Onte 455: Cos Merlín no Porto

Foi intensa a xornada na Escola Superior de Educaçao do Porto participando nos décimo oitavos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil. Particular interese para nós tivo a xornada de tarde na que se celebrou un encontro con escritores galegos premiados no Merlín (Fina Casalderrey, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro e Marcos Calveiro), senllas sesións arredor de propostas de lectura na aula das novelas xuvenís de Ramón Caride e Agustín Fernández Paz, e un recital poético no que participou Antonio García Teijeiro, xunto a Vergílio Alberto Vieira e Joao Pedro Mésseder. Abríu o encontro cos escritores galegos Fina Casalderrey que comezou a súa intervención situando a colección Merlín como “imprescindible para tomarlle a temperatura a literatura infantil e xuvenil en Galicia”, afirmando despois que “se nalgún sitio me sentín máis libre foi en Xerais, onde as únicas ataduras son a ética e a estética. Calquera tema pode ser tratado a calquera idade. Na colección Merlín cabe o mundo enteiro”. Tras relatar a súa experiencia como gañadora do Merlín en 1991, cando se concedeu no Círculo das Artes de Lugo, rematou expresando a ledicia que lle proporcionaban esas “cartas de amor” que recibe decote dos lectores e defendendo o valor para todos da literatura infantil. Ramón Caride confesou na súa intervención que “foi un soño recibir o Premio Merlín co primeiro libro infantil que escribira”. Atribuíu o éxito da colección Merlín “a un traballo editorial ben feito” e “á renovación e reinvención constante da colección”. Comezou a súa intervención Antonio García Teijeiro reivindicando ao poeta como “roubaversos” para despois relatar que foi a súa muller quen presentou o orixinal, que rematara na casa de Rafael Alberti, ao premio Merlín, “Un premio que ten algo que non teñen os demais, quizais os mellor dos organizados en España”. Rematou as súas palabras apelando ao valor da poesía: “Todos os poetas do mundo fixemos medrar unha gran árbore universal, na que penduramos os nosos poemas, onde cabemos todos. Levo loitando toda a miña vida a prol da poesía. Amade a poesía, non lle teñades medo. Citando ao meu amigo o poeta Fran Alonso ‘a poesía non traba, non morde, sabe a chocolate, sanda as feridas’. Lede poesía”. Por último intervíu Marcos Calveiro que comezou a súa intervención confesando que este ano se presentara ao Marlín “porque xa o perdera noutras ocasións”, “no Merlín está o ADN da lix agalega, coa excepción de Docampo e Martín que non se presentaron”. A continuación explicou as razóns da súa escrita: “escribo para non perder aquel capitán de quince anos que fun, un lector voraz. Todos os meus libros son un exercicio de nostalxia daquel lector de quince anos, cando un libro podía mudarte a vida. Esa sensación nunca a volvín ter, nunca”. Rematou salientando a súa convicción que que “escribir é unha das cousas máis divertidas do mundo. Escribir e ler son dúas dimensións da mesma realidade. Para escribir hai que ser lector”. Pechou o encontro unha breve intervención de Blanca Ana Roig Rechou quen definíu “a literatura infantil e xuvenil como aquela que nos acompaña da nenez á vellez”. A pesar de que na viaxe de regreso choveu os sete choveres, volvimos todos moi satisfeitos, unha xornada literaria que pagou a pena.

As gravacións de cada unha destas cinco intervencións poden escoitarse premendo nos enlaces: Casalderrey, Caride, Teijeiro, Calveiro e Roig.

Onte 454: Dinamitar a escola pública

Entre o desacougo e a indignación lin o segundo borrador da LOMCE, o texto co que o Partido Popular pretende dinamitar o modelo de escola pública acuñado pola LOXSE. Ademais da rebaixa do estatus para as materias de galego, catalán e éuscaro, medida que entendo de moi dubidoso encaixe constitucional, analizada con todo detalle no magnífico texto de Prolingua, a LOMCE desmonta os principios claves da organización, participación e funcionamento das comunidades educativas, volvendo a modelos centralizados e xerarquizados, así como amplía a seis anos a duración dos concertos educativos cos centros privados. O novo estatus da Relixión e a desaparición da Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (Cívica e Constitucional) son outros elementos desta desastrosa contrarreforma baseada de pé a pa nos principios que José Ignacio Wert defendeu nunha reunión de FAES en 2010 sobre a «axenda de reformas» a desenvolver polos conservadores. Na educación a receita parece clara: máis español, máis inglés, máis relixión, máis privatización. A LOMCE non é un azar, non.

Onte 453; «Eu, pel», sobre a sensibilidade

Excelente foi a presentación de Eu, pel, a primeira novela de Teresa González Costa, na Galería Besada do Gove. O que fóran as antigas instalacións da Imprenta Besada, contiguas á veterana libraría mequeira, acolleran a más de medio cento de persoas que arrouparon a estrea desta novela sobre a sensibilidade e as artes.

Tito Díaz comezou a súa intervención lembrando que coñeceu a Teresa cando era alumna do instituto, «xa daquela tiña claridade de ideas e capacidade de escritura». Despois desenvolveu as tres argumentacións polas que recomenda vivamente ler Eu, pel ao seu alumnado de ESO e Bacharelato. Primeiro, ten unha complexidade ao nivel deste lectorado, tanto polo léxico que utiliza como pola estrutura liñal da narración, doada de seguir. Segundo, contén unha serie de temas de referencia cos que se poden sentir identificados os lectores e lectoras destas idades: o diferente tipo de relación dos protagonistas cos seus pais; o tratamento da amizade entre Niki e Yama, que chega até o amor; a abordaxe da responsabilidade e a confianza na realización dos traballos; ou o regreso á infancia, entre outros. E terceiro, a existencia dun elemento identificador, especialmenteencarnado en Niki, a protagonista, que representa os valores da sensibilidade, o compromiso e afouteza.

Teresa González Costa comezou a súa intervención lembrando que Tito Díaz proxectáralles no instituto The Wall, o que constituíra unha valentía que agora agradecía. A continuación leu un texto sobre a sensibilidade, para ela “o tema principal dun libro no que a pel é a grande protagonista”. “A pel únenos e sepáranos. A pel é unha folla sobre a que se escriben as caricias, as tatuaxes e tamén a dor. O Innominable, o personaxe da novela naceu cun mal de pel que trata de reparar ao longo de toda a historia. Cando neno atópase só no mundo converténdose en adulto tirano, procurando decote o contacto por medio de múltiples interfaces, sexan pantallas ou procedementos tecnolóxicos”. Teresa salientou a importancia na novela da expoliación das obras de arte, actividade á que se dedica á familia Vanien, como tamén do mito de Zeus, que quita a súa pel. “A miña novela está moi influída, ademais, polos contos clásicos nas súas versións orixinais, non edulcoradas. Como están presentes os mitos de Edipo e Narciso”. Para rematar, explicou que a reparación viña da man das artes, concebidas tanto como contemplación como exercicio. “Aí está o papel clave de Niki, a protagonista, unha persoa de sensiblidade extrema, que sinte e presinte”.

Onte 452: Calendario do libro e da lectura 2013

Gustoume moito o deseño do Calendario do libro e da lectura 2013 editado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación. A peza constitúe un utilísimo recurso didáctico, ademais dunha guía que axuda a orientar o traballo dos profesionais do sector da lectura, editores, libreiros e bibliotecarios. Ademais das efemérides habituais, nas que destaca o 17 de maio a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, no vindeiro 2013 celebraremos, entre outros aniversarios literarios, o 150 da edición de Cantares Gallegos, o 150 do nacemento de Manuel Lugrís Freire e o 50 do pasamento de Gonzalo López Abente, así como o centenario do nacemento de don Paco del Riego. Un recurso de difusión moi recomendable.

Vía Caderno da Crítica, moitas grazas.

Onte 451: Excelente Culturgal 2012

Tras tres xornadas moi intensas de actos e contactos profesionais, a nosa valoración deste quinto Culturgal é moi positiva. Imos achegándonos a aquel vello soño forxado hai case unha década polos editores galegos de contar cunha cita anual de referencia onde presentar en man común as novidades dos produtos e servizos das industrias culturais galegas e en galego. A modiño, Culturgal vai consolidando aquel proxecto, mesmo a pesar de contar cada ano con menos recursos. Porén, como se demostrou na edición desta fin de semana, consegue expandirse, tanto a nivel da afluencia de público familiar chegado de diversas partes do país (o Pazo de exposicións de Pontevedra comeza a quedar pequeno), do aumento do número de actividades e iniciativas, como mesmo do nivel de vendas, que este ano aumentou, a pesar das doenzas da crise. A presenza de centos e centos de picariños e a súa participación entusiasta nas actividades encheunos de esperanza e optimismo. A organización impecable das actividades, respectando os horarios previstos e cumprindo a programación ao cen por cen; a excelente calidade dos espectáculos teatrais e musicais, como o das conversas con autores e presentacións de libros, películas ou produtos dixitais; a celebración de diversos foros profesionais paralelos contribúen de forma decisiva á madurez desta cita pontevedresa. Particular importancia tivo para nós os editores a presentación da campaña “Ser libris”, coa que pretendemos continuar este espírito proactivo do Culturgal, un xeito tamén de facerlle fronte á crise comercial que padecemos. Beizóns ao equipo deste Culturgal 2002, encabezado por Xulio Amigo como presidente e Sergio Lago como responsable do cadro de profesionais, que xa deben comezar a traballar xa na edición de 2013.

Grazas a Celia Torres que tuiteou a maior parte das fotos da galería.

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 449: Gústame o galego en Cultugal

Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de  ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.