[Fermín Bouza na presentación de «A derrota de Galicia» de Antón Baamonde, Feira do Libro da Coruña, 04-08-2012]
Onte 331: A xenerosidade de Xosé Fernández Ferreiro
/en Autores, Galeguismo, Memoria, Onte, Xerais/por bretemasAledoume moito compartir mesa con Xosé Fernández Ferreiro para presentar o seu libro de memorias De Xente Nova a Brais Pinto. Sei que a Pepe non lle chistan moito estes actos e que, ao longo das súa vida de escritor, foron moi contadas as súas intervencións públicas. Ferreiro presentouse diante do público coruñés humilde e sentimental. Comezou insistindo na súa decepción pola perda irremediable do mundo da aldea: «Cando vou a Espartedo sempre boto a chorar, alí xa non vive ninguén, só o espírito dos mortos». Continuou subliñando a importancia do traballo realizado polos grupos aos que pertenceu, primeiro en Ourense, Xente Nova, despois en Madrid, Brais Pinto. Logo definíu o seu libro como «o retrato dunha xeración». Lembrou con agarimo aos amigos que se foron, Alexandre Cribeiro e Herminio Barreiro, «que leu este manuscrito antes de morrer e non lle puxo chata ningunha». Abeizou a presenza entre o público de Bernardino Graña e dos seus amigos coruñeses Álvarez Torneiro e Xosé Abeal. Acabou relatando con saudade como coñeceu a algunhas das súas primeiras namoradas ou as críticas certeiras que Vicente Risco realizou do seu primeiro poemario, publicado hai agora sesenta anos. A intervención de onte amosa que a xenerosidade e elegancia de Fernández Ferreiro non é frecuente no galeguismo actual: «Brais Pinto é o que fixo cada un de nós durante estes 50 anos nos diferentes ámbitos da súa actividade». Téñolle enorme afecto a Pepe Fernández Ferreiro, un gran tipo.
Cultura contra a Mentira. Fala Gonzo
/en Beizóns, Cultura, Economía, Educación, Educación_para_a_Paz, Vídeos, Vigo/por bretemasGrazas Gonzo!
[Josep María Castellet, «Autorretrtato do editor ben educado», en «El País, 04-08-2012]/en Citas, Edición, Editores/por bretemas
Onte 330: Novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos
/en Educación, Educación_para_a_Paz, Goberno Rajoy, Onte, Política, Recurso_didáctico, Sociedade, Xerais/por bretemasNon foi unha sorpresa a aprobación dos novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que entrarán en vigor o vindeiro setembro. Unha importante medida educativa escurecida polo recortazo dos 102.000 millóns de euros agochado por Rajoy na súa insólita primeira roda de prensa tras un Consello de Ministros. A preparación dos novos libros de texto de Xerais destas materias de 2º e 4º de ESO, que rematamos a marchas forzadas estes días, deume oportunidade en familiarizarme cun currículum tinguido de espírito neoliberal. Eis un par de exemplos moi significativos para entender por onde van as cousas. En 2º de ESO, máis alá da «inevitable» reforma do bloque referido á socialización, onde cuestión tan controvertida para o PP como a do matrimonio quedou resolta co epígrafe «A familia no marco da Constitución Española», a cerna desta reforma conservadora está no bloque «As sociedades democráticas do século XXI». Aí introdúcense uns epígrafes específicos referidos a «Liberdade política e liberdade económica» e ao «Papel da iniciativa económica privada na xeración de riqueza e o fomento do espírito emprendedor». Porén, non atopamos referencia explícita ningunha ao papel do Estado como compensador de desigualdades e promotor da actividade económica. Apenas hai un epígrafe, sen dúbida imprescindible, dedicado ao «deber de transparencia na xestión pública». Con todo, estes novos contidos de EpC son apenas a primeira pedra da reforma educativa conservadora que se aveciña. Avisados quedamos por onde vai chegar o vento.
Rivas fala de «As voces baixas»
/en Autores, Narrativa, Novidades, Vídeos, Xerais/por bretemasMagnífica a reportaxe-entrevista de «Coruña en directo» da lectura de Manuel Rivas na primeira xornada da Feira do Libro da Coruña. Rivas fala d’ As voces baixas.
Onte 329: «Arraianos», o filme
/en Cine, Cultura, Novidades, Onte, Vídeos/por bretemasA nova da premiere mundial, mañá 4 de agosto, no 65º Festival Internacional de Locarno (un dos catro máis importantes e veteranos do cinema europeo) de Arraianos, a película de Eloy Enciso, merece aínda maior atención e agarimo da que está recibindo. A elección de Arraianos como única película española para participar na carreira polo Leopardo de ouro na sección «Cineastas do presente» constitúe outro éxito de Zeitun Films, que participa na produción xunto a Artika films. Tras o premio obtido en Cannes 2010 por Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns, estoutro éxito constitúe un importante aliciente para o arriscado traballo dunha produtora como Zeitun que «aposta por un cinema comprometido co cinema». Baseada nunha peza de Jenaro Marinhas del Valle e localizada nos espazos de fronteira da raia seca, Arraianos preséntase «como unha fábula sobre o mundo rural e a súa obstinada resistencia a desaparecer». Entre as intencións expresadas por Enciso están as de «abordar a relación entre a realidade e o que está máis alá desta realidade», traballando na fronteira, tamén, dos xéneros «a dualidade entre o real e o onírico». Agardamos co maior interese a estrea en Galicia de Arraianos. Ten toda a aparencia de ser outras das proezas do noso cinema.
[Manuel Rivas na Feira do Libro da Coruña, 01-08-2012]/en Autores, Citas, Memoria, Narrativa/por bretemas
Onte 328: Novela da vida
/en Autores, Eventos, Lingua, Narrativa, Novidades, Onte, Xerais/por bretemasEmpezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.
Onte 327: Un concepto sinxelo de edición
/en Edición, Editores, Librarías, Libro, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasAgradezo a Xabier P. Igrexas que tuitease unha clarificadora definición do concepto actual de edición. Efectivamente, neste período de tránsito, se falamos de ficción, o produto da edición é a «historia» («relato» tamén valería); e, se falamos en termos xerais, acoutando a definición de Bob Mayer, o produto da edición é o contido (o texto ou hipertexto de lectura). O contido. Non o libro en papel, nin o electrónico, nin o audiolibro. O contido. O consumidor da edición é o lectorado. Non as librarías nin as as plataformas nin os distribuidores nin os departamentos comerciais. O lectorado. Os autores e autoras producen o contido. O lectorado consume o contido. Quen se coloca entre os autores e autoras e o lectorado ten obriga de engadir algún valor nesa intermediación. Eis o papel do editor.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.