Do "pizarrillo" a Google print

No Simposio foi moi interesante a intervención do editor Juan Blanco Valdés sobre o futuro da edición no contexto da aceleración tecnolóxica que se desenvolveu dende 1980. Juan (quen posúe un magnífico blo) fixo unha retrospectiva moi clarificadora do sucedido entre o “pizarrillo” e a bitácora e Google print sinalando que para el existiron tres momentos principais: a escola dos anos sesenta; o seu primeiro ordenador persoal (1985); e, o terceiro, a montaxe que realizou do primeiro web da universidade (1995), recordando que o primeiro web galego foi o da Facultade de Física (1993). Juan sinalou, logo, que para a historia da edición actual os dous momentos claves foron: o primeiro a creación do formato poscrit en 1985 (que supuxo o nacemento da autoedición), e, o segundo, a creación da web entre 1989-90.
Particularmente importante foi a reflexión de conclusión de Juan: “hoxe a preocupación sobre o soporte -dado o carácter manipulable do texto, e dado que todas as formas de edición teñen o mesmo obxectivo: manipular e transformar o texto-, debe dar paso ao da lectura. O anuncio realizado por Google de que en abril de 2006 contará con quince millóns de libros dixitalizados na rede abre posibilidades insospeitadas para o libro e a lectura”.
Conclusión moi clarificadora, que ben podería ser unha das principais do Simposio.

Campo do Fragoso VI

ALUSTROS MÁXICOS
Pasado xa o primeiro cuarto da liga, o disciplinado equipo de Vázquez continúa a súa excelente traxectoria, situado de novo en postos de Champions; porén, as bancadas presentan un estado decepcionante, moi semellante ao da pasada tempada, xa que non acollen máis de quince mil espectadores. Horacio Gómez e o seu equipo directivo deberán reflexionar sobre as razóns desta inhibición do celtismo e nas medidas posibles para que nas vindeiras xornadas un maior número de afeccionados apoie coa súa presenza a un equipo que, a pesar da súa fraxilidade defensiva, amosa unha sorprendente autoridade atacante. Así volveu suceder onte, diante dun Alavés incomodísimo, que presionou de forma agobiante, conseguindo, na primeira parte durmir o encontro e impedir a construción e distribución do xogo celeste por parte dos nosos medio pivotes. Mais o Celta desta tempada posúe moita calidade de medio campo para arriba e o xogo combinatorio intermitente de toda a dianteira (non só de Cannobio e Baiano, dúas figuras indiscutibles) permite gozar á bancada de alustros máxicos de auténtica fantasía, como sucedeu co precioso primeiro gol de Cannobio ou co marabilloso remate de chilena de Aspas, un canteirán que se reivindicou como goleador nos poucos minutos dos que dispuxo. Reforzando a portería e a atención defensiva nas xogadas a balón parado (houbo algúns erros clamorosos de coordinación, un dos cales facilitou o gol vitoriano), este Celta de Fernando pode ofrecer un espectáculo suficientemente atractivo e de calidade para encher Balaídos.

Profesorado e lectura

No artigo da semana propoño que a lectura e a dignificación do profesorado sexan considerados eixos principais do debate sobre a Lei Orgánica de Educación.

Papel electrónico

Certamente no Simposio non se abordou a cuestión do papel electrónico. Óscar González proporcionounos informacións sobre esta cuestión: o proxecto que o MIT leva desenvolvendo dende hai seis anos e a presentación dun lector de Sony e Philips na páxina de E-Ink que avala a tese de que o papel de celulosa pode ser substituído no futuro polo papel electrónico. Obigado, amigo Óscar González. Máis datos para a reflexión.

Novas tecnoloxías e humanidades

Pechou o Simposio (grazas, Camilo, polo excelente seguimento informativo) a conferencia de Xavier Seoane, un dos nosos grandes poetas e ensaístas, sobre “As Novas Tecnoloxías, a lectura e as humanidades“. Intervención brillante e apaixonada en defensa das humanidades como eixo vertebrador da sociedade do coñecemento e da cultura. Entre as moitas notas que tirei, entresaco algunhas das que máis me interesaron:
  • A marxinación das Humanidades é un suicidio cultural.
  • O que se incrementou nesta época foi a confusión.
  • A cultura é un sacrificio, unha escaleira que cómpre subir con esforzo.
  • O profesorado actual le pouco.
  • Precisamos de novas formas de ritualización social da lectura.
  • As Humanidades son artes da linguaxe e de destreza hermenéutica.
  • Na lectura temos que poñer o noso combustible.
  • Precisamos de tres alfabetizaciósn básicas: a textual e verbal, a matemática e científica, e a dixital.
  • Neste tempo de globalización precisamos recuperar o espírito de Atenas, do Renacemento e da Ilustración.
  • Necesitamos un Plan de Lectura como unha política incesante.
  • Precisamos promover a creación de bibliotecas familiares, replantear o funcionamento das bibliotecas escolares e da rede de bibliotecas públicas, que deben estar abertas os domingos e constituírse en lugares de encontros e de dinamización cultural.
  • As librarías tamén son espazos de encontro cultural e democrático.
  • Frases publicitarias a empregar. ATRÉVETE A PENSAR. ATRÉVETE A SABER. ATRÉVETE A SER MAIS QUE A TER. ATRÉVETE A LER.

Nace Edicións da Rotonda

A intervención na Mesa dos blos da nosa admirada María merece comentario á parte xa que tivo a deferencia de anunciar a primicia mundial da creación de Edicións da Rotonda. María presentou a súa iniciativa como a dunha editora virtual, unha plataforma na rede desde a que lanzar todo tipo de produtos culturais. Presentou o seu primeiro produto, a novela de Carlos G. Meixide, O home inédito, disposta para ser descargada de forma gratuita (supoñemos que proximamente) da rede baixo unha licenza Creative Commons. Amosou a portada e o texto da obra, así como a páxina promocional da novela que contará cun blo, información sobre o autor, sinopse da obra, personaxes, making of, comentarios críticos… (os editores de papel presentes tomamos nota coma tolos dun modelo moi atractivo inexistente na edición galega).
María (na que sempre pensei que será a Carmen Balcells do século XXI) pretende que Edicións da Rotonda sexa editora sen ser fábrica, tentando darlle marca a todos aqueles intanxibles que editen. O segundo produto será EUROPA, unha película, mais tamén haberá música…
O proxecto promete moito, moito. Os editores convencionais temos moito que espabilar con iniciativas de edición na rede da calidade desta.
Beizóns, María e Berto! E longa vida para Edicións da Rotonda!
Actualización (07-11-2005): A editora está xa operativa dende hoxe na rede.

Os blos e a creación cultural

A Mesa “Os blos e a creación cultural” foi a mellor de todo o Simposio. Durante dúas horas ben medidas houbo información, debate e unha preciosa sorpresa final. Non se pode pedir máis. Algúns dos datos proporcionados non poden ser esquecidos: en galego publícanse 50.000 post cada ano cunha audiencia de millóns de visitantes, e a pesar de contar só con 300 blos (aínda somos pouquiños).

Por favor, lean a crónica de Ian, mellor non se pode expresar o que alí pasou. Á súa relación de blogueiros presentes, é de xustiza engadir aos nosos convidados Rogerio e Txetxu, tamén activos lectores dos blos en galego.
As miñas beizóns para as magníficas intervencións dos cinco participantes: náufrago (que definiu o blo como un libro de area infinita electrónica); martin pawley (que lle deu todo o mérito á rede); maría (que pretende cada día dar a coñecer o que fan outros); Uxía Casal (que expuso cunha claridade diáfana as características do fenómeno); e Xavier Cid (o xornalista de Vieiros que defendeu o blo como un xénero literario).
Estou seguro que as liñas de debate que se abriron na Mesa Redonda continuarán no blogmillo. Velaí van algunhas das cuestións que na sesión do Simposio suscitaron maior polémica:
  1. A edición dos blos é un xénero literario?
  2. Porque xorden os blos?
  3. Porque hai máis autores con obra publicada en papel que blos abertos en galego?
  4. Porque o profesor XAM non coñece a María Yáñez?
  5. A literatura galega nos blos é de baixa calidade?
  6. A literatura dos blos é unha literatura en probas, incompleta, á que algo lle falta?
  7. A ligazón é o hipertexto conforman unha nova textualidade?
  8. Debe aparecer María Yáñez no Anuario de Estudos Literarios Galegos?
  9. Teñen os blogueiros saudades do papel como elemento de poder?
  10. O anonimato do blo pexa a autoría?
  11. Teñen algunha importancia os blos?
  12. Que relacións existen entre os blos e os diarios escritos ou impresos en papel?
  13. Os blogueiros están dándolle unha lección aos editores?
  14. Que alcance poden chegar a ter as blognovelas?
  15. Interfiren os blos a edición en papel?

O libro galego na Internet

A Mesa sobre “A presenza do libro galego na Internet” proporcionou máis información ca debate entre os participantes sobre o estado da cuestión. Malia esa carencia, creo que foi moi indicativa das orientacións existentes sobre a cuestión.

Jaureguizar, un dous escasos escritores con obra publicada con actividade constante na rede, criticou aos editores galegos por que considera “miran con perplexidade e un chisco de desconfianza cara a rede”. Jaure apostou pola idea de que os editores galegos estivésemos á fronte desta segunda revolución creando unha segunda liña de edición en Internet para aqueles textos dos que sabemos van ter escasa saída comercial en papel, realizando unha edición que gañaría cos efectos visuais, sonoros ou enlaces a outras páxinas propias da textualidade da rede. os libros publicados destes xeito, deberían constituír un fin en si mesmo, sendo promocionados do mesmo xeito que os impresos.

Santi Montes, responsable de Lg3, relatou a experiencia do portal do Consello dedicado á literatura galega. Gustei moito da súa reflexión sobre a necesidade de cambiar a percepción do papel da rede: “non é un feito subterráneo, se non que forma parte da comunicación social”. Montes criticou, tamén, ás editoriais galegas por que apostan pola rede sen confianza e sen convicción, o que se demostra en que moitas das súas páxinas non estean actualizadas ou sexan pouco atractivas. Para el isto ten que ver máis coas persoas que coa tecnoloxía: “precísase imaxinación e afondar na innovación”. Tamén foi moi claro cando expresou que hoxe “a necesidade de información sobre a literatura galega na rede supera a oferta”, razón pola que propuxo repensar o uso que estamos a facer dela.

Laura Fontaíña, primeira responsable da Biblioteca Virtual Galega, explicou que con esta experiencia, nacida da Facultade de Informática, pretendeuse proporcionar unha canle para a literatura galega e para poñer aos nosos escritores en contacto cos lectores, moi especialmente aos noveis que conta cun espazo de publicación onde se levan editados máis de cincocentos textos.

Xaime Nogueira, responsable de Andel Virtual, deu conta do funcionamento desta veterana experiencia de comercialización do libro galego na rede (remóntase ao ano 1997). qu na actualidade conta con 14.000 títulos en catálogo e con vendas directas aos cinco continentes. Nogueira insistiu na idea de que o mercado do libro galego está imbricado no entorno da lingua, sendo necesario un traballo incesante a prol do seu prestixio, así como para a incentivizar a dotación das bibliotecas e o labor docente.

Manuel Figueiras, creador de Filix (Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), hoxe a maior fonte de documentación en galego sobre este xénero (4.000 pantallas editadas), expresou que as funcións desta biblioteca dixital son: rescatar do esquecemento títulos descatalogados que conforman a historia da nosa edición (a rede convertese así, paradoxicamente, nun arquivo virtual); revalorizar a literatura infantil e xuvenil, razón pola que aparecen referenciadas todas as traducións que se fan de textos editados orixinalmente en galego; constituír un centro de documentación; e, por último, constituír un centro de información para os lectores máis novos (contou unha anécdota sobre esta cuestión moi pavera).

Tecnoloxías da fala

Na Mesa de experiencias de aplicacións educativas do Simposio, salientou a presentada por Carme García Mateo. O traballo do grupo de investigadores das tecnoloxías da fala e do sinal da Universidade de Vigo ao que pertence é tan interesante como escasamente coñecido fóra do eido académico.
Carme presentou o funcionamento de varias aplicación: Cotovía (primeiro conversor de texto-fala en galego); Laverca (primeiro conxugar de verbos galegos) e Transcrigal DB (base de datos de programas da TVG, que se pode consultar como unha auténtica hemeroteca audiovisual entre 2002 e 2004).
Este grupo tamén promove o proxecto de TelCorreo (cliente de correo electrónico por teléfono) e outras aplicacións para a axuda a persoas discapacitadas. Recomendo visitar as páxinas das aplicacións.

A edición baixo demanda

Unha das ideas máis repetidas no Simposio foi a referencia á edición baixo demanda como unha posibilidade a disposición dos editores para realizar tiradas moi reducidas, reedicións de textos descatalogados ou inatopables. Este tipo de edición dixital permitiría continuar publicando títulos que empregando o sistema offset sería inviables.
Jacobo Bermejo, actual presidente da Asociación de Artes Gráficas de Galicia, expuxo as novidades actuais da industria, referíndose tanto ao offsett (sobre todo o CTP: “mellora os tempos de produción, proporciona maior calidade de reprodución de imaxes, ademais de poder actualizar contidos ata o último tempo”); ás novas probas de cor GMM (augurou que o “cromalín ten os días contados”), como, e sobre todo, sobre as avantaxes e problemas que lle ve á impresión dixital. Entre as primeiras sinalou que acurta tempos, simplifica o proceso, require stocks mínimos, pode personalizar cada un dos exemplares (por medio da Tecnoloxía do dato variable) permite a xestión documental de libros descatalogados e tiradas especializadas. Entre os inconvenientes sinalou o pagamento a realizar ao fabricante, os seus investimentos elevados, problemas nos acabamentos (non saen, aínda, libros cosidos e existen dificultades cos plastificados), así como o prezo elevado dos libros a cor. Rematou insisitindo na idea de que a impresión tradicional e a dixital convivirán no futuro e que Galicia conta cun sector industrial de Artes Gráficas moi atomizado (500 empresas e 6000 traballadores), que require elevar a súa autoestima.
Joán Badía Solé, responsable de edición baixo demanda de Xerox, na súa conferencia, presentouse como auténtico apóstolo da impresión dixital. Algunas das ideas da súa intervención moi entusiasta que apuntei foron:
1. Segundo os gurús en 2030 todo estará en formato dixital na rede.
2. Os libros impresos dixitalmente son aqueles que non arreceden a tinta.
3. A impresión dixital é a alternativa para os editores que pretendan contar cun stock cero.
4. A impresión dixital permite facer libros personalizados e á carta.