Artigos

Vigo cidade vagalume

A revista A Movida convidoume a colaborar na edición impresa deste mes de decembro, onde publiquei unha versión reducida deste texto:

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha imaxe que no caso de Vigo, durante tantos anos a cidade da oliveira, foi mudando ao longo das últimas décadas ao compás das mudanzas que se foron producindo na alcaldía do Campo de Granada. Daquel Vigo obreiro das décadas dos setenta e dos oitenta, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de X.L. Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, de Aerolíneas Federales e Trenvigo, pasamos ao actual Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, excéntrica, un novo Lepe, como o definiron os membros de Cain, o Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Navideña.

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta nesta imaxe. Manuel Soto, o primeiro e valente alcalde democrático e galeguista fixo daquel Vigo revolcado que cantaba Xela Arias en Denuncia do equilibrio, o Vigo de Ascón e dos conflitos do estudantado con Vitrasa, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas en Travesas e o Monumento ao traballo, os bautizados como Redeiros, de Ramón Conde entre Urzaiz e Gran Vía. Catro pezas de arte contemporánea galega, de moi diferente fasquía, cuxa instalación non estivo exenta de polémica, mais que foron capaces de mudar o espazo urbano e co tempo de converterse en iconas queridas polas diversas xeracións viguesas de entre séculos.

Carlos Príncipe quixo facer do Vigo unha cidade dos museos capaz de competir cos doutras cidades euroatlánticas, como Porto, Compostela e A Coruña, que no mesmo período desenvolvían cadanseu proxecto de infraestruturas culturais. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos arquitectónicos de Abrir Vigo ao Mar e do primeiro Plan Urban para o Vigo Vello, ademais do deseño de tres museos, construídos con fondos europeos: o Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe, recuperando o vello Pazo de Xustiza e Cárcere; o Museo do Mar de Galicia, instalado no antigo matadoiro municipal de Alcabre e o Verbum. Casa das Palabras na praia de Samil. Tres pezas arquitectónicas moi valiosas que despois dunha década de ser abertas ou ben non consolidaron os seus proxectos museísticos ou mesmo son abertamente cuestionadas.

Durante a alcaldía de Lois Pérez Castrillo desenvolvéronse os proxectos da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e do Centro Galego de Fotografía no Casco Vello, para contribuír a rexeneración do Casco Vello, e comezouse o de Auditorio Mar de Vigo en Beiramar, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades atlánticas da música, singularmente Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que polo momento quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e os económicos ruinosos, tras a quebra da concesionaria.

Vigo nunca contou neste período con políticas culturais públicas, esas capaces de enxergar dúas décadas, capaces de solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario endémico ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións das diversas artes, algunhas tan relevantes como a Fotobienal, as Xornadas de Música Contemporánea, promovidas por Enrique X. Macías, ou o propio Marisquiño, hoxe sumido na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca do Estado en Travesas ou unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que o que Vigo precisa é un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos diversos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios estritamente profesionais. É tempo xa de superar a política cultural das ocorrencias de alcaldes e concelleiros, como a daquel Agustín Arca que chantaba volcáns nos paseos de Coia e canastras de baloncesto en canto curruncho atopaba. A pesar da sobreiluminación de nadal e da súa contaminación luminosa, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.

Onte 1411: O suco do Marisquiño

ADRIAN IRAGO. 08.08.2015. PARQUE AS AVENIDAS. Marisquiño

ADRIAN IRAGO. 08.08.2015. PARQUE AS AVENIDAS. Marisquiño

Vigo é un Marisquiño. O centro está abarrotado de rapaces e familias chegadas á cidade co reclamo do festival de acrobacias, motos, bicis e patíns que se celebra esta fin de semana no Náutico e nas Avenidas. A pesar das dificultades e do apoio desigual das administracións, xa non hai dúbida que este Marisquiño abriu fenda, consolidou, foi capaz de crear suco e tradición. Grazas ao Marisquiño Vigo forma parte do mapa global dos deportes e da cultura urbana. Grazas ao Marisquiño a hostelaría e restauración viguesa teñen o mellor fin de semana do ano. Quen podía pensalo hai quince anos cando comezou coma unha iniciativa duns toliños do skate? Mágoa que a lingua galega non teña apenas presenza no evento nin sequera na súa web. Xaora, parabéns aos promotores pola súa paciente teimosía. Non é doado consolidar novas tradicións nunha cidade que tantas outras veces adorou o efémero e as aves de paso.

Onte 1391: Sobre as festas de Vigo

julieta-venegasPolo que adiantou onte Faro, o programa de concertos de Castrelos deste verán será moi austero: polo momento están confirmados os madrileños Los Enemigos e a mexicana Julieta Venegas, aos que o 25 de xullo na explanada do Verbum se adiantarán, Hombres G. Vaia elenco! Outro ano máis, Vigo será a cidade galega coas festas máis rotineiras e discretas, onde apenas salienta a celebración do 7 ao 9 de agosto do Marisquiño, que se consolida con quince edicións como un evento de referencia internacional de deportes e cultura urbana. Como sucedeu coa Feira do Libro de Vigo, onde nin sequera compareceu ningún dos 17 membros do equipo do goberno, é moi difícil entender o desinterese de Abel Caballero sobre a organización das festas. Non quero pensar que diría con semellante programa se estivesen en mans doutro partido.

Onte 1062: Marisquiño

O Marisquiño convertiuse no acontecemento que convoca máis xente no verán vigués. Pouco importou este ano que o tempo non acompañase, mais era impresionante a cantidade de rapazada de aquí e tamén de acolá convocada durante a tarde e noite de onte a participar nestas actividades deportivas, musicais e de festa rachada. Ben sería que para a vindeira edición, canto menos durante as tardes e as noites, o concello pechase o tráfico en todas as avenidas e no entorno da praza de Compostela, como xa fixo o domingo pasado durante a procesión do Cristo. Sen tráfico o Marisquiño quedaría moito máis desafogado e vistoso.

Como ben sería que un acontecemento internacional no que se inviste unha importante cantidade de cartos públicos por parte de tres administracións, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, fose máis respectuoso coa utilización do galego, lingua da que onte non vimos rastro ningún nin no espazo web nin na megafonía nin na sinalética dos diversos espazos de competición. Tras catorce edicións, o Marisquiño non lle pode dar as costas ao galego, lingua que bautizou o acontecemento e lle proporciona singularidade no contexto internacional. Imaxina alguén que o acontecmento se chamase «El Marisquito»? Tería algún sentido referencial, concitaría semellante simpatía? O galego debería ser a lingua de acollida primeira para todas as persoas que nos visitan, a marca da identidade local, ese valor engadido inesquecible e agarimoso que todos van conservar cando lembren a súa estancia en Galicia. Nese intanxible da utilización agarimosa da lingua está tamén o valor e a potencialidade deste tan simpático Marisquiño.

Onte 1061: Jamie Cullum en Castrelos

FARO CHAPELAPagou a pena volver as gradas de Castrelos, un dos nosos espazos da memoria, para participar das dúas horas da jazz-session de Jamie Cullum e o seu cuarteto. Nin a choiva ameazadora, que arruinou a primeira xornada do Marisquiño, nin a humidade da bancada, estragaron un concerto no que Cullum presentou Momentum e repasou uns poucos dos seus temas máis coñecidos entre o jazz e o pop. A enerxía percutiva de Cullum e a súa banda de virtuosos foise enguedellando cos momentos de improvisación ao piano ou sobre o piano, que acadaron a súa mellor expresión nas versións de «Blackbird», unha homenaxe explícita a The Beatles no día de Abbey Road, e na do seu «Save your soul», como nas dúas derradeiras propinas, cando Castrelos xa estaba rendido coas declaracións viguistas do de Esex: «Vigo, Vigo, Vigo, my heart, my soul…» Jamie Cullum é un músculo rítimico incesante, unha fervenza de entusiasmo e enerxía, un virtuoso pianista melódico co alma de crooner. Saímos felices.

De Are More a Sinsal

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a involución das políticas culturais no concello de Vigo, desta volta sobre os festivais musicais e teatrais en perigo de desaparición.

A crise ameaza as políticas culturais públicas tecidas en Vigo ao longo das tres últimas décadas. Ao peche do Arquivo Pacheco e do Museo Etnográfico Liste, á paralización do plan de apertura de novas bibliotecas de barrio en Bouzas, Teis e Navia, ao esquecemento do compromiso de ubicación da tantas veces prometida Biblioteca Pública do Estado na Panificadora, debemos engadir agora a desaparición do apoio municipal a programas musicais e teatrais, a maior parte deles internacionais e cunha traxectoria moi consolidada ao longo da última década, como Are More, Marisquiño, Sinsal ou Festiclown.

O Are More, o festival de música de Vigo, promovido en 2000 por Carlos Príncipe, daquela concelleiro de Cultura, e concibido como unha programación musical de fronteira entre o popular e o clásico, foise consolidando como unha das citas artísticas de referencia en Galicia. Os escenarios do Fraga ou do Auditorio do Conservatorio acolleron algúns concertos memorables, dende o “Orfeo” de Monteverdi ás actuacións de Ute Lemper, Diego El Cigala ou José Meneses. Máis alá da realización destes grandes concertos, Are More procurou a formación de públicos prestando atención á realización de concertos para escolares, programas de música para bebés ou cursos de iniciación á música para persoas maiores de 55 anos. Ubicado decote na programación cultural dos meses de outono, tras dez anos de éxito de público, mesmo con presenza de melómanos miñotos e portuenses, a última edición de Are More foi a de 2009. Patrocinado dende o seu inicio pola Fundación Caixa Galicia e polo concello de Vigo, a crise económica obrigou a suspendelo en 2010, cando a institución financeira retirou o seu mecenado. Dende entón, a concellaría de Cultura foi incapaz de poñelo en marcha aducindo o seu custe moi elevado (600.000 euros naquel ano farturento que foi 2008). Are More semella ferido de morte, xusto cando a cidade conta cun formidable escenario para desenvolver as súas actividades, o Auditorio Mar de Vigo, no que o concello dispón de trinta xornadas anuais. Con certa retranca poderíamos dicir que neste caso cando tiñamos traxe non tiñamos percha e cando mercamos a percha perdimos o traxe.

O caso de Festiclown é diferente. Creado no ano 2001 en Pontevedra como Festival Internacional Clown de Galicia, concibido cun carácter solidario e alternativo, o evento, tras residir en Compostela, chegou a Vigo no ano 2008. Baseado nun intercambio permanente entre os artistas e o público, durante catro edicións, coincidindo coas festas viguesas, os Festiclowns encheron de ledicia as rúas e prazas nosas. A actuación de figuras internacionais como Leo Bassi ou espectáculos circenses memorables como o presentado o pasado verán polos portugueses de Circolando amosaron a capacidade deste festival para convocar a públicos amplos e interxeracionais. A concellaría de Cultura non incluíu no seu orzamento para 2012 cantidade ningunha para este evento (en edicións anteriores oscilou entre os 100.000 e os 150.000 euros), razón pola que non hai dúdida que marchará de Vigo.

Outras iniciativas musicais viguesas, tras a retirada das axudas achegadas pola concellaría de Cultura, terán serias dificultades. Creado en 2003 baixo a denominación de “Sin sal. Delicatesen de Músicas sanas”, o Festival Sinsal 2012 de músicas sosas, que se desenvolve ao longo de todo ano con formatos sempre moi innovadores, procurará sortear a crise e as políticas homoxeneizadoras da música popular. Outrosí lle sucederá ao Marisquiño, un evento multidisciplinar de cultura urbana, do que se levan celebrado na explanada do Náutico once edicións e que no pasado mes de agosto convocou a 50.000 persoas. E por se non abondase, tampouco está claro que no vindeiro verán se poida celebrar unha nova edición de Vigo Transforma, xa que este festival de música independente organizado pola empresa Esmerarte podería verse afectado polos retallazos da Consellaría de Cultura, a súa patrocinadora principal.

A concellaría de Cultura debe procurar novos modelos para súa programación, mesmo artellando acordos de colaboración en rede con outros concellos, institucións ou empresas, que permitan facer viable a continuidade desta imprescindible programación musical de carácter cultural. Todas estas iniciativas son xeradoras de cidadanía, teñen capacidade de atracción turística e van dirixidas a públicos moi diversos. Sería unha mágoa que nunha cidade como Vigo, no trinta aniversario daquilo que se chamou a movida, a programación quedase reducida a un par de concertos gratuítos de música popular en Castrelos e outros tantos de pagamento (algúns a 75,00 euros) nun extraordinario Auditorio, magoadamente infrautilizado dende a súa inauguración. Para botarse a chorar.