Campo do Fragoso XXIV

CONXUNTO ESPECTACULAR
Foi un partido espectacular, vibrante, emocionante e desputadísimo ata que Iturralde asubiou o remate. Tras un inicio de tempada un chisco vacilante, volvimos gozar da esencia do fútbol combinativo dun conxunto que na primeira parte arroiou cunha auténtica corga de oportunidades preciosas como había moito, moito tempo non se viran en Balaídos. Anticipándose na liña de pase valencianista, freando todas as posibilidades de contragolpe deses diaños chamados Villa e Silva (si, o noso “Silviña”), o conxunto de Vázquez, baixo unha dirección maxistral de Oubiña (moi centrado e participativo, mágoa dese poste que lle impediu marcar o gol da súa vida), ofreceu un recital do mellor fútbol moderno baseado no xogo colectivo e harmónico de todas as liñas. Rematando cada unha das xogadas de ataque (como aconsella Johan Cruyff) para evitar perder despois o debuxo defensivo, confiando ata o límite nas posibilidades propias, baseadas na concentración defensiva e no funcionamento dun vistoso triángulo atacante, o Celta conseguiu remontar con pasmosa facilidade un resultado adverso. Mais a pesar dos tres golazos (tres cacheiróns marabillosos), a vitoria non foi nada doada, xa que o espectacular conxunto galego tivo diante a un rival de xogo notabilísimo, que amosou posuír múltiples alternativas para crear perigo e provocar o pánico durante a derradeira media hora. A impecable dirección de Fernando Vázquez (outra vez inxustamente expulsado, no que semella unha auténtica persecución arbitral contra o noso adestrador), oportunísima nos trocos e nas variantes tácticas, foi vital para conseguir esta vitoria traballadísima, chamada a iniciar a remontada na clasificación. Unha grande tarde do fútbol da serpe celeste. Marchamos moi, moi satisfeitos.

Qué facemos co porto, qué facemos con Vigo?

No artigo da semana reflexiono sobre o conflito suscitado pola ampliación do peirao de Bouzas entre o responsable da Autoridade Portuaria e a alcaldesa de Vigo. Para min está claro o carácter preelectoral desta nova disputa e o escaso interese de ambos os dous candidatos á alcaldía viguesa por apostar por políticas de planificación estratéxica.
Etiquetas: ,

1000

Estas brétemas acadan co este post o seu número 1000, unha cifra inimaxinable cando hai case dous anos iniciabamos este vieiro de publicación na rede. Os máis de tres mil comentarios que as enriqueceron –contradicindo, polemizando ou rectificando ao autor con absoluta liberdade e grande xenerosidade– e os lectores e lectoras silenciosos que sei as seguen son o mellor aliciente para continuar a súa publicación.

Os temas
Cando comecei apenas albiscaba as posibilidades comunicacionais dos blogs e só tiña claro que a miña voz ía estar centrada arredor do meu traballo profesional como editor en lingua galega. A literatura, os debates arredor da edición, a defensa da cultura do libro (por riba dos seus soportes) e dos seus diversos profesionais foron e seguen sendo os temas máis recorrentes deste espazo virtual. No entanto, sen caer no ton melancólico dunha bitácora intimista (son demasiado pudoroso para facelo), as brétemas foron abrindose a outros eidos máis persoais: dende explicitar a miña devoción futbolística celeste (posición tan politicamente localista como incorrecta nun nacionalista), desvelar o meu interese polos temas gastronómicos e artísticos (especialmente a música) ou expresar a miña clara vontade de opinión política.
Comprendín axiña que outra das utilidades do blog é a súa capacidade de arquivo, razón pola que comecei a enlazar os artigos que publico cada domingo, dende hai oito anos, no Faro de Vigo, sobre actualidade social, política e cultural e carácter local, polo que sen pretendelo, as brétemas asumiron a cidade de Vigo e a problemática do espazo urbano como outro dos seus eixos transversais.
Con todo, e a pesar desta dispersión temática (algunhas veces descontralada), foi e segue sendo a lectura, ou a mobilización ou insubmisión lectora que propoño insistentemente, o centro da preocupación e da poética do blog.

As razóns
A primeira é fundamental razón deste blog é informar para compartir e conversar, o que me obriga a ofrecer información de primeira man da que dispoño (coa prudencia profesional que isto require), ensaiar argumentos e contrastalos cos comentarios dos lectores e, sobre todo, identificar tendencias e explorar novos vieiros. Concibido así, o blog é para min hoxe unha fonte de construción de coñecemento e aprendizaxe compartida esencial.

A textualidade
A esta altura os blogs son a manifestación da xeralización ou democratización da nova textualidade electrónica ou nas palabras de Juan Varela identidades de dominio público. Como usuario levaba preparando centos de textos para publicar na rede dende 1997, mais nunca percibira todas as posibilidades desta textualidade ata que comecei a manexar a interface blog.
Teño insistido en que non me interesa tanto o soporte en si mesmo (non son un fanático da informática nin usuario avanzado dos últimos berridos tecnolóxicos), como a textualidade dixital, que supón unha nova literacidade, esta nova forma de ler e de escribir en base as posibilidades que proporciona a hipertextualidade e a multimodalidade.
Por riba das historias que conten cada un dos blogs, sexan os intimistas ou os especializados, todos empregan esta nova textualidade. Aí reside, para min, o irreversible dun fenómeno efímero (os blogs de hoxe en día desparecerán antes cos libros analóxicos, sendo substituídos por outro soporte que hoxe aínda descoñecemos) que xa está modificando a información e a creación literaria impresa en base a palabras.
Esta nova literacidade está permanentemente sendo revisada por mor de que as novas posibilidades técnicas do soporte son novas posibilidades creativas. Os nosos blogs xa non son como hai un ano debido a que incorporaron novas utilidades, que foron transformando a súa escrita e a súa lectura: a aparición do You Tube ou do chuza provocaron unha revolución silenciosa no blogomillo tan importante como a que supuxo hai un par de ano a utilización do formato PDF para a edición impresa.
Lembrando ao meu querido Paulo Freire, “a lectura é unha práctica social e cultural inserida sempre nunha comunidade e tempos concretos“. Nese contexto, creo que podemos entender o apaixonante proceso no que estamos participando.

Prácticas nas que creo
Enriquecer o texto con enlaces significativos que permitan a intertextualidade e a hipertextualidade.
–Concibir o enlace, cando sexa oportuno, como unha metáfora visual, sonora e visual.
Metabloguear (ou tecer a rede laboriosamente) é contribuír a conformar as comunidades transversais nas que nos imos adscribindo. A repetición sinala interese na medida que cada autor imprime a súa pegada e enriquece o contido.
Etiquetar o contido para facilitar as buscas semánticas. O etiquetato permite o arquivo (non esquezamos que na rede, a pesar da súa inmediatez, publicamos sempre para o futuro).
Sindicar os contidos para facilitar a lectura.

Sobre o nome de Brétemas
Moitas veces téñenme preguntado polas razóns de escoller este alcuño. A primeira e fundamental foi recuperar o nome da miña primeira militancia política universitaria (hai agora trinta anos) e da que non saín moi ben parado; a segunda por homenaxear a un personaxe de No ventre do silencio; e a terceira porque sempre gustei do espazo do
neboeiro
como incitación para albiscar o perfil do horizonte.

Etiquetas: ,

Grandes imperios, pequenas nacións

Acabei de ler Grandes imperios, pequeñas naciones, un ensaio de Josep M. Colomer, publicado orixinalmente en catalán, que obtivo o IX Premio Fundació Trias Fargas 2005.
Un libro moi interesante para debater sobre o futuro de pequenas nacións, como Galicia, no novo entorno dos imperios europeo e americano. A análise dos conceptos de imperio, nación e globalización, o papel das linguas e da identidade, a reflexión sobre o fracaso da construción de España como estado nacional en Europa (como atención especial aos casos catalán e vasco) centran os contidos desta obra polémica e luminosa en argumentacións.
Moitas son as afirmacións salientables dun ensaio escrito con rigor e fluidez. Especialmente valiosos parecéronme os argumentos referidos a que o autogoberno das pequenas nacións hoxe é posible sen un exercito propio, fronteiras nin aduanas, o que é o mesmo que dicir, sen un estado soberano; ou aqueloutras referidas á defensa dun plurilingüismo compatible co uso de linguas francas ou o papel de Europa (“a soberanía das pequenas nacións consiste en ter un lugar na mesa da Unión Europea”) xa que para el a diferenza entre a independencia formal e a autonomía é só unha cuestión de grao. Singular interese teñen os cadros que relacionan todas as pequenas nacións do mundo e a análise sobre o actual plurilingüismo dual na Unión Europea, onde hai trinta millóns de cidadáns que teñen como primeira lingua outra difeente á primeira do estado.
Un libro valioso para repensar argumentos sobre a cuestión nacional e a soberanía. Recomendo unha lectura crítica e vagorosa.

Etiquetas: ,

A procura da verdade

Xa falaramos aquí da última novela de Xabier Quiroga. Hoxe aparece outra crítica excelente no Cartafol de libros.
Sería unha mágoa que esta obra con tan boa acollida crítica, considerada unanimemente como de gran calidade literaria, pasase desapercibida para os lectores.
Unha aclaración: a pesar das dúbidas do crítico, Xabier Quiroga é o nome dun autor (a verdde que moi discreto) que non se oculta baixo ningún pseudónimo.

Etiquetas: ,

O PP de Galicia e o libro galego

Nos últimos días o PP de Galicia publicou dous comunicados expresando a súa preocupación sobre o estado do libro galego. En principio, é moi de agradecer o interese do partido da oposición sobre o estado dun sector estratéxico da cultura do país, mais aínda cando este labor de seguimento e fiscalización do labor do goberno nunca se fixera nos últimos quince meses. Porén, debullando os datos proporcionados pola nota popular atopamos numerosos erros de cómputo do volume da nosa produción editorial que, para non faltar á verdade, deberían ser rectificados polos autores.
A nota agoira que o 2006 será o ano con menor número de títulos do libro galego do último lustro, argumentando que no primeiro semestre foron editados 922 títulos (dato errado, foron 962 as referencias en galego inscritas no ISBN), cantidade superior ás 865 do mesmo periodo do ano anterior (11,21 % de incremento). Aténdonos a eses datos oficiais, se o sector mantivese o crecemento do primeiro semestre de 2006 (o que é moi previsible), acadaría por vez primeira na súa historia os dous mil títulos. Tamén é errada a afirmación referida a que o volume de edición baixara nun 5% dende 2003, cando, en realidade, se mantivo (1828 títulos en 2003 e 1827 en 2005). Outrosí, sucede cando se afirma de forma grandilocuente que ao longo dos gobernos populares o crecemento do libro galego en número de títulos foi dun “1.900 %”, dato radicalmente falso, xa que no ano 1989 (cando foi investido Fraga por vez primeira) foron editados en galego 489 títulos (non 89 como sinala a nota), o que supón un xa importantísimo crecemento dun 425% (1.827 títulos).
Xa sinalamos noutras ocasións, que o número de títulos non debe ser a única variable para valorar o estado da nosa edición que merece unha análise máis complexa, atendendo a criterios de emprego, facturación, número de exemplares producidos, tirada media en función das diversas tipoloxías de edición e canles de comercialización.
Esta nota do PP de Galicia desenfoca, pois, o diagnóstico do que está sucedendo no sector editorial galego nos últimos meses. No entanto, botamos en falta algunha referencia a reclamar un maior compromiso do actual goberno bipartito coa lectura pública e coa mellora da rede bibliotecaria (situación que, a pesar de manter uns índices moi por baixo doutras comunidades, non pasou de ser abordada polo actual goberno só con declaracións de boas intencións para resolver tan espiñento problema). Botamos en falta, tamén, que o partido da oposición non urxa con maior insistencia ao actual executivo sobre a necesidade de axilizar o proceso de tramitación parlamentaria da Lei do Libro e da Lectura (consensuada co sector durante o seu derradeiro goberno), na que as empresas do sector temos depositadas moitas esperanzas.
Con todo, agradécese que os responsables do PP de Galicia, agora na oposición, caian, por fin!, do cabalo coma Saulo sobre os problemas que ocasiona o modelo de préstamo do libro escolar (imposto e ideado por eles e seguido mimeticamente polos responsables do goberno do PSOE-BNG) ao conxunto do tecido cultural galego e ao futuro da nosa lingua (un “problema” que o bipartito semella ter resolto pola vía do silencio administrativo e da fuxida cara adiante). Benvida sexa esta análise sobre a modalidade de préstamo, que agardamos sexa tamén debatida en sede parlamentaria para poder coñecer así o posicionamento real de cada un dos tres grupos políticos sobre cuestión tan importante para o futuro do libro galego.
Nunca é tarde para rectificar: a situación do libro e da lectura pública en Galicia, dous ámbitos estratéxicos das políticas culturais e educativas, precisan de maior atención por parte tanto do goberno e da oposición. Como non vai ter futuro un país onde os seus políticos debaten sobre os problemas da lectura pública?

Actualización (14-10-2006)
: Galicia hoxe.

Etiquetas: Libro, Galicia, PP

Suso de Toro en EblogTV

Suso de Toro, o escritor que máis ten apostado pola textualidade electrónica na rede, foi o primeiro convidado das emisións en directo de EblogTV. A entrevista (en realidade un vídeo encontro) amosa tanto as posibilidades da nova televisión persoal na rede como as potencialidades deste tipo de soporte para o fomento da lectura. Moi interesante.

O meu mapa íntimo de librarías

Amo as librarías da miña cidade. Gosto das tradicionais como “Cervantes”, da vella tradición das librerías viguesas: a de “Tetilla” en Policarpo Sanz, a “Rápida” en Gran Vía, a de “Barba” na Laxe, a de “Barrientos”, a “Papelería Española” e a “Bertrand” (que nos enchían de orgullo, no centro do Príncipe), a “Pax” de Elduayen, a “Galdós” de Romil, ou a “Anticuaria” que rexía Xosé María Álvarez Blázquez en Pi e Margall, fronte a miña casa, onde naceu Castrelos, a editora dos libriños do Moucho, que se vendían polas feiras, todas elas xa desaparecidas.
Gosto das que aínda miman o libro galego como “Mendinho”, “Andel virtual”, “Cartabón” ou “Sargadelos”, continuadoras da tradición das que apareceron nos anos setenta e, logo foron desaparecendo nos últimos vinte anos: “Arcova”, nas galerías de Colón; “Ir Indo”, nas de Príncipe; “A Esmorga”, na rúa Gamboa; “Curros Enríquez”, en Montero Ríos (onde se presentaron os primeiros libros da editorial); ou “Castelao” nos Choróns, que fundara o finado Fernando Pereira, o que foi alcalde de Soutomaior, cando volveu da Galicia emigrante.
Gosto das grandes librarías de fondo como “Librouro” (hoxe a miña preferida), creada polo señor Antón Patiño, a quen tanta gratitude lle debemos; mais, tamén, a de “El Corte Inglés” ou a “Casa do Libro”, o máis recente refacho de esperanza e un dos espazos onde presentamos máis habitualmente os nosos libros.
Gosto das coquetas librarías literarias como “Babel” ou “Versus”, ou daquela “Maxtor” que pechou o pasado ano.
Gosto das infantís como “Mañán”, “Libros para soñar” ou das xa desaparecidas como “Merlín” e “A caixa de Pandora”.
Gosto das librarías de barrio, sempre imprescindibles, como “Auria”, “Prisma”, “Gami”, “Lafer”, a “Libroteca” de Travesas ou a vella “Gran Vía”, que fundou o señor Izaguirre e tan importante na miña adolescencia.
Gosto de remexer nos seus andeis e nas mesas de novidades, gosto de falar cos libreiros e libreiras e aprender deles os segredos da súa noble e arriscada profesión. Gosto de todas elas, a pesar das súas insuficiencias, por que todas son necesarias; por que todas venden esperanza e alegría; por que todas son, en maior ou menor grao, fonte irreparable de pracer, de emoción e de gozo. Por que en todos estes humildes establecementos se ofrecen produtos destinados a satisfacer esa paixón intrinsecamente humana utilizando un obxecto que chamamos libro: o desexo de coñecer e soñar, para vivir con máis radical intensidade.
Etiquetas: ,

Pecha a libraría Colón da Coruña

Colón, a libraría máis antiga da Coruña, tan presente na novela de Rivas, pechará antes de finais deste ano. A ruína do edificio (ninguén fixo nada para impedila, esa vella treta!) é a causa aducida polos propietarios do inmoble para levantar alí unha construción de nova planta. O día 14 de decembro está previsto que realicemos unha derradeira asinatura de exemplares. Agardemos que a vella Colón (abriu as súas portas en 1935) atope outra ubicación no centro da cidade á que serviu con humildade durante sete décadas.
Propoño que, cada vez que peche unha libraría nas nosas cidades ou vilas, sexa denunciado nos nosos blogs coa intención de confeccionar un mapa de librarías da memoria. Será un xeito de tributarlles a homenaxe que merecen.

Vía: Cartafol de gardalivros.

Trucos para ler. Estratexias do desexo

Este artigo de Emili Teixidor, publicado na Vanguardia o 19 de xaneiro de 2005 e reproducido, o mesmo día por Txetxu, foi o gañador do VI Premio Xornalístico sobre Lectura convocado pola Fundación GSR.
Un texto marabilloso e sorprendente, un clásico sobre a lectura, deses que merecen quedar arquivados para reler e consultar moitas veces.