Campo do Fragoso XXI

GUSTAVO CELTA
Celta e Getafe chegaron á derradeira xornada cos seus deberes feitos e desputaron un amigable para celebrar as súas magníficas tempadas. Vázquez, coa elegante discreción que o caracteriza, preparou o encontro para convertelo na primeira homenaxe que a afección lle tributa a Gustavo Celta, o xogador que mellor representou o espírito da fantasía celeste nesta década de gloria de xogo sen títulos. E abofé que Gustavo non decepcionou e durante unha hora sintetizou a sabedoría atacante que durante sete tempadas tanto nos fixo gozar. Arrincou con afouteza, caneou canto quixo, recuperou de forma disciplinada, buscou con determinación atacante a liña de fondo, centrou maxistralmente en parábola media ducia de veces para que Contreras nunha delas cabecease con furia (un dos mellores goles da tempada) e mesmo, pouco antes de ser substituído, chegou a facer unha rabona extraordinaria (un tipo de centro exquisito que só saben ralizar os máis grandes peloteiros arxentinos e chilenos) que deixou á bancada asombrada. Nunha actuación memorable, Gustavo reivindicouse como a voz da poesía esencial daquela fantasía da serpe de xestas europeas da que a bancada aínda ten saudades. Con esta brillantez de xogo e emotividade agradecida (a homenaxe a Gustavo Celta foi vibrantísima) rematou unha tempada extraordinaria, sobre todo nos resultados (64 puntos, 20 vitorias, 33 goles en contra, cifras ao alcance de moi poucos equipos europeos). Este Celta de sobria defensa atacante, que conxuntaron de forma intelixente Vázquez e Félix, ofreceunos unha das mellores tempadas da historia céltica. Beizóns para eles, para o cadro de xogadores e para os responsables do clube.

Etiquetas: ,

Máis internet, máis futuro

No artigo da semana, ao fío da efeméride do 17 de maio, tamén Día de Internet e Día Mundial da Sociedade da Información, reflexiono sobre as relacións entre o novo paradigma comunicacional da literacidade electrónica globalizada e o futuro da lingua, cultura e identidade nosas.

Rúa para Zeca Afonso

Adhírome entusiasmado á iniciativa que promove o amigo Benedicto (parabéns polo animadísimo blo) de reclamar unha rúa en Santiago para Zeca Afonso.

Etiquetas: ,

Galescolas

Esta si que é o tipo de política educativa que queremos. Beizóns.

Anteproxecto de lei de lectura, libro e bibliotecas

No consello de ministros de onte aprobouse, por fin (xa non era sen tempo) o anteproxecto da lei de lectura, libro e bibliotecas. Hai noticias importantes: consolídase o prezo fixo do libro e autorízase o desconto dos libros de texto (un claro incumprimento da promesa da ministra de Cultura). Mais, sobre todo, vexo moi interesante a modernización da definición de libro:
a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais complementarios de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo, así como calquera outra manifestación editorial.

Esta adaptación ás novas tecnoloxías esténdese tamén á definición dos axentes que participan no proceso editorial: editor, distribuidor, libreiro.

Con esta definición, recoñécese que o característico do mundo do libro non reside xa no soporte (sexa analóxico-impreso ou dixital) e, si pola contra, na actividade que promove, a lectura. Idea central que vimos reiterando nestas brétemas.
É toda unha mágoa que este anteproxecto do goberno central se anticipe á Lei do libro e a lectura que o sector do libro en Galicia veu elaborando desde hai dous anos (na que xa recolliamos este modelo). Temos noticias que o Consello Consultivo entregará o seu ditame o día 18 deste mes, o que permitiría que o proxecto de lei fose aprobado polo Goberno galego antes do verán. Agardemos que desta volta o compromiso se faga efectivo. Perdemos unha oportunidade de que Galicia se colocase á cabeza da nova política institucional sobre o libro e a lectura.

Máis información: Periodistas 21, ABC, El Pais, La Voz de Galicia, Galicia hoxe.

Lingua en positivo

Marcos propón abrir un debate en positivo sobre o futuro da lingua. Acerta de cheo. A pesar de que sei que non hai receitas máxicas a miña aposta vai por converter ao galego en lingua de proximidade, vencellándoa coa innovación tecnolóxica e co mundo da infancia, do lecer e da lectura. Só deste xeito creo que se poderá vencer na sociedade, e sobre todo na mocidade, o prexuízo estendido de asociar a utilización do galego como lingua vehicular cunha opción política nacionalista ou propia de aburridos culturetas galleguistas. Nesa liña, a mudanza radical no tipo de celebración do 17 de maio tórnase imprescindible.

Prosa electrónica e futuro da lingua

Hoxe aparece publicada unha reflexión que escribín sobre as relacións entre a nova prosa electrónica e o futuro da lingua.
Etiquetas: ,

Home sen nome: presentación en Compostela

Magnífica foi a primeira das presentacións de Home sen nome. Encarna Otero, nunha intervención moi emocionante e poderosa na que analizou os momentos máis significativos da obra, agradeceu ao autor que esta novela estivese dedicada ás irmáns Fandiño e que contribúa a “reconciliarnos coa Compostela humillada e represaliada, coa Compostela esquecida, recuperando os nomes, a vida e a dignidade daqueles perdedores, que non vencidos”.
Suso de Toro expresou que para el este libro é “a hora da verdade, de poñer a proba a literatura, de comprobar a capacidade que ten unha literatura social de reformular un estado de conciencia que ten moito que ver co pasado”. “Sempre defendín a dignidade da escrita literaria, de quen conta historias, como oficio. Mais tamén creo que é un camiño de coñecemento, que procura ver a realidade cos ollos abertos, comprender o mundo e a vida. Sempre defendín o coñecemento a través da dor, o saber tráxico. Para min a literatura é alegría verdadeira cando nace da asunción da dor e a morte. A literatura é un instrumento de curación, pode aliviarnos de moitas feridas”.
Con respecto á cuestión da memoria, Suso de Toro expresou con rotundidade o deber que as xeracións actuais teñen de facerse adultas, de averiguar e vivir en liberdade. Asumir, como fixeron os alemáns, que cómpre estar alerta para non repetir as cousas terribles que fixeron os nosos antepasados. Nunca máis o que fixeron de cruel os nosos pais e os nosos avós”.
O autor definiu a novela como metafísica (porque “intento escribir sobre o sentido último da vida”, relixiosa “na medida que propón unha viaxe aos infernos, ao pasado, ao país dos mortos”. “Non sei se chamarlle novela a obra. Aquí non hai a voz do narrador. Aquí hai xente que fala. Ten historia persoal e colectiva, ten lenda e mito, emprega materiais de teatro e de guión cinematográfico.” Rematou expresando o seu desexo de que este libro “fose lido como un novo don Xoán que devora mortes, agardo o veredito dos lectores, que me poñan nota”.

Hoxe continuaremos as presentacións en Vigo e mañá na Coruña.

Quedamos moi agradecidos pola crónica do acto que hoxe publicou Couselo.