Campo de Fragoso VIII

SUFRIDA EFICACIA
Con esta primeira volta xa moi avanzada, o Celta continúa mantendo a súa sufrida eficacia como mellor fórmula para saír adiante en Balaídos. Onte, o equipo habitual de Fernando Vázquez fixo, como adoita, unha magnífica primeira parte: goleou con beleza, controlou o manexo da pelota con autoridade, mantivo unha disciplinada concentración defensiva e, mesmo, chegou a crear espazos atacantes para o xogo sen a pelota. Porén, como sucedera a pasada semana en Mestalla, veuse abaixo na reanudación, sobre todo, a partir da lesión de Borja Oubiña, engrenaxe indispensable para armar o xogo celeste, tanto pola súa capacidade para desafogar o traballo da defensa, como para distribuír en curto no círculo central e enfocar ao equipo cara a portería rival. Sen Oubiña no terreo de xogo e co Betis encabuxado, amosáronse as habituais carencias defensivas celestes a balón parado (cada córner foi un calvario salvado in extremis por San Pinto). Por riba, a teimosía de Fernando de non procurar alternativas ao seu patrón de xogo, convencido de que chegaría ese contragolpe de Baiano que permitise liquidar definitivamente o partido, provocou que unha parte da esixente bancada de Río o apupase e outra chamase sen éxito polos caneos tranquilizadores de Gustavo López. Vázquez ten razóns dabondo para defender a traxectoria solvente do seu equipo, de novo en postos de Liga de Campións, mais tamén o noso adestrador debe saber escoitar con humildade á sofridísima bancada que ansía poder gozar dunha maior excelencia do xogo e aspira a unha resolución menos agónica dos encontros.

Almas Perdidas

Volvemos devagariño do acto corsario de Teucro e tomamos a última nas Almas Perdidas para enchouparnos na cidade estrépito co testamento do Ghebo. É incrible a potencia incesante dos chaíñas e os ghichiños desta abella da ribeira!

Dotación para bibliotecas escolares

Hoxe almorzamos con esta boa noticia para a dotación das bibliotecas escolares dos centros de secundaria.

Jaureguizar info


Quen dixo que non se move nada na promoción da literatura galega? Unha marabilla de páxina. Non deixedes de visitar trei.

Son galego

O de torredebabel é o post máis interesante dos que lin hoxe. Descoñecía esta lista de compromisos asumidos e divulgados por compatriotas de todo o mundo (e dos que aquí deberíamos tomar boa nota):

1.Considerarei Galicia como a miña Patria.
2. Proclamarei en público e en privado que son galego/a.

3. Considerarei a todos os galegos como tales, con independencia de que vivan ou non en Galicia, e naceran onde naceran.
4. Se coñezo o idioma galego aproveitarei sempre que poida para o practicar e esforzareime en perfeccionalo escribindo, falando, lendo e escoitando. Se non o coñezo, farei todo o posible por o aprender e o utilizar, sen ter vergonza por non o dominar.

5. Trasmitirei aos meus fillos e netos o orgullo de ser galegos.

6. Procurarei poñerlles nomes galegos aos meus fillos.

7. Se teño un apelido castelanizado trocareino pola súa auténtica forma galega.
8. Utilizarei sempre os nomes galegos das provincias, cidades, vilas, parroquias ou aldeas de Galicia, especialmente os daquelas onde teño as miñas orixes.
1
9. Estudarei e darei a coñecer a historia de Galicia.

10. Cultivarei as receitas de cociña galega aprendidas da miña familia e outras que aprenda a través do estudo da gastronomía galega e difundirei as súas virtudes entre os meus achegados.

11. Preservarei as tradicións galegas practicándoas e promocionándoas no meu entorno.

12. Celebrarei todos os anos a festa da Patria Galega do 25 de xullo.

13. Sempre terei á vista na miña casa algún elemento decorativo que fale de Galicia: un cadro, fotografía, bandeira, adorno, figura, etc.
14. Consumirei preferentemente produtos galegos.

15. Contribuirei na medida que poida a un mellor futuro para Galicia e para todos os galegos, onde queira que vivan.

16. Defenderei o nome de Galicia e dos galegos ante calquera insulto, difamación ou mofa.

17. Renegarei de quen aldraxe ou perxudique a Galicia e aos galegos, procurando defendelos con todas as miñas forzas; manifestarei publicamente a miña disconformidade con calquera lei ou medida que perxudique a Galicia, aos galegos ou á súa identidade; e apoiarei as iniciativas políticas honestas que procuren o ben para Galicia.

18. Difundirei polo mundo o nome de Galicia, explicando o que é, ónde está e quén son os galegos, amosando o orgullo da nosa cultura, idioma e historia.

19. Apoiarei ás organizacións que traballen por conservar a cultura e identidade galegas no exterior, coa miña participación como socio/a ou traballando dalgún outro xeito ao meu alcance a prol delas.
20. Contribuirei, na medida das miñas posibilidades, a soster os gastos destas e ao seu bo goberno.
Farei sempre por unir aos galegos do todo o mundo e nunca por os dividir.

Novos feeds

Aproveito a mañá de domingo para engadir novos blos á miña lista de feeds: os dous de eue (o leo e haicu), o de Lúa Neghra, o de torredebabel (dende Arxentina) e o de Jan. Seguireinos.

Un patrimonio marabilloso

É unha mágoa que a candidatura non pasase pola peneira da Unesco. Porén, o importante non é o resultado acadado e si, pola contra, o modélico do proceso, o vivido e aprendido polos milleiros de participantes na promoción da candidatura. Ese traballo constante, aloumiñado no berce da escola, que conseguiu ir contaxiando na autoestima e no entusiasmo, non sen resistencias e dificultades, a unha parte significativa da sociedade galega, tamén é un patrimonio marabilloso e unha obra mestra a potenciar. Os promotores da candidatura ofreceron ao longo destes catro anos un modelo de traballo cultural e educativo en man común que debería ser recoñecido e agradecido no moito que vale para o conxunto da sociedade. É de estrita xustiza premiar o traballo realizado durante dúas décadas por Ponte nas Ondas. O goberno galego debería facelo decontado e coa repercusión que merece labor tan destacado.

Actualización (27-11-05): hai moi interesantes posteos sobre o tema; recomendo os de Ian, Gago, Boedense e Rogerio.

Conspiración lectora

Despois da entrevista da tarde de onte coa Conselleira de Educuación e da reunión da comisión da Mesa polo Libro da mañá de hoxe, onde abordamos os criterios de modificación do texto do plan da lectura, non teño dúbida do certeiro da análise de Rogelio Blanco: en Galicia tamén padecemos a doenza da indixestión editorial e da indixencia lectora (grazas, Juan polo oportuno enlace).
É decepcionante que boa parte do traballo dos editores galegos consista en acudir a San Caetano, unha e outra vez, para disertar alí sobre a importancia que para o benestar e o futuro da sociedade galega supón contar cunha sólida base de lectores, convertir a lectura no núcleo e no ADN da educación ou para reiterar enfaticamente o interese para o país de contar cun sector editorial viable empresarialmente. Sempre saio deses despachos e salas de xuntas coa mesma sensación: somos acollidos polos responsables do goberno con moi boas palabras e intencións, aínda que, se aos feitos nos remitimos, sendo moi escasamente valorados. É moi triste ter que recoñecer que despois de case catro meses da toma de posesión do goberno bipartito, os ventos do cambio e do tempo novo prometido aínda non chegasen para apoiar, sequera diplomaticamente ou con algunha medida efectiva de compromiso, o sector do libro en Galicia.
No seu último libro, José Antonio Marina e María de la Válgoma propoñen poñer en marcha unha conspiración lectora (lese coma unha noveliña marabillosa) do conxunto da sociedade. Participar activamente na organización desta conspiración da sociedade civil semella a única revolución posible, a menos que os editores pretendamos deixarnos morrer languidamente no conformismo que se nos propón.

Manifesto de apoio a Rafael Ojea

Por correo electrónico informanme que onte se remitiu o Manifesto de apoio a Rafael Ojea e Listado de Asinantes á alcaldesa de Vigo (a través do rexistro xeral do Concello) e á prensa. En total somos 100 asinantes do manifesto que está colgado neste blog, no que nos vindeiros días se irán publicando as noticias de prensa e outras informacións de interese sobre a cuestión.