A lei zombi do libro
No artigo de Luzes reflexiono sobre A lei do libro e da lectura de 2006 ao fío da xornada organizada a pasada semana no Consello da Cultura Galega:
Na xornada organizada polo polo Consello da Cultura Galega para avaliar unha década da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, cualificouna de «lei zombi, irrelevante, que camiña sen vida e que non achega nada substantivo ás políticas públicas da cultura en Galicia». Responsable da preparación do anteproxecto desta lei para ser presentada no Parlamento de Galicia, onde sería aprobada por unanimidade, na súa calidade de Secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura do goberno bipartito, foi a de Amoedo unha das voces autorizadas que durante a xornada miraron atrás utilizando o retrovisor e reclamaron a actualización dos contidos da lei do libro no marco dunhas políticas públicas integrais para o sector cultural e especificamente para o do libro e da lectura en galego.
Xaora, foi a presentación do informe Datos da edición en Galicia (2006-2016), elaborado polo Observatorio da Cultura Galega o que acendeu todos os pilotos vermellos sobre a precariedade da situación do sector dende a aprobación da lei. Un diagnóstico que o responsable do Observatorio, Hokam Casares, resumiu en catro tendencias: descenso importante do volume de produción de exemplares impresos e aumento dos editados en formato dixital; mantemento á baixa do número de títulos editados en galego, que supoñen a metade dos editados en Galicia; diminución severa do consumo de libros non de texto; resultados negativos dos balances das empresas do sector, tanto editoras, librarías como empresas de artes gráficas, a maioría delas en números vermellos ao longo da década.
Unha situación crítica, á que os diversos gobernos de Núñez Feijoo deron as costas, xa que a partir de 2009 se reduciron o conxunto das achegas ao sector do libro e da lectura nun 50 %, porcentaxe que Carlos Amoedo estimou no 70 % (pasando dos 7,5 millóns de euros de 2009 aos 2,30 millóns de euros do orzamento deste 2018), chegando até o 82 % no caso da partida anual de compra de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas. Un diagnóstico dramático avalado polas intervencións na xornada dos representantes das editoras, librarías e autoras que denunciaron a renuncia da Consellaría de Cultura a contar cun nivel de gasto acorde coas necesidades dun sector á intemperie que a lei considera estratéxico para Galicia.
O fracaso da lei do libro e da lectura de 2006 (como do plan de lectura a ela asociado), elaborada co consenso e o entusiasmo (inxenuo) do sector (proceso que na xornada reconstruíron con detalle Xavier Senín e Cristina Novoa, secretarios do grupo de traballo), reforzado polo consenso da propia cámara galega, obriga a repensar a propia estratexia do sector en Galicia, sometido ademais a retos tan complexos como os da hibridación dixital, a concentración da distribución e a banalización da cultura do libro incorporada ao sector da industria global do lecer. Como obriga a reconsiderar o papel deste tipo de «leis promesa», tamén palabras certeiras de Amoedo, sen instrumentos xurídicos e sen reservas orzamentarias que aseguren a súa posta en vigor, mais aínda cando os compromisos adquiridos polo Gobierno de España coas políticas de consolidación fiscal obrigarán a continuar reducindo os gastos en educación e cultura. Ou noutras palabras, sen un compromiso político e social moi firme e amplo será moi difícil parar a tendencia esmorecente do sector da edición galega que, a pesar de todo, continúa sendo a primeira das nosas industrias culturais.
Moi lonxe de renderse, o sector galego do libro e da lectura esixe estes días a recuperación da lei e do seu espírito de consenso e corresponsabilidade para deseñar actuacións urxentes e imprescindibles que eviten o seu colapso. Medidas que pasan por acordar cos actuais responsables da Consellaría de Educación e Cultura un novo marco arredor das políticas de gratitude e dixitalización do libro escolar (no período autonómico o piar sobre o que se alicerzou a viabilidade do sector da libraría de proximidade e dunha boa parte das editoras), do incremento da dotación bibliotecaria e da proxección internacional do libro e da literatura galega, con atención preferente ao apoio á participación do sector nas feiras profesionais e á tradución a outras linguas. Marco que obrigaría á Consellaría de Cultura e Educación, como ao propio presidente Feijoo (que continúa sen recibir aos responsables do sector) a asumir un incremento plurianual do seu nivel de gasto nun sector sen o que non é posible falar de Galicia como país e como cultura con lingua de seu. Pasar de ser unha lei zombi, rara e decorativa a unha lei activadora do sector profesional do libro e da lectura é un reto que aínda podería ser afrontado no que queda desta lexislatura de abafante conformismo.