Listado de la etiqueta: verbum

Museo de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao plan estratéxico da rede de museos municipais de Vigo:

O Plan Estratéxico da rede de museos municipais de Vigo, formada polo Museo de Castrelos, Verbum, Pinacoteca, Casa Galega de Cultura e Casa das Artes, así como o incremento nun 25 % das partidas orzamentarias de 2025 destinadas a súa posta en marcha, supón un cambio de orientación tan radical como esperanzador da até agora rutineira política de museos do goberno municipal de Abel Caballero. Cinco museos que reorganizan os usos e instalación das súas coleccións no período 2024-2026, atendendo aos criterios de identidade, memoria e contemporaneidade, coa intención de facelas máis atractivas para os diversos públicos como centros formativos, de investigación, divulgación e lecer.

Así, o Museo Quiñones de León do Parque de Castrelos –ás portas da celebración do centenario da súa pertenza ao concello– quedará como museo monográfico centrado no valor do seu edificio e dos seus xardíns. O Verbum, creado en Samil con fondos europeos en 2003 como Casa de Palabras e proxectado como centro interactivo arredor da comunicación, tras anos de abandono e fracaso do deseño expositivo, converterase en museo da cidade, dedicado á historia de Vigo, con especial atención á organizar as coleccións arqueolóxicas, até agora depositadas en Castrelos. A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, aberta en 2011, tras reconverter na rúa Ferraría o Pazo de Arias Taboada, acollerá a colección Colmeiro e exposicións pictóricas temporais. A Casa das Artes, inaugurada en 1990 no edificio do Banco de España, manterá a súa función de espazo municipal principal de exposicións temporais e sede de coleccións municipais como o Arquivo Pacheco, o legado do pintor Luis Torras e a Fundación Laxeiro. Mentres a Casa Galega da Cultura na praza da Princesa continuará como espazo expositivo temporal, auditorio e sede da Biblioteca Penzol e da Biblioteca e do Museo Fernández del Riego. Rede á que se deberían incorporar as musealizacións do monte do Castro (Poboado castrexo e Muralla) e da vila romana de Mirambell no Vao.

Nova estratexia para a importante rede de museos municipais, que constitúe arredor da metade da oferta dos museos vigueses de carácter público e privado, cos que debería artellar fórmulas de colaboración e complementariedade. En primeiro lugar, co Museo Marco de Príncipe e o Museo Etnográfico Liste da Pastora, onde o concello de Vigo é o principal mecenas. Máis tamén co Museo do Mar de Galicia de Alcabre, do Centro Arqueolóxico Salinae de Rosalía de Castro, da anunciada sede do CGAC no Casco Vello ou do futuro Teatro Cine Fraga, dependentes todos da Xunta de Galicia. Como tamén coas iniciativas do importante Arquivo do Porto de Vigo ou do observatorio submarino Nautilis, ambas as dúas da Autoridade Portuaria.

Sen esquecer contar cos centros e coleccións privadas existentes en Vigo. Velaí os espazos expositivos da sede de Afundación de Policarpo Sanz, o Museo do Celta en Balaídos, o Museo Anfaco da industria conserveira, instalado no Campus das Lagoas da Universidade de Vigo, a colección de vehículos fabricados na planta do Grupo  Stellantis (un auténtico museo do automóbil nas últimas seis décadas), a colección de traballos da ourivaría Hernández, as pezas de louza de Álvarez ou as maquetas dos estaleiros da ría (inicio posible dun museo de artes decorativas).

Panorama dos museos vigueses no que habería que contar coa recuperación do Centro Galego de Fotografía e Cinema do Casco Vello, proxecto incomprensiblemente sacrificado para instalar a sede administrativa da Deputación, onde albergar o impresionante patrimonio audiovisual vigués e galego, poñendo de vez en valor a fototeca viguesa e galega, dende o arquivo Pacheco, a colección Vigovisións, pasando polos fondos dos grandes fotógrafos afeccionados vigueses como Terré, Rainiero Fernández até o regreso de coleccións fotográficas como as do Arquivo Llanos, hoxe no Museo Etnográfico de Ribadavia.

Todos estes museos públicos e coleccións privadas conforman de facto o auténtico Museo de Vigo, ese que hoxe non existe nin na documentación nin aparece no rueiro, mais que como ampla rede de colaboración se presenta para gozo da veciñanza e dos que nos visitan, constituíndo un patrimonio de valor incalculable que coas súas luces propias se estende pola cidade enteira. Secasí non sería disparate ningún que ese Museo de Vigo puidese contar con sede de seu, como Centro de Interpretación do Vigo Metropolitano (CIVM), instalado nunha Panificadora por fin recuperada, como icona do Vigo do século XXI. A creación dos contidos de Historia de Vigo para o novo Verbum, renomeado como Museo da cidade de Vigo, con criterios museográficos actuais, presentado tamén de forma virtual, constitúe unha oportunidade magnífica para iniciar os contidos do futuro CIVM da Panificadora.

Recuperar o liderado cultural

Publico hoxe en Faro de Vigo un artigo breve nas páxinas dedicadas á campaña electoral, que me solicitaron para contextulizar os retos culturais do concello de Vigo:

Tras varios mandatos nos que Vigo perdeu o seu liderado cultural, as prioridades do concello de Vigo en materia cultural pasan pola modernización na xestión das súas infraestruturas culturais (museos, bibliotecas e centros culturais) e pola recuperación do diálogo, a participación e o acordo entre a nova concellaría de Cultura e os diversos axentes culturais, dende as persoas creadoras, empresas de produción e distribución, até o rico tecido asociativo cultural existente.

A aposta pola modernización das infraestruturas culturais no contexto da hibridación dixital internacional está condicionada polo funcionamento efectivo dunha rede de bibliotecas e de museos municipais, que poida ser considerada como tal, xestionadas con criterios estritamente profesionais de servizo público. Unha aposta que obriga ao concello de Vigo a acordar co resto das administracións implicadas a construción da biblioteca do estado, a habilitación de novas instalacións para o Arquivo Municipal e a apertura con persoal e medios suficientes das bibliotecas municipais de Teis, Navia e Bouzas. Como tamén é obrigado recuperar a actividade normalizada do Marco, como Museo de Arte Contemporánea, do Verbum como factoría artística, e a reabrir o Centro Galego de Fotografía e xestionar os valiosos fondos fotográficos de propiedade municipal. Sen menoscabo dos avances que se produzan no proxecto da Panificadora como centro cultural e cívico, cuxos usos definitivos deberían ser sometidos a consulta e debate cidadán.

Un mandato no que, ademais, o concello debería comprometerse tamén no relanzamento dos diversos festivais artísticos promovidos por axentes de base así como na recuperación dunha liña de bolsas específica para a proxección internacional das novas creadoras viguesas de diversas artes, o que contribuiría tamén á da propia cidade.

Recuperar estas políticas culturais de servizo público, así como de participación e apoio aos talentos creativos, son condicións imprescindibles para que Vigo recupere o seu liderado como cidade da cultura da fachada atlántica.

Vigo cidade vagalume

A revista A Movida convidoume a colaborar na edición impresa deste mes de decembro, onde publiquei unha versión reducida deste texto:

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha imaxe que no caso de Vigo, durante tantos anos a cidade da oliveira, foi mudando ao longo das últimas décadas ao compás das mudanzas que se foron producindo na alcaldía do Campo de Granada. Daquel Vigo obreiro das décadas dos setenta e dos oitenta, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de X.L. Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, de Aerolíneas Federales e Trenvigo, pasamos ao actual Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, excéntrica, un novo Lepe, como o definiron os membros de Cain, o Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Navideña.

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta nesta imaxe. Manuel Soto, o primeiro e valente alcalde democrático e galeguista fixo daquel Vigo revolcado que cantaba Xela Arias en Denuncia do equilibrio, o Vigo de Ascón e dos conflitos do estudantado con Vitrasa, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas en Travesas e o Monumento ao traballo, os bautizados como Redeiros, de Ramón Conde entre Urzaiz e Gran Vía. Catro pezas de arte contemporánea galega, de moi diferente fasquía, cuxa instalación non estivo exenta de polémica, mais que foron capaces de mudar o espazo urbano e co tempo de converterse en iconas queridas polas diversas xeracións viguesas de entre séculos.

Carlos Príncipe quixo facer do Vigo unha cidade dos museos capaz de competir cos doutras cidades euroatlánticas, como Porto, Compostela e A Coruña, que no mesmo período desenvolvían cadanseu proxecto de infraestruturas culturais. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos arquitectónicos de Abrir Vigo ao Mar e do primeiro Plan Urban para o Vigo Vello, ademais do deseño de tres museos, construídos con fondos europeos: o Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe, recuperando o vello Pazo de Xustiza e Cárcere; o Museo do Mar de Galicia, instalado no antigo matadoiro municipal de Alcabre e o Verbum. Casa das Palabras na praia de Samil. Tres pezas arquitectónicas moi valiosas que despois dunha década de ser abertas ou ben non consolidaron os seus proxectos museísticos ou mesmo son abertamente cuestionadas.

Durante a alcaldía de Lois Pérez Castrillo desenvolvéronse os proxectos da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e do Centro Galego de Fotografía no Casco Vello, para contribuír a rexeneración do Casco Vello, e comezouse o de Auditorio Mar de Vigo en Beiramar, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades atlánticas da música, singularmente Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que polo momento quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e os económicos ruinosos, tras a quebra da concesionaria.

Vigo nunca contou neste período con políticas culturais públicas, esas capaces de enxergar dúas décadas, capaces de solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario endémico ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións das diversas artes, algunhas tan relevantes como a Fotobienal, as Xornadas de Música Contemporánea, promovidas por Enrique X. Macías, ou o propio Marisquiño, hoxe sumido na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca do Estado en Travesas ou unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que o que Vigo precisa é un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos diversos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios estritamente profesionais. É tempo xa de superar a política cultural das ocorrencias de alcaldes e concelleiros, como a daquel Agustín Arca que chantaba volcáns nos paseos de Coia e canastras de baloncesto en canto curruncho atopaba. A pesar da sobreiluminación de nadal e da súa contaminación luminosa, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.