Onte 1154: «Gatuxo» de Magín Blanco

Gatuxo-disco-libro-portadaSon fan de Magín Blanco, para min unha figura excepcional da música infantil galega, esoutra expresión da potencia da nova creación cultural en lingua galega. Onte escoitei devagariño os dezaseis temas de Gatuxo, o librodisco para picariños de 0-3 anos que acaba de publicar Folmúsica. Nacido da emoción do nacemento e da crianza de Manuel, o fillo de María Faltri e Jorge Juncal, os seus compañeiros na escena, Gatuxo é un traballo que posúe a dozura do primeiro aloumiño, a suvidade de cada coliño, a tenrura de cada arrolo cando doe, a sinxeleza das palabras frase, verbas fundacionais onde se forxa a lingua primeira. Melodías marabillosas, instrumentacións sinxelas, vocalizacións precisas. Cancións circulares nacidas da experiencia da lactancia, da primeira comida, da aparición do primeiro dente, da dor dos primeiros croques, os momentos felices dos xogos no parque ou de chapuzar na bañeira, a maxia da hora de conto cando ilumina a lúa… Cancións afastadas das convencións do arrolo que dialogan coa experiencia do picariño como as ilustracións de Erica Maradona, cheas de detalles do que tirar partido na lectura compartida. Mención á parte merece «Anemone de Mar», a canción excepcional, extraordinaria, que pecha o disco, composta por Pierrot Rouge e interpretada por el e a súa compañeira Ugia Pedreira, inspirada na súa filla Lúa, que aventuro convertirase nun clásico contemporáneo. Un disco memorable para a galeguización dos nosos picariños dende o berce, que contribuirá o seu desenvolvemento temperán. Gatuxo merece todas as nosas beizóns, como Magín e o seu equipo de músicos. O librodisco será presentado no Espazo Infantil de Culturgal, o venres 5 de decembro, ás 20:30.

Onte 1145: Caxade no Culturgal

caxadegaliza

Vanse desvelando algúns dos contidos da programación do Culturgal 2014. Será un concerto de Caxade e da Banda de Música de Bandeira na noite do sábado 6 de decembro o prato forte da programación musical. Tras a súa presentación o pasado ano con A Dança das Moscas, un dos meus discos preferidos dende entón, o grupo creado arredor de Alonso Caxade acuñou un son moi singular de melodías de resistencia, nas que o acordeón asume o protagonismo en diálogo coas voces e coa trompeta e o bombardino. Para algúns a de Caxade é música de raíz con tintes indies, aínda que quizais no seu caso o mellor sexa desbotar as etiquetas e deixarse levar polos seus bailables de intención política. Esta produción de Sin Sal Audio, na que Caxade compartirá o escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra cos sesenta músicos de Silleda, promete ser un dos momentos máis memorables do vindeiro Culturgal.

Onte 1128: Ghalego

GhaleghoComentámolo onte con admiración na asemblea de Prolingua. Ghalegho, o vídeo de Noelia Gómez Calvo para un traballo na Facultade de Xornalismo de Compostela, constitúe un modelo interesante de intervención na rede a prol da lingua galega. Artellado coa intencionalidade de desmontar os prexuízos lingüisticos entre a mocidade e promover o uso do galego, así como defender a variante dialectal das Rías Baixas, caracterizada polo emprego do seseo e da gheada, en pouco máis dunha semana supera os 80.000 visionados en youtube. Unha cifra impresionante que dá para reflexionar sobre o valor deste soporte. Protagonizado por catro mozos e mozas dos concellos de Rianxo e Dodro, utilizando argumentos sólidos presentados de forma sinxela, botando man da retranca e da fachenda de serm galegofalantes, esta peza de pouco máis de dous minutos convertiuse nun fenómeno viral  de grande interese para recuperarmos a nosa autoestima lingüística e a esperanza en que nosa mocidade será capaz de parar o proceso actual de substitución lingüistica. Beizóns a Noelia e os compañeiros que a acompañan por esta refolada de entusiasmo.

Onte 1125: Bibliocarballo

bibliocarballoEvencio Ferreiro, alcalde de Carballo, presentou onte a Biblioteca Rego da Balsa que se inaugurará mañán con motivo do Día da Biblioteca. Outra magnífica noticia para unha cidade modélica na promoción da lingua e da literatura galega, que con esta nova e fermosa biblioteca pública ofrece máis e mellores posibilidades de acceso á información e aos contidos culturais a públicos de todas as idades e en todos os soportes e formatos. A bibliocarballo concíbese, pois, como primeira institución cultural da súa comunidade local, un espazo público de acceso aos contidos culturais e de lectura, máis tamén como punto de encontro e dinamización lectora. Boa noticia para un Día da Biblioteca, na que por fin, se poñerá a disposición dos usuarios da rede de bibliotecas públicas galegas unha primeira colección de libro dixital en galego («Le en galego», da que, en boa medida, non sentimos tamén responsables dos seus contidos). #Lecturapublicaengalego

Berrogüetto sempre

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Berrogüetto con motivo do seu premio da Crítica Galicia na modalidade de Música.

Entre os recoñecementos á excelencia na creación e promoción da cultura galega, entregados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia, foi moi significativo o de Berrogüetto na modalidade de música. Un premio aclamadísimo que chega, quizais, un pouco tarde cando o grupo vigués decidiu disolverse a pasada primavera “cun sorriso e coa satisfacción do traballo realizado”, o que non evitou a a decepción e tristeza saudosa dos que somos os seus incondicionais seareiros.

Tras o inesquecible derradeiro concerto de despedida no García Barbón do 29 de xuño, Berrogüetto deixa unha herdanza importante para a cultura galega: os máis de sesenta temas de cinco discos memorables, “Navicularia” (1996), “Viaxe por Urticaria” (1999), “Hepta” (2001), “10.1” (2006) e “Kosmogonías” (2010); ademais dun gran libro disco biográfico con gravación de concerto ao vivo, “Berrogüetto. O pulso da Terra” (2011). Como salientou o xurado dos Premios da Crítica Galicia no seu ditame recoñeceuse por fin a Berrogüetto “pola súa excelente traxectoria artística de case vinte anos constituíndose nunha referencia imprescindible da música de raíz galega e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

A prehistoria de Berrogüetto está en Matto Congrio, que publicou o seu único disco en 1993, mais que, como sinalou o crítico Óscar Losada, “marcou o signo dos tempos modernos no folk do país” e abriu para el dous vizosos vieiros. Dous membros da formación que vestiu cun traxe moderno o folk galego, Pancho Álvarez (baixo) e Diego Bouzón (guitarra) acompañaron a Carlos Núñez (gaita) na súa nova banda, a que gravaría “A irmandade das estrelas” (1996). Os outros tres compoñentes, Santiago Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión) e Anxo Pintos (gaitas e zanfona) decidiron crear un novo grupo, ao que convidaron a Quico Comesaña (harpa) de Fía na Roca, Paco Juncal (violín) de Armeghin e Guillermo Fernández (guitarra) de Fol de Niu.

Bio_Berroguetto2

Dende os seus primeiros concertos no verán de 1995, a nova formación, bautizada como Berrogüetto –un nome que significaría “berro dos oprimidos”, mesturando un berro positivo saído da nosa estirpe cunha vontade de afastarse de calquera “ghetto” ou “apartheid”– non deixou de asombrar ao público galego (e despois ao internacional da chamada “world music”) pola súa proposta musical innovadora, experimentando novas sonoridades e instrumentos que permitisen enxergar horizontes contemporáneos para a música galega de raíz. A aparición de Berrogüetto significou, pois, unha aposta pola innovación, que o grupo levou a todos os eidos da súa actividade, con atención especial ao coidado gráfico e presentación de todas as súas producións e a súa vontade para dedicarse profesionalmente á música, o que constituíu unha novidade no folk galego. Tras a marcha de Juncal, Berrogüetto incorporaría en 1999, a partir do seu segundo disco, a voz de Guadi Galego e o violín de Quim Fariña, consolidando un septeto no que, tras a saída de Guadi en 2010, se integrou o cantante Xabier Díaz.

Cada un dos temas de Berrogüetto constitúe unha pequena alfaia sonora labrada por estes alquimistas de soños, navegantes que viaxaron en cada disco ou en cada concerto, onde sempre foron tan sútiles como enérxicos, polos océanos musicais máis diversos (intelixentes que son, ningún mar sonoro lles foi alleo). Sete músicos que aproaron a súa nave entre os ritmos da muiñeira, do vals, da polca, do alalá e o das linguaxes musicais contemporáneas, nunha travesía na que nunca perderon a súa raíz galega. A calidade instrumental, a rigorosidade compositiva e a afouteza para asumir riscos creativos fixeron de Berrogüetto unha das representacións máis acaídas da identidade cultural galega contemporánea, desa fantasía de traducir a tradición milenaria na expresión do noso tempo.

Rosa Aneiros escribiu que “Berrogüetto foi a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible”. E abofé que así foi até que a severidade desta crise coa cultura galega arrasou o seu proxecto modernizador e a súa incipiente presenza nos mercados internacionais. Neste entorno, a imposibilidade da continuidade de Berrogüetto co seu proxecto primixenio é un síntoma do fracaso do conxunto do sector cultural galego. O “Alalá da noite”, canción composta por Quico Comesaña e Xabier Díaz, incluída en “Kosmogonías” (2010), ten como letra un poema que Manuel Rivas enviou ao grupo tras o concerto de presentación de Díaz como o seu cantante. Difícil é resumir mellor o que supuxeron os anos de traballo do grupo vigués que neste retrouso: “Eu non sabía que había / tanta alegría nas bágoas / nin neve nas bidueiras / nin esperanza nas mágoas”. Berrogüetto sempre!

Onte 1123: «Somnámbulos» de Suso de Toro no Ateneo

Federico_Perez_Suso_de_Toro_Ateneo_20-10-14

O auditorio d’ Afundación da Rúa do Vilar quedou pequeno para seguir a lectura que o actor  Federico Pérez e o escritor Suso de Toro fixeron para presentar Somnámbulos no marco dos exitosos «Luns do Ateneo de Compostela». Tras media hora de lectura dramatizada de «Pesadelo», a primeira parte de «Negocios de familia», un dos tres textos de Somnámbulos, Suso de Toro pronunciou unhas palabras nas que condensou a poetica e as intencións do libro.

»Somnámbulos está formado por tres textos teatrais ou parateatrais, pensados para ser pronunciados. Tres contos para a voz humana. É un libro que forma parte dunha secuencia de libros, con conexións con outros meus anteriores como Home sen nome e Sete palabras». «O primeiro dos contos, “Negocios de familia” naceu dun cartafol que quedou aberto hai anos. Agora enlaza cun momento da miña vida, cando se está a renovar a memoria presente, como foi aquel período de tránsito, cando se está producindo unha revisión das nosas vidas. Sei que este texto supón volver a un momento que ninguén quere tocar, eses anos que van do 72 ao 76, cando se puxeron as bases do que temos hoxe, sobre os que se impuxo o esquecemento. Un dos temas dese tempo foi o fusilamento daqueles cinco mozos, o 27 de seembro de 1975, un momento fulcral na miña vida». «Este relato ten relación coa elaboración da miña vida familiar e persoal que fixen en Sete palabras». «”Negocios de familia” naceu dun encargo dunha obra teatral que me fixo o actor Manuel Galiana. Atopeime dspois con Federico Pérez no festival de Cans e apalabrei con el facer algo. Esquecino. Anos despois batín con el e recordoume que lle prometera que escribiría unha comedia. Sei que Federico ten unha vía cómica tremenda. A miña tentación era convencelo para facer un personaxe que leva dentro un inferno».

Referiuse despois Suso de Toro ao terceiro dos contos, «Insomne», que naceu a finais dos anos 90, «cando tiven un tropezo forte con Manuel Fraga, que me afectou moito». «Escribín unha vinganza literaria. Non minusvaloro a figura de Fraga na súa dimensión política. Tratei de facer un retrato do mal, quixen retratar literariamente a un monstro. Neste conto imaxinei a un home que tutela as vidas dun país, un home que non dormía». «Sei que este é un retrato moi duro, emparentado con Home sen nome. Daquela publiqueino en internet e no ano 2001 unha versión en castelán apareceu na revista Lateral. Agora reescribino completamente no contexto deste libro, no que insisto, reunín tres textos para a voz humana».

Non esqueceu Suso de Toro facer unha referencia ao segundo dos contos, «Auga derramada», que definiu como «unha estampa santiaguesa, un vello que fla diante da fonte dos cabalos de Praterías». «Un texto moi lixeiro como corresponde a auga desbordada, no que levo a oralidade á cidade miña».

Na quenda de intervencións do público, Suso de Toro recuperou algúns dos seus fíos inciais. «En “Negocios de familia” aparece a cuestión da orfandade que xa tratara en Sete palabras, o que sei identificará o lector familiarizado coa miña obra». Detívose, despois, sobre a cuestión do melodrama, presente en «Soño», a segunda parte de «Negocios de familia». «O lector culto ten prexuízos sobre o melodrama, un xénero no que aparecen as emocións e os sentimentos. Para min o melodrama e a verdadeira representación dos conflitos persoais. Sei que en “Soño” utilizo o melodrama, xa que este xénero é como a vida mesma, situacións que rematan en rídiculo, sen solución, nas que existe unha perturbación, algo inherente ás artes. Somos ridículos cando perdemos a compostura e non esquezamos que a traxedia é o momento no que caen as máscaras».

A derradeira pregunta realizada dende o público xirou sobre o futuro de Suso de Toro e a literatura. «Eu acabei unha carreira literaria, non a miña relación coa literatura. Mais alerto que a literatura está desaparecendo, perdendo terra baixo os seus pés. E somos nós os responsables. Propoño que cada lector faga unha reflexión sobre si mesmo. Canto tempo lle dedicamos a ler e que liamos hai dez anos e que tempo e cousas lemos agora? O tempo de abandono que require a literatura desapareceu. Cómpre volver a estar incomunicados para ler. O lector literario está morrendo dentro de nós». Abordou Suso de Toro a seguir os condicionantes da literatura galega. «Non é o mesmo ser escritor en lingua galega ca en lingua catalá, que conta cun apoio e amparo do seu goberno. A literatura ten un aspecto profesional e industrial que aquí non se coidou. Ademais, a Constitución foi entendida de forma excluínte para os que temos outra lingua diferente do castelán. Sei que nunca me darían nin podería levar o premio Cervantes, a pesar de que son un cidadán que paga os seus impostos ao estado que o concede».

Onte 1119: En Lalín con «Zapatillas rotas»

XG00225901Gran presentación no IES Laxeiro de Lalín de Zapatillas rotas, a quinta novela de Xabier Quiroga. O equipo da Biblioteca preparou unha presentación da súa lectura compartida e proxectou o vídeo da súa lectura acompañando ao autor. Celso Fernández Sanmartín «Celsiño» foi intercalando as súas intervencións memorables, textos orais coidadísimos que contribúen a enxergar unha esperanza para a lingua galega e para a memoria das historias de vida dos que a falaron. Xabier Quiroga comezou expresando a súa gratitude ao seu alumnado pola lectura da súa obra, animándoos tamén a crear, a poñerse a escribir. Gabou os discursos de Celsiño subliñando que coma el cría que «os vellos saben moito, ás veces nos seus silencios, outras na súa memoria». Confesou despois que Zapatillas rotas saíu da estancia da súa avoa durante o derraeiro ano da súa vida nunha residencia. «Vin o que había alí. escoitei. Dediqueille a novela, a pesar que ela nunca viu o mar. Cadreina en 95 capítulos, tantos como tiña ela cando morreu».

Explicou que, como en cada unha das súas novelas anteriores, quixo «contar unha historia, neste caso a dun vello que marcha do asilo, que se rebela contra iso». «As novelas son coma un río, todo vai enchendo o seu caudal.» «Zapatillas rotas é unha historia que nos vai levando cara a beiramar, unha viaxe dun vello e dun parado, na que intentei relacionar o pasado e o presente.» Antes de enumerar as intencións e temas que quixo abordar na novela, Quiroga salientou que «os escritores facemos paxaros de barro». «Quixen denunciar o abandono dos vellos e o negocio público e privado das residencias de maiores. Quixen denunciar a unha adolescencia consumista que abandona o idioma. Denunciar a unha clase política corrupta e oportunista. Quixen denunciar a violencia contra a muller. O personaxe de Lola é esencial nesta novela. É criada, nai, avoa, usada e abusada. Quixen denunciar o paro, a falta de traballo e esa certa resignación que vivimos coa crise. Quixen denunciar a represión política, a corrupción, a confusión dos valores, nun tempo no que interesa máis o ter ca o sentir. Quixen falar da soidade no Vigo proletario e do abanodono do rural e da súa violencia. Mais e sobre todo, quixen abordar o sentimento da vida e da paisaxe. Sei que os maiores senten a paisaxe, como sentimento da Terra». Rematou Xabier Quiroga definindo Zapatillas rotas como «novela da memoria, para min non hai literatura sen memoria». «Esta novela é unha homenaxe á nosa sente e ao noso país. É unha novela dun amor imposible que permanece máis alá da morte».

Onte 1099: No día europeo das linguas

Dende 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas. Promovida polo Consello de Europa, esta xornada pretende alertar á cidadanía europea de todas as idades da importancia da aprendizaxe das linguas ao longo de toda a vida e de promover a riqueza e diversidade lingüística en Europa, que debe ser preservada e valorada. A efeméride concíbese, pois, como unha oportunidade de fomento do poliglotismo e respecto pola diferencia lingüística e cultural, sobre todo, nos centros educativos aos que se convida a organizar actividades con este motivo. A súa celebración en Galicia sempre estivo moi vinculada ao proceso de normalización da lingua galega e ao cumprimento do establecido na Carta Europea das Linguas Rexionais, aprobada en 1992 e asinada polo reino de España, texto esencial, non o esquezamos, que obriga ao conxunto das administracións do estado. Nesta edición, ademais, coincide co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, o documento no que se recolleu o consenso social máis amplo e recente sobre a normalización da lingua de todos. Nun entorno de auténtica emerxencia para o futuro do galego, cunha situación baixo mínimos no sistema educativo, sobre todo nas etapas temperás, neste Día Europeo das Linguas é oportuno reclamar un plan integral de recuperación do galego acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. Pagaría a pena intentalo.

Onte 1093: Esporada, un gol de fantasía

gol_de_tuco_hernandez

Será moi difícil esquecer o gol que Tuco Hernández marcou onte no Manzanares fronte ao Atlético de Madrid. Un gol de fantasía, unha desas pezas que pola súa creatividade achega o fútbol a algunha das disciplinas das Belas Artes. A do arxentino foi unha manobra insólita, tras un pase de máis de trinta metros de Planas, Tuco colleu o balón de espora ao tempo que viraba as costas a Godín, un dos mellores centrais do mundo, e descolocaba ao porteiro colchoeiro. Un gol que deixou abraiada a bancada atlética. Foi un gran detalle artístico dun xogador que polo que lle temos visto aínda precisa tempo para afacerse á intensidade da nosa liga. »A esporada», o gol merece ser bautizado, abriu a marca de táboas doutro garan partido do Celta que tras dous goles a balón parado dos actuais campións rabuñou un puntiño que nos soubo a gloria para continuar invictos durante xa catro xornadas.

Onte 1078: 50 anos da laboral

50aniversarioSouben onte polo Galicia por diante dos actos de celebración do cincuenta aniversario da inauguración da Universidade Laboral da Coruña onde estudei interno bacharelato do 73 ao 76. Aqueles anos foron esenciais e inesquecibles na miña vida. Nunca esquecerei aquela primeira viaxe no dyane 6 con papá, un día de comezos de outubro de 1973 no que me incorporei. Paramos a tomar un café en Ordes, onde vin por vez primeira o formato actual de La Voz de Galicia. Na laboral comezou todo. Sei que alí me contaxiei da paixón por coñecer, saber e compartir, froito dun ensino de espírito franquista tan exixente individualmente como cooperativo a nivel grupal. Sei que alí xermolou a miña vocación educativa ao fío dos valores de esforzo, disciplina, (tamén de liberdade) e tolerancia que nos inculcaron a ferro e fariña. Sei que alí adquirín a paixón pola lectura, polos libros, pola música e polo cinema. Sei que foi alí onde aprendín a querer a Coruña popular, aquela que ruabamos en longuísimas camiñadas de fin de semana. Sei que alí, naquel fervedoiro de liberdade e entusiasmo, foi onde fixen miña a lingua galega e onde abracei as conviccións galeguistas e da esquerda ás que servín dende entón. Sei que alí coñecín algunhas persoas marabillosas coas que por ventura transcorridos tanto tempo manteño esa amizade e lealtade fonda que non precisa de palabras. Transcorridas catro décadas, sei que aquel grupo de melenudos do colexio Atlántico, fillos de traballadores humildes, gozamos nos anos do tardofranquismo do privilexio de recibir unha educación caracterizada polo rigor e a excelencia. Nunca o esquecerei nin terei palabras para agradecelo.

grupo Facebook Laboral nuestro curso 73-76 -op

Grazas ao compañeiro Manolo Fernández polo documentadísimo vídeo que preparou e por recuperar a primeira orla, que nos enche de saudades.