Conspiración lectora

Despois da entrevista da tarde de onte coa Conselleira de Educuación e da reunión da comisión da Mesa polo Libro da mañá de hoxe, onde abordamos os criterios de modificación do texto do plan da lectura, non teño dúbida do certeiro da análise de Rogelio Blanco: en Galicia tamén padecemos a doenza da indixestión editorial e da indixencia lectora (grazas, Juan polo oportuno enlace).
É decepcionante que boa parte do traballo dos editores galegos consista en acudir a San Caetano, unha e outra vez, para disertar alí sobre a importancia que para o benestar e o futuro da sociedade galega supón contar cunha sólida base de lectores, convertir a lectura no núcleo e no ADN da educación ou para reiterar enfaticamente o interese para o país de contar cun sector editorial viable empresarialmente. Sempre saio deses despachos e salas de xuntas coa mesma sensación: somos acollidos polos responsables do goberno con moi boas palabras e intencións, aínda que, se aos feitos nos remitimos, sendo moi escasamente valorados. É moi triste ter que recoñecer que despois de case catro meses da toma de posesión do goberno bipartito, os ventos do cambio e do tempo novo prometido aínda non chegasen para apoiar, sequera diplomaticamente ou con algunha medida efectiva de compromiso, o sector do libro en Galicia.
No seu último libro, José Antonio Marina e María de la Válgoma propoñen poñer en marcha unha conspiración lectora (lese coma unha noveliña marabillosa) do conxunto da sociedade. Participar activamente na organización desta conspiración da sociedade civil semella a única revolución posible, a menos que os editores pretendamos deixarnos morrer languidamente no conformismo que se nos propón.

7 comentarios
  1. náufrago
    náufrago Dice:

    Está ben claro que, ou nos empeñamos en conspirar a prol da lectura ou, como teñamos que esperar que desde “arriba” nos boten unha man. Eu tento conspirar todos os días, poñendo ao meu fillo un libro nas mans, e co meu traballo, desde a humildade pero desde a crenza que hai que seguir militando no amor ao libro. Que non decaia o entusiasmo. ¡Moito ánimo!

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Veña, Bragado, que xa está ben de chorar, que aburres até un santo.

    Non val que vos envolvades en causas nobres, que o voso é querer que os subvencionen unha e outra vez, e cada vez máis. Sodes insaciables.

    Se sodes empresas privadas, que sexa o mercado quen poña a cada quen no seu lugar.

    Dado que os recursos públicos son sempre escasos, prefiro que se subvencionen os agricultores, que se fagan moitos máis servizos sociais, para os discapacitados, para os vellos, para as mulleres maltratadas.

    Os cartos públicos sempre son poucos, e hai que establecer prioridades.

    Ah! e estou a favor dunha gran editora nacional galega sen ánimo de lucro, que sexa ela a que encabece unha gran campaña de promoción da lectura e da cultura, e de todo o que faga falta, que é moito.

    Cultura gratis para todos, beneficios para ninguén, si, grazas!!!!

    Un pouquiño de porfa!!!!

  3. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Amigo anónimo: sinto aburrir, mais agradezo que se expresen con tamaña claridade esas opinións. Nunca pensei que a lectura e os servizos sociais fosen prioridades incompatibles nun proxecto político de esquerda. Sobre o papel da editora nacional recoméndolle que lea o proposto na Lei do libro e a lectura, que será tramitada nas vindeiras semanas no Parlamento Galego. En canto ao plan de lectura, creo que debe ser apoiado por toda a sociedade, non abonda co compromiso que poidan proporcionar os poderes públicos galegos. E, por último, sobre a cuestión das subvencións, recordolle que non foi nunca o camiño escollido para facer viables as nosas empresas. Se queremos que este goberno progresista teña éxito, conviría contar, tamén, cun pouquiño de rigor e de distancia crítica na análise das súas políticas públicas sobre todas estas cuestións. Saúdos.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Pero Bragado, non sexas tan ansioso!
    Pregúntaste asombrado como é posible que o goberno bipartito leve x meses e aínda non fixera caso das propostas que ti tan teimudamente defendes un día si e outro tamén.
    Ven ser algo así como o vello “que hay de lo mío”.
    Ou é que pretendes “cobrar” presuntos servizos prestados?
    Pero aí desengánate: aquel manifesto que patrociñaches xunto a outros, e que tamén asinamos moitos, non foi determinante para gañar as eleccións.

    Así que paciencia e a facer a contabilidade, que estamos a fin de ano e deben cadrar as contas.

  5. gato branco gato negro
    gato branco gato negro Dice:

    Non se pode subsidiar a ningunha empresa que non cumpra e os editores galegos (Xerais é excepción, certo) non pagan os dereitos de autor. Que lles dean!

Los comentarios están desactivados.