Artigos

Onte 1789: Manuel Esteban no Ateneo Eumés

Gustei moito do modelo de presentación que o Ateneo Eumés de Pontedeume preparou no serán de onte d’ A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do premio Xerais 2016. Ao xeito dunha sesión aberta dun club de lectura, o autor debullou as intencións dunha obra que confesou “naceu dunha ferida interior” e que definiu como “unha viaxe emocional na que se describen moitos prexuízos sobre a discapacidade intelectual”. “Aprendín a reinventarme máis alá da medicina, o que quizais está presente no personaxe do inspector Carlos Manso, un pesimista construtivo. A miña escrita é unha ferramenta para reclamar inclusión, dignidade e respecto, visibilizando a nación Down, ese pobo invisible capaz de apagar conciencias a prezo de saldo”. “Na novela hai unha intención de superar os prexuízos sobre discapacidade intelectural. A meirande parte das barreiras para estas persoas están no exilio interior amable ao que son sometidas, a viaxe que emprende Manso é dalgunha forma tamén a viaxe do autor”. Rematou Esteban cualificando a novela como “espello, mais tamén como unha panca”, antes de citar un diálogo do Merlín de Cunqueiro: “Que é unha mentira?, Talvez o que non se soña, príncipe”.

Onte 1759: Presentación en Librouro d´«A ira dos mansos» de Manuel Esteban

Vai ser moi difícil esquecer o sucedido no serán de onte en Librouro onde presentamos A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do Premio Xerais deste ano. Máis dun cento de persoas desbordaron a libraría viguesa seguindo as intervencións da xornalista viguesa Marta Gómez González, membro do xurado que outorgou o premio, e do autor na súa primeira presentación. Un serán moi emocionante que aventura unha recepción entusiasta desta novela negra viguesa de profundo carácter social e ético.

Comezou o seu discurso Marta Gómez confesando que »empatizou decontado co personaxe de Carlos Manso» e que «a estrutura tan sólida de novela negra parecía ser dun autor consagrado». «Cando escoitei as primeiras declaracións do autor comprendín que esta non era unha novela, era –como el sinalaba– un tumor que tiña que ser extirpado». «A ira dos mansos non é só un exercicio literario, é un berro de impotencia, a literatura concibida como ferramenta. Mais iso non impide que a novela sexa trepidante, que ofreza unha atmosfera de Vigo como cidade portuaria moi ben reflectida». «Ademais, o protagonista é un policía vello co que imos empatizando grazas ao seu humor negro que che vai corroendo».

Marta Gómez continuou sinalando que a novela «era unha homenaxe aos traballadores das asociacións como Down-Vigo, representados no personaxe de Lorena». A presentadora detívose en salientar a importancia da filosofía na novela que propón un debate entre as doutrinas de Confucio e o imperativo categórico de Kant e o seu sentido da xustiza universal. Rematou Marta gabando o momento de lucidez do narrador para poñerse na cabeza de Pedro, un dos personaxes con síndrome de down, que «representa o presente absoluto, a vivencia plena, constituíndo unha forma moi lúcida de achegarse a estas persoas».

Comezou Manuel Esteban confesando que non era amigo de referencias persoais, aínda que eran inevitables para falar d’ A ira dos mansos. Relatou as circunstancias do nacemento hai trece anos do seu fillo Antón con síndrome de down e como a partir de entón nunca deixou por sentado o que sucedería no futuro, «desa ferida interior naceron os meus primeiros textos narrativos». A seguir leu un deles (que se recolle no vídeo desta anotación, gravado por Librouro) e explicou que a orixe do título da novela estaba nunha frase emblemática de Jose Saramago «deféndenos señor da ira dos mansos».

Manuel Esteban xustificou a súa elección da novela negra para expresar a súa intencionalidade tanto por ser lector do xénero dende a súa mocidade como pola ambigüidade moral que permiten as súas convencións. «Quixen ofrecer un policía filósofo, misántropo, visceral, que levase ao lombo un fato de prexuízos, mais que fose capaz de mudalos. Esta historia vai de cambiar. Tiven presente unha frase de Eduardo Galeano: “Somos o que facemos para cambiar o que somos”». Rematou Esteban expresando que o personaxe de Pedro é a razón deste libro, «a voz de todos os mansos do mundo».

Onte 1693: Emoción e esperanza nos Xerais 2016

Premios_Xerais_2016

Creo que foi o discurso de Ledicia Costas, Todas as constelacións do mundo, o que marcou o ton da cerimonia dos Xerais 2016, que celebramos no serán de onte na illa de San Simón. A firmeza na reivindicación do idioma e a confianza nos azos que achega unha renovación constante da nosa creación literaria tinguiron as diversas intervencións que resultaron tan emocionantes como emocionadas.

As homenaxes explícitas de Ledicia Costas aos membros da Xeración Lamote, os fundadores da nosa literatura infantil e xuvenil, e ao movemento feminista galego, encabezado por María Xosé Queizán, así como a súa aposta «pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante» expresaron o que Cesáreo Sánchez Iglesias cualificou, cando nos despediamos no peirao, de «emocionante diálogo xeracional».

Como moi emocionantes foron as palabras de David Pérez Iglesias, tras recibir o premio Merlín de Literatura Infantil, por Todo o tempo do mundo, confesando que «un premio non é algo co que quedas, é un legado que acolles para dar a alguén que, no silencio da escrita e da lectura, soñas as palabras dun novo camiño, dun relato futuro que somos nós, que nos compromete e dá sentido aos días da xente de noso». Un xeito ben fermoso de concibir a creación literaria e a lectura como actividades creadoras de comunidades de memoria e afectos.

Como tamén as de Iria Misa, persoa até agora descoñecida no eido literario que acolleu con orgullo e humildade o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, pola súa novela Xa non estou aquí, concibíndoo apenas como «un impulso para deixar atrás os medos e os reparos e como un pulo enorme para continuar creando historias. Como tamén moi emocionante foi escoitar a Manuel Estebán, gañador do Premio Xerais de novela, que se estrea literariamente con A ira dos mansos, cando confesou que «nunca tomara a novela como un exercicio literario, senón como un berro de impotencia, como un traballo dun cirurxián que estirpa un tumor, pola necesidade de compartir un sentimento intenso de inxustiza da sociedade con respecto aos discapacitados intelectuais».

Foi importante para nós salientar nesta edición o protagonismo das lectoras nos xurados (trece mulleres de dezaoito membros), como que coincidise coa fronteira dos catro mil títulos no noso catálogo e dos once millóns de exemplares vendidos, o que constitúe un éxito colectivo que os profesionais da editorial quixemos compartir. Sei que as persoas que nos reunimos cada ano nos Xerais de San Simón formamos unha comunidade de afectos, mais tamén que compartimos a angueira de construír a esperanza dende o territorio das palabras, o da creación literaria, o da lingua, o da educación e o da cultura. Despois dunhas horas de acougo, seguimos no noso afán.

Recompilei algunhas fotos que me parecen significativas. Grazas a Tempo de Lecer, Nuria Díaz, Veli Rodríguez e á representación dos membros da Xeración da Esperanza fotografados en San Simón.