Artigos

Emilia Docet: señorita Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á reivindicar a figura pioneira de Emilia Docet:

A escritora María Reimóndez reivindicou no seu pregón da recente Feira do Libro de Vigo a memoria de mulleres viguesas como a doutora Olimpia Valencia, Urania Mella e Emilia Docet, cuxas sementes contribuíron a facer de Vigo a cidade rebelde que somos. Tres referencias que no caso da deportista Emilia Docet Ríos coincide co aniversario do seu nacemento (Vigo, 7 de xullo de 1915) e co da súa participación no mitin das Arengas da noitiña do 25 de xullo de 1934 pola que dende entón forma parte da historia do galeguismo. Filla pequena de Francisco Docet Filgueira, comerciante vigués, propietario dunha explotación de caucho no Perú, onde coñeceu a súa a dona a peruana Emilia Rios Renjifo, Emilia Docet é considerada por investigadoras como Patricia Arias Chachero como moito máis que a gañadora aos dezasete anos de dous concursos de beleza, o de Miss Galicia e o de Miss España, polos que foi moi popular nos medios da Galicia da Segunda República. Como Olimpia e Urania, Emilia foi unha muller moderna, libre e decidida, que no seu tempo axudou a abrir a xanela da igualdade.

Cando estudaba o terceiro curso de Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio, Emilia Docet participou no concurso de Miss Galicia organizado polo xornal «El Pueblo Gallego». Un xurado formado por homes coñecidos en Vigo, Manuel Otero Bárcena, Castelao, Luis Huesa Pérez, o arquitecto Jenaro de la Fuente e Carlos Maside  elixiuna o 11 de febreiro de 1933, tras un baile no Teatro Tamberlick, como gañadora entre unha ducia de mozas. Días despois participou no de Miss España, viaxando a Madrid acompañada polo seu pai, certame que gañaría o 21 de febreiro. Dende entón os medios salientaron de Emilia tanto «a súa beleza estatutaria helénica» como o seu carácter de muller culta, entregada os seus estudos mercantís e capaz de manter unha conversa en inglés, sen esquecer o seu carácter atlético e as súas preferencias deportivas pola natación e o remo, disciplinas que confesaba nas entrevistas practicaba con asiduidade no Club Náutico de Vigo. Pegada deportiva de Emilia Docet que a investigadora Iria Presa ampliou a súa participación como xogadora do equipo de hóckey sobre herba do club Vértice, entidade da que foi nomeada socia de honra, e onde xogou tamén ao tenis formando parella mixta con Jorge Mella Serrano, o fillo máis novo do anarquista Ricardo Mella.

Dimensión deportiva que non pode agochar, como amosan moi diversas fontes documentais, o seu compromiso galeguista, tanto polo feito de utilizar o galego en público como por formar parte como cotizante da agrupación viguesa do Partido Galeguista, do que lucía orgullosa no peito a súa insignia, aquel imperdible cunha fouce e unha estrela de ouro sobre as cores branca e azul da bandeira de Galicia que lle entregaran como recoñecemento o 28 de maio de 1933 Suárez Picallo e o propio Castelao. Unha determinación galeguista que Emilia Docet expresou cando no verán de 1933 solicitou ser recibida por Marcelino Domingo, ministro de Agricultura, para presentarlle a problemática de sete mil familias labregas interesadas no Matadoiro do Porriño. Como tamén a expresa a súa presenza no banquete galeguista do 16 de xuño de 1933 no Hotel Miño de Ourense, onde foron presentados dous libros de poemas, «Fírgoas» do mestre Manuel Luís Acuña» e «Cantiga nova que se chama riveira», o terceiro libro de Álvaro Cunqueiro.

Con todo será a súa intervención na praza da Quintana no mitin das Arengas do 34, xunto á ourensá Mercedes Docampo, como únicas mulleres dun elenco oratorio de vinte participantes, entre os que estaban, entre outros, Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo e Fernández del Riego, o que expresa o inequívoco compromiso de Docet coa causa galeguista, naquel momento identificada na procura do Estatuto de Autonomía. Presentada por Xaime Illa Couto como «a primeira muller galega que soubo sentirse orgullosamente galega fóra a súa Terra», a arenga de Docet («Mulleres galegas, berrade comigo: Viva Galicia Ceibe!») será cualificada na crónica de «El Pueblo Gallego» como «a máis breve, máis sinxela, máis bela…».  Un contacto co galeguismo que tería o seu derradeiro capítulo, antes de casar en 1940 e renunciar durante máis de medio século a calquera presenza pública, cando traballou durante un ano con Alexandre Bóveda, motor do PG, no Instituto Bioquímico Miguel Servet do camiño do Chouzo, fundado en 1935 polo farmacéutico Rubira, o médico Ramón Obella Vidal e o químico Fernando Calvet.

Transcorridos máis de vinte e cinco anos do seu pasamento (1995), Emilia Docet agarda ser recoñecida pola cidade de Vigo como unha das súas pioneiras. Soubo utilizar a fama que acadou de forma trivial como «Señorita Galicia» para reivindicar de forma libre e decidida a súa Terra e a valía das súas mulleres. Unha figura a recuperar.

 

Poema de hoxe 204: “Pillou a lúa ao lombo” de Manuel Luís Acuña

O sol estraño e fero! Bola de pan manela,
aperta da parenta e bicos dos miniños.

Manuel Luís Acuña, Fírgoas (1933)

Onte 1292: Ramón Luis Acuña

ramon_luis_acuna_sanchezTriste a nova do pasamento do xornalista ourensán  Ramón Luis Acuña, con quen colaboramos na recuperación de Fírgoas, a obra do seu pai o poeta Manuel Luis Acuña. Correspondente en España durante moitos anos de Le Figaro, delegado da axencia EFE en París durante a Reforma Política, especialista en política internacional, director da cátedra UNESCO sobre Minorías, Nacionalismos e Culturas Transnacionais, Acuña foi outro dos grandes xornalistas galegos do século XX. Defensor dos valores da tolerancia e do diálogo, presentes no seu libro El deber de tolerancia, nas últimas dúas décadas batallou pola posta en valor da figura do seu pai, membro daquela xeración ATEO de mestres ourensáns que defenderon as luces da República. Hai uns días varios amigos da «causa Acuña» recibimos un correo seu no que celebraba o feito de localizar en Bos Aires un orixinal da primeira edición de Fírgoas. Deixounos unha lembranza saudosa.