Campo de Granada CXXV

ARRIBA, CORAZÓNS CELESTES!

O serán de onte quedará na memoria, outro engrama celeste nas nosas vidas, o segundo ascenso do século XXI. É certo que o fútbol non compareceu na lameira, a pesar que o Celta foi o equipo con mellor xogo e máis goleiro de toda a categoría durante a maior parte da tempada, pero onte os afeccionados soubemos desculpar aos nosos xogadores xa que do que se trataba era de obter un puntiño da forma máis discreta posible. Os rapaces nosos nunca noutra semellante se viran, e como di a canción de Eladio como «o noso era a inxenuidade», non souberon disimular o seu nulo interese en dificultar o empate co que soñaba o Córdoba. Xa aos cinco minutos, o público, que ateigou o vello Balaídos, amosou que viña máis preparado para gozar da festa que para atender o que sucedía na lameira. A primeira onda foi inevitable para defenderse do recital de mediocampismo inane de salón de ambos os dous equipos. A pelota practicamente non saíu dos cincuenta metros centrais durante todo o partido. O espectáculo foi nefasto, case vergonzoso. Non houbo apenas xogadas que merecesen ser relatadas. O Celta non superou a liña de tres cuartos do campo andaluz até o minuto 25 do primeiro tempo. De Lucas, o noso único atacante centrou dúas veces dende a banda, cando non había na área ningún xogador noso para rematar. No minuto 37, Oubiña picou dende o seu campo un globo que chegou ao porteiro do Córdoba, nunha das poucas intervencións que puidemos contabilizar. Así rematou a unha primeira parte da nada, nada que temer para os celtistas. Non mudou o panorama na segunda, onde a bancada apenas tiña o aliciente de lembrar a mala sorte que persegue a Miroslav Djukic, o adestrador do Valladolid de corazón deportivista, ou entoar con moita prudencia, xa cando apenas faltaban quince minutos, “A rianxeira”. Así somos de prudentes os celtistas, xente paciente até o lirismo, educada agardando polo ano que vén, intentándoo cada tempada con azos renovados. Esa actitude de ferro foi a que nos permitiu resistir estas cinco durísimas tempadas en Segunda, unha división máis igualada e emocionante ca Primeira, a pesar de que nalgún momento deste lustro estivemos pendurados do arame, unidos apenas por un fío de seda ao territorio da desolación. Esa madurez é a que permite comprender a actitude diletante do noso equipo e desculpalo por ofrecer un espectáculo escasamente edificante, dos que non fan afección, un xogo que nada tivo que ver con aqueloutro vibrante, marabilloso, afouto, ofrecido no encontro anterior co Xerez, no que realmente se forxou o derradeiro treito deste grande ascenso. O desta tempada foi un éxito rotundo dun equipo de espírito atlántico, o máis galego que lembramos en décadas. Este ascenso é o triunfo do traballo calado e paciente da canteira da Madroa, da xente da casa, da madurez dunha xeración de futbolistas novos capaces de enfrontarse co futuro confiando nas propias forzas. O ascenso é froito do traballo de dous anos de Paco Herrera, un adestrador honesto que co seu compromiso se foi gañando xornada a xornada o agarimo dos afeccionados. Un míster sincero, que nunca intentou enganar a ninguén, que recoñeceu as dificultades e sinalou con determinación o obxectivo de gañar todos os dez últimos partidos, capaz de recoñecer que durante a última semana “a súa cabeza non parara”, un fermoso xeito de identificarse con cada un dos seareiros celestes. Un ascenso que, tamén, é froito do traballo social do club e do presidente Mouriño, que merece os maiores parabéns. Mais e sobre todo, este ascenso é froito en boa medida da actitude dunha afección teimosa que nunca desistiu, o activo máis importante cara o futuro. Este ascenso, en definitiva, é unha proeza colectiva dun club con raíces ben chantadas na súa cidade, na terra dos galegos, mais capaz de tecer unha rede celtista de simpatía no mundo, nesa diáspora celeste que con certeza vibrou onte en Internet a lume de biqueira, como logo lembraron os compoñentes de «A Roda» e o marabilloso Gonzo. Coa bandeira celeste no aire, por sempre, Celta! Arriba, corazóns celestes!

A sanidade, pública

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da manifestación en Compostela «Na defensa e pola mellora dsa sanidade pública», reflexiono sobre a situación deste sector público esencial:

Ao longo das nosas vidas, acumulamos experiencias positivas da sanidade pública que, en liñas xerais, ofrece con eficacia e eficiencia un servizo de grande calidade. A pesar dalgunhas insuficiencias, sobre todo no que atinxe ás listas cirúrxicas de agardar, a sanidade funciona aceptablemente, sendo até agora maioría os usuarios que nos sentimos satisfeitos, mesmo orgullosos dos seus servizos, froito do compromiso do persoal sanitario e da organización dun Sistema Nacional de Saúde baseado na integración de todos os recursos sanitarios públicos. Un modelo gabado a nivel internacional que, porén, situou o gasto sanitario público español en relación co PIB nun 6,25%, unha cifra por baixo da de outros estados da Unión con economías máis poderosas, como Alemaña (7,92%) ou Francia (8,48%).

Tras a Constitución de 1978, que no seu artigo 43 recoñecía o dereito á protección da saúde, foi a Lei Xeral de Sanidade de 1986, aprobada durante o goberno de Felipe González, a que deseñou o actual modelo sanitario caracterizado pola universalización da atención, que cubría ao cen por cen da poboación. Coa intención de garantir a equidade no acceso aos servizos procurouse situalos da forma máis accesible, o que supuxo, ao longo deste período, unha profunda descentralización (hoxe xestionada por cada unha das CC.AA.) e a creación dunha tupidísima rede de Atención Primaria en todo o territorio.

Este modelo sanitario, este patrimonio  social, ese tesouro do ben común corre un moi serio perigo. As políticas de consolidación fiscal e de “austeridade selectiva” do Goberno de Rajoy puxeron tamén na sanidade o seu punto de mira para recurtar dos seus fondos 7.000 millóns de euros e para introducir importantes cambios no seu modelo. A partir do Real Decreo Lei 16/2012, aprobado pola vía de urxencia o pasado mes de abril, só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social, suprimindo así o seu carácter universal e recuperando o vello sistema franquista da condición de “asegurado”. Un novo sistema que deixará sen asistencia sanitaria a colectivos como os das persoas maiores de 26 anos que non teñan cotizado ou, coa excusa trapalleira do turismo sanitario, aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que estas persoas, a maior parte mulleres, realicen labores de coidados a maiores e dependentes.

Ademais, redúcese a oferta de servizos sanitarios públicos, increméntase o copagamento farmacéutico aos traballadores activos, introdúcese para xubilados e persoas con incapacidade permanente (en Galicia serían 686.705 as persoas que poderían chegar a pagar até 8 euros mensuais por este repagamento) e retíranse algúns medicamentos moi usados do financiamento público. Se isto non abondase, precarízanse as condicións laborais do persoal da sanidade, despídese a persoal interino, non se repoñen xubilacións e ábrese a porta con carácter xeral a privatización total da xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de atención primaria como xa se veu facendo en comunidades gobernadas polo Partido Popular, utilizando argumento tan peregrino como o da “súa xestión máis barata e eficaz”. Privatizacións, presentadas de forma eufemística como “externalizacións”, que no caso da Comunidade Valenciana afectan xa a un 20% da rede de atención primaria e hospitalaria que agora podería ser adquirida por unha empresa propiedade dun dos cinco maiores fondos de investimento do mundo, que conciben a sanidade coma un suculento negocio.

A sanidade pública universal non é, como queren facernos crer, a responsable da crise da débeda nin da subida da prima de risco nin da burbulla inmobiliaria nin da xestión atolada das caixas de aforro. Nin sequera é certo que teñamos unha “sanidade por riba das nosas posibilidades”. É inxusto que se recurten as súas prestacións de forma indiscriminada e sexan os doentes, sobre todo os crónicos e os maiores, os que paguen un imposto engadido polo feito de estar enfermos, abonda desgraza teñen co seu estado! O financiamento do sistema sanitario debe provir dos Orzamentos Xerais do Estado, o que non quere dicir, que o Sistema Nacional de Saúde non deba introducir mudanzas na súa xestión para facela sostible, baseadas na mellora da eficiencia e no uso racional de recursos escasos e moi custosos, sexa no emprego de fármacos (eis os aforros xerados xa pola prescrición de xenéricos), na realización de probas diagnósticas, na duración das estancias hospitalarias ou noutros criterios técnicos e asistenciais.

A manifestación de onte en Compostela, promovida polas diversas plataformas cidadás galegas na defensa e mellora da sanidade pública, constitúe unha importantísima chamada de atención. A sanidade, coma a educación, debe continuar sendo pública.

Onte 268: Premios da Crítica Galicia

Abrimos a web dos Premios da Crítica Galicia, outro dos proxectos en man común nos que me sinto orgulloso de participar. A renovada Fundación  –da que turra con enorme xenerosidade, dende hai trinta e cinco anos, o editor Bieito Ledo– é un espazo plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a tradición dende o diálogo coas expresións da creación cultural. Estes días pechamos a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha das sete cidades, baixo o lema «35 anos de Cultura Galega», un xeito de tomarlle o pulso ao estado de cada un dos eidos da cultura nosa. O sábado, 16 de xuño, nas Bodegas Martín Códax de Cambados, a Fundación convocou un xantar de irmandade ao que foron convidados os gañadores dos premios dende 1978. Outra oportunidade  para afianzar os vínculos de afecto dun proxecto de vontade integradora.

Onte 267 Carteis para celebrar o cincuentenario

As primeiras xuntanzas dos xurados dos Premios Xerais 2012, impedíronme participar no fermoso acto organizado pola RAG nos coruñeses xardíns de san Carlos para presentar «A volta ás Letras en cincuenta días». 50 deseñadores e 50 autores crearon 50 carteis nos que se homenaxea a cada un dos escritores que protagonizaron o 17 de maio, dende a primeira edición do Día das letras Galegas en 1963. Unha iniciativa artística excepcional promovida pola RAG, que Ferrín está transformando tamén en factoría creativa, apoiada en man común polas asociacións profesionais e empresariais de deseñadores gráficos, escritores, artes gráficas, editores, libreiros e bibliotecarios. Os carteis, que foron publicados o 17 de maio nun suplemento de Faro de Vigo, están sendo enviados estes días ás librarías, bibliotecas e centros de ensino secundario. Unha marabilla!

As 50 pezas poden baixarse en pdf aquí (ollo 9,2 megas), como tamén o libro conmemorativo, Todas as Letras, editado pola RAG con motivo dos 50 anos das Letras.

Onte 266: Contrato cos ausentes

As entrevistas da Última da edición impresa de La Vanguardia adoitan ser memorables. Onte non desmerecía a que publicou El País con Daniel Innnerarity. O filósofo vasco poñía o dedo sobre a chaga para diagnosticar o tempo presente con algunhas afirmacións luminosas que merecen ser arquivadas: «O que non entendo é como non nos mandan a paseo as xeracións máis novas ao descubrir que a nosa burbulla inmobiliaria ímola pagar coa súa educación. A isto chámoo a ditadura do nós ou a consideración do futuro como vertedoiro de lixo do presente. Debemos buscar o contrato cos ausentes, fuxir da tiranía do aquí e agora». En días de posible rescate e de durísimas hipotecas que pagarán as xeracións máis novas, as palabras do autor de Una esperanza política son unha referencia moral e unha proclama de indignación cidadá. Non está de máis, recoñecer a complexidade actual da gobernanza do mundo, cando os financeiros rouban a soberanía.