Tender pontes

Todos os datos que recabei dos meus veciños, testemuñas dos feitos, coinciden en sinalar que a actuación policial desta mañá na Gran Vía foi desproporcionada e contribuíu a apupar unha situación que non está xa para moitas chiquitas. A folga do metal vigués contra a precariedade é un conflito socialmente moi serio que debería ser abordado por parte dos gobernos con maior sensibilidade.
Para min é moi significativo o protagonismo que nas mobilizacións están tendo os obreiros mozos das contratas (amosando o seu descontento con petardadas estrondosas e argallando os saltos cos celulares, o que entoleceu un pouco máis á policía), os fillos e case netos das xeracións que protagonizaron as loitas do setenta e dous e da posterior reconversión naval. A pouco que se escarve nesas feridas, e hoxe a policía comezou a escaravellar, a folga pode quedar fóra do control dos sindicatos e estenderse a outros sectores.
Con máis dunha ducia de detidos en comisaría e un bo número de contusionados nos sanatorios dificilmente pode abrirse un vieiro para unha negociación serena dun convenio e dun conflito que vai moito máis alá da reivindicación salarial e que, pola contra, amosa o malestar xeracional cun sistema de produción industrial baseado na temporalidade e na flexibilización das conquistas realizadas polos obreiros nos últimos trinta anos.
Mañá o Conselleiro de Traballo debería vir de mañanciña a Vigo e reunirse coas partes para tender pontes e arrefriar os ánimos. É o mínimo que pode facer un goberno progresista.

Etiquetas: , ,

Volve Eiroa

Que se preparen os radioescoitas do Vigo metropolitano: o 18 volve Eiroa.
Etiquetas: , ,

Premios AELG 2005

Onte á noite estiven na cea onde se deron a coñecer os premios da AELG 2005 aos mellores libros do ano nos eidos da narrativa, teatro, poesía, ensaio e tradución. Estes premios a obras editadas, concedidos en dúas quendas de votación por máis de douscentos escritores e escritoras, supoñen un importantísimo recoñecemento para os autores e autoras que ven avalado o seu traballo polos seus propios colegas. Levei unha alegría tanto polo novo premio para a novela de Teresa Moure (xa leva catro) como polo de Luz Pozo Garza, unha das nosas grandes poetas de todos os tempos a quen admiro pola súa obra e pola súa grandeza como ser humano.
Valorando as cuestións de protocolo, foi un acto conducido de forma elegante e áxil por Mercedes Queixas e Césareo Sánchez (beizóns para eles dous e para o resto dos organizadores), semelloume incomprensible que non houbese presenza ningunha dos responsables da actual Consellaría de Cultura. Acaso está importante Cea das letras, o encontro anual promovido pola asociación de escritores e escritoras galegos máis numerosa do e representativa do país, non merecía un oco na axenda dalgún dos seus responsables?

Folga no metal

No artigo da semana reflexiono sobre a importante folga no metal de Pontevedra. Non teño dúbidas que amosa un profundo malestar social, sobre todo nos obreiros máis novos sometidos a condicións de grande precariedade, polas modificacións estruturais que, dende a reconversión de hai vinte anos, se veñen producindo nos estaleiros vigueses.
Etiquetas: , , ,

Festa da cultura

Esta iniciativa de cortexo cívico, xa na terceira edición, é das máis bonitas e innovadoras para celebrar con toda a dignidade que se merece o 17 de maio. Con todo, a pesar do cambio de goberno e de esforzos illados como o que anunciamos, aínda non albiscamos mudanzas significativas na celebración dunha efeméride xa en aberta crise.
Etiquetas: , ,

Amo a España

Anunciamos os xurados

Hoxe demos a coñecer os nomes dos membros dos tres xurados.
Etiquetas:

Libro aberto e clubes de lectores

Esta noite inicia a súa emisión Libro aberto, o agardado novo programa sobre libros e literatura da TVG. Polas noticias que temos o programa vai ser moi xeitoso e dinámico, con protagonismo importante dos clubes de lectores das bibliotecas. O programa de hoxe centrarase arredor de Corredores de sombra, a obra máis recente de Agustín Fernández Paz, que será entrevistado por Manuel Romón, o condutor do programa (un acerto recuperar a este Rompente para a programación cultural). A novela de Agustín foi traballada a fondo polo clube de lectores da Biblioteca Moaña, que prepararaon varias preguntas para que respondese o autor. A vindeira semana serán os lectores da Biblioteca Rialeda de Oleiros os que aborden O heroe. Darlle voz aos lectores, sexa por medio dos clubes de lectura ou dos críticos especializados en ámbitos temáticos ou de xénero, semella que vai constituír o sinal de identidade do programa que dirixe Luís Rei. Unha estratexia moi interesante. Agardamos que o programa consolide unha audiencia digna. A proposta ben a merece.

Blog de Xabier Docampo

Coñecín hoxe o blog de Xabier Docampo. Magnífico! É moi importante que os nosos escritores se vaian incorporando ao blogomillo. Semella que Xabier pretende aproveitar as posibilidades da textualidade electrónica. Recoméndoo vivamente.
Etiquetas: ,