Pregón da Feira do libro de Vigo 1982: Uxío Novoneyra e os libros

Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.

«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.

Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).

O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra

Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.

Outra formidable anotación sobre Novoneyra é estoutra que publica hoxe Xosé Manuel Pereiro.

De Amnistía Internacional: Dedicado aos «Ordenados»

Velaí o verdadeiro rostro do racismo. Como me ten dito un grande amigo que me recomendou este vídeo impresionante de Amnistía Internacional, se fixeran unha versión galega, terían que engadir: “y a los que hablan gallego, lejos!”.

Vía Trafegando ronseis.

A lección do Consultivo

O ditame do Consello Consultivo sobre o Decreto de Plurilingüismo é outra dura lección para o Goberno Feijóo. O Consultivo corrobora, dende o seu punto de vista estritamente xurídico, o que dende outras instancias tantas outras veces se ten afirmado: «é inconstitucional que os pais elixan a lingua na que se imparten as materias da educación obrigatoria», razón, entre outras apuntadas, pola que para este órgano independente de carácter técnico xurídico o Decreto de Plurilingüismo vulnera a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e a propia Lei Órgánica da Educación.

O Consultivo argumenta que na Educación Infantil deben ser os centros educativos, a través dos seus proxectos lingüísticos, os que decidan a lingua de escolarización, en función dos datos do mapa sociolingüístico, da información facilitada polas familias e da valoración realizada polo claustro. En canto á posibilidade de que as familias decidan o idioma dalgunhas materias de Primaria e Secundaria, o ditame salienta que isto supón “a atribución ás familias dunha capacidade decisoria no eido da programación educativa” que non lle corresponde. Engade, tamén, que suporía limitar “a competencia dos consellos escolares dos centros a aprobar e avalar o seu proxecto lingüístico”. O Consultivo tamén salienta que non sería correcto “decidir cada catro anos”, xa que non todas as familias terían capacidade de elección. No que se refire ás procentaxes do 50%, o ditame solicita que se sustitúa  no texto “porcentaxe semllante ou equilibrada” por “igualitaria”, para que o reparto ao 50% sexa máis preciso.

O texto do ditame constitúe un severo correctivo para quen utilizou o anterior ditame deste órgano sobre o Decreto de Fomento do Galego no ensino non universitario de 2007 como principal argumento para que  fose derrogado. Por moito que teime o conselleiro Vázquez na lexitimidade da súa maioría na cámara, coas eivas legais apuntadas polo Consello Consultivo é irresponsable aprobar este decreto. Unha retirada inmediata do texto e unha volta ao consenso parlamentario acadado en 2004 semella a única saída posible para esta malfada polémica. Porén, continuar teimando nos termos deste modelo lingüístico imposto polos intereses dun sector do Partido Popular, levará a un desastre para a convivencia e para o futuro do idioma noso.

Unha nova caixa única?

Despois de desacordos e trasacordos esterilizantes, onte escenificouse en Monte Pío o acordo de fusión paritaria entre as dúas caixas galegas. Sen dúbida, é unha boa noticia que permite, canto menos por uns anos, contar a Galicia cunha entidade financeira de natureza social que debería servir aos intereses xerais do país. O acordo presentouse como equilibrado e paritario, un café para que todos se sintan gañadores diante dos seus e poidan obter os seus réditos políticos ou, quizais, tamén doutro tipo. Dúas sedes, unha operativa en Vigo, outra social e fiscal na Coruña, emulando o modelo do Banco de Santander, o que semella podería contentar aos alcaldes de Vigo e A Coruña, que inevitablemente se presentan como gañadores desa batalla (a procesión de Losada vai por dentro). Dous copresidentes non executivos , aínda que no acordo privado se establece que o primeiro será don Julio Fernández Gayoso, que terá voto de calidade no consello, o que supón que de facto se conxela a lei de caixas aprobado polo Parlamento Galego e recorrida no Constitucional polo Goberno central. Igualdade absoluta entre as dúas entidades en todos os órganos colexiados e unipersoais, aínda que o primeiro director xeral será José Luís Pego, que xa ocupaba a mesma responsabilidade en Caixanova.

No entanto, tras o protocolo presentado por Feijóo, que moi intelixentemente non uniu para a posteridade as súas mans a dos «protagonistas« do acordo, agora haberá que analizar a letra miúda, onde, sen dúbida, aparecerán moitas das condicións impostas polo Banco de España e coñecer aqueloutras que quedan nun neboeiro. A redución do cadro de persoal semella que non será tan equilibrada, xa que Caixa Galicia deberá desprenderse da rede exterior de 250 oficinas e dos depósitos dos seus clientes, enmagrecemento que xa comezara no eido das participacións industriais, coa venda do paquete accionarial de R por parte de Caixanova. Como tamén semella que tras o acordo o centro do negocio vai estar máis arredor de Vigo e que para  José Luís Méndez, o director xeral e líder de Caixa Galicia, o proceso supón un futuro máis incerto, algo ben diferente ao do seu partenaire Gayoso quen, apesar da súa idade, preséntase como o primeiro responsable da caixa unica. Máis preocupantes son, aínda, as consecuencias que sobre esta fusión pode ter o acordo de Zapatero e Rajoy sobre as caixas (nun claro camiño cara a privatización destas entidades, vía cotas participativas) e mesmo o estado no que acordo de Monte Pío deixa á recorrida lei galega de caixas.

De momento, temos a certeza que a nova caixa única será continuista na súa gobernanza, xa que os seus principais xestores e membros dos consellos de administración serán os das dúas entidades fundadoras. A aspiración inicial de conformar un novo proxecto financeiro cunha xestión renovada, na que os directivos funcionasen apenas como xestores austeros e non como «propietarios», semella que polo momento quedou adiada. Sobre as consecuencias políticas da fusión tempo haberá de analizar devagariño. Non hai dúbida que neste proceso o BNG levou a iniciativa e Feijóo tardou varios meses en entender por onde viña o vento, mentres que os socialistas coñecían a carta marcada do Banco de España. Outrosí sucedeu a nivel mediático, onde a realidade, tan teimuda, demostra hoxe que  Faro de Vigo proporcionou unha información máis fiable ca outros.

Viva Novoneyra!

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles  unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»

«O poeta dos soños teimosos»

No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha gabanza da figura de Uxío Novoneyra con motivo do acto de homenaxe que terá lugar hoxe no Club Faro de Vigo (Salón de actos do edificio do Concello de Vigo, rúa Areal) e da celebración da Semana das Letras Galegas na súa honra.

Fáltanos megafonía

Remata hoxe a Feira do Libro de Compostela e facemos un balance xeral positivo. A pesar da chuvia, do frío e das ventadas, a pesar dos problemas endémicos de megafonía (que fallou constantemente ou o funcionou moi malamente nos actos de presentacións), a feira mellorou moito con respecto a edicións anteriores. Houbo moita xente na maior parte das presentacións nas que participamos (algunhas como as dos libros de Teresa Moure, Marcos Calveiro ou Manolo Portas congregaron a máis dun centenar de persoas), diversificouse un chisco a oferta (magnífica idea foi a da caseta de editoriais compostelanas) e as vendas aumentaron, a pesar dos efectos devastadores sobre o consumo da Grande Recesión, segundo fontes dos libreiros. No entanto, tras as apreciables melloras da xa celebradas en Ferrol e Compostela, a situación das Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros, non é nin moito menos para botar foguetes: faltan aínda moitos expositores (a ausencia da maioría dos libreiros santiagueses foi clamorosa), falta a presenza do libro dixital (hoxe unha realidade incuestionable), falta comunicación en Internet (coa excepción da presenza nalgúns blogs editoriais) e, sobre todo, falta esa megafonía indispensable que para o sector do libro constitúe a súa presenza nos medios de comunicación (pola Alameda apenas vimos as cámaras das televisións nin aos xornalistas traballando). Por iso non será, nós seguiremos participando activamente coas nosas presentacións nesta rolda de feiras 2010, que a vindeira semana continúa en Lugo e a partir do 29 de maio en Ourense.

Emoción e correspondencia

Recibida esta beizón por parte de tres blogs amigos (Ferradura en tránsito, Desvelando as mentiras de Feijóo e Por un BNG de futuro e con futuro), a pesar de que non son moi amigo de participar nestas cadeas, procedo a cumprir senllas encomendas que en nós se delega.

– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a epna recomendar.

Velaí a miña lista (pido desculpas aos moitos outros que deberían aparecer e que recomendo no blogroll):

  1. Arume dos piñeiros.
  2. Trafegando ronseis.
  3. O café na trincheira.
  4. Por arte de maxia.
  5. Tati Mancebo.
  6. Alfaias.
  7. O porto dos escravos.
  8. Cabaret Voltaire.
  9. República da multitude.
  10. O levantador de minas.

A danza do «A»

A tipografía é a danza da lectura.