Anteproxecto de lei de lectura, libro e bibliotecas

No consello de ministros de onte aprobouse, por fin (xa non era sen tempo) o anteproxecto da lei de lectura, libro e bibliotecas. Hai noticias importantes: consolídase o prezo fixo do libro e autorízase o desconto dos libros de texto (un claro incumprimento da promesa da ministra de Cultura). Mais, sobre todo, vexo moi interesante a modernización da definición de libro:
a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais complementarios de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo, así como calquera outra manifestación editorial.

Esta adaptación ás novas tecnoloxías esténdese tamén á definición dos axentes que participan no proceso editorial: editor, distribuidor, libreiro.

Con esta definición, recoñécese que o característico do mundo do libro non reside xa no soporte (sexa analóxico-impreso ou dixital) e, si pola contra, na actividade que promove, a lectura. Idea central que vimos reiterando nestas brétemas.
É toda unha mágoa que este anteproxecto do goberno central se anticipe á Lei do libro e a lectura que o sector do libro en Galicia veu elaborando desde hai dous anos (na que xa recolliamos este modelo). Temos noticias que o Consello Consultivo entregará o seu ditame o día 18 deste mes, o que permitiría que o proxecto de lei fose aprobado polo Goberno galego antes do verán. Agardemos que desta volta o compromiso se faga efectivo. Perdemos unha oportunidade de que Galicia se colocase á cabeza da nova política institucional sobre o libro e a lectura.

Máis información: Periodistas 21, ABC, El Pais, La Voz de Galicia, Galicia hoxe.