Audiovisual e edición en Galicia

Convidado pola Academia Galega do Audiovisual, o pasado xoves participei nun debate sobre as relacións do sector audiovisual co mundo da cultura. No acto, moderado por Nani García, participaron Quico Cadaval, Antía Otero, Antón Baamonde e Marcial Gondar. Centrei a miña intervención en analizar as posibilidades dunha maior transferencia entre os sectores da edición impresa e da produción audiovisual que en Galicia viven virados de costas. É un feito que a maior parte das producións audiovisuais galegas están realizadas a partir de guións orixinais, o que supón unha certa anormalidade.
Nun recente e moi documentado traballo de Camilo Franco debúxase esta realidade: só o 7% das 70 longametraxes galegas fron adaptación de obras literarias en galego (cinco películas); porcentaxe que aumenta nos telefilmes ata o 19% (5 de 22 producións), grazas, sobre todo, ao proxecto Un mundo de historias, dirixido por Antón Dobao, que vai verquendo á televisión textos de narradores contemporáneos (os máis recentes serán A mariñeira de Quilmas, O bosque de levas e O club da calceta). Paradoxicamente, a transferencia no mellora na produción de curtametraxes (onde apenas se acada o 3%), sexan tanto as documentais como as de ficción. As posibilidades que ofrecen a actual edición infantil e educativa en lingua galega, así como os retos que propón a nova literacidade dixital, foron obxecto da miña reflexión.
Tras as nosas intervencións o debate foi animadísimo. Falouse moito sobre o uso da lingua galega no audiovisual, os enfoques que podería adoptar a programación da TVG, as posibilidades que para a nosa cultura ofrece Second Life ou a necesidade de contar cun proxecto empresarial multimedia dirixido á cultura urbana. Ao remate do debate coñecimos a noticia da produción en 2008 d’ A casa da luz, unha longametraxe dirixida por Carlos Amil, baseada na novela de Xabier P. Docampo.