"Minimaladas", adianto de cinco historias

Hoxe subimos o adianto en PDF de cinco (das oitenta e catro) minihistorias que conforman Minimaladas, a obra de Carlos López gañadora do Premio Merlín 2007.

Os blogs na escola

Moi recomendable este número de Vieiros na escola sobre o uso educativo dos blogs. Coa implantación da nova reforma curricular e a necesidade do desenvolvmento da competencia dixital, producirase o estoupido do fenómeno dos blogs escolares. Unha boa oportunidade para reflexionar sobre a utilidade do soporte e o traballo sobre a literacidade electrónica e crítica da que tantas veces temos aquí falado.

Etiquetas: Edublogs

Rede de Bibliotecas de Galicia

Paréceme bo o novo portal da Rede de Bibliotecas de Galicia. Información ben organizada e cun nivel de usabilidade que me pareceu moi aceptable. Especialmente interesante é a selección de contidos web e o funcionamento dos buscadores (con atención específica ao do libro galego). Haberá que profundizar no seu funcionamento, mais a primeira visita é ben esperanzadora. Beizóns para os seus responsables.

Etiquetas: Bibliotecas

Only in Galicia

Hoxe recibín esta presentación por ecorreo. Ten o seu punto irónico.
Etiquetas: Galicia

"Cardume", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. Boa lectura!

Teresa Moure, premio Rafael Dieste 2007 de teatro

Esta mañán recibimos unha magnífica noticia: Teresa Moure obtivo o premio Rafael Dieste de teatro por Unha primavera para Aldara.
O xurado do premio sinalou que o texto foi seleccionado “pola sólida estrutura dramática, a potencia dos conflitos e a magnífica construción de personaxes”, apreciando nel “a ambición dunha trama sostida por un gran traballo de investigación histórica que trascende a época do drama para abordar temas de actualidade”, así como “a aposta por unha dramaturxia histórica” e “polo alto nivel literario” do mesmo.
Gustavo Pernas, membro do xurado, sinalou no anuncio do galardón que a trama da obra sitúase nun cenobio no ano 1465, na época das grandes loitas irmandiñas. “Máis alá do documento histórico e do traballo de investigación, destaca a universalidade e transcendencia de certos temas como a igualdade da muller”, segundo expresou o dramaturgo. Ademais, “abórdanse temas de actualidade utilizando unha trama histórica está falando de nós, de Galicia, de tradición e modernidade. A obra ten uns personaxes moi ben perfilados, é rica en dramaturxia e tamén en narración”. Concluíu Pernas afirmando que a posta en escea “constitúe un desafío”, xa que se trata dunha obra de 160 páxinas con grande complexidade escénica.
Unha primavera para Aldara é o primeiro texto dramático de Teresa Moure, amosando, así, a súa versatilidade e talento que a converten nunha das nosas grandes escritoras contemporáneas. Beizóns merecidas para ela. O vindeiro mércores, ás 20:00 horas, presentaremos na Libraría Pedreira de Santiago Benquerida catástrofe, a súa máis recente novela. Quedades convidados a felicitala.

Etiquetas: Teresa_Moure

"Illa Soidade", testemuño dun xurado

Martín Pawley foi membro do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2007 que outorgou o galardón a Illa soidade de An Alfaya. Aquí fai unha primeira achega á obra. No mesmo espazo publica a primeira entrevista que na noite da entrega fixo á autora.

Premios Xerais 2007, a repercusión nos blogs

Ás primeiras informacións sobre o fallo dos Xerais, aparecidas onte nas edicións electrónicas dos xornais, engadíronse hoxe outras referencias nos blogs e nos espazos culturais electrónicos: