Listado de la etiqueta: orgullo

Festa do orgullo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Festa do Orgullo:

A raíz do artigo no que citaba os desfiles do «Destornillo de Peritos», unha boa amizade lembroume a importancia que tivo en Vigo, e continúa tendo, o «anfiteatro de Urzaiz», durante o medio século último, protagonista nas coleccións dos nosos fotoxornalistas contemporáneos como Magar, Cameselle ou Vitín de las Heras. Os momentos estelares da cidadanía, dende as conquistas dos dereitos e das liberdades, pasando pola reclamación do autogoberno para Galicia e a dignidade de Vigo como cidade que o lidere, durante o período da Reforma Política até a defensa meduliana dos postos de traballo industriais nos anos máis duros da reconversión, a reclamación da paz e o nunca máis da entrada deste século, dirimíronse todos nestas arterias do Vigo revolcado e rebelde comprendidas entre Urzaiz á Porta do Sol ou as Avenidas.

Abonda consultar a cronoloxía viguesa para comprobar que o Vigo actual nunca perdeu músculo cívico. Velaí aqueles primeiros saltos obreiros na Porta do Sol, na folga de setembro de 1972. Eis a contundente resposta da mañá do 4 de decembro de 1977, na maior manifestación da historia da cidade, reclamando autonomía para Galicia; reivindicación continuada pola tarde en Balaídos, o segundo dos nosos anfiteatros, onde o Celta saíu no seu partido fronte ao Granada levando unha enorme bandeira galega, confeccionada en Dresslock, factoría de pantalóns onde traballaba Manuel Soto, quen pouco despois sería alcalde da primeira corporación democrática, mentres que pola megafonía do estadio soaban «Os Pinos», o himno galego que entón descoñecía a maioría dos celtistas, mais que aplaudiron coa intensidade dos días decisivos. Dous anos despois, o mesmo 4 de decembro, Urzaiz volvería a dar unha nova resposta contra aquel «Estatuto da aldraxe», que negaba a Galicia como comunidade histórica.

Mónica Bar Cendón dá conta en Feministas Galegas. Claves dunha revolución en marcha (Xerais 2010) do que foron as primeiras mobilizacións feministas en Urzaiz, espazo tamén principal de loita a prol da liberdade, dos dereitos das mulleres e do recoñecemento dunha sociedade diversa en igualdade. Así, o 3 de xaneiro de 1977, a Asociación Galega da Muller (AGM) convocou unha manifestación  denunciando as violacións de tres nenas por empregados municipais, na que participaron, segundo informou Faro de Vigo, entre 1.200 e 1.500 persoas. O 8 de marzo do mesmo ano, as feministas volveron a rúa para denunciar un caso de acoso sexual, como en 1978 realizaron as primeiras manifestacións reclamando unha lei de divorcio, a despenalización do aborto e a legalización do uso dos métodos anticonceptivos, que entón estaban prohibidos. Como grazas ao libro de Mónica Bar, obra esencial na memoria do feminismo galego, podemos lembrar o primeiro Festival Feminista celebrado o 29 de xuño de 1980 no parque municipal de Castrelos, organizado pola Coordinadora Feminista de Vigo.

Corenta e seis anos despois, aquela festa unitaria das feministas viguesas, que presentaban o seu carácter lúdico e artístico, que reivindicaban a creatividade e a imaxinación, chamando a mozos e mozas, nenas e nenos, vellos e vellas «a enrollarnos con nós!», «a vivir novas formas de transformar a realidade», converteríase nun referente histórico para a actual comunidade LGTBIQ+. Na programación musical do festival, a cantora madrileña Julia León compartiu palco coa ferrolá María Manuela, con Begoña e o grupo de rockeras Las Chinas. As poetas recitaron, houbo teatro de monifates, xogos, exposicións de pintura e cerámica, venda de bocatas e tortas, e gaiteiras e gaiteiros que amenizaron o serán. Convocatoria aberta a toda a sociedade, que por vez primeira deu a oportunidade de presentarse publicamente a outros movementos incipientes, entón, como lesbianas e homosexuais, que presentaron os seus panfletos e reivindicacións.

A celebración en Vigo deste 28 de xuño 2026 –día do orgullo, creado en 1970 como «Día de liberación gay», tras a redada policial do 28 de xuño de 1969 no bar Stonewall de Nova York– terá exclusivamente carácter reivindicativo e memorialístico, de defensa dos dereitos e da visibilidade da comunidade. Prescindirase da parafernalia festiva de comitivas anteriores e da «Festa DiversXs do Orgullo», referente para a comunidade LGTBIQ+ viguesa, organizada dende 2009 pola asociación Nós Mesmas. Como é lóxico, Nós Mesmas lamenta a suspensión da festa, debido a dificultades económicas, organizativas e o desgaste do voluntariado; porén, non oculta que detrás están as pexas burocráticas cada vez maiores das asociacións cativas para organizar eventos no espazo público (solicitude de permisos, seguros e infraestruturas…), como da insuficiente implicación do concello e doutras administracións na organización desta festa do orgullo.