Artigos

Onte 932: Día do libro infantil e xuvenil 2014

DILI_2014_gl

Celebramos onte un novo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha das datas de referencia do noso calendario do libro e da lectura. Nesta edición resulta significativo, como salientou Francisco Castro, presidente de Gálix, a boa saúde en Galicia deste subsector da edición, sendo maior o seu peso na nosa comunidade (13 % da edición global) ca no medio do sector (7 %). Ademais das súas cifras alentadoras, o libro infantil e xuvenil galego é sinónimo de calidade e excelencia, tanto na tipoloxía do álbum ilustrado, no cómic, como na dos textos literarios e coleccións graduadas de lectura. No entanto, lonxe de calquera tipo de compracencia, o subsector infantil e xuvenil galego ten que afrontar os retos do proceso de hibridación do soporte (a oferta dixital aínda é reducida) coma da súa entrada decidida nos territorios da non ficción, onde a actual oferta presenta importantes carencias. Parabéns, pois, ás autoras, ilustradoras, tradutoras, editoras, bibliotecarias e outras persoas mediadoras por esta angueira compartida.

2 de abril, Día internacional do libro infantil e xuvenil

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha celebración promovida polo IBBY que coincidindo co nacemento de Hans Christian Andersen pretende achegar os valores da lectura á infancia de todo o planeta. desta volta correspondeu a confección do cartel á ilustradora Noemí Vilamuza e do texto da mensaxe ao escritor Eliacer Cansino, ambos os dous en representación das organizacións da OEPLI. O texto e o cartel, dispoñible nos catro idiomas oficiais, pode baixarse en pdf aquí.