Artigos

Onte 2130: «As mellores tendas de Madrid» de Manuel Veiga

Hai apenas tres meses que reseñabamos A parte queimada (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela breve de intriga e o ensaio político no que Manuel Veiga exploraba o ADN dos totalitarismos e da utilización da violencia como estratexia política. Agora volve cunha novela máis extensa, As mellores tendas de Madrid (Xerais 2021), na que aborda un dos temas fulcrais da Galicia da derradeira década: a fusión das caixas de aforro galegas durante a última crise financeira. E para facelo Veiga aposta por utilizar os recursos da ficción paródica (rigorosamente documentada) como xeito máis directo e eficaz de achegarse á verdade dunha cuestión agochada nos mal chamados medios de referencia e sometida aínda a un longo proceso xudicial.

Valéndose da atmosfera dos primeiros anos da crise financeira iniciada en 2008 e da man de Fredy e Mónica, un avogado e unha empregada da caixa de aforros, unha parella convencional instalada na comodidade amoral da clase media urbana, que importaba os modos de vida de Madrid, Veiga reconstrúe unha crónica desoladora do que foron aqueles anos da estafa das preferentes, da venda das caixas a prezo de saldo e dos casos de corrupción do Partido Popular, que coincidiron coa chegada á Xunta de Alberto Núñez Feijoo.  Con todo, será o director xeral de Caixatlántico, unha mestura dos trazos daqueles Gayoso e Méndez, ese que voa a Madrid en clase turista, o protagonista dun relato político que se cingue a axenda daqueles días como unha luva. Un preciso exercicio de memoria recente, como recomendaba Isaac Díaz Pardo, que demostra a utilidade da novela, mesmo mellor co ensaio sociolóxico ou político, para resolver enigmas aparentes ou para achegarse á verdade que nos foi ocultada.

Como fixera en Lois e Helena Buscándose nun día de tormenta (Galaxia 2006), Veiga volve polos vieiros da novela cen por cen viguesa, tanto na escolla do amplísimo elenco de personaxes secundarias, algunhas con retratos memorables, como os do alcalde Escudero, o subdirector submiso, o sindicalista Constantino Sanmiguel, o responsable da Ágora Cultura de Caixatlántico Gregorio Mármol, o xornal El Sol que más calienta… como das localizacións de negocios e establecementos (o ximnasio do Financial Club, La Gota Malaya, a Business Insider School…) que dan para un itinerario urbano polo Vigo señorito de comezos de século. Como mención merece o rexistro humorístico e paródico no que está escrita a novela, que lle permite ao autor perfilar un retrato corrosivo desa clase media viguesa tan viaxada cos ollos postos en Madrid.

Onte 1113: Cuestión de tarxetas

tarjetas-negrasA golfería do affaire das tarxetas negras de Caja Madrid lembra ao das máis cutres españoladas do cinema do tardofranquismo. Gastos en mariscadas, alcohol, lencería picante e puticlubs discretos, sen esquecer de cando en vez cargar a neveira no super, así como dispoñer de cartos de peto no caixeiro máis próximo do barrio. Barra libre para o conselleiro! Patético panorama de corrupción económica (e desolación moral) protagonizada por servidores públicos que ameaza con desanoar todos os cordóns de seguridades dispostos para conter os casos Gurtel, Pujol ou o dos ERES andaluces. Xaora, esta golfería xeralizada, instalada na cerna dos partidos e (tamén) sindicatos sistémicos, fose como medio do seu financiamento ou de enriquecimento dos seus dirixentes máis espabilados, non hai que ser un adiviño para aventurar que máis cedo ca tarde rebentará. Xa non hai diques que termen de tanto que fede. Como sabemos que o caso galego non pode ser moi diferente. A recuperada comisión de investigación creada onte no Parlamento Galego provocará importantes sorpresas sobre o sucedido nas caixas gobernadas durante décadas como finca de seu por Méndez e Gayoso. Será por tarxetas!?

Unha nova caixa única?

Despois de desacordos e trasacordos esterilizantes, onte escenificouse en Monte Pío o acordo de fusión paritaria entre as dúas caixas galegas. Sen dúbida, é unha boa noticia que permite, canto menos por uns anos, contar a Galicia cunha entidade financeira de natureza social que debería servir aos intereses xerais do país. O acordo presentouse como equilibrado e paritario, un café para que todos se sintan gañadores diante dos seus e poidan obter os seus réditos políticos ou, quizais, tamén doutro tipo. Dúas sedes, unha operativa en Vigo, outra social e fiscal na Coruña, emulando o modelo do Banco de Santander, o que semella podería contentar aos alcaldes de Vigo e A Coruña, que inevitablemente se presentan como gañadores desa batalla (a procesión de Losada vai por dentro). Dous copresidentes non executivos , aínda que no acordo privado se establece que o primeiro será don Julio Fernández Gayoso, que terá voto de calidade no consello, o que supón que de facto se conxela a lei de caixas aprobado polo Parlamento Galego e recorrida no Constitucional polo Goberno central. Igualdade absoluta entre as dúas entidades en todos os órganos colexiados e unipersoais, aínda que o primeiro director xeral será José Luís Pego, que xa ocupaba a mesma responsabilidade en Caixanova.

No entanto, tras o protocolo presentado por Feijóo, que moi intelixentemente non uniu para a posteridade as súas mans a dos «protagonistas« do acordo, agora haberá que analizar a letra miúda, onde, sen dúbida, aparecerán moitas das condicións impostas polo Banco de España e coñecer aqueloutras que quedan nun neboeiro. A redución do cadro de persoal semella que non será tan equilibrada, xa que Caixa Galicia deberá desprenderse da rede exterior de 250 oficinas e dos depósitos dos seus clientes, enmagrecemento que xa comezara no eido das participacións industriais, coa venda do paquete accionarial de R por parte de Caixanova. Como tamén semella que tras o acordo o centro do negocio vai estar máis arredor de Vigo e que para  José Luís Méndez, o director xeral e líder de Caixa Galicia, o proceso supón un futuro máis incerto, algo ben diferente ao do seu partenaire Gayoso quen, apesar da súa idade, preséntase como o primeiro responsable da caixa unica. Máis preocupantes son, aínda, as consecuencias que sobre esta fusión pode ter o acordo de Zapatero e Rajoy sobre as caixas (nun claro camiño cara a privatización destas entidades, vía cotas participativas) e mesmo o estado no que acordo de Monte Pío deixa á recorrida lei galega de caixas.

De momento, temos a certeza que a nova caixa única será continuista na súa gobernanza, xa que os seus principais xestores e membros dos consellos de administración serán os das dúas entidades fundadoras. A aspiración inicial de conformar un novo proxecto financeiro cunha xestión renovada, na que os directivos funcionasen apenas como xestores austeros e non como «propietarios», semella que polo momento quedou adiada. Sobre as consecuencias políticas da fusión tempo haberá de analizar devagariño. Non hai dúbida que neste proceso o BNG levou a iniciativa e Feijóo tardou varios meses en entender por onde viña o vento, mentres que os socialistas coñecían a carta marcada do Banco de España. Outrosí sucedeu a nivel mediático, onde a realidade, tan teimuda, demostra hoxe que  Faro de Vigo proporcionou unha información máis fiable ca outros.