Onte 816: Agasallo.eu

Agasallo.eu foi un dos proxectos que se presentaron no espazo tecnolóxico do Culturgal 2013. É unha plataforma en liña que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego para todas as idades, todo tipo de acontecementos e épocas do ano. Unha iniciativa de visibilización dos produtos e servizos galegos, singularmente da nosa industria cultural (libros, discos, artesanía, tecnoloxía, audiovisual…), textil e alimentaria, ao tempo que de promoción de consumo responsable (tamén na nosa lingua). Promovida pola activísima e sempre innovadora CTNL, Agasallo.eu será presentada oficialmente o vindeiro 11 de decembro e poñerase ne funcionamento ao longo desta semana. Unha iniciativa de normalización moi inclusiva, potenciadora da autoestima e da industria e comercio cultural galego. Chamo a apoiala de forma entusiasta.

Onte 815: Canteiras

Foi o partido do serán de onte un duelo copeiro de canteiras. O vello Balaídos recibiu cos brazos abertos aos leóns de San Mamés e os seus milleiros de seareiros, non esquezamos que o Athletic Club é equipo máis querido e admirado pola afección celeste. Tras unha primeira parte de inequívoco dominio vasco, na reanudación o Celta, con media ducia de canteiráns, oito ao longo do partido, domou a tan feros leóns, primeiro aseñorando o xogo, e despois tamén na táboa de marcas, cun gol de Santi Mina moi pelexado, o día no que o dianteiro cumpría dezaoito anos. Un gran partido de Copa, no que moito brillou a canteira galega. Sergio na portería chapou tres goles feitos, acreditando que contamos con tres gardarredes de garantías, os tres formados na Madroa. Jonny no lateral esquerdo, xogando a perna trocada, foi o mellor dos vinte e oito sobre o campo; defendeu, atacou, rematou, tirou liñas interiores, unha marabilla todo o que fixo o rapaz de Matamá. Hugo Mallo e Álex López, dous valores en alza no mercado internacional, como o central David Costas fixeron un partido excelente, cumprindo a tarefa asignada. E cando saíron Vila e Madinda, no treito decisivo do partido, o equipo gañou maior solidez defensiva. Un gran partido de toda a canteira nosa que demostrou non desmerece á bilbaína, a eses magníficos Muniaín, Iturraspe, Balenziaga, Sanjosé ou Herrera que vimos onte na lameira do Fragoso. O partido de volta o dezanove na nova catedral vai ser deses de sete estralos. Tanto ao Athletic Club coma ao Celta gústalles a Copa.

Onte 814: Seis de nadal

A xornada de onte non foi só á efeméride da aprobación da Constitución, a peza xurídica da restauración monárquica xoancarlista. O seis de nadal os nacionalistas galegos celebramos a fundación do Partido Galeguista tras a VII Asemblea Nacionalista organizada no salón de festas do Hotel Madrid da cidade do Lérez polo Partido Galeguista de Pontevedra. Unha asemblea constituínte decisiva na que os trinta e dous grupos e irmandades presentes acordaron a disolución das Irmandades da Fala e a integración dos seus membros no novo partido; ademais de reclamar, por vez primeira na nosa historia, o dereito de autodeterminación e a redacción dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Seis de nadal, unha data galeguista para non esquecer no «labor de acadar os dereitos de Galicia e facer dela un país próspero e glorioso».

Onte 813: Madiba

Souben do pasamento de Nelson Mandela escoitando a radio mentres regresaba do Carballiño da presentación do libro de Bautista Álvarez. A noticia impactoume. Desque lin no pasado verán a súa autobiografía, un dos textos de prosa memorialísticas máis detallados e engaiolantes nos que me teño mergullado, quedei impactado pola quentura e, sobre todo, pola credibilidade da súa voz. Desque saíu da súa aldea de Qunu até converterse en líder do pobo africano e referente mundial de coherencia e dignidade,  Madiba, o nome do seu clan da nación xhosa, fixo da súa vida relato. Nas seiscentas páxinas da autobiografía emerxe aquí e acolá o papel esencial que concede á educación («a arma máis poderosa que podemos usar para mudar o mundo»), a carón da súa case obsesiva apelación ao compromiso individual na construción de proxectos colectivos. Aquí aparece tamén o home comprometido coa paz, coa xustiza e coa igualdade de todos os seres humanos («debemos promover a coraxe onde hai medo, promover o acordo onde existe conflito e inspirar a esperanza onde hai desesperación»). Páxinas de inequívoca intencionalidade política, nas que Mandela aposta pola non violencia, «que busca o triunfo a través da conversión», como principal estratexia da súa loita. Convicción que, cando pasou á clandestinidade en 1961, non lle impediu asumir a sabotaxe e a loita armada como vía de actuación política («non pode un enfrontarse a unha besta salvaxe coas mans espidas»), nunha das decisións máis controvertidas da súa vida, que pola súa transcendencia non debe ser agochada. Con todo, será nas páxinas do relato estremecedor de case tres décadas no cárcere onde comprendamos como Madiba forxou o seu carácter acolledor e a súa capacidade inclusiva gabada agora de forma tan unánime. A súa grande manda testamentaria radica na súa confianza nas posibilidades de transformación da sociedade e na bondade intrínseca de cada un dos seres humanos («ninguén nace odiando a outras persoas pola cor da súa pel, a súa procedencia ou a súa relixión»). «Ser libre non é simplemente desprenderse das cadeas, senón vivir dun xeito que respecte e aumente a liberdade dos demais.» Madiba deitou doses abondas de dignidade e esperanza.

Onte 812: Première de «Caderno do Nilo»

Magnífica première do Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias nas Portas Ártabras da Coruña. As grandes intervencións dos poetas Antía Otero e Xavier Seoane presentaron o que tras trinta e cinco anos de traxectoria supón o décimo sexto libro de poemas do actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Comezou Antía Otero o seu discurso salientando «a calidade coa que Cesáreo se achega aos autores e autoras novos, preocupándose pola súa situación». Citou Nilo. Cartas de Exipto, o libro publicado por Flaubert en 1850, no que a viaxe se concibe como camiño común. Insistiu na vontade contar, de deixar rexistro presente en todo o Caderno do Nilo, onde Cesáreo «reconstrúe a viaxe de xeito contundente e dupla, a primeira a das lecturas do lugar, a segunda a da viaxe en si, á que habería que engadir unha terceira, o ronsel que deixa a memoria da crónica». Antía rematou o seu texto sinalando que «Cesáreo vive a arte de ver coa de escribir, nun descubrimento continuo».

Pola súa banda, Xavier Seoane comezou calificando a obra de Cesáreo como «longa e variada». «Traballa en verso libre, ofrecendo libros unitarios. Melómano empedernido posúe unha voz lírica con carácter contemplativo. ademais dunha dimensión ontolóxica, existencial e transcendente. Cesáreo é un poeta telúrico, da paisaxe, interesado polo antropolóxico e etnográfico, iniciático. É un lector e viaxeiro empedernido, interesado pola cultura doutros países, procurando alteridade, interculturalismo, é un galego polo mundo». Referiuse despois a Caderno do Nilo, «un libro no que hai unha filosofía da viaxe, no que se experimenta a transformación do eu, coa intención de ver o descoñecido, o que non somos». «Cesáreo é un viaxeiro documentado, capaz de asumir un certo risco. Viaxa cos ollos abertos, onde teñen moita importancia os sentidos, as sinestesias, os sons, os olores». «Este libro lembroume aquilo que dicía Novalis “a poesía é o real absoluto”, xa que é un intento de verbalización da experiencia vivida na viaxe». «Caderno do Nilo ten unha dimensión narrativa, dietarista, ensaística, coma unha visión de todo un mundo. É un libro que partindo da poesía ábrese xenericamente». Sinalou Seoane o ritmo devalante da escritura, que lle lembrou ao mestre Otero Pedrayo, «unha escritura ao ritmo do río, unha especie de pálpito». Non esqueceu salientar Xavier os aspectos estilísticos do libro, «as descricións son impresionistas, perceptivistas e sensibles», «este é un libro moi de pincelada, de alento». «A adxectivación é moi nutrida e as personificacións expresan a respiración da vida». Citou despois algunhas das metáforas que máis lle aquelaron: «A xeometría crea a divindade», «viaxo ás preguntas»… «No libro hai unha ollada de poeta na que xoga entre o real e o irreal, o aprender e o desaprender, entre o grandioso e a escala do detalle, a beleza fronte a beleza, a soidade impregnando para que todo fecundase». Rematou Seoane a súa intervención salientando que o libro concibe «a viaxe como unha experiencia cultural e creativa na que se crea outro tempo mías humano».

Antes de dar comezo o seu recital, Cesáreo agradeceu  as intervencións dos presentadores e confesou que «sempre viaxou para que a nosa cultura volvese enriquecida, toda viaxe é anterior ao centro da propia soidade».

Onte 811: Avanzar contra o descoñecido

Tras a proxección d’ A lingua das bolboretas, Manuel Rivas conversou durante unha hora con mais de dous centenares de estudantes de secundaria vigueses. Foi unha clase improvisada de literatura que resultou memorable. Contestando as preguntas dos estudantes Rivas percorreu algunhas das súas principais conviccións arredor da creación: «a vida ten vocación de conto»; «contamos cunha caixa secreta, onde se garda experiencia e memoria propia e doutras persoas»; «a maneira de andar da literatura e a de Charlot, un camiñar simultáneo cun pé no amor e outro no desamor, un no día e outro na morte, un debate entre as forzas do eros e do tánatos…»; «somos o que soñamos e o que lembramos». Foi a motivación da escrita, as razóns de ser da literatura, o que centrou máis preguntas dos estudantes vigueses. Rivas lembrou a importancia dos contos tradicionais, «unha forma de entreterse, mais tamén de trasladar información, de adestrar os novos para cousas que poden suceder no futuro, ademais dunha posibilidade de exercer o primeiro dereito da humanidade, o de soñar». Referiuse tamén ao papel da escritura, «unha maneira de aprender eu mesmo, un xeito de avanzar contra o descoñecido, contra a propia estupidez», así como á importancia de que «a linguaxe da literatura non pretenda dominar». Lembrou «Os músicos de Bremen» como exemplo de que os contos tradicionais expresan o medo a sermos abandonados, como tamén do feito de que este conto axuda a entender o que sucede agora no entorno da crise, «os animais xuntos vencen o abandono». Entre grandes aplausos dos estudantes Rivas rematou: «o que diferencia ao ser humano é que é capaz de rebelarse fronte á inxustiza».

Onte 810: Finou Schiffrin

Finou André Schiffrin, un dos editores contemporáneos de cultura máis influíntes. Fillo do editor de La Pleiade, Schifrin foi dos profesionais da edición que máis e con maior radicalidade reflexionou sobre o oficio de editor e sobre a edición coma sector cultural e económico no marco da denominada «globalización». A publicación en España no ano 2000 do seu ensaio La edición sin editores, no que anticipaba o diagnóstico dos males que padece hoxe o modelo de edición cultural europeo forxado tras a segunda guerra mundial, ao fío do comezo do proceso imparable de concentración en grandes grupos de edición, provocou un grande impacto, converténdose para moitos de nós en referente de análise. Como tamén o foi o seu seguinte libro, El control de la palabra, onde relataba con detalle o proceso de derrubamento do «imperio Vivendi» e, ás portas da revolución da dixitalización do sector, propoñía un modelo de edición alternativa independiente para rematar co conformismo do sector en Europa. Finou un mestre da edición contemporánea, un editor crítico, inconformista, rabudo, coma correspondente co noso oficio.

Onte 809: Culturgal 2013, día de clausura

O domingo do Culturgal 2013 volveu ser outra xornada magnífica tanto polo número, diversidade e calidade de actividades do programa como pola resposta entusiasta do público que volveu petar o Pazo da Cultura pontevedrés. Segundo estimacións da organización foron 14.000 as persoas que ao longo destas tres xornadas visitaron Culturgal 2013, a cifra máis elevada das edicións celebradas en Pontevedra. Como tamén semella significativo que case un vinte por cento dos visitantes apoiase o evento adquirindo unha chapa de «entrada responsable» ou que as vendas da tenda aumentasen con respecto á edición anterior. Culturgal consolidouse como o evento anual de referencia para o encontro en man común dos diversos sectores das industrias culturais galegas. Un feito ao que non é alleo o éxito de público, que aumenta en cada edición. A participación de públicos diversos, con forte presenza do que denominamos como «público familiar» (os picariños e a súa ledicia son os protagonistas da feira), permite enxergar un horizonte esperanzoso para a cultura galega. Fronte ao conformismo paralizante, fronte aos modelos rotineiros, Culturgal 2013 conseguiu de forma creativa e paciente mobilizar a ese público que acredita na existencia do produto cultural galego. Ademais, Culturgal 2013, a pesar de contar con menos recursos públicos ca nunca, acuñou un novo xeito de facer as cousas, ampliando límites e superando prexuizos. A organización foi modélica polo rigor na confección do programa e no respecto de horarios e compromisos; máis tamén pola serenidade para afrontar dificultades e polo apoio e agarimo con todas as persoas, fosen as expositoras, as convidadas ou cada unha das visitantes. Os meus parabéns por esta proeza a todas as persoas do equipo organizador dirixido por Xosé Aldea. O vindeiro 2014, máis Culturgal!

Onte 808: Culturgal 2013, día grande

Foi o sábado o agardado día grande do Culturgal 2013. Dende primeira hora da tarde o público familiar petou o Pazo da Cultura pontevedrés. Para nós, o grande protagonista da xornada (na que se desenvolveron medio cento de actividades moi diversas) foi o escritor Manuel Rivas (un clásico nas seis edicións de Culturgal). No espazo infantil contou e cantou O raposo e a mestra diante de varios centos de pequerrechos, axudado pola incrible sonorización musical que do seu relato fixo o xenial Cé Orquestra Pantasma. O pasecorredoiras final de ambos os dous foi memorable. Despois, Rivas participou na presentación da revista Luzes, que agotou os seus exemplares na fiera, un detalle máis ca esperanzador para este proxecto xornalístico. As asinaturas posteriores e as magníficas conversas de Teresa Cuíñas con Riveiro Coello, Berta Dávila, Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras foron seguidas por centos de persoas. Hoxe domingo Culturgal 2013 ofrece unha xornada de peche tamén moi atractiva con case corenta actividades. Pola mañá contaremos coa presenza do grande Agustín Fernández Paz e pola tarde coa conversa de Anselmo López Carreira con Montse Dopico e coa presentación de Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Cráneo, un dos libros máis solicitados na feira.