Listado de la etiqueta: medo

Procurar calma na corentena

O período de corentena que comparte cada familia na casa é unha oportunidade preciosa para facer actividades que decote non sen fan nas que participen todos os seus membros ou para que cada persoa dedique máis tempo a algunhas das súas actividades preferidas.

No en tanto, probablemente, nestes días non todo vai ser un camiño de rosas, xa que aparecerán momentos de tensión («estrés») froito dunha situación excepcional que sentimos como ameaza (o perigo do contaxio do coronavirus, o medo ao desabastecemento de produtos básicos, o afastamento dalgúns familiares e amizades…) ou simplemente provocados polos intereses de cada persoa da casa (sexan maiores ou crianzas) confrontados nun espazo reducido durante un tempo prolongado.

Xestionar eses momentos de tensión, procurando experimentar o alivio de librarnos do peso do que nos ameaza (ansiedade, medos, aborrecemento, cansazo…) e recuperando a serenidade e a calma durante o maior tempo posible, é unha das claves para soportar este confinamento obrigado.

Xestión emocional para as que contamos con orientacións como as proporcionadas polo grupo de emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia [vídeo cinco minutos], que insisten na necesidade de que cada familia organice o seu horario diario, que só traslade información que sirva para coidarse e previr o contaxio e que as persoas maiores respondan as preguntas das crianzas de forma clara e sen mentirlles, demostrando así que poden confiar nelas.

Nesa xestión familiar do tempo de confinamento é importante diferenciar as rutinas dos días de traballo (nos que a rapazada realiza tarefas escolares) dos da fin de semana, nos que se poderían realizar outro tipo de actividades. Por ventura cada familia pode escoller entre as propostas publicadas estes días: «70 ideas doadas para xogar en casa», «30 plans divertidos para facer esta corentena», «Ideas para pasar estos días en casa con niños».

Nesa liña de xestión creativa da calma insírense os CoronaRetos propostos diariamente pola Biblioteca do noso centro, que ofrecen un abano de recursos e actividades (literarias, musicais, cinematográficas…) coa intención de desenvolver a creatividade, a curiosidade e evitar a pasividade de todos os membros da familia durante este período de confinamento. Propostas, ademais, que despois son gravadas e compartidas na rede reforzando así, tanto no seus protagonistas como no resto do alumnado, o carácter de pertenza a unha comunidade educativa, o que é esencial non perder nunca durante este tempo de separación.

Como tamén axudan a encalmar na corentena as receitas que propoñen no blog Bolboretas no bandullo, para converter crianzas e maiores e converter a cociña en laboratorio de experimentación e creación e espazo para a lectura. Ou os momentos de calma proporcionados polas visitas virtuais en tempo real ou breves sesións de milndfulnes, entre outras posibilidades a explorar por cada familia.

Boa fin de semana!

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Onte 2059: «A araña que lles tiña medo ás arañas»

O editor de Xerais Ramón Domínguez Veiga é un dos escritores para álbum infantil máis orixinais que coñezo. Tras o seu impresionante debut con Violeta quere ser vampiro. Conto de Samaín (Xerais 2017) e con É tempo de Entroido (Xerais 2018), ambos os dous ilustrados por David Sierra, desprega todo o seu enxeño e humor con A araña que lles tiña medo ás arañas (Xerais 2019), un conto de medo ilustrado por Iván R. Utilizando unha estrutura enumerativa e circular, propia da tradición oral, afiando os diálogos con rimas consonantes, Ramón e Iván tecen a tea dunha historia divertidísima protagonizada por unha araña moi afouta que non teme nin a sapos nin lagartos nin a raparigas curiosas, mais que se espanta diante dun ser da súa mesma especie.

Un final inagardado e un xogo espectacular de planos pechan un dos mellores álbums publicados en galego nos últimos anos. Un libro que non pode falar nas bibliotecas das aulas de Infantil e de inicio de Primaria. Mete tan medo como moitas gargalladas.

San Bartolomeu, o espantamedos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos medos contemporáneos, ao fío da romaría de San Bertolomeu e da exhumación dos restos do ditador Francisco Franco:

O pasado 24 de agosto devotos de san Bartolomeu camiñaron cinco quilómetros, dende a igrexa de san André de Valadares até a ermida do Monte Alba, acompañando a imaxe do santo encargado de espantar os medos. Seguían o camiño que o 15 realizara a imaxe da Virxe do Alba e que á inversa farán o 8 de setembro cando estas imaxes e a da virxe do Rosario sexan baixadas a súa igrexa parroquial. Romaría celebrada na capela do monte Alba, nun espazo natural que conta cunhas asombrosas vistas sobre a ría de Vigo, na que algúns poxaron por galos e galiñas ofrecidos como exvotos ao santo e centos de participantes procuraron bater «os tres croques» co soporte da imaxe do apóstolo, que liberou do demo á filla do rei Polimio, razón pola que seguindo a tradición lles espantaría aos seus devotos todos os seus medos e atendería as súas peticións.

San Bartolomeu é festexado noutras parroquias da área metropolitana, como na de Taboexa, nas Neves, preto do castro de Altamira, onde se celebra a «romaría do Medo», ou na de Rebordáns en Tui, xunto a san Roque, na que os romeiros repiten un rito semellante ao da capela do Alba. Como pervive tamén na parroquia mariñeira de Meira de Moaña, onde na illa de Samertolomeu se celebra unha romaría na honra de catro santos, a virxe do Carme, san Roque, san Fernando e o noso santo espantamedos, representado alí cun coitelo na man, xa que foi martirizado quitándolle a pel, aínda que noutras lugares apareza agarrando ao demo polos cornos ou suxeitando cunha cadea a unha dema. Sexa dunha forma ou doutras, no imaxinario popular, san Bartolomeu sería entre os santos milagreiros o responsable de axudar aos que sofren de medos e das doenzas da alma, xa que posúe a capacidade de botar fóra os temores do corpo.

A advocación a san Bartolomeu non perdeu actualidade xa que os medos son inherentes á fraxilidade da condición humana non sendo este un aspecto que distinga o noso tempo dos anteriores. Existen e existiron medos «básicos» dos que nacen os temores imprescindibles para conformar a nosa autonomía persoal e estrutura emocional: o medo da morte, o da perda da liberdade, o da soidade e o desamparo ou o de perder a integridade física ou mental nosa ou das nosas persoas queridas. Xaora, tamén é certo que no entorno actual da mundialización capitalista, agromou un «medo ao futuro» alizerzado sobre os temores comprensibles provocados pola saúde moi precaria do propio planeta, o que provoca o amplo catálogo de medos relacionados co cambio climático e o medio ambiente (desertización, desxeo, os sismos e tsunamis, as ondas de calor, os temporais a destempo…), mais tamén outros que teñen a súa orixe na incerteza das mudanzas provocadas polas novas tecnoloxías dixitais, sexa polos efectos que puidese ocasionar o proceso imparable de robotización, tanto nas máquinas ferramentas como na propia toma de decisións, como pola dificultade actual para manter ou transmitir aos nosos fillos e fillas, canto menos, o noso status social.

Como foron agromando outros medos no seo dunha sociedade marcada por unha incertidume e unha desigualdade cada vez máis acentuadas, na que os individuos son cada vez máis fráxiles e se senten peor representados nas institucións políticas, onde as promesas doutrora foron substituídas polos medos de hoxe. Vivimos no que o sociólogo Heinz Bude chamou «sociedade do medo», o que constitúe un caldo de cultivo óptimo para que prendan os medos aos ataques terroristas, os medos «a invasión dos emigrantes» ou a unha «inevitable guerra planetaria» de orixe incerta. Expresións apenas do triunfo das políticas populistas (eis os éxitos de Trump, Salvini ou do Brexit) que neste entorno e para o noso abraio se presentan como as valedoras das nosas identidades e as únicas capaces de achegar unha repostas a estes temores.

E o que non deixou de abraiarme, como se fose un aceno da providencia laica, é que o 24 de agosto no que se espantan os medos da man de san Bartolomeu, o consello de ministros aprobase o decreto polo que se exhumarán do Valle de los Caídos os restos do ditador Francisco Franco, a expresión máis brutal do medo co pasado, unha anomalía democrática arrastrada para vergonza colectiva dende a Reforma Política. Unha exhumación que constitúe un requisito imprescindible para enfrontarse á normalización democrática e ao inicio dunha etapa de fomento da memoria histórica como un progreso moral colectivo.

O medo ao asumir o pasado, como o de enxergar o futuro, como todos os medos baseados en emocións sociais son oportunidades para diferenciar a información rigorosa e o discurso racional da propaganda e da sofística populista, cuestións nas que o bo de san Bartolomeu, que me desculpen os seus devotos, ben pouco pode axudar. Aposto por asumir os medos e enfrontalos coas armas da razón e dos valores democráticos.