Onte 284: Prima de risco

O ascenso da prima de risco e do bono español a 10 anos até niveis de infarto amosa que as eleccións gregas foron apenas unha excusa dunha estratexia de engano masivo. A río revolto gañan os especuladores e as políticas de rescate baseadas en recurtes fiscais e axustes de emprego. O problema non é Grecia, é o futuro do euro e da propia Unión Europea no marco actual da globalización financeira. Alguén escoitou estes días aos políticos europeos algunha referencia, sequera nostálxica, a aqueles principios de cohesión territorial e social, solidariedade e cooepración que forxaron a utopía da Unión? Que foi dos alicerces da sociedade do benestar baseada nun pacto entre o capital e o traballo? U-lo futuro da economía produtiva, piar do emprego, arrombada pola economía financeira (especulativa), a única que semella interesar aos «mercados»?

Booktrailer de Miguel Abad da triloxía «Dragal» de Elena Gallego


Miguel Abad preparou para a triloxía «Dragal« de Elena Gallego, o que entendo é o mellor booktrailer da edición en galego.

Onte 283: Grecia

Cinco reflexións sobre o que sucedeu onte nas eleccións gregas. Primeira: no parlamento gañaron os partidarios do rescate, porén a esquerda obtivo máis votos populares; o que supón un país profundamente dividido no éido político. Segunda: a esquerda anticapitalista de Syrizas, que pasa do 4,6% en 2009 ao 26,56%, consolídase como líder da oposición cun programa que rexeita a austeridade como receita para saír da crise; semella que outra esquerda aínda é posible. Terceira: o PASOK fúndese, a pesar que probablemente entre a formar parte do goberno, debido a súa incapacidade para diferenciarse da dereita corrupta e ladroa; o que supón unha situación para a socialdemocracia moi difícil de recuperar (todo un aviso para o PSOE). Cuarta: os nazis fanse fortes non só nalgúns barrios de Atenas, onde amedrentan á cidadanía, senón tamén nas bancadas de Sintagma; o seu perigo non debe ser minusvalorado. Quinta: os resultados non aseguran unha mudanza nas políticas, xa que tras os resultados, o Eurogrupo emitiu un decepcionante comunicado; Merkel continuará impoñendo as súas receitas, en todo caso poderá negociar apenas a felxibilización do seu calendario. Baixará hoxe a prima de risco española?

Preescolar na casa

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación agónica de Preescolar na casa.

A falta de apoio da Xunta de Galicia obrigará a un probable peche de Preescolar na Casa. Fundado en 1977 en Lugo por Antonio Gandoy, o queridísimo “crego da bicicleta”, secretario de Cáritas Diocesana Galicia, este programa tratou de buscar unha solución á carencia de prazas escolares para os picariños da aldea, tratando de paliar a discriminación á que estaban sometidos ao chegar á EXB en desiguais condicións ás do resto do alumando da súa idade. Dende aquel pioneiro programa piloto, no que o padre Gandoy pretendía axudar aos pais e nais dalgunhas comarcas do rural lucense a educar aos seus fillos nos primeiros anos de vida, Preescolar na casa desenvolveu sempre unha fecundísima actividade coa intención de crear na sociedade unha cultura de Educación Infantil Familiar.

Unha iniciativa que Gandoy, dende a súa inequívoca concepción humanista da educación, concibía como “unha utopía realizable e irrenunciable”, xermolada polo bo facer dun equipo entregado de profesionais, pola axuda de Cáritas e do Ministerio de Educación, primeiro, e máis tarde, da Consellaría de Educación que cederon mestres en comisión de servizos para traballaren na iniciativa. Un programa ao que durante décadas contribuíron, tamén, as achegas de concellos, deputacións e outras institucións, e do que o fundador, antes do seu pasamento en 2002, renunciou a ser referente propiciando a creación dun Padroado no que participan os profesionais do programa e as institucións que o apoian.

Ao longo da súa historia foron probablemente máis de 50.000 as familias galegas que participaron nas actividades de Preescolar na casa, sendo neste curso que remata case catro mil as familias participantes en 660 espazos educativos distribuídos por 267 concellos. Aínda que o modelo de intervención educativa foi mudando, o programa alicerzouse nas xuntanzas quincenais de pais e fillos de arredor de cinco familias dunha mesma zona. Durante dúas horas os orientadores analizan coas familias as actividades realizadas na casa, presentan novos materiais didácticos, resolven os problemas ou dúbidas das familias ou xogan cos picariños. Estas xuntanzas compleméntanse coas visitas que os orientadores fan as familias e cos materiais impresos de apoio que distribúen.

Gandoy e o seu equipo interesáronse dende o inicio de Preescolar na casa polo papel que os medios de comunicación social podían ter para apoiar a intervención dos orientadores, ao tempo que para contribuír a crear unha cultura de parentalidade positiva na sociedade galega, o concepto clave da súa filosofía educativa. De aí naceu en 1981 o programa emitido polo circuíto galego de Radio Nacional, continuado na actualidade polo programa dominical matinal da Radio Galega. Da mesma convicción naceu en 1990 o espazo da Televisión de Galicia, do que se emitiron 700 programas, o que constitúe a experiencia de televisión educativa máis importante da nosa historia. De aí saíron as súas revistas e a publicación das súas monografías de divulgación educativa e de escola de pais.

Ao longo destas tres décadas e media de intensa actividade, Preescolar na casa nunca foi nin unha gardaría nin sequera unha escola infantil, senón un programa sociopedagóxico pioneiro e dinámico de parentalidade pública, fomentador da implicación dos pais na formación temperá do seus fillos. Unha orientación recomendada polo comité de ministros da Unión Europea para os que “o exercicio da parentalidade, aínda que vinculado á intimidade familiar, debe ser considerado como un ámbito da política pública e deben adoptarse todas as medidas necesarias para apoiar o exercicio parental e crear as condicións necesarias para un exercicio da parentalidade”. Preescolar na casa é considerada como unha experiencia de éxito en foros internacionais de educación familiar, sendo imitada noutras comunidades como Asturias ou Castela, e valorada como modelo no Reino Unido ou Ecuador.

A agonía de Preescolar na casa por insuficiencia financeira, tras manter un ERE de suspensión e extinción ao longo do curso que remata, está motivada pola decisión da Consellaría de Traballo e Benestar de eliminar a axuda de medio millón de euros imprescindible para o pagamento do persoal. Unha medida estritamente política que a conselleira Beatriz Mato xustificou por considerar o programa como “obsoleto” e “non válido”, a pesar de que é innegable que Preescolar na casa foi sempre viable e eficaz socioeducativamente, que contribuíu a vertebrar e modernizar un territorio en proceso de desertización e promover o emprego e a dignidade da lingua e cultura galega nun difícil proceso de substitución. Como escribiu Manuel Rivas eu creo tamén que “a supresión deste servizo exemplar merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU”.

Onte 282: Martín Codax

A visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e comercial de viños. A diversificación e calidade dos seus produtos, a inequívoca modernización dos seus procesos, como a súa estratexia de comercialización internacional en cincuenta países, son compatibles co compromiso de continuar un xeneroso labor de patrocinio á cultura galega, un dos sinais de identidade da empresa dende a súa fundación. A renovada estratexia de utilización das súas extraordinarias instalacións para organizar actividades culturais (o ciclo de música galega deste verán será soberbio), a promoción de produtos culturais galegos ou as novas iniciativas como o Club de Poesía Martín Codax ou o apoio aos creadores residentes son fenómenos de transferencia social que merecen ser abeizoados.

Novo vídeo de Karpinha


Karpinha volve recoller toda a emoción do celtismo na xornada do ascenso. A vindeira tempada, xa en primeira, máis.

«De primeira»

«De primeira» é o título da reportaxe que o programa Reporteiros da TVG dedicou ao ascenso do Deportivo e do Celta. Recolleron algunha das miñas opinións celestes. Debe quedar no arquivo.

No Premio Xerais 2012

Quede no arquivo o vídeo da intervención do Premio Xerais 2012.

Onte 281: Serán poético en Viveiro

Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira.  Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.