Unha nova caixa única?

Despois de desacordos e trasacordos esterilizantes, onte escenificouse en Monte Pío o acordo de fusión paritaria entre as dúas caixas galegas. Sen dúbida, é unha boa noticia que permite, canto menos por uns anos, contar a Galicia cunha entidade financeira de natureza social que debería servir aos intereses xerais do país. O acordo presentouse como equilibrado e paritario, un café para que todos se sintan gañadores diante dos seus e poidan obter os seus réditos políticos ou, quizais, tamén doutro tipo. Dúas sedes, unha operativa en Vigo, outra social e fiscal na Coruña, emulando o modelo do Banco de Santander, o que semella podería contentar aos alcaldes de Vigo e A Coruña, que inevitablemente se presentan como gañadores desa batalla (a procesión de Losada vai por dentro). Dous copresidentes non executivos , aínda que no acordo privado se establece que o primeiro será don Julio Fernández Gayoso, que terá voto de calidade no consello, o que supón que de facto se conxela a lei de caixas aprobado polo Parlamento Galego e recorrida no Constitucional polo Goberno central. Igualdade absoluta entre as dúas entidades en todos os órganos colexiados e unipersoais, aínda que o primeiro director xeral será José Luís Pego, que xa ocupaba a mesma responsabilidade en Caixanova.

No entanto, tras o protocolo presentado por Feijóo, que moi intelixentemente non uniu para a posteridade as súas mans a dos «protagonistas« do acordo, agora haberá que analizar a letra miúda, onde, sen dúbida, aparecerán moitas das condicións impostas polo Banco de España e coñecer aqueloutras que quedan nun neboeiro. A redución do cadro de persoal semella que non será tan equilibrada, xa que Caixa Galicia deberá desprenderse da rede exterior de 250 oficinas e dos depósitos dos seus clientes, enmagrecemento que xa comezara no eido das participacións industriais, coa venda do paquete accionarial de R por parte de Caixanova. Como tamén semella que tras o acordo o centro do negocio vai estar máis arredor de Vigo e que para  José Luís Méndez, o director xeral e líder de Caixa Galicia, o proceso supón un futuro máis incerto, algo ben diferente ao do seu partenaire Gayoso quen, apesar da súa idade, preséntase como o primeiro responsable da caixa unica. Máis preocupantes son, aínda, as consecuencias que sobre esta fusión pode ter o acordo de Zapatero e Rajoy sobre as caixas (nun claro camiño cara a privatización destas entidades, vía cotas participativas) e mesmo o estado no que acordo de Monte Pío deixa á recorrida lei galega de caixas.

De momento, temos a certeza que a nova caixa única será continuista na súa gobernanza, xa que os seus principais xestores e membros dos consellos de administración serán os das dúas entidades fundadoras. A aspiración inicial de conformar un novo proxecto financeiro cunha xestión renovada, na que os directivos funcionasen apenas como xestores austeros e non como «propietarios», semella que polo momento quedou adiada. Sobre as consecuencias políticas da fusión tempo haberá de analizar devagariño. Non hai dúbida que neste proceso o BNG levou a iniciativa e Feijóo tardou varios meses en entender por onde viña o vento, mentres que os socialistas coñecían a carta marcada do Banco de España. Outrosí sucedeu a nivel mediático, onde a realidade, tan teimuda, demostra hoxe que  Faro de Vigo proporcionou unha información máis fiable ca outros.

3 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    Ogallá sirva de algo. Ainda temblo despois de escoitar a zp agora no congreso.Por fin parecese decatar de esta “Gran Recesion” como vostede a chama. O goberno tiña k expiar o seus erros deixando falar a o pobo.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado. Manuel Bragado said: «Unha nova caixa única?», anotación no blog, http://bretemas.blogaliza.org/2010/05/12/unha-nova-caixa-unica/ […]

Los comentarios están desactivados.