Listado de la etiqueta: ristic

Celtada

A do domingo á tarde foi unha desas celtadas que forman parte da identidade máis íntima do celtismo histórico. O Celta de Claudio Giráldez non renunciou a forma parte dunha tradición de coller sempre o camiño máis sinuoso e perigoso para acadar os seus obxectivos. Unha mala tarde de Claudio Giráldez, que errou no seu plan de partido, como a de todos os membros do seu equipo, que estiveron algo apaxaretados e imprecisos co conto de entrar sen canicosta ningunha na competición europea. Un baixón imprevisto na competitividade do mesmo equipo que en Donostia cinco días antes deu un recital de fútbol práctico e de concentración colectiva na defensa da porta de Guaita. Unha celtada na que pouco serviu un recibimento impresionante ás portas do estadio e que a afección tanghera durante todo o partido. E nin sequera chegou para evitala o chamamento do druída Abraham Cupeiro co seu karnix nin das pandeireteiras de Toutón nin a presenza de Pucho Tangana en Marcador baixo.

Nada deste coidado soporte emocional serviu para evitar unha inoportuna baixa de intensidade e concentración que o domingo afectou a todo o cadro celeste, máis na primeira parte, nunha xornada decisiva, tamén, para os visitantes, que compiten polos mesmos obxectivos cos nosos, arroupados por un cento de bucaneiros que despregaron en Balaídos unha pancarta premonitoria co texto de «¡Al abordaje!».

Non acertou Giráldez coas súas rotacións, que deixaron a Borja Iglesias e Alfon no banco, hoxe os mellores argumentos dos que o Celta dispón no remate. Nin tampouco acertou coa banda de Ristic e Marcos Alonso, que resultou ser un coadoiro polo que entraron os vallecanos en dúas ocasións, suficientes para levar tan decisivo botín. Nin funcionou a dupla de Beltrán e Moriba, incapaces de facerlle fronte á parella visitante, formada por Unai e Valentín, moito máis intensos e acertados no roubo cos celestes. E se todo este panorama xa non abondase, Fer López, que sempre escintila con detalles de figuriña, non estivo o preciso e creativo que o devir do encontro precisaba; como lle sucedeu a Williot, que comezou de marabilla, forzando o penalti antes de que pasaran dez minutos, transformado por Marcos de forma maxistral; como ao voluntarioso Durán se lle fixo moi longo o partido, na súa batalla coas torres vallecanas. E foi dende o gol temperán dos nosos, cando os de Giráldez comezaron a esvarar polo tobogán do conformismo, mentres os de Iñigo, mellor plantados sobre a alfombra do Fragoso, presionaban coas súas dúas puntas sobre Alonso, Yoel e Javi, incapaces de trazar liñas seguras de pase ou crear algunha superioridade.

Foi determinante no devir do partido, a relaxación dos celestes no tempo engadido da primeira sesión. Outro erro de Marcos Alonso –nun partido horrible, onde volveu ser amoestado, polo que non xogará no partido decisivo do vindeiro sábado– facilitou que De Frutos canease a Yoel na área pequena e batese a Guaita. Non abondou desta volta, a clásica heroica dos de Giráldez que durante a segunda sesión acurralaron sen fortuna aos de Íñigo. Mágoa que este decidido paso adiante, tanto na disposición das liñas como na actitude do equipo, non fose acompañada de fortuna nos remates de Fer e de Williot. Cando máis sufrían os visitantes, a pausa de hidratación –nunha tarde con fresquiño e algunha poalla– decidida polo colexiado, rompeu a abordaxe celeste. Giráldez tardou en dar entrada a Iago e Alfon e, sobre todo, a Borja, que nos minutos finais volveu abrir a cancela da defensa vallecana que se defendía con coraxe. Nunha mala tarde, tamén para convocar á fortuna, no engadido Javi Rodríguez, o mellor atacante dos nosos defensas, tivo o gol a porta baleira, mais a pelota tan caprichosa quixo bater nas costas dun dos centrais para que a recollese o porteiro cando xa entraba. A desgraza que faltaba en calquera celtada.

Esta celtada, por decepcionante que fose, non embaza unha tempada sobresaliente, que no serán do sábado pode converterse en foliada en Xetafe celebrando o agasallo do billete europeo. O celtismo, sempre sabio, agradece a traxectoria desta liga en Balaídos, onde con once vitorias e apenas cinco derrotas o Celta marcou 35 goles, unha gozada para a afección. Unha tempada na que foi, non menos relevante, que o equipo non dependa xa da presencia nin dos goles de Iago Aspas, por valiosa que sexa a súa achega. Xaora, o máis relevante foi que a audacia de Giráldez de contar coa canteira do Fortuna e do Xuvenil convertese aos seus xogadores en pezas valiosas do mercado internacional. Non debe estrañarnos que Fer López, Javi Rodríguez, Hugo Álvarez, Pablo Durán, Yoel Lago, Damián, Sotelo ou Carlos Domínguez, habituais nos onces de Claudio, escoiten este verán os cantos de serea da Premiere League ou doutros equipos da Liga. En todo caso, agardemos con esperanza o que suceda en Xetafe, un campo que se nos dá mal, iso é certo, mais tamén o é que decote tras unha celtada o equipo resarce ao celtismo cunha vitoria heroica. Agardemos celebrala.

Publicado en Faro de Vigo: 21/05/2025

Lixeiras melloras

Abriu Marián Mouriño a súa presidencia cunha vitoria, a primeira da tempada na catedral das abelairas, e cun achegamento simbólico a alcaldía do concello de Vigo, ocupando a butaca que o seu pai deixaba baleira no palco. Dúas noticias moi esperanzadoras, senllos síntomas de mellora que non agochan o enorme sufrimento co que foron obtidos estes tres puntos, froito dunha xenialidade, un taconazo moi afortunado de Xurxo Larssen, como tampouco ocultan as dificultades para abrir un diálogo empático con Abel Caballero, despois de anos de incomunicación e trasacordos, o que revertería, sen dúbida, na aceleración da posta en marcha das obras de construción da grada Gol e da finalización do novo estadio, e beneficiaría tanto a Sociedade Anónima Deportiva celeste como a propia cidade de Vigo. Melloras, en todo caso, que despois de catro xornadas sen perder, nas que se obtiveron 5 puntos de 12 posibles (máis do 40 %, mudando a tendencia negativa) e apenas se encaixou un gol, alivian un chisco a situación clasificatoria crítica dos celestes, que despois de varios meses, quedarán (canto menos por unha noite) virtualmente fóra das posicións de descenso, o que supón un cativo respiro de Nadal para Rafael Benítez (confirmado pola presidenta esta mesma semana) e o seus xogadores.

Sen chegar a provocar unha revolución, o adestrador celeste pouco amigo de cambios introduciu no once de gala até catro con respecto ao de Vallecas: Carlos Domínguez no centro da defensa, cubrindo con moi bo criterio e posición a gripe do incuestionable Starfelt; Ristic no lateral, mellorando tanto en defensa como en ataque o que viña facendo Manu Sánchez; Cervi na banda esquerda, amosándose máis profundo e constante que Mingueza; e Dotor no centro, probablemente máis implicado nos duelos ca Luca de la Torre, que o substituiría nos decisivos minutos finais, cando o equipo estaba en inferioridade. Mudanzas que en liñas xerais melloraron ao equipo, sobre todo a capacidade de presión inicial, onde destacaron tamén o compromiso e a intensidade de Renato de Tapia (mágoa das súas dificultades para atacar con máis precisión) e a afouteza incombustible de Iago Aspas, que fixo unha gran primeira metade, protagonizando case todas as transicións celestes, tirando faltas e saques de recanto, rematando, defendendo, un auténtico xogador orquestra, con vontade de aceiro que se resiste ao ocaso, a pesar da mala fortuna que tivo onte cando provocou unha falta táctica pola que foi sancionado de forma moi rigorosa cunha tarxeta vermella, que deixou ao equipo no minuto oitenta nunha situación moi comprometida.

No entanto, as mudanzas na aliñación de Benítez non puideron ocultar as carencias clamorosas de xogo dos celestes, aos que sobra medio do campo, tanto polo esquema inamovible do seu adestrador de “colle a pelota e corre” (emulando o título daquela película de Woody Allen), como pola ausencia dun xogador capaz de gañar superioridades nese espazo central, rebentando as liñas de equipos como o Granada ou Cádiz que en Balaídos tiveron máis a pelota e superaron aos nosos tanto en efectivos como en capacidade de chegar a área rival. Onte a promesa granadina, Bryan Zaragoza (xa fichado polo Bayer de Munich), toleou primeiro a Kevin e despois a Mingueza, aínda que por fortuna non conseguiu marcar cando cruzou de máis un balón ao pao longo. Como tamén foi de salientar onte, cando o Granada atacaba a tumba aberta, a coraxe coa que os celestes afrontaron en inferioridade eses derradeiros minutos e os seis de engadido, nos que con respecto a partidos anteriores aos nosos defensas treméronlle un pouco menos as pernas e Guaita con intelixencia procuraba en cada saque de porta a disputa de Doubikas, que (outra vez máis e desafortunadamente) entrou en xogo moi tarde, para substituír a Larsen, o dianteiro preferido da mocidade celtista, que, coa excepción do seu gol de alta escola, estivo espeso e pouco acertado.

Ao remate do partido, a bancada agarimou aos celestes por vez primeira no que vai de temporada do Centenario, na que os celtistas en Balaídos estamos vivindo (sufrindo) de puro celtismo, sen apenas outros motivos para a ledicia que celebrar os resultados e o xogo do Celta Fortuna do prometedor Giráldez. Ben sería que a nova presidenta, que inicia a súa responsabilidade con declaracións esperanzadoras de reconciliación co concello e coa afección, non adiara a contratación dese medio centro con xerarquía e algunha outra posición defensiva, que poderían funcionar como revulsivo imprescindible nunha segunda volta onde xa non se pode sentir medrar a herba.

Publicado en Faro de Vigo: 17/12/2023