Listado de la etiqueta: olga_novo

45 anos dos Premios da Crítica de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración dos 45 anos dos Premios da Crítica de Galicia:

Na intervención que pechou o sábado o acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia 2022, Carmela Silva reclamou o liderado de Vigo, tamén no eido da cultura. Unha reivindicación coa que a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñecía tamén o papel que para forxar ese liderado supuxo esta iniciativa da sociedade civil viguesa, encabezada polo editor Bieito Ledo e polo pintor Antón Pulido, que dende hai corenta e cinco anos organizan estes premios honoríficos cos que se pretende recoñecer a excelencia da creación e da produción das industrias culturais galegas, dende a literaria ao cinematográfica, dende a investigación á cultura gastronómica, dende a música ás artes plásticas e dende as iniciativas culturais e científicas ás artes escénicas. Premios que dende aquela primeira «Cea das letras», celebrada no desaparecido Hotel Samil o 16 de maio de 1978, organizados de forma entusiasta polos entón mozos do Círculo Ourensán Vigués, tiveron sempre a súa sede en Vigo, coa excepción do período no que foron trasladados a Mondariz Balneario, converténdose nunha das institucións culturais máis prestixiadas e veteranas da cidade.

Unha continuidade, tamén unha teimosa insistencia –á que certo é non foron alleas algunhas dificultades no apoio proporcionado polas administracións públicas– na que os promotores mantiveron o seu espírito fundacional de artellalos como un afán colectivo e altruísta de carácter normalizador. Uns premios deseñados para abrir unha xanela de visibilidade para a produción cultural galega anual, nos que convidaron a participar a máis de mil catrocentas persoas de diversas xeracións, profesións e ideoloxías como membros dos seus xurados. Un traballo crítico esencial, independente e rigoroso, no que participaron grandes figuras xa desaparecidas, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Basilio Losada, Carlos Casares ou Pilar Vázquez Cuesta, que foi conformando un cadro de honra de persoas e entidades premiadas que permiten identificar as profundas mudanzas da creación cultural en Galicia ao longo dos períodos da Preautonomía e da actual Autonomía, tanto no que atinxe ao prometedor desenvolvemento das súas industrias culturais (editorial, musical, plástica, teatral e audiovisual) como das feblezas e ameazas provocadas pola ausencia de políticas culturais públicas efectivas de internacionalización dos sectores e de fomento da lingua galega.

Premios da Crítica de Galicia nos que podemos identificar a profunda fenda de xénero presente en todos os sectores culturais galegos, mitigada hai pouco máis dunha década, cando a asociación abriu unha etapa de anovación, tanto pola incorporación de mulleres na promotora dos recoñecementos como na propia composición dos xurados, dende entón paritarios, o que se comezou a percibir no elenco de gañadoras. Así na modalidade de Creación Literaria houbo que agardar 18 anos a que fóra premiada a primeira muller, Marilar Aleixandre, abrindo unha nómina á que dende 1995 se incorporaron Pilar Pallarés, Anxos Sumai, Luisa Villalta, Ana Romaní, María do Cebreiro, Moncha Fuentes e Olga Novo, apenas oito de 45 persoas premiadas. Outro tanto sucede na modalidade de Investigación onde a relación de premiadas redúcese a catro, iniciada por Begoña Bas en 1992, á que dende entón seguiron Pilar Rodríguez Suárez, Patricia Fra e Blanca Ana Roig Rechou, todas vinculadas ao ámbito das Humanidades. Tendencia que se mantén na modalidade de Música, na que son só seis as premiadas desde que en 1985 o fora Dorothé Schubarth polo seu Cancioneiro Popular Galego, compilado con Antón Santamarina, á que seguiron Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Margarita Viso e nesta edición a cantora e investigadora mariñá Ugia Pedreira. E outro tanto se podería apuntar das outras disciplinas artísticas, nas que como reclamou tamén na súa intervención Carmela Silva, faltan máis mulleres premiadas.

As modificacións introducidas na convocatoria destes premios amosan as mudanzas, a vitalidade e a diversificación do conxunto do sector cultural galego. Das cinco modalidades da primeira edición, seis na segunda, pasáronse as oito actuais, tras a creación das de «Cultura Gastronómica» en 2014 e de «Cine e Artes Audiovisuais» en 2018. Ampliación do número de modalidades que cada edición propón no seu ditame algún dos xurados, sexa para desdobrar a de Investigación nun premio de Humanidades e outro de Ciencias e Tecnoloxía, fose para facelo nos diversos xéneros da Creación Literaria ou das Artes Plásticas, desdobradas, como se propuxo nesta edición, en Pintura e Escultura, Deseño e Arquitectura. En todo caso, axustes posibles para unha iniciativa con vontade de perdurarmos e de continuar forxando unha tradición.

Onte 2098: Premios da Crítica de Galicia 2020

Comunicamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2020 nunha rolda de prensa emitida por You Tube. Remataba así unha semana de xuntanzas virtuais dos oito xurados (máis de 14 horas en Google Meet), na que neste ano de pandemia moito aprendín sobre as dificultades existentes aínda na utilización das ferramentas da comunicación dixital como tamén das facilidades que proporcionan. Máis alá do formato das deliberacións e da comunicación do ditame, aínda queda pendente a entrega das estatuíñas de Martín Códax, pareceume outra excelente colleita da nosa creación e promoción cultural, probablemente, expresión do momento extraordinario nalgúns eidos como a poesía e o cinema e audiovisual ou da necesidade de recoñecemento dalgunhas traxectorias de décadas ou da excelencia de proxectos e iniciativas máis recentes.

Velaí o premio para Feliz Idade (Kalandraka 2019) de Olga Novo e O que arde de Óliver Laxe, premios de Creación Literaria e Cine, respectivamente, obras memorables pola súa calidade e enraizamento da nosa identidade na cultura universal. Velaí as traxectorias de Margarita Viso, a decana das compositoras galegas, premio de Música; de Alfonso Costa, destacado pintor da xeración esquecida, premio de Artes Plásticas; dos Monicreques de Kukas, compañía creadora xenuína deste xénero en Galicia, premio de Artes Escénicas ou da Festa do Marisco do Grove, unha das festas gastronómicas máis antigas e enraizadas na cultura popular, premio de Cultura Gastronómica. Como moi relevante é o libro do historiador Bieito Alonso, Anarquistas galegos en América (Galaxia 2019), premio de Investigación, como tamén o é o extraordinario labor que na rede desenvolve o equipo de GCiencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas.

Tras corenta e tres edicións, sen faltar ano ningún, os Premios da Crítica de Galicia, unha iniciativa privada, plural, interxeracional e independente, continúan tomándolle o pulso ao estado da nosa creación e industria culturais, inseridas na tradición e memoria galegas. Unha iniciativa na que esta edición participaron activamente e de forma altruísta sesenta e cinco persoas durante os tres últimos meses, xenerosidade e dedicación que merecen a nosa maior gratitude. Con todo, como organismo en diálogo coa nosa industria cultural, que vive outro dos seus momentos críticos, os Premios da Crítica de Galicia precisan introducir melloras para acompañar as mudanzas e retos do propio sector. Aí continuaremos.

Onte 2020: «Feliz Idade» de Olgo Novo

Dediquei a mañán de onte a ler devagariño Feliz Idade (Tambo, Kalandraka, 2019), o novo libro de poemas de Olga Novo. Dificilmente podería atopar mellor xeito de celebrar a proeza do bo Antonio Fraguas ou de vindicar a nosa lingua que coa lectura deste libro conmocionante, de espírito xeracional, outra achega extraordinaria dunha autora excepcional na poesía galega actual. Feliz Idade é un canto á felicidade, eses pequenos momentos compartidos coas persoas queridas. Un libro sobre un ciclo vital da autora guímara, entre o nacemento de Lúa, a súa filla, e o pasamento do seu pai, aquel home que amaba a beleza das pedras; unha testemuña poética da continuidade de trinta xeracións analfabetas no bosque dos cromosomas. Un libro de beleza serena e salvaxe, unha afirmación da vida e da memoria familiar, un mundo esférico e perfecto, onde non hai fronteira nin exclusión nin deus. Feliz Idade é un libro de espírito humilde e libertario, como o tantán republicano que non esquecemos.

Un libro que  ten idéntido ADN aos artigos que Olga Novo publica en Luzes baixo o epígrafe «O bosque dos cromosomas», o que entendo son algunhas das mellores pezas de xornalismo literario que se poden ler na actualidade nos medios galegos. Beizón Olga por esta conmoción, por este esplendor da beleza ante o noso pánico.

Recomendo esta vídeocronica da presentación de Feliz Idade na Pobra do Brollón do pasado 15 de abril.

Hipertextos 011/2019: «O bosque dos cromosomas» de Olga Novo

A serie de artigos da sección «O bosque dos cromosomas» que publica Olga Novo no Luzes dixital é o máis fermoso que se pode ler cada mes na rede en galego. Pezas como «A medida do amor» ou «A vitoria do amor» son marabillosas e emocionantes alfaias da memoria de lectura hipnótica. Olga Novo escribe cada quince días os capítulos dun libro extraordinario sobre a nosa orixe e sobre como se forxa a nosa identidade complexa. Textos literarios de moitos quilates. Recomendo cen por cen. Unha fortuna para Luzes e para o seu lectorado (que sabemos cada vez máis numeroso e fidelizado). Beizóns, Olga!

Poema de hoxe 38: «Nós nus» de Olga Novo

imgres-2coa miña pel podes facer

enxertos nas mazairas

Olga Novo, Nós nus (Xerais, 1997)

Onte 1253: Chegou «Funambulistas»

XG00199601Onte comezaron a chegar ás mesas de novidades das librarías os primeiros exemplares de Funambulistas, o primeiro libro de narrativa de Mercedes Leobalde. Como membro do xurado que lle outorgou o Premio Ánxel Fole 2014, convocado polo concello de Lugo, xunto a Marica Campo e Olga Novo, vivín o entusiasmo que a todos os tres nos provocou a lectura dun orixinal escrito con prosa esencial, depuradísima, coa intención de representar a fraxilidade contemporánea. Vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas dúas ou tres páxinas, unhas veces vinculados, outras independentes, protagonizados por personaxes que viven ao límite, na corda frouxa, á intemperie, ao abeiro do inagardado ou fortuíto. Un libro sobre a vulnerabilidade e a carencia como síntomas do noso tempo de precariedade, onde por fortuna, a autora enxerga aínda unha raiola de esperanza contida. Aventuro que Funambulistas será un dos libros dos que falaremos con frecuencia esta tempada.

Onte 921: «Funambulistas» de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa

Lugo_22-03-2014_Praza_Maior

Viaxamos a Lugo (ía frío) para participar na reunión do xurado do Premio Ánxel Folle de narrativa convocado polo concello de Lugo. Marica Campo, Olga Novo e máis eu decidimos outorgar o premio, entre as sesenta e dúas obras participantes (si, 62), á ultima das presentadas, a identificada co número 62, Funambulistas (lema «Piñata«), que resultou ser de Mercedes Leobalde (@Brancasombra). Como sucedeu outras veces nas que participei nun xurado literario, lamento que ademais da gañadora non puidésemos ter premiado ademais un par de obras de excelencia e grande interese, coma nesta ocasión foron as presentadas cos lemas «Luca Pacioli» e «Jane Doe», para as que agardo a mellor fortuna.

Funambulistas, a gañadora, é un libro de vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas un par de páxinas, algúns entremesturados, que finalmente acaba conformando unha novela sobre a fraxilidade contemporánea, na que todas as persoas dunha ou doutra maneira vivimos na corda frouxa, ao fío das consecuencias do inagardado ou do fortuíto. Escritos nunha prosa esencial, depuradísima, sintética, moi cálida e divertida (lembroume a de Carlos Casares), empregando unha diversidade de voces (con preferencia pola primeira) e de procedementos narrativos, Funambulistas denuncia un tempo de desigualdade e violencia cos humildes, sobre todo coas mulleres, mais no que é posible enxergar a esperanza e o inconformismo ganduxado cos fíos dun humor moi sutil e da proximidade do cotián. Relatos inesquecibles pola potencia da súa brevidade centraminada como «Negrón», «Tatoo» ou «Amencer», co que pecha o orixinal, combinánse con outros como «My sweet love», «Lúa contra o baleiro» ou «O Porsche e o caracol», onde se vai densificando o relato nas marxes do concepto de novela. Non é casual que nun dos relatos, «Declaración de amor do xadrecista», a voz narradora diga: «Porque todos somos funambulistas nesta vida, pero a vós me enfronto, case infecta, porque asumo que nalgún momento da partida, se esta paga a pena, a guerra a grande escala é inevitable». Unha frase de «espírito funambulista», case anticipatoria do sucedido onte en Madrid, onde millóns de persoas participaron na Marcha da Dignidade.

Tempo haberá para debullar devagariño esta marabilla que é Funambulistas, unha obra que aventuro terá unha gran acollida da crítica e dun lectorado interxeracional, que rematará emocionado e rendido a súa lectura. Ledicia, ademais, incrementada pola posibilidade que este premio supón de incorporar ao noso catálogo a unha nova narradora, Mercedes Leobalde, á que apenas coñeciamos polo Facebook, tras a publicación do seu primeiro libro de poemas, Chamádeme Eva, gañador no 2012 do VII Premio de poesía erótica Illas Sisargas, convocado polas edicións Caldeirón e o Concello de Malpica. Parabéns por este Funambulistas, que moito os merece.