Coincidindo co 75 aniversario do primeiro concerto ao aire libre en Castrelos –unha actuación do Orfeón donostiarra, que se anticipou unha década a aquel 13 de xullo de 1957 no que o Auditorio de Castrelos se estreou cunha representación de Otelo, incluída nos Festivais de España– as Tanxugueiras triunfaron no palco vigués por excelencia. 40.000 persoas, segundo estimacións do Faro, boa parte delas moi novas, brincaron coa foliada armada por estas tres pandereteiras que exploran novos espazos para a música tradicional galega, achegándoa a sonoridades contemporáneas.
Un excelente espectáculo musical recoñecido con entusiasmo no xeneroso auditorio vigués, onde hai semanas triunfou a despedida de Joan Manuel Serrat, amosando que Vigo continúa sendo o punto neurálxico da cultura galega, tamén da musical, mesmo a pesar do contexto tan adverso da lingua galega na cidade. A ilusión polo noso compartida por milleiros de rapazas ao latexo das Tanxugueiras, fenómeno que xa se manifestara cando participaron no televisivo Benidorm Fest, convida a esperanza tanto para o futuro da cultura e da lingua galega no sempre difícil mercado global como pola emotividade expresada por milleiros de corazóns entusiasmados por pertencer, roubándolles as palabras as tres cantoras de Teo, a unha Terra na que non se recoñecen fronteiras.
Tras as restricións da pandemia, é moi de agradecer que o sector musical pretendese recuperar neste verán a música ao vivo. E abofé que o conseguiu. Son ducias os festivais máis diversos que Galicia diante convocan cada fin de semana aos seus públicos, non sendo alleos en moitos casos aos recursos dun segundo ano de Xacobeo ou a que os responsables políticos das programacións de festas e cultura pretendan este verán anterior ás eleccións armar festa rachada en cadanseu concello.
Secasí, non podía ser doutra maneira, Vigo converteuse tamén no escenario principal da «batalla dos festivais» entre a Xunta de Galicia e o concello de Vigo. Unha concorrencia competitiva que por ventura incrementa a un nivel descoñecido na cidade da oliveira a oferta de música popular internacional sexa nos concertos de Castrelos e do TerraCeo do Auditorio, programados polo Concello de Vigo; sexa nos case vinte concertos entre os do Auditorio Mar de Vigo e os do Teatro Afundación, incluídos no programa do Xacobeo 21-22, do festival Latitudes, que se celebrará no peirao de Transatlánticos ou da presenza de Muse no estadio de Balaídos, organizados pola Xunta de Galicia; sen esquecer outras iniciativas privadas consolidadas na última década como o sorprendente festival Sinsal da illa de San Simón ou os concertos do Marisquiño, que contan con axudas de varias das administracións.
Diante desta ampla oferta, pagada con recursos públicos, é lexítimo reclamar a maior transparencia na contratación e na xestión dos concertos, sobre todo na venda anticipada das entradas, como a reclamar a presenza nos carteis de maior diversidade de expresións e xéneros e participación dos músicos locais. Criterios que no caso dos festivais vigueses están moi lonxe de respectarse, tanto por parte do Concello como da Xunta. Abonda repasar a programación de Castrelos para comprobar a raquítica presenza da música galega, coa excepción das Tanxugueiras, en xira pola península, e de Luar na lubre, formando parte do Festival Folclórico Internacional de Coruxo. Oferta local insuficiente, aínda que en menor medida, nos carteis auspiciados pola Xunta, centrados só no pop, rock e indie. Como fariña doutra muiñada foi a xestión das entradas de Muse e os inxustificados privilexios outorgados aos abonados do Celta.
Carlos Núñez, probablemente o músico vigués máis coñecido no mundo, denunciaba estes días a tan reducida oferta de música galega no Auditorio de Castrelos, onde non foi convidado a actuar dende aquel apoteótico concerto de 2004, onde contou coa presenza de varios músicos internacionais. Como semella incrible que a despedida dos escenarios de Siniestro total, o grupo vigués de rock máis importante das últimas catro décadas, non se puidese facer no anfiteatro de Castrelos, diante do seu público primeiro.
A música galega e os músicos vigueses en todas as súas expresións, dende a coral á clásica, dende o folk ao jazz, dende rock a todas as tendencias da música popular actual deben estar presentes en Castrelos de forma habitual, dialogando cos artistas internacionais alí convidados. Cómpre mudar a ollada das programacións musicais financiadas en boa medida con cartos públicos e dirixidas xeralmente polas preferencias e intereses do mainstream madrileño. O espectáculo de Tanxugueiras amosa que é posible recuperar a autoestima e o orgullo polo propio, estratexia que comprobamos conta co apoio do público.