"Illa Soidade", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Illa soidade, a novela de An Alfaya gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil. Boa lectura!

Campo do Fragoso XLII

DESCENSO MERECIDO
Fallounos o Rácing de Santander! A vitoria merecida do Celta diante do motivadísmo Xetafe foi insuficiente para que se producise o milagre. Co apoio da bancada petada e voluntariosamente algareira, os celestes saíron moi nerviosos sabendo que a súa sorte non se dirimía só sobre a lameira viguesa e boa parte das súas posibilidades de permanencia quedaban na capacidade dos cántabros de non perder diante do Betis. No arranque do encontro, a defensa de Stoichkov facía, outra vez, auga de forma clamorosa e a solución de Ángel como mediocentro amosábase ineficaz para impedir que os tres dianteiros do Xetafe atuasen a Pinto cunha facilidade estremecedora. Así chegou o gol de Redondo, quen sen marca ningunha aproveitou un rexeite na fronte da área. Paradoxicamente, o Celta soubo erguer o seu ánimo e con enorme facilidade conseguiu empatar, minutos antes do descanso, grazas a un contragolpe moi ben resolto por Bamogo, que realizou un dos seus mellores partidos. Tras a reanudación, os celestes saíron afoutos, decididos a resolver o encontro decontado. Anunciouno Gustavo López cun intelixentísimo saque de falta, que bateu no poste, e concretouno Lequi rematando de cabeza un saque de esquina. Desbordouse, por uns minutos, a euforia en Balaídos: o milagre no que ninguén acreditaba, semellaba posible. Porén, as noticias radiofónicas dos goles do ex-céltico Edu no Sardinero foron enmudecendo a bancada que respectou os vinte e cinco minutos finais nun silencio sobrecolledor, expresión da súa tristeza e decepción por un descenso xa inevitable. Os que acudimos durante toda a tempada ao estadio sabemos que este descenso foi tan merecido como doloroso. Un equipo que só conseguiu gañar catro partidos na casa non podía aspirar a continuar en primeira. Non hai dúbida de que o Celta, se pretende volver axiña a primeira, precisa refundar o seu proxecto deportivo partindo case de cero. Velaí un reto moi difícil do que falaremos en setembro.

Etiquetas: Celta_de_Vigo

Audiovisual e edición en Galicia

Convidado pola Academia Galega do Audiovisual, o pasado xoves participei nun debate sobre as relacións do sector audiovisual co mundo da cultura. No acto, moderado por Nani García, participaron Quico Cadaval, Antía Otero, Antón Baamonde e Marcial Gondar. Centrei a miña intervención en analizar as posibilidades dunha maior transferencia entre os sectores da edición impresa e da produción audiovisual que en Galicia viven virados de costas. É un feito que a maior parte das producións audiovisuais galegas están realizadas a partir de guións orixinais, o que supón unha certa anormalidade.
Nun recente e moi documentado traballo de Camilo Franco debúxase esta realidade: só o 7% das 70 longametraxes galegas fron adaptación de obras literarias en galego (cinco películas); porcentaxe que aumenta nos telefilmes ata o 19% (5 de 22 producións), grazas, sobre todo, ao proxecto Un mundo de historias, dirixido por Antón Dobao, que vai verquendo á televisión textos de narradores contemporáneos (os máis recentes serán A mariñeira de Quilmas, O bosque de levas e O club da calceta). Paradoxicamente, a transferencia no mellora na produción de curtametraxes (onde apenas se acada o 3%), sexan tanto as documentais como as de ficción. As posibilidades que ofrecen a actual edición infantil e educativa en lingua galega, así como os retos que propón a nova literacidade dixital, foron obxecto da miña reflexión.
Tras as nosas intervencións o debate foi animadísimo. Falouse moito sobre o uso da lingua galega no audiovisual, os enfoques que podería adoptar a programación da TVG, as posibilidades que para a nosa cultura ofrece Second Life ou a necesidade de contar cun proxecto empresarial multimedia dirixido á cultura urbana. Ao remate do debate coñecimos a noticia da produción en 2008 d’ A casa da luz, unha longametraxe dirixida por Carlos Amil, baseada na novela de Xabier P. Docampo.

Teresa Moure na libraría Pedreira

Presentamos Benquerida catástrofe, a máis recente novela de Teresa Moure, na libraría Pedreira. O acto foi moi emocionante e concurrídísimo. A intervención da profesora Goretti Sanmartín, memorable e as palabras da autora, sinxelamente, engaiolantes.
Chamoume moito a atención a cartela de convite á lectura que preside a libraría. Velaí a transcrición desas palabras precisas e tan valiosas, manuscritas pola propia Teresa:

Anda, non fiques aí tan lonxe… PASA! Así está mellor. Oes, ti quen es? Unha desas persoas que len canto canto lles cae enriba? Especialista en literatura? Ou só entras nas librarías de teres que facer un agasallao? TANTO TEN! Entraches! Non importa agora se es muller ou home, nov@ ou vell@, se prefires remexer polos andeis ou estás segur@ dos teus gustos. Esquece as preocupacións e olla ao teu redor. Eis os libros! Están feitos para ti, que les. Colle ao chou para te deixares seducir polas palabras. Emociónate, flúe, sopréndete, vibra, namórate… Aproveita o momento: le… GOZA!

Etiquetas: Teresa_Moure

Premio Xerais 2007, os artigos de Luzes

Hoxe o Luzes de El Pais Galicia publica varios artigos arredor dos Premios Xerais:

Comercio interior do libro 2006

Este ano o avance dos resultados do estudo do Comercio Interior do libro apareceron antes. Faltan os datos desagregados dos gremios, razón pola que non hai cifras de Galicia.

Historia lingüística de Galicia