«O encaixe roto» é o título dun conto escrito hai cen anos por
Emilia Pardo Bazán, traducido por
María Xosé Queizán dentro do volume
Fenda, loucura e morte. Micaelita Aránguiz, unha rapaza da alta sociedade, rompendo todas as convencións sociais do seu tempo, decide cando o bispo lle preguntou se recibía a Bernardo por esposo, soltar un «non» tan claro como enérxico. Camiño do altar engancháraselle o valiosísimo volante de encaixe que pertencera á familia do noivo, unha auténtica marabilla! A noiva, ademais de comprobar decepcionada o retallo sobre o delicadísimo labor, observou a cara de Bernardo contraída e desfigurada por unha irritación vivísima e naquel instante fugaz –conta dona Emilia– «alzouse un pano, e detrás apareceu espida unha alma». Aquela expresión de ira, dureza e menosprezo, permitiulle a moza, nun momento de lucidez, librarse do destino que lle estaba reservado, negándose a seguilo.
Dona Emilia, observadora intelixente e audaz, incansable batalladora da causa feminista, denuncia con grande lucidez, neste relato o dereito da muller a decidir o seu propio destino e a acceder en igualde de condicións cos varóns a todos os ámbitos da vida pública. Despois de cen anos de loita feminista, ninguén é capaz de deter a maior revolución deste século que remata, a da paridade entre homes e mulleres. A pesar da igualdade formal acadada nas sociedades occidentais e a relevancia da muller no sistema educativo actual, aínda son moitos os obstáculos existentes que impiden falar dunha igualdade verdadeiramente real; obstáculos que atinxen tanto ao ámbito da vida privada como da pública, dicotomía onde reside a orixe de todas as desigualdades que oprimiron á muller.
Neste século modificáronse moito as leis, pero moito menos os costumes e a vida cotiá. Hoxe as mulleres soportan, entre a esperanza e o desacougo, unha dobre xornada de traballo, doméstica e profesional, ocupándose case en exclusiva do coidado dos fillos, dos vellos ou dos enfermos. A auténtica igualdade de oportunidades non existe no mundo do traballo, onde os máis baixos niveis salariais e os máis altos de desemprego castigan sempre as mulleres e onde son moitos os obstáculos de todo tipo que teñen que franquear para acadar un nivel paritario de participación nos órganos de decisión das empresas e institucións. A violencia sobre as mulleres segue sendo unha constante que non mellora co paso dos anos, un fenómeno con cifras espeluznantes: no mundo entre o 10% e o 40% das mulleres sofren algún tipo de violencia, dende a mutilación xenital ao tráfico de adolescentes; en España morre cada semana unha muller vítima de malos tratos. Violencia que constitúe un auténtico terrorismo de xénero, un verdadeiro problema de Estado, que amosa ás claras e con contundencia que a muller continúa a ser considerada máis como obxecto que como suxeito.
Avanzada xa a primeira década do novo século será necesario acometer a revolución pendente do xénero: transformando as actitudes e os comportamentos de homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, feminizando aos homes e por extensión a toda a sociedade, modificando as concepcións actuais do que é público e do que é privado; en definitiva, promovendo un cambio de mirada sobre as nosas formas de vida, tomando conciencia de que hai un estilo ignorado de facer as cousas. Será imprescindible tamén, que os gobernos e os homes nos impliquemos na loita contra a violencia de xénero e na corrección das desigualdades que aínda discriminan e afectan ás mulleres, indo moito máis alá de xestos electorais e cotas de participación máis ou menos efectivas. Hoxe ese encaixe roto, ese momento colectivo de lucidez, esa anticipación dun futuro roubado, é a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. A causa de toda a sociedade neste Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.