Historia da primeira edición de "Con pólvora e magnolias"

A presentación da edición ilustrada de Con pólvora e magnolias (o público ateigou coqueto salón de Caixa Galicia) serviu para que Ferrín desvelase nunha intervención preciosa algúns pequenos segredos da primeira edición, aparecida baixo o selo do Grupo de Comunicación Poética Rompente.

Ferrín confesou que o libro nacera dalgunha maneira en Compostela en 1976. Pretendeu reunir nun libro poemas, na súa maior parte, publicados en revistas de fóra de Galicia, xa que daquela non existía un grupo de lectores e críticos atentos á edición poética. Ocupouse do “book design” Luís Mariño e da edición Carlos Delgado, imprimíndose o libro en Gráficas Minerva de Santiago. Coa idea de reducir os custes ao máximo utilizouse papel alba (dos de envolver) e unha tinta de cor lila que pretendía reforza o carácter de edición underground precisa nun tempo de ruptura estética e política.
A edición, sufragada polo autor, foi incorporada ao selo Rompente (movemento bautizado con este nome por Bernardino Graña), constituíndo o primeiro libro independente que saíu en Galicia sen consulta previa “voluntaria” (trámite ao que estaban obrigados os editores, que non posuían número de rexistro –todos os galegos, coa excepción de Val de Lemos de Manuel María– e todas as publicacións autoeditadas).
O momento máis emocionante da presentación produciuse cando a actriz Mónica Camaño leu unha escolma de poemas do libro, entre os que destacou a súa interpretación de “Estas como caída” e “Reclamo a liberdade pro meu pobo”. Un acto que verdadeiramente pagou a pena.

1 comentario
  1. Edu
    Edu Dice:

    Esa primeira edición de “Con pólvora…” foi a que un día abrín con curiosidade despois de collela do andel onde o meu pai tiña os sus libros. Tería 16 ou 17 anos (¡que tempos!) e lembro que fiquei abraiado non só polos versos combativos de XLMF, senón tamén pola curiosa feitura daquel libro: as tintas, o papel ríspeto… Tiña un aire amateur, mesmo de fanzine.

Los comentarios están desactivados.