Entrevista

Mañá pola tarde manteremos unha entrevista decisiva coa Conselleira de Educación, a primeira persoa do goberno que nos recibe.

Os futuros da industria editorial

Txetxu ven publicando estes días no seu blog un interesante seguimento do que foi o simposio da pasada semana. Poden atoparse moitas cousas interesantes, como, por exemplo, a desmitificadora intervención de José Manuel Lara. Apunto algunhas das ideas anotadas que poden ser máis chamativas:
  • Os premios non están para descubrir novos autores, se non para permitir que se fale máis dos libros.
  • Hai máis premios en España que libros excelentes que se publican nun ano.
  • Os editores editamos por olfacto, mais o malo é que estamos sempre constipados.

A voz da Mestra

Recibín por correo electrónico este texto oportunísimo de Galix sobre María Victoria:

Mª Victoria Moreno Márquez faleceu hoxe pola mañá en Pontevedra, vítima dunha enfermidade que a acompañou nestes últimos anos e finalmente venceuna.
Nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) en 1941, a Licenciatura en Filoloxía Románica tróuxoa para Galiza, onde desde 1963 ata a súa xubilación exerceu o maxisterio en institutos de Lugo e Pontevedra. A súa condición de Catedrática de Lingua e Literatura Española converteuse nunha condición funcionarial que lle permitiu espallar os seus extraordinarios coñecementos literarios e contaxiar a súa radical sensibilidade ante e a paixón de vivir a milleiros de alumnos e alumnas. Foi unha Mestra.
Logo de estudar o bacharelato en Barcelona e Filosofía e Letras (Sección de Filoloxía Románica) en Madrid, a súa chegada a Pontevedra como profesora do daquela Instituto Feminino fixo posible a súa integración na cultura galega. Aínda que comezou a súa traxectoria de escritora en castelán, axiña se integrou na nosa literatura en 1973 con dous libros que forman parte da nosa historia literaria imprescindible. Se a publicación de “Os novísimos da Poesía Galega” abriu as portas do verso novo en tempos de miseria á sociedade galega, desde a solidariedade co “home concreto” naquel “instante concreto” da Ditadura, a edición de “Mar adiante” constituíu un acontecemento no baleiro da literatura infantil-xuvenil galega. A súa dedicación á nosa cultura (desde os cursiños de Lingua Galega á marxe da oficialidade, en plena Ditadura, ata o seu labor de crítica, tradutora e pioneira da literatura infantil-xuvenil) converteuse nunha identificación co país e as súas xentes que mantivo ao longo da súa vida. Solidariedade e compromiso ideolóxico, literatura de elevado valor estético e ético para lectores e lectoras novos, sensibilidade ante a natureza viva e amor polos animais foron os eixos dunha traxectoria literaria e vital que deixou fonda pegada na nosa cultura.
Libros como “Anagnórise” (un dos máis vendidos pola nosa industria editorial), “Leonardo e os fontaneiros” ou “Guedellas de seda e liño” (o seu “testamento literario”) son referentes imprescindibles da nosa literatura sen idade. Ademais, en 2004 recolleu a súa batalla contra o enferma de cancro de mama en “Diario da luz e da sombra” (Xerais, 2004). O seu derradeiro libro, “Eu conto, ti cantas…” (Col. Merlín, Eds. Xerais, 2005) recompila tres contos de animais escritos en verso. A poesía maxistral, a solidariedade, o valor da amizade, o amor polos animais e o canto á paixón de vivir aparecen xuntos así na súa última e gran lección: “Eu son moi feliz dándolles de comer e aprendéndolles cousas aos cachorros. Aos nenos hai que darlles sempre o mellor. Por suposto, tamén na literatura”.
Foise a amante do silencio, pero a súa voz queda nos seus libros. E con ela a súa lección de vida, convertida nun “vento que canta cancións eternas sobre un mundo angustiosamente finito”. É a fermosa voz da Mestra.

Monográfico no Diario Cultural

Hoxe entre as 15.00 e as 16:00 horas o Diario Cultural da Radio Galega dedicará un monográfico á figura e á obra literaria de María Victoria Fernández.

Namorada de outonos e solpores

Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragrancias vellas de ilusións e amores.

Sorriron para ti todas as flores,
fíxose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.

Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.

Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.

MARÍA VICTORIA MORENO, 2004

Un abrazo, María Victoria

Ás nove e media desta mañá María Victoria despediuse para sempre. Aloumiñada pola súa filla Begoña e polo seu compañeiro Pedro, con quen formaba dende hai varios anos a inseparable Sociedade Literaria Olmo, a grande escritora pontevedresa deu cabo ao valente combate que librou dende hai máis de cinco anos coa “pupa cabrona“, como ela chamaba a ese cancro que finalmente lle arrebatou a vida.
Assis Machado escribiu que esta enfermidade non recoñece as virtudes do suxeito a quen apreixa, nin tampouco muda a personalidade de ninguén, senón que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Esta doenza maldita emparella na súa ferocidade a todos os seres humanos, que somos igualmente fráxiles ante esa verdade. María Victoria comentoume moitas veces estas reflexións cando, hai ano e medio, traballabamos na edición do libro no que relataba a súa experiencia. Durantes aqueles meses, María Victoria comunicoume en varias ocasións, diante da ledicia contaxiosa dun bo vaso de viño tinto e dunhas cabichas ben apuradas, a súa convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación; porén, insistíame na importancia de conservar todo aquilo que confire á vida un valor, de descubrir nas rutinas diarias (por dolorosas ou difíciles que sexan as situacións) pequenos praceres insospeitados, de establecer vencellos afectivos e amorosos cos amigos ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián.
María Victoria deixa esta súa pegada profundamente humana, esa destilación de vida en estado puro, en milleiros de alumnos, compañeiros docentes, escritores e amigos. Deixa, tamén, unha obra literaria valiosa, artisticamente grande, que seguirá viva en milleiros de lectores e lectoras de todas as idades. Sei que nestes seus días derradeiros, aínda se ilusionou un chisco coa aparición de Eu conto, ti cantas, o libro de contos en verso para picariños que ilustrou tan fermosamente para ela o seu amigo Manolo Uhía. Un abrazo e un aloumiño, María Victoria.

Actualización (23-11-2005): a noticia en El Correo Gallego, Galicia hoxe, La Voz de Galicia, Náufrago, Alfaias e Cabaret Voltaire.

Crónica de Dijon

A verdade é que a viaxe destes días atrás pagou a pena. Os voos nun paxariño magníficos, a experiencia do TGV satisfactoria (trescentos quilómetros en hora e media), a cidade xeitosa (encrucillada das Europas do norte e do sur), os viños excelentes, os amigos entrañables, as conversas intelixentes e o frío horroroso (ata -5º). Porén, o coloquio foi tan intensivo (como eu agardaba, dun acto académico organizado en Francia) como decepcionantes os enfoques dalgunhas das ponencias.
Baixo a proposta de reflexionar sobre a Galicia do século XX, o Centre d’ Etudes et de Recherches Hispaniques du XXème siècle HISPANISTICA XX, coa colaboración do Instituto Cervantes de Lyon, convocou a máis de trinta persoas para falar sobre a cultura e identidades galegas. Unha iniciativa suxestiva dun grupo numeroso de hispanistas franceses e moi de agradecerlles nesa difícil tarefa de darnos a coñecer e desmontar tantos prexuízos que hai sobre nós. Houbo intervencións moi boas e clarificadoras (Vázquez Sola, Patiño, Benoit Mitaine) e outras que cairon no tópico extendido (desgrazadamente) de que a literatura galega se reduce a figuras como Cela, Torrente, Cunqueiro ou Valle Inclán (foron as que centraron o maior número de intervencións).
Se algo me quedou claron tras esta viaxe é a necesidade de elaborar unha estratexia compartida de país para proxectar no exterior a nosa cultura, arte, lingua, literatura e edición. Temos aquí unha febleza e, ao tempo, unha oportunidade que non podemos desaproveitar en tempos de cambio. É moi desmoralizador escoitar falar durante dous días de “literaturas rexionais”, de “bucles melancólicos”, de “cidades inmersas na néboa”, de “folcore e identidade” e doutras trapalladas identitarias polo estilo. Moito temos que traballar, e de forma intelixente e atractiva, para desmontar estes tópicos que aínda manexa a xente máis interesada por Galicia. Para os que non teñen noticias ningunhas nosas (a maioría do entorno académico e do mundo editorial internacional) haberá que artellar unha estratexia de presentación e difusión diferente. Nun caso como noutro, aposto por situar o noso discurso internacional non no das culturas minorizadas, se non no das culturas europeas de dimensións semellantes á nosa (danesa, finesa, eslovena…). Esa é a vía que tan bos resultados está proporcionando a Cataluña. Non estaría de máis que intentásemos ensaiala.

Despois da regata

No artigo da semana reflexiono sobre os problemas municipais en Vigo despois de finalizada a saída da Volvo e as razóns da chamada estratexia 2005 de Corina Porro.

Campo do Fragoso VII

EMOCIÓN E BELEZA
No fútbol é un feito innegable que non sempre gaña quen mellor xoga. O Atlético de Madrid ofreceu un auténtico recital de toque e organización, monopolizando os seus catro (si, catro) centrocampistas a posesión da pelota e a distribución dun excelente xogo colectivo. Mais isto pouco lle serviu ao conxunto do Manzanares para levarse o encontro diante dun Celta defensivamente moi disciplinado (o maior acerto de Vázquez nesta tempada) e ofensivamente letal nos contragolpes dirixidos por Baiano, que cada domingo demostra que é un auténtico John Deere de fantasía revolucionada. Porén, o heroe céltico foi, outra vez, o gardameta Pinto, inspiradísimo nas súas estiradas e nos seus cinco incribles paradóns de pelotas altas que semellaron máis propias dun tenista na rede ca dun porteiro protexendo as mallas. O Celta desta tempada vai collendo en cada partido máis confianza nas súas posibilidades de equipo gañador e maior densidade no desenvolvemento dun xogo sacrificado, por que os celestes saben que están alicerzados pola solidez dun gran Pinto (unha garantía que pouco veces tivemos) e polos alustres intermitentes da habitual xenialidade canobbiana (o gol de golpe franco directo do uruguaio foi marabilloso) e da poderosa potencia baiana (o gol do brasileiro combinou en apenas dez metros unha poderosa arrincada física cun picado levísimo que permitiu que a pelota entrase na portaría coa dozura de quen realiza un aloumiño a un ser querido). Magnífico partido dos dous equipos, onde non faltou en ningún momento emoción e beleza. Que máis se pode pedir?

Galicia en Dijon

Mañá marcho moi cediño de viaxe para participar nun coloquio sobre a Galicia do século XX organizado pola Universidade de Bourgogne. Literatura, cine, edición e as artes semellan os temas centrais dun programa intenso de raios. Imaxino como se desenvolverá, coñecendo a disciplina francesa. Vou preparado.