. A baixada dos partidos sistémicos estatais, cun derrube espectacular do PP, xunto co mantemento das expectativas dos nacionalistas, completan o taboleiro deste tsunami na política española. Non foi o desemprego por riba do 25 % nin a devaluación salarial nin a cuestión catalá a que pasa agora factura a Rajoy e alenta as posibilidades de Pablo Iglesias e o seu partido en formación. A corrupción é o factor decisivo da caída dos conservadores, máis tamén dos socialistas e de IU (ollo aos efectos que pode ter en Galicia sobre AGE), «partidos da casta» (na linguaxe de Podemos) aos que a cidadanía identifica como responsables principais das doenzas do sistema corrupto: o financiamento ilegal, o suborno, o cobro de comisións por obras e servizos adxudicados e, sobre todo, esas vidas a corpo de rei pagadas aos seus membros cos impostos dos cidadáns. No entorno desta catastrofe non abonda con pedir desculpas, como pretenden algúns responsables do PP de comunicación e mercadotecnia política. Mentres os abusos non sexan investigados xudicialmente e estes partidos sistémicos non acuñen unha nova ética do servizo público, un código que afecta tamén ao funcionariado e ao empresariado, moi dificilmente pode existir en España un discurso crible de rexeneración democrática. En Galicia, os partidos nacionalistas e da esquerda, se son capaces de forxar un discurso claro e sincero da ética do público e de reconstruír a súa unidade de acción, reforzada polas novas iniciativas e mareas cidadás, poden ter a gran oportunidade da que en España goza agora Poemos.