Polos días do futuro
O «Wonderwall» dos meus queridos Oasis é un clásico nos días de fin de ano de brétemas.
Que a estrela dos afectos sexa a que nos guíe.
Brindemos polos días do futuro.
O «Wonderwall» dos meus queridos Oasis é un clásico nos días de fin de ano de brétemas.
Que a estrela dos afectos sexa a que nos guíe.
Brindemos polos días do futuro.
Non decepciona a exposición Frida & Diego instalada no AGO do chinatown torontino na que se percorre o itinerario biográfico e artístico de ambos os dous pintores comunistas mexicanos durante o cuarto de século no que compartiron as súas vidas. A exposición amosa o poder transformador da arte e da política («Art is a weapon», unha frase de Diego Rivera é un dos reclamos da coidada mercadotecnia da mostra), mais tamén supón unha radical afirmación da vida, «Long live life», «Viva a vida» proclamaba Frida, a pesar dos sofrimentos físicos e emocionais que tanto padeceu. Entre os máis de sesenta cadros chamou moito a miña atención algunhas das pezas realistas de Diego, como «O día dos mortos» (1936) e «A mestra rural» (1932), que pola composición e temática me lembraron algunhas outras de Castelao da mesma época. Como tamén me impactaron as pezas que Frida pintou en Michigan en 1932, durante a estancia en Detroit da parella, convidada polo fillo de Henry Ford, cando Frida sofríu o seu primeiro aborto. Neses dous cadriños de fasquía aparentemente surrealista, en palabras de Rivera, «nunca antes unha muller transformou a súa agonía nun lenzo». Con todo, a cerna da mostra está na extraordinaria antoloxía de autorretratos da pintora de Coyoacán que confesaba «Me pinto a min mesma porque son o tema que mellor coñezo». Completan a mostra os impactantes retratos que Nickolas Muray fixo a Frida en 1939. Se o interese da exposición non abondase no AGO pode visitarse a «Henry Moore Gallery», a colección máis grande que existe no mundo dos orixinais e maquetas do máis grande escultor inglés do século XX. Unha visita ao AGO que pagou moito a pena.
A razón da nosa viaxe a Toronto foi participar onte na voda dun noso sobriño. É innegable que nos sorprendeu o rito co que se desenvolveu a cerimonia do matrimonio xudío, iniciada coa lectura en galego e inglés dun poema de Ana Romaní, e na que se utilizaron até cinco linguas, con importante presenza da galega. Como nos sorprendeu a festa posterior, Hora incluída, unha roda roda que chega a ser moi emocionante. No obstante, como nos sucedera hai dous anos, cando participamos noutro matrimonio no norte de Inglaterra, o mellor da voda foron os discursos dos noivos, do best man e dalgúns familiares e amigos. Pezas oratorias sinxelas, eficaces, construídas cos fíos da vida familiar e amical, onde non faltaba nunca nin o humor nin a emoción nin unha imprescindible reflexión moral. Eis sempre atopei a principal diferenza coa maioría das nosas vodas e outro tipo de cerimonias comunitarias, onde se renuncia a fala colectiva e a cohesión comunitaria que provoca. É moi probable que neses espiches de apenas cinco minutos poidamos atopar algunhas das causas da fenda que aínda arrastra o sistema educativo español.
Saquei esta foto na libraría !ndigo do centro comercial Eaton, no corazón de Toronto. Unha relación de escritores e escritoras, dende Margaret Atwood, Saul Bellow a Michael Ondaatje, músicos (Neil Young ou Celine Dion) e outros artistas constitúen o reclamo para expresar a creatividade e produtividade da industria cultural canadiana. Unha iniciativa concibida, tamén, para desenvolver a autoestima colectiva arredor dos produtos culturais propios, ao tempo que un reclamo para a súa maior presenza no mundo. Unha estratexia, escasamente novidosa, mais que sei compartimos os que traballamos nas industriais culturais galegas. Ben estaría que nas escaleiras dalgúns dos centros comerciais galegos (fose As Cancelas, Marineda ou A Laxe) aparecese o rótulo «O mundo necesita máis a Galicia» impreso en negriña sobre unha relación de creadores e creadoras de noso. Éche ben doado de emular.
Margaret Atwood, a nosa admirada narradora canadiana, veciña de Toronto, apoia dende o seu moi activo perfil de Twitter a difusión do hashtag #IdleNoMore a prol da defensa das comunidades indíxenas das primeiras nacións canadianas. O pasado 10 de decembro, milleiros de persoas mobilizáronse nas rúas das principais cidades canadianas baixo o lema «Idle No More» para protestar polos efectos das políticas actuais sobre os pobos índíxenas. Estas manifestacións, que tiveron ampla difusión nas redes sociais e moi escasa nos medios de comunicación, foron as máis importantes das celebradas en Canadá dos últimos anos, até ser consideradas como «native winter», á semellanza das das chamadas «primaveras árabes». O episodio máis impactante das mobilizacións está sendo protagonizado pola xefa Attawapiskat Theresa Spence que comezou unha folga de fame que pretende alongar até que o primeiro ministro Harper e a raína Sabela II acepten reunirse cos líderes das «primeiras nacións». A xefa Attawapiskat confesou «estar disposta a morrer até conseguir maior respecto para os membros do seu pobo». O movemento Idle No More xurdíu a raíz dos acontecementos do 4 de decembro, cando se impedíu acceder aos representantes das primeiras nacións ao parlamento de Ottawa onde se debatía a Lei C45, que eles entenden debilita protección da terra e das augas, ademais de violar tratados xa existentes. #IdleNoMore configúrase como un movemento cidadán de empoderamento, promovido dende a rede, que achega novos puntos de vista no eido político, ao tempo que é capaz de mobilizar a sectores mozos e outros até agora pouco representados. Pode seguirse a evolución deste interesante movemento cidadán dende o seu blog e espazo en Fb.
Na foto a xefa Theresa Spence.
Ruamos polo Boxing Day de Bloor St onde se anunciaban rebaixas de até o 70 %. Aínda existen lugares no mundo onde un público mozo consome produtos de marca de xeito compulsivo, mesmo a pesar dos seus prezos de infarto (rebaixa incluída). Como non podía ser doutra maneira, acabamos curioseando en !ndigo, unha gran libraría e tenda de música ateigada de clientes en xornada de ofertas. Chamáronme a atención algunhas cousas. Primeira: a centralidade na libraría das promocións de Kobo, o modelo de e-book canadiano. Segunda: a importante presenza dos produtos non libro, mais relacionados coa lectura e literatura, dende camisetas literarias, pasando por axendas e produtos de papelaría, até a parafernalia da mercadotecnia da ficción cinematográfica de moda (con The Hobbit como grande protagonista). Terceira: o sinalamento das diversas seccións, non exento de orixinalidade. Eis o caso dos espazos dedicados á literatura xuvenil presentados como «Not Just for Teens» («Non só para adolescentes«), unha valiosa achega á denominación do xénero de fronteira. Desque caeu o día, en Toronto folerpea.
Durante a viaxe cara Toronto fun trufando a lectura de La danza de la gaviota, a última novela de Camilleri, coa dos últimos numeros de Mongolia e El Jueves, dúas revistas de humor que están collendo moito pulo. Como sucedera durante o período de Reforma Política, cando mercabamos con fidelidade militante Hermano Lobo ou El Papus, a ollada retranqueira e mesmo a máis corrosiva sobre a iniquidade política e a desigualdade social vólvense ferramentas informativas e de opinión moi eficaces. Custa diferenciar nalgunhas das páxinas destas revistas, como sucede nos informes que sobre Telefónica e o ERE do El País publica este mes Mongolia, o que é xornalismo de investigación das páxinas estritamente de ficción, xa que todas elas son de humor e en todas elas son froito dun traballo informativo. Como é, tamen, moi difícl diferenciar na novela de Camilleri, sobre todo na voz cada vez máis desencantada e amarga do detective Montalbano, o que hai estritamente de crónica e de ficción no retrato da descomposición da sociedade italiana. Os diversos xéneros e soportes do humor, eis o que sucede na televisión con El Intermedio, conforman unha alquimia moi poderosa para representar con fidelidade á complexidade do noso tempo.
Na nosa casa non chegou o Apalpador xa que non hai picariños para lle agarimar a barrigola. Porén, moito me prestaría que pasase pola nosa porta para nos contaxiar o seu espírito xeneroso, ventureiro e inconformista. Fronte os repunantes que cuestionan os saberes do pandingueiro, son dos que cre que é unha grande fortuna contar coa posibilidade de contribuír a acuñar e reinventar unha tradición laica de noso, capaz de convivir con outras arraigadas na nosa sociedade para celebrar o solsticio de inverno. Longa vida para o Apalpador!
A preciosa ilustración do Apalpador é de Antonio Seijas.
Son dos que continúa mercando música galega en cedé. As novidades máis recentes na miña discoteca galega foron Alén do mar do gaiteiro Óscar Ibáñez, unha excelente descuberta pontevedresa que lle agradezo aos pintores Antón Pulido e Antón Sobral; aCadaCanto de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, un álbum marabilloso, que me deixou engaiolado, no que aparece unha extraordinaria versión en galego da canción do meu admirado Juan Perro «A misteriosa»; e Discover, o último recompilatorio de Carlos Núñez, de quen son coleccionista de todas as súas edicións. Agardo nestas festas facerme tamén co disco de Sergio Tannus Son brasilego, co de Rodrigo Romaní As arpas de Breogán e con PNO!, o libro CD-DVD que amosa unha parte do traballo de vinte e cinco anos do colectivo Ponte nas Ondas. Paréceme unha excelente colleita musical a deste outono, que amosa a potencia e diversidade da nosa MPG.
No artigo da semana de Faro de Vigo alerto sobre o futuro moi incerto da Fundación Novacaixgalicia.
A liquidación das caixas de aforros galegas é un dos temas que maior indignación e perplexidade cidadá provoca. Con todo o que choveu, xa é imposible negar o rotundo fracaso da operación de fusión, auspiciada pola Xunta de Galicia e tutelada polo seu presidente Alberto Núñez Feijoo, no marco do proceso de reestruturación e centralización do mapa do sector financeiro español reducido a catro ou cinco grandes bancos, onde non ten cabida unha entidade galega, a pesar de contar co 40% da cota do seu mercado e supoñer a súa actividade o 10% do PIB da nosa comunidade.
Como é imposible negar a responsabilidade dos grandes directivos (con soldos desorbitados e xubilacións millonarias) das dúas caixas, que conduciron (algúns durante décadas e de forma personalista) ás institucións á semellante desfeita, na que se leva reducido o cadro de persoal case nun sesenta por cento e na que se anuncia o despido doutras 2.500 persoas. Como é imposible non recoñecer un escándalo na estafa monumental das participacións preferentes e subordinadas, que poden arruinar a máis de 90.000 aforradores galegos, a pesar de contar coa defensa do Fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do apoio cidadán nas súas mobilizacións. Como é xa moi difícil aventurar outro escenario para o futuro do banco hoxe nacionalizado que non sexa o de ser adquirido a prezo de ganga por unha das entidades sobreviventes para transformalo na súa franquicia no mercado galego.
Se todo o anterior non abondase, o colofón de semellante desfeita púxoo o recente anuncio do FROB (institución controlada polo Banco de España e o Ministerio de Economía) de que “o valor económico de Novagalicia Banco dá un resultado negativo de -3.091 millóns de euros”, colocando á Fundación Novacaixagalicia ao bordo do abismo. A entidade que xestiona a obra social e cultural das caixas, até agora propietaria do 6,84 % de NCG Banco, no momento no que o banco reciba “a inxección de 5.425 millóns de euros” do estado, procedentes do rescate solicitado á Comisión Europea, perderá toda a súa participación na entidade e a partir de 2014 quedará á intemperie sen posibilidade de recibir dividendo ningún para o seu funcionamento. Sucederálles outrosí aos setenta accionistas privados galegos que de forma testemuñal entraron a formar parte do capital fundacional de NCG Banco. Falando en prata, se un milagre non o remedia, tras 132 anos desaparecerá a caixa de aforros que fundou o 15 de xaneiro de 1880 o primeiro conde de Torrecedeira e o concello de Vigo. Confirmaríase así un auténtico espolio para Galicia, que no proceso de remodelación financeira perdería tanto as súas entidades (alá foi tamén o Banco Pastor) coma a súa máis importante entidade sociocultural.
Neste contexto, non se pode minusvalorar de xeito ningún a trascedencia do labor social, asistencial, solidario, educativo e cultural dunha entidade como a Fundación Novacaixagalicia que no ano 2008 chegou a dispoñer para a realización do programa das súas actividades dun orzamento de 146 millóns de euros, cantidade reducida a 35 millóns en 2012. Quen aínda teña dúbidas a este respecto, aconsello que compare estas cifras coas partidas dos orzamentos da Xunta de Galicia ou do Goberno de España para finalidades semellantes.
Co escenario deseñado polos responsables do FROB para Novacaixagalicia agóirase un panorama desolador: a desaparición dos programas para maiores e dependentes e o peche dunha rede de vinte centros asistenciais, de catro bibliotecas públicas especializadas, ademais de media ducia de escolas infantís, tres grandes centros de formación profesional e media ducia de centros de formación empresarial (incluída a Escola de Negocios da avenida de Madrid). Outrosí é probabe que suceda coa rede de centros sociais e culturais, que ofrecen unha programación de referencia no eido das artes plásticas, da música e do teatro. Sen esquecer os programas de bolsas universitarias no estranxeiro ou de iniciación profesional, os programas de apoio directo ao voluntariado e ás organización non gobernamentais, vitais nun momento coma o actual no que a desigualdade medrou en Galicia á mesma velocidade de vertixe ca precarización e o desemprego. Por non falar da incerteza que neste contexto provoca o destino que poida ter a colección de Arte de Caixanova, parte do patrimonio galego, ou o futuro dos edificios emblemáticos da fundación nas diversas cidades.
A desaparición da Fundación Novacaixagalicia, un patrimonio construído co aforro de varias xeracións de galegos e galegas, constituiría unha catástrofe para Galicia da que non temos precedentes, un tsunami social e cultural diante do que non pode permanecer máis tempo indiferente e conformista o actual Goberno Galego e o seu presidente.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).