Tökland

O noso amigo Txetxu participa en Tökland, a revista audiovisual de fomento da lectura creada (ou videorrevista en Internet) por Pensódromo. Os promotores prometen traballar sobre unidades temáticas independentes de curta duración: “Nos gusta hablar de destellos. Centramos nuestro trabajo en llamar la atención sobre determinadas cuestiones: Lanzaderas hacia la fuente del contenido, hacia sus personajes; Pues son ellos los que interesan.”
Unha publicación na rede moi innovadora. Recomendo vivamente visitala. Están abertos a compañeiros de viaxe. Unha fórmula a emular.

Premios da edición 2005

A Asociación Galega de Editores convocou hoxe os Premios da Edición 2005 que serán dados a coñecer na primeira Noite da Edición (o vindeiro 17 de decembro). Os premios contarán con cinco modalidades:

  1. Premio Ánxel Casal ao Libro do ano, co que se pretende recoñecer un libro editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2004 e o 30 de novembro de 2005.
  2. Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2005, co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego e publicado polos membros da AGE entre o 1 de decembro de 2004 e o 30 de novembro de 2005.
  3. Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2005, co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2004 e o 30 de novembro de 2005.
  4. Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, colectivo de persoas, entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que participan na promoción do libro editado en lingua galega.
  5. Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por un autor ou unha autora, ou colectivo de autores/as, en lingua galega durante 2005.
Dende hoxe ata o 15 de decembro os editores proporán candidaturas e votarán entre elas. Esta é a primeira ocasión na que o mundo da edición en Galicia acomete unha iniciativa coma esta.

A industria editorial española a debate

Recomendo a lectura desta interesante reportaxe sobre a crise de industrial editorial española. “Editar, editar ata que se produza o milagre” semella ser a expresión máis acaída para definir a situación de sobresaturación da oferta e caos na libraría á que todos estamos contribuíndo. Moitos libros para unha sociedade de poucos lectores?

Mesa de Traballo de Editores e Libreiros

Información sobre a reunión que mantivemos editores e libreiros o luns pasado.
É inexplicable que o presidente da Xunta non nos recibira despois de dous meses de telo solicitado e que a Mesa Técnica, constituída o 15 de setembro, para analizar as consecuencias da implantación da modalidade de préstamo para o libro escolar, dende entón non volvera a reunirse.
A gratuidade do libro escolar por medio da modalidade de tarxeta electrónica de pagamento (o sistema normando) será a alternativa que ambos os dous sectores presentaremos nas vindeiras semanas.
Hoxe, ademais, recibimos noticias esperanzadoras do compromiso de mediación adquirido coa Federación de Libreiros para acelerar a solución do conflito antes do inicio da primavera.

Historia da primeira edición de "Con pólvora e magnolias"

A presentación da edición ilustrada de Con pólvora e magnolias (o público ateigou coqueto salón de Caixa Galicia) serviu para que Ferrín desvelase nunha intervención preciosa algúns pequenos segredos da primeira edición, aparecida baixo o selo do Grupo de Comunicación Poética Rompente.

Ferrín confesou que o libro nacera dalgunha maneira en Compostela en 1976. Pretendeu reunir nun libro poemas, na súa maior parte, publicados en revistas de fóra de Galicia, xa que daquela non existía un grupo de lectores e críticos atentos á edición poética. Ocupouse do “book design” Luís Mariño e da edición Carlos Delgado, imprimíndose o libro en Gráficas Minerva de Santiago. Coa idea de reducir os custes ao máximo utilizouse papel alba (dos de envolver) e unha tinta de cor lila que pretendía reforza o carácter de edición underground precisa nun tempo de ruptura estética e política.
A edición, sufragada polo autor, foi incorporada ao selo Rompente (movemento bautizado con este nome por Bernardino Graña), constituíndo o primeiro libro independente que saíu en Galicia sen consulta previa “voluntaria” (trámite ao que estaban obrigados os editores, que non posuían número de rexistro –todos os galegos, coa excepción de Val de Lemos de Manuel María– e todas as publicacións autoeditadas).
O momento máis emocionante da presentación produciuse cando a actriz Mónica Camaño leu unha escolma de poemas do libro, entre os que destacou a súa interpretación de “Estas como caída” e “Reclamo a liberdade pro meu pobo”. Un acto que verdadeiramente pagou a pena.

Unha lección sobre o futuro da edición galega?

Aprezo a Moisés a pesar de que hoxe bota por fóra. Inxenuamente pensei que seguía con curiosidade a información que vimos dando nestas brétemas. Xa mo dicía miña nai: es un inxenuo, meu fillo! Sempre agradecín que Moisés e o seu equipo fachendeasen de desinhibición no exercicio do seu traballo crítico (sen entrar a valorar nin a calidade dos seus textos nin a equidade dos seus xuízos); porén, paréceme totalmente inoportuna a arroutada do primeiro parágrafo do artigo que publica hoxe para celebrar a iniciativa de Edicións da Rotonda:

Nin sequera unha mención na web dos editores galegos, uns editores demasiado concentrados nas súas pretensións de que as institucións públicas lles baleiren os almacéns dos excedentes rexeitados polo público, demasiado compracidos coa compaixón allea, e tamén propia, que esperta esa perenne situación de crise que atravesa o sector, como para poñerse a discorrer en novas liñas de negocio ou buscar unha formulación global para solucionar o problema.

Palabras, sen dúbida, moi ferintes para o colectivo de editores galegos que desde o traballo rigoroso e honesto procuramos atopar novos camiños para o noso sector. Mágoa que Moisés non confrontase as súas iniciativas e propostas coas doutros editores e participantes nos debates que se produciron no Simposio e que continuaron na rede. Nun ambiente de respecto e confrontación sincera de posicións algo quedou moi claro: todos desbotamos sen excepción calquera posición vitimista ou compracente sobre o noso oficio e o noso futuro. Desta volta, Moisés errou o tiro, ben que o sinto.

O futuro da CRTVG

A partir do post de urxencia que publiquei sobre a comparecencia no Parlamento do director da CRTVG preparei o artigo da semana sobre o futuro da TVG e a Radio Galega.
Creo que a posta en marcha dunha segunda canle de televisión e dunha compañía pública galega de Internet, así como acometer un proxecto de xestión dos medios actuais rigoroso e austero, baseado na independencia da compañía e no seu carácter de servizo público, son medidas que non deberan ser adiadas.

Rematou por fin!

Grazas a Vigoblog.

Un neno de catro anos expulsado da escola infantil?

Cóntao folerpa nun texto extraordinario de lectura imprescindible. Son profesor de Educación Infantil (a verdade é que hai quince anos que estou excedente, e, dende entón, moito mudou) e, porén, non me entra na cabeza. Ese picariño ten un problema grave, que require outro tipo de axuda. Que vai ser de el no futuro? Síntome tan triste e avergonzado coma expresa Folerpa e todos os amigos que comentan o post.
Triste é, tamén, que a Igrexa combata unha lei que non lle vai coutar, desgrazadamente, ningún dos seus moitos privilexios educativos no país europeo que maior apoio económico lle proporciona. Cara onde queren levarnos Acebes, Rouco e toda a súa caverna con manipulación tan descarada?
Hoxe os problemas reais da educación non están na asignatura de relixión (que abandonan cada vez maior número de alumnado nos centros públicos) nin nese falso debate sobre a elección de centro da que falan sen argumentos os conservadores contrarios á lei. Hoxe os problemas están no que Folerpa conta coa tenrura da verdade no primeiro parágrafo do seu post: no fracaso dunha escola impotente (xa se ve que en todas as súas etapas) para facer fronte ao reto de ofrecer un servizo educativo de calidade para todos. Eis a reforma educativa que precisariamos, a que fixera posible unha atención na diversidade e na excelencia da aprendizaxe das competencias básicas. Triste, moi triste o tempo no que vivimos onde se afasta o soño dunha escola enchidas de pombas e mazás para todos.

Actualización (15-11-2005): Folerpa informa hoxe que a posibilidade de expulsar ao picariño foi reconsiderda. Boas noticias.