500 con Aspas
No partido 500 de Iago Aspas coa elástica celeste, o cadro de Claudio Giráldez nun gran partido fracasou porque a raíña Fortuna, cuxa ruleta distribúe caprichosamente os bens e os males, preferiu entregarlle no derradeiro minuto o tesouro dos tres puntos ao equipo de Diego Simeoni. Explicación mitolóxica que atopamos para explicar o sucedido na noitiña do pasado xoves no coliseo do Fragoso, onde todo debería ter mudado se no minuto 41 da primeira parte o noso Merlín de Moaña axustase apenas dez centímetros á dereita o seu xutazo dende a frontal ao pao, que detivo de forma asombrosa o gardameta colchoeiro, tras unha combinación con Borja Iglesias, o noso nove, con quen tan ben se entende. Unha xogada que, xunto á oportunidade fallada no 89’ a porta baleira por Javi Rodríguez, determinou o resultado dun partido no que os de Aspas mereceron a vitoria (ou canto menos a dignidade do empate) porque atacaron mellor, sobre todo na primeira parte, e defenderon de forma eficiente (mellor ca ningunha outra vez no que vai de liga) até o desafortunado minuto 90, no que por primeira e única vez funcionou a conexión Griezmann e Julián Álvarez, dinamitando o dispositivo creado con tanta paciencia e disciplina por Giráldez. Unha desgraza, outro inxusto agasallo da deusa Fortuna que premia, como tantas outras veces, a equipo tan vampírico e antipático como o de Simeoni.
E no 500 de Aspas, a lenda que representa hoxe o celtismo, o mellor xogador da historia do Celta –a piques de superar a marca de partidos de Manolo «o gran capitán», o heroe do Celta da miña infancia– foi substituído exhausto no 83’, despois doutro partidazo no que correu coma un xuvenil, pelexou coa incomoda defensa atlética (toleando a Reinildo) cada un dos balóns, dirixiu a recuperación tras a perda e encarou a Oblak até en tres ocasións. Derrota que non embaza a excelente actuación de todo o equipo castigado de forma moi severa por un lixeiro desaxuste na defensa dun balón lateral, erro frecuente que Claudio aínda non foi capaz de remediar. Xaora, a pesar de resultado tan doloroso, que decontado encheu de melancolía o celtismo dos padeceres afeito a estas desgrazas, non invalida nin moito menos a proposta do adestrador de Cans e o seu concienciudo cadro técnico, capaz de preparar cada partido como se dunha final se tratase, como se fose un caso único e singular, ofrecendo o once máis axustado posible ao perfil do contrincante, sorprendente metodoloxía táctica de rotacións constantes que comeza a ser envexada e estudada polos seus rivais.
Secasí, para facerlle fronte á visita do difícil Atlético, Claudio preparou unha defensa con tres centrais veteranos, que durante 90 minutos funcionou coma un reloxo, na que destacou Starfelt, que anulou a Sorloth, o perigoso xigante noruegués, e nas que uns magníficos Marcos Alonso e Manquillo mantivéronse firmes na contención e xenerosos no ataque. Como acertada foi a incorporación a banda dereita de Carreira que creou o pánico atlético cos seus pases da morte e de Fran Beltrán, capitán durante os minutos finais, no medio centro atrasado, que deixou unha das mellores actuacións que lle recordamos proporcionando unha moi boa saída ao equipo e unha fluidez moi valiosa. Proposta claudiana que funcionou até que na segunda parte Simeoni introduciu os seus primeiros trocos, coa entrada de Julián Álvarez e Riquelme, cos que os colchoeiros gañaron presenza (e perigo) nas inmediacións da área celeste. Movemento ao que respondeu Giráldez coa incorporación de Douvikas e Alfon, que por desgraza non melloraron a eficacia atacante celeste, e, quizais un pouco tarde, de Javi, Damián e Ilaix, coa intención de afrontar con máis músculo os decisivos derradeiros minutos.
A desafortunada derrota do partido 500 de Aspas non embaza, tampouco, a traxectoria do dianteiro de Moaña, en magnífica forma, que aventuramos escalará ao longo desta campaña posicións na táboa de goleadores históricos da Liga, entrando a formar parte do selecto grupo dos vinte primeiros de todos os tempos, o segundo futbolista galego, despois de Manuel Fernández «Pahiño» o dianteiro vigués de Navia lector de Dostoieski. Escalada da nosa primeira figura que agardamos continúe o domingo, no que o míster porriñés introducirá novas sorpresas no once de gala para facerlle fronte ao temible eurogirona e coa cuarta vitoria consolidar ao Celta no medio da táboa.
Publicado en Faro de Vigo: 28/09/2024