Onte 1021: Agustín en Trasalba

Agustin_Fernandez_Paz_29-06-14

Excelente xornada nos Chaos de Amoeiro acompañando a Agustín Fernández Paz onde recibiu o Premio Trasalba 2014. Magnífica a laudatio do editor e escritor Francisco Castro que definiu a Agustín como un dos mellores escritores do noso tempo, salientando o seu porte humilde e o seu traballo batallando a prol dunha nova escola en galego, «un escritor fiel á memoria cos ollos no futuro».

Comezou a súa intervención Agustín declarándose «descendente da xeración Nós, coa que comparto o seu ADN, esa dobre hélice de considerar Galicia como célula de universalidade», para despois lembrar a epifanía de Adrián Solovio diante da carta xeométrica de Galicia. A seguir defendeu a práctica pedagóxica como unha forma de transformar o mundo, enumerando os diversos colectivos pedagóxicos nos que participou, dende o Grupo Católico de mestres da Coruña, o Movemento da Escola Popular Galega, o Grupo Avantar de Ferrolterra, Nova Escola Galega, o Gabinete da Reforma Educativa, os Coordinadores Docentes de Galego, até os diversos claustros dos que formou parte ao longo de máis de tres décadas de exercicio profesional. Para Agustín este Trasalba que recibía supón un recoñecemento do traballo de toda unha xeración de profesorado a prol do modelo de escola pública galega. Lembrou aos seus compañeiros da Xeración Lamote, «que asumimos que o centro do mundo está na nosa mesa de traballo», para poñer a Islandia como exemplo onde debe espellarse a literatura galega.

Ocupouse despois do estado da lingua, lembrando como en Villaba os rapaces coleccionaban ovos de paxaro. «Gardabámolos en caixas de zapatos e para que non apodrecesen, faciámoslles uns furados por riba e por baixo e soprábamos ata que quedaban baleiros, co que en realidade a nosa colección era unicamente de cascas. Pregúntome se a Constitución, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, non se converten ás veces en verdadeiras cascas baleiras como aquelas, pois na sociedade galega, sobre de todo nas cidades, os galegofalantes temos a liberdade limitada». «Preocúpanos o que está sucedendo no ensino, hoxe non é posible acadar a dobre competencia, a que permite a libre elección».

Rematou Fernández Paz unha intervención memorable remedando as frases de Otero Pedrayo, «o pombeiro de esperanza para a lingua está na rede e en todas as súas iniciativas», e Florentino López Cuevillas «calquera traballo que emprendades en nome de Galicia, grande ou pequeno, duro ou livián, é sempre sementeira».

Onte 1020: Caprichos da historia

Non me pareceu unha coincidencia fortuíta, cando se cumpren tres décadas do traslado a Bonaval dos restos de Castelao e setenta e oito do referendum do Estatuto, que Feijoo no acto de entrega das medallas Castelao equiparase á Guerra Civil como «capricho da historia»; como tampouco que a presidenta de GB, tras o discurso de proclamación de Filipe VI, reaparecese nos medios cualificando a Castelao e a outros nacionalistas como figuras «xenófobas e excluíntes». Despois do acontecido en 2008 coa consigna da «imposición del gallego», acuñada pola profesora viguesa e utilizada electoralmente polo Partido Popular, agoiro que estamos diante dunha nova fase da teimosa estratexia do pensamento españolista conservador contra o Galeguismo. Desta volta, tras o éxito acadado na batalla contra «la imposición del gallego», intúo que, apelando aos valores da tolerancia e integración, abrirase outra contra a presenza das figuras do galeguismo republicano nos currículums escolares, argumentando, como xa fixo a responsable de GB, que representan «as ideas de racismo, exclusión e enfrontamento». Quedou aberta a batalla contra o «galeguismo excluínte», termo utilizado onte por Feijoo no discurso das medallas Castelao. Bo é saber estas cousas para evitar sorpresas.

Escaparate 26/2014: Libraría Biblos (Betanzos)

Biblos_Betanzos_26-06-2014

Escaparate da Libraría Biblos de Betanzos do 26 de xuño de 2014 con parte da obra poética dos autores que acompañaron cun recital a pintora e ilustradora Isabel Pintado na súa exposición Xardín de Libros na Libraría Biblos de Betanzos: Diana Varela, Xavier Seoane, Olga Patiño, Xulio Valcárcel, Fernández Naval e Miguel Anxo Fernán Vello, que fixo tamén as presentacións.

Onte 1019: Memorias de Sabino Torres

cronicas-dun-tempo-escondido-pontevedra-1930-1960Coincidindo co seu noventa aniversario, o pontevedrés Sabino Torres publica Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia 2014), as súas memorias como editor e poeta. Coa súa elegancia característica, inserida na retórica clásica, onde que nunca falta o humor e o detalle preciso, o director de Hipocampo Amigo e actual decano dos editores galegos en activo, reconstrúe en trescentas páxinas a historia social e cultural de tres décadas da posguerra, cando a imprenta Torres do seu pai foi o centro da dinamización xornalística e literaria de Pontevedra. Neste tour de force coa memoria Sabino concédelle particular importancia as tertulias literarias daquel tempo miserento dos «luns sen postre», celebradas nos cafés Savoy, Moderno ou Urquín, máis tarde no Carabela, onde impartían doutrina xentes como Ramón Peña, Emilio Canda, Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Negreira, Manuel Cuña Novás, Rafael Alonso, Laxeiro, entre outros moitos escritores e pintores citados.

Xaora, foron do meu maior interese os capítulos dedicados á édición, nos que se relata a experiencia da revista Finisterre e do semanario Ciudad, como da colección poética Benito Soto, un capítulo extraordinario polo que Sabino Torres pasará con letras douradas á historia da edición en lingua galega. Mágoa que non profundice en aspectos máis técnicos de edición e, sobre todo, nas razóns que fixeran naufragar un proxecto, aparentemente exitoso, que tiña o proxecto de ampliarse na narrativa e no ensaio, xusto cando nacía a editorial Galaxia. Memorias dun editor galego de lectura engaiolante que merecen atención. Beizóns, mestre!!!

Onte 1018: Abanca

abancalogo

Asistín no serán de onte ao acto de presentación da marca e do proxecto de Abanca, apenas unha hora e cuarto dunha modélica sesión de comunicación corporativa. Mudaron moito os modos no que foron as desaparecidas caixas galegas. Mudaron as formas de comunicación dos líderes do proxecto que falaron sen papeis con micrófonos inalámbricos, apoiándose no soporte audiovisual, movéndose polo escenario, ao xeito dos lideres das empresas punto com. Por ventura, mudou o emprego das linguas, optando polo galego como lingua preferente, tanto dende o rotundo acerto da galeguidade da marca (presente tamén na cor e na escolla tipográfica) coma o seu emprego na comunicación corporativa. E mudou, sobre todo, o discurso, alicerzado agora sobre a eficiencia dunha banca con valores, chantada en Galicia e procurando o liderado no norte de España. Chamoume moito a atención o discurso literario de Juan Carlos Escotet, asumindo e liderando a responsabilidade do novo proxecto, como nas súas formas relacionais, tan afastadas daqueloutras imperiais dos que eran donos e señores das caixas. No remate do acto, no entorno de semellante entusiasmo corporativo, acertou Feijoo cando introduciu unha nota de necesario escepticismo. ABANCA, tras a desfeita das caixas, deberá gañar día a día a reputación perdida cos seus clientes, co seu cadro de persoal e coa sociedade galega á que serve. A estrea de onte, coa sintonía de Carlos Núñez, prometeu. Ogallá dentro duns anos poidamos recuperar esta anotación como a do día no que se presentou un banco en valores ao servizo de Galicia, ogallá.

Onte 1017: Matute

matuteO pasamento de Ana María Matute provócame saudade, a melancolía dóce da marcha dunha narradora moi admirada. Apenas tiven oportunidade de saudala unha vez e aprezar a fortaleza da aparente fraxilidade de quen confesou facer do seu oficio de escritora unha forma de salvación e de inconformismo co mundo, un xeito de promover mudanzas e novos horizontes. Foi unha nena da guerra asombrada polo horror, para quen a fantasía foi unha forma de protexer aos seus lectores e lectoras dos seus medos. Foi tamén unha pioneira, xunto a Carmiña Martín Gaite, nun mundo literario de homes, unha muller capaz de mover límites, superar dificultades e crear unha obra extensa e diversa que aventuro será máis valorada co paso do tempo. Sen esquecer a achega decisiva que fixo á creación da literatura infantil española, como autora de títulos alborais como El polizón de Ulises, premio Lazarillo 1965, ou El saltamontes verde (1961). Beizón, Matute.

O futuro de Samil

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación actual do areal de Samil e as perspectivas do seu futuro, ao fío do concurso convocado polo concello de Vigo do que foi o resturante Jonathan:

jonatahan_samilSamil é a nosa praia viguesa maior, un areal de máis de dous quilómetros que vai dende o Laxón até a Foz do Lagares, que é o mesmo ca dicir dende o Cabo do Mar até o Cabo da Vella. Situada nas parroquias de Alcabre e Navia, cuxa fronteira está na pedra do Sinal do rochedo ígneo das Queimadas, esta formidable franxa de area agoniza maltratada por un paseo de formigón, construído en tempos do franquista alcalde Rafael J. Portanet, que coutou a liberdade do traballo incansable da duna e a vida da súa flora intermareal. Dende as praias do Tombo (ou Chimpo) do Gato, tantas veces mal chamada “playa de la fuente”, e da do Cocho das Dornas, Samil estrícase na praia da Argazada, bautizada nos setenta de forma pixoteira como “playa azul”, e na praia do Tiro das Artes, onde en tempos daba a volta o tranvía, á altura do que foi o Balneario, testemuña silente das faenas pesqueiras que se facían naquel lugar desde o que os mariñeiros de baixura lanzaban as súas artes para logo recollelas polo arrastre dos seus brazos. Samil é dende hai un século o espazo preferido do lecer da veciñanza viguesa de todas as idades, atractivo e referencia dos que nos visitan, tamén espello do contraditorio desenvolvemento urbano vigués, dos erros colosais da desfeita de hai case cincuenta anos e das ansias de recuperación desta peza esencial do patrimonio natural de noso.

Foi un estudo da Universidade de Vigo o que alertou sobre a destrución do areal de Samil, que nas últimas catro décadas perdeu máis do 50 % da súa superficie, e sobre a necesidade dun plan urxente de recuperación das súas dunas e espazo intermareal. Así quedou recollido no Plan Xeral aprobado en 2008 (vixente) que contemplaba a desaparición do actual paseo, así como dos catro restaurantes e instalacións deportivas alí situadas. A este teor, o PXOM no marco dunha reordenación xeral de toda a zona de Samil, prevé, entre outras medidas, a redución a un camiño de servizo de oito metros de ancho da actual Avenida de Samil e o desprazamanto deste vial principal detrás do Hotel Samil. Unha actuación moi ambiciosa (e custosa) que permitiría o retranqueo do paseo urbano até o que hoxe é avenida e que, como xa sucedeu de forma moi exitosa na praia do Vao, facilitaría nuns anos a rexeneración da duna e a recuperación da flora intermareal autóctona. Porén, esta actuación rexeneradora, aprobada no PXOM, enmarcada dentro das actuacións do Ministerio de Medio Ambiente de recuperación das marxes da beiramar, semella que non é pola que aposta agora, inseridos na crise inmobiliaria, o equipo de goberno presidido polo alcalde Caballero.

Quedaron aqueles tan bos propósitos do PXOM sobre Samil, avalados por todos os grupos municipais, previstos para o primeiro cuatrienio da súa posta en vigor, en augas de bacallao? Hai indicios que semellan así indicalo, como o feito de que o concello sacase nesta primavera a concurso unha nova concesión do antigo restaurante Jonathan de Karina Falagan por un período máximo de trinta anos. Un concurso que de facto supón abandonar a estratexia deseñada no PXOM de derrubo dos catro espazos hoteleiros do paseo, unha vez caducase a súa concesión. Así se fixo esta primavera co antigo restaurante As Dornas e así (teoricamente) se continuaría facendo co Camaleón en 2018 e co San Remo en 2022. Existen razóns que descoñece a cidadanía que aconsellen sacar a concurso o restaurante Jonathan (apenas 450.000 euros para as arcas municipais) e abandonar de vez a estratexia prevista no PXOM? Existen outros plans urbanísticos alternativos para Samil capaces de frear un proceso de desaparición das dunas, acelerado nos últimos anos polos efectos do cambio climático sobre a beiramar? É lexítimo que se recorra ao disposto no PXOM para avalar actuacións tan complexas como as de Porto Cabral ou para legalizar edificacións problemáticas e, pola contra, se poida deixar a Samil sen a protección que precisa?

O futuro de Samil está en escoller entre un modelo de praia urbana, cada vez máis reducida e saturada de formigón e instalacións, ou recuperar as que sempre foron as maiores dunas viguesas. Acadar ambas as dúas cousas a un tempo, como pretende o actual equipo de goberno, sería o mesmo ca procurar a imposible cadratura do círculo. Xaora, a extraordinaria evolución da praia do Vao, cada ano máis ampla e cunha vexetación intermareal máis vizosa, na que a area remonta e a duna conseguiu colonizar un paseo de formigón e as instalacións deportivas de Leri, demostran que con vontade política a rexeneración é tecnicamente posible. É imprescindible, pois, abrir un amplo debate cidadán con todas as cartas sobre a mesa sobre cal debe ser o futuro do sistema dunar de Samil nos vindeiros cincuenta anos. Éche unha cuestión principal, está en xogo a supervivencia unha das iconas e alfaias da nosa cidade de sal.

Onte 1016: «All Is Silence»

all_is_silenceA recensión de Eileen Battersby no The Irish Times de All Is Silence (Todo é silencio) testemuña a proxección e o prestixio acadado pola obra de Manuel Rivas en lingua inglesa, ademais da xenerosidade coa que se expresa a crítica irlandesa (como a inglesa), moito menos contida na gabanza e na utilización dos cualificativos ca galega. «Novela marabillosa», «unha novela case irlandesa», «un “tour de force” coas obras narrativas publicadas en calquera lugar e calquera idioma», «posúe unha ollada errante e algunha das mellores liñas da ficción contemporánea» son algunhas das valoracións dunha crítica que gaba tamén o traballo de tradución de Jonathan Dunne e relaciona a novela con outras anteriores de Rivas, The Carpenter’s Pencil (O lapis do carpinteiro) e Books Burn Badly (Os libros arden mal). Para non esquecer. Grande!!!

Escaparate 25/2014: Librería Cronopios (Santiago)

Cronopios_Santiago_24-06-2014

Escaparate da librería Cronopios de Santiago con motivo da presentación d’ A voz do vento de Pemón Bouzas. Foto tirada do FB da librería o 24 de xuño de 2014.

Onte 1015: Transmisión interxeracional do galego

transmision_xeracional

Interesoume moito o anuncio que coñecín onte da celebración en Carballo do 9 ao 11 de xullo do curso de verán «Para transmisión interxeracional do galego», organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL. Ninguén pode negar que as politicas lingüísticas actuais son incapaces de facerlle fronte ao imparable proceso de substitución lingüística, unha fractura (unha hemorraxia) que de non ser pechada (ou atallada) decontado pode levar á desaparición do galego. Só coñecendo e reflexionando sobre os condicionantes determinantes que dificultan ou rachan a transmisión da lingua, outrora natural, no eido familiar e no da escolarización temperán e primeira, será posible restaurar a cadea e enxergar un novo futuro para o noso idioma. Xaora, como demostra o contido do programa do curso, existen experiencias e modelos de intervención que melloran a transmisión interxeracional. Coñecelas e visibilizalas axudará a crear modelos e prácticas normalizadoras. A pesar de non podermos participar, seguiremos pola rede os contidos deste curso tan interesante.